Morteiro (arma)

arma que dispara proxectís explosivos ou incendiarios

O morteiro[1] é unha arma que consiste nunha especie de canón portátil, de gran calibre e de curto alcance. Dispara xeralmente proxectís explosivos ou incendiarios con gran poder destrutivo —máis grandes ca as granadas— nun ángulo superior aos corenta e cinco graos e a velocidades relativamente baixas. Estas calidades son opostas ás das pezas de artillaría, que disparan a gran velocidade e xeralmente con ángulos de tiro pequeno.

Morteiro M224 de 60 mm
Morteiro semiautomático Ruag Cobra

Historia editar

Aínda que é difícil saber quen foi o primeiro home que tivo a idea de elevar un canón para facer caer un proxectil verticalmente, hai motivos para atribuíla a Mehmed II durante o Gran Sitio de Constantinopla de 1453. Manuscritos gregos de 1551 refiren que Mehmed, asediado por unha frota inimiga no Corno Dourado, propuxo crear unha arma destas características, tendo éxito no seu emprego contra un dos buques tras algúns disparos.

Para o século XVI o morteiro constituíuse nunha arma bastante común, recibindo o seu nome pola forma robusta e semellante a unha pota dos primeiros modelos. Os tubos eran bastante curtos (non máis de dous ou tres veces o calibre e este polo xeral superior aos 150 mm). Tratábase de armas para a defensa da praza ou como pezas de cerco a fortalezas. A mediados do século XIX tentouse utilizalas como armas de defensa costeira, mais case entrou en desuso como peza de artillaría para a infantaría.

No entanto a súa obsolescencia, a desgastante guerra de trincheiras suscitada na fronte Occidental durante a primeira guerra mundial determinou a imperiosa necesidade de empregar unha arma que puidese usarse para disparar dende o interior de gabias e parapetos, sen se expor ao fogo, de forma de apoiar á infantaría e cercar as liñas inimigas. Por iso que se resucitou a idea do morteiro. Inicialmente os ingleses e franceses empregaran morteiros do século XIX veteranos da guerra da Crimea, e improvisaron outros de gran peso. Os alemáns tamén seguiron estas ideas, destacándose o Minenwerfer (lanzaminas).

Para 1915 os británicos lograran un deseño compacto de tubo de ánima lisa e bípode, que é considerado o primeiro morteiro moderno. Alcumárono Morteiro Stokes en honra ao seu creador, Wilfred Stokes. Desenvolveuse en varios calibres, desde os 60 aos 120 mm.

Os morteiros modernos en xeral son derivados directos do morteiro Stokes. Están formados por un tubo en cuxo interior se deixa caer o proxectil, o cal é percutido ao tocar unha agulla percusora existente no fondo do tubo, o que resulta na detonación dun propelente e o consecuente disparo do proxectil.

As súas "granadas" son de fabricación máis sinxela e barata ca os de artillaría convencional, e transportan maior carga explosiva por unidade de peso de proxectil, proporcionando un poder destrutivo maior ao empregaren velocidades de caída menores. Isto permite tamén unha mellor distribución dos cascos fragmentarios e unha óptima distribución da enerxía cinética da explosión.

Durante a segunda guerra mundial, todos os países melloraron os seus deseños, salientando os modelos soviéticos de 120 mm e os estadounidenses de 82 mm de calibre, que continuarían operando durante décadas.

Uso táctico editar

Os morteiros lixeiros inclúense normalmente entre o armamento das unidades de infantaría, e os modelos máis pesados asígnanse aos batallóns de artillaría de apoio, coa vantaxe engadida sobre esta de non estaren limitados ás necesidades de infraestrutura loxística de transporte e vías de comunicación que require a artillaría.

As seccións de morteiros tamén adoitan asignarse como primeiro chanzo de apoio de fogo nos batallóns de infantaría modernos, provistos de medios de ligazón radio para coordinaren e corrixir o seu fogo indirecto. Nos casos da defensa, cada batería ten asignado un sector, que se encarga de bater a pedido dos infantes. O mesmo depende do alcance do morteiro, sendo na actualidade duns 6.000 metros aproximadamente.

Entre a súa munición poden empregarse distintos tipos: explosiva, crebadora, fragmentaria, fumíxena, gas velenoso ou incapacitante (prohibida pola convención de Xenebra), iluminantes, etc.

Tamén é unha arma que pode ser utilizada por forzas irregulares na súa función de cerco, destacándose pola súa mobilidade.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para morteiro.

Véxase tamén editar

Artigos relacionados editar

Bibliografía editar

  • Hogg, Ian (1975): "Selectas e Morteiros". Libraría Editorial San Martín. ISBN 84-7140-123-1