Monopoly é un xogo de mesa baseado no intercambio e a compra-venda de bens raíces, habitualmente inspirados nos nomes das rúas dunha determinada cidade. Na actualidade está producido pola empresa estadounidense Hasbro e é un dos xogos de mesa máis vendidos do mundo.

Edición británica do Monopoly

Como suxire o nome, o obxectivo do xogo é formar un monopolio de oferta, posuíndo todas as propiedades inmuebles que aparecen no xogo. Os xogadores moven as súas fichas respectivas por quendas en sentido horario arredor dun taboleiro, segundo a puntuación dos dados, e caen en propiedades que poden comprar dun banco imaxinario, ou deixar que o banco poxe en caso de que non fosen compradas. Se a propiedade en que cae un xogador xa ten propietario, os donos poden cobrar por pasar pola súa propiedade.

O Monopoly ten a súa orixe nun xogo de principios do século XX, The Landlord's Game, creado por Lizzie Magie,[1][2] do que se derivaron outros xogos de bens raíces ademais do propio Monopoly. Dende os Estados Unidos, o xogo expandiuse a outros países en diversas versións, como o Matador dinamarqués. Xogadores en Inglaterra ou nos Estados Unidos, por exemplo, adaptaban esta clase de xogos ás súas localidades, engadindo nomes de lugares próximos nos taboleiros.

Historia editar

 
Patente de The Landlord's Game, antecesor do Monopoly, outorgada en 1904 a Lizzie Magie

O xogo ten a súa orixe nun xogo creado por Lizzie Magie en 1903 e patentado en 1904, chamado The Landlord's Game. O xogo fíxose popular en varias cidades dos Estados Unidos nos anos seguintes, e editouse en varias formas e versións sen o control da súa autora. O xogo creouno para demostrar que unha economía que favorece a creación de riqueza é mellor que unha monopolista[1] e para promover as teorías económicas de Henry George, en particular as súas ideas sobre impostos.[3]

En 1935 Charles Darrow, un vendedor de calefactores domésticos desempregado do sueste de Pensilvania durante a Gran Depresión dos anos trinta patentou a versión de Atlantic City do xogo co nome de Monopoly. Tras un primeiro intento fracasado de vendelo á empresa de xoguetes Parker Brothers, iniciou unha produción a pequena escala do xogo que tivo éxito. Parker chamou entón á súa porta para facerse co xogo.

A compañía Parker Brothers, que foi adquirida pola multinacional Hasbro, mantivo que o autor do xogo fora unicamente Charles Darrow en 1935 por motivos de mercadotecnia, mais a autora orixinal foi Elizabeth Magie en 1903 e a orixe do Monopoly como evolución de xogos anteriores (todos eles derivados de The Landlord's Game), mesmo foi recoñecida polos tribunais estadounidenses no caso de Parker vs. Ralph Anspach, durante o longo proceso xudicial que tivo lugar entre 1975 e 1986 a raíz da publicación dun xogo de mesa chamado Anti-Monopoly.[4]

Darrow facía inicialmente os seus xogos a man coa axuda do seu fillo máis vello, William Darrow, e da súa esposa, que coloreaban os espazos debuxados cunha pluma por Charles Darrow sobre anacos circulares de hule e recortaban e marcaban as tarxetas de cartolina. Despois, cando a demanda do xogo aumentou, Darrow mandou facer os xogos nunha imprenta de Filadelfia, con taboleiros cadrados de cartón. Posteriormente, en 1935, Darrow vendeu os dereitos de produción de Monopoly á empresa Parker Brothers de Massachusetts.

O Guinness World Records, igual que a empresa Hasbro,[5] dá un número próximo a 500 millóns de xogadores de Monopoly ata 1999, converténdoo no xogo de mesa máis xogado do mundo.[6] Hasbro organiza regularmente campionatos estadounidenses e mundiais de Monopoly.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Pilon, Mary (13 de febreiro de 2015). "Monopoly's Inventor: The Progressive Who Didn't Pass 'Go'". The New York Times. Consultado o 14 de febreiro de 2015. 
  2. Burton H. Wolfe (1976). "The Monopolization of Monopoly: Louis & Fred Thun". The San Francisco Bay Guardian. Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2009. Consultado o 28 de outubro de 2009. 
  3. Wagner, Erica (24 de xuño de 2015). "Do not pass go: the tangled roots of Monopoly". New Statesman. 
  4. "Anti-Monopoly Book and Board Game". Arquivado dende o orixinal o 5 de outubro de 2017. Consultado o 2009. 
  5. "Habro". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2005. Consultado o 10 de xullo de 2005. 
  6. "Libro Guinnes". Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2006. Consultado o 28 de xaneiro de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar