Misticetos

suborde da orde dos cetáceos
Misticetos
Mysticeti
Cetáceos con barbas

Rango fósil: oligoceno superior - actualidade

Eubalaena glacialis co seu baleato
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: 'Mysticeti
Flower, 1864 [1]
Familias

Os misticetos (Mysticeti), coñecidos comunmente como cetáceos con barbas ou como baleas,[2] son unha suborde da orde dos cetáceos que se caracterizan pola presenza de barbas na boca, no canto de dentes, como ocorre na outra suborde de cetáceos, a dos odontocetos.

As baleas adoitan seren de gran tamaño (de 7 a 30 metros) e viven exclusivamente no mar.

O termo balea debe reservarse para as especies dos misticetos. E segundo os cetólogos, máis concretamente para os integrantes da familia dos Balaenidae (con algunha excepción, como os das familias monoespecíficas dos Eschrichtiidae e dos Neobalaenidae, que son moi semellantes).

Outros cetáceos algo menos semellantes, os integrantes da familia máis abundante en especies, a dos Balaenopteridae, denomínanse tecnicamente rorcuais, pero tamén resulta habitual denominalos como baleas.

Así mesmo, na literatura de divulgación (e mesmo nalgúns casos na científica) en distintos idiomas tamén está implantado o uso de balea para designar a algunhas especies de cetáceos con dentes (odontocetos), como é o caso de balea asasina para designar á candorca (que nin é balea nin é asasina), de balea de esperma para o cachalote, ou de balea piloto para o caldeirón.

Tamén reciben este nome, ás veces, algunhas especies de zifios.

Etimoloxía editar

Misticetos editar

O termo Mysticeti aparentemente deriva dun erro de tradución nun texto antigo latino da obra de Aristóteles Historia Animalium, na que "ο μυς το κητος" ("a balea coñecida como 'o rato' ou 'balea estriada' ") foi confundida con "ο μυστικητος" ("os Mysticetus").[3]

Un nome alternativo da suborde é Mystacoceti derivada do grego antigo μυσταξ mystax, "bigote" e κητος ketos, "monstro mariño, balea".

Balea editar

A palabra balea deriva do latín balaena, e esta do grego φάλαινα phálaina, "balea" (o grego φάλαινα está relacionado con φάλαγξ phálanx, "cilindro groso de madeira", "rolo", "formación en orde de batalla").[4]

As barbas ou baleas editar

Artigo principal: Barbas de balea.

O trazo máis característicos das baleas, á parte do seu gran tamaño, é a presenza dunhas estruturas especiais na boca que substitúen os dentes: as chamadas barbas ou baleas. Non se trata de dentes transformados, senón de placas de queratina (a mesma substancia que forma as nosas uñas ou o pelo) que penduran do bordo da mandíbula superior pechando a cavidade bucal. Cando a boca está pechada, as barbas quedan cubertas polos "labios" inferiores. O bordo interior de cada unha destas placas está esfiañado en cerdas ríxidas que forman unha peneira moi mesta capaz de reter os corpos sólidos presentes na auga que envían.

O tamaño –en anchura e lonxitude- e o número son moi variables segundo a especie, así como a cor, e son elementos a ter en conta á hora de identificar as distintas especies. Os distintos tamaños das barbas, xunto a outras modificacións morfolóxicas como a maior ou menor convexidade do cranio e a presenza de máis ou menos sucos na gorxa, son consecuencia dos diferentes hábitos alimenticios destes cetáceos.

As baleas aliméntanse de pequenos crustáceos (krill) e, en menor medida, de pequenos peixes. O sistema que utilizan é avanzar coa boca aberta e enchela dun gran volume de auga (no que axuda a dilatación da pel da gorxa e a particular estrutura da articulación das mandíbulas). A seguir, pechan a boca e coa axuda da lingua expelen a auga, que é filtrada polas barbas retendo todos os animais que viñan nela.

Clasificación taxonómica editar

Os misticetos divídense en catro familias, que engloban 6 xéneros e 11 especies:

Balaenidae editar

Artigo principal: Balénidos.

Tamén chamadas baleas verdadeiras, denominación que non implica que as outras especies de baleas se consideren falsas, senón que estas eran as máis apropiadas para a súa caza, por seren máis lentas e aboiaren unha vez mortas. A familia está constituída por dous xéneros con tres especies.

 
Balea de Groenlandia cazada en 2002.
  • Balaena mysticetus (Linnaeus 1758)
    • galego: balea de Groenlandia.
    • castelán: ballena de Groenlandia, ballena de cabeza arqueada.
    • inglés: Bowhead whale.
    • francés: Baleine de Groenland.
  • Eubalaena australis (Desmoilins 1822)
    • galego: balea franca austral.
    • castelán: ballena franca meridional, ballena franca austral.
    • inglés: Southern right whale.
    • francés: Baleine australe.
  • Eubalaena glacialis (Müller 1776)
    • galego: balea vasca.
    • castelán: ballena vasca, ballena franca, ballena franca septentrional.
    • inglés: Northern right whale.
    • francés: Baleine de Biscaye.

Son animais de gran tamaño, pouco hidrodinámicas e máis lentas que outras baleas. Caracterízanse por ter unha cabeza que representa a metade da lonxitude total e pola ausencia de aleta dorsal.

O perfil do cranio é marcadamente convexo. As barbas (ou baleas) son máis longas (ata 2,7 m) que nos outros misticetos, estreitas e numerosas (230-360 en cada lado). As sete vértebras cervicais están soldadas.

Algúns autores separan as poboacións do Pacífico norte como unha terceira especie de Eubalaena, para a que propoñen o nome de Eubalaena japonica.

Neobalaenidae editar

Artigo principal: Balea anana.

Un único xénero cunha única especie.

  • Caperea marginata (Gray 1846)
    • galego: balea anana.
    • castelán: ballena pigmea, ballena franca pigmea.
    • inglés: Pygmy right whale.
    • francés: Baleine pygmée.

Trátase dunha especie pouco coñecida. De menos de 7 m de lonxitude, é a menor das baleas (de aí o nome). Presenta unha pequena aleta dorsal falciforme (co bordo posterior cóncavo), bastante atrasada. Na gorxa posúe dous sucos.

O tamaño da cabeza é aproximadamente un cuarto da lonxitude total. A forma do cranio non é tan convexa coma a dos Balaenidae mais é máis ancha, o que a aproxima ós Balaenopteridae.

Balaenopteridae editar

Artigo principal: Balenoptéridos.

Son os chamados rorcuais, caracterizados polos sucos que posúen na gorxa. A familia está integrada por dous xéneros con seis especies.

  • Balaenoptera physalus (Linnaeus 1758)
    • galego: rorcual común, balea común.
    • portugués: baleia comúm, baleia fina.
    • castelán: rorcual común.
    • inglés: Fin whale.
    • francés: Rorqual commun.
  • Balaenoptera acutorostrata (Lacepède 1804)
    • galego: rorcual alibranco, balea alibranca.
    • portugués: baleia anã.
    • castelán: rorcual aliblanco, rorcual enano.
    • inglés: Minke whale.
    • francés: petit rorqual.
  • Balaenoptera borealis (Lesson 1828)
    • galego: rorcual de pintas.
    • castelán: rorcual norteño, rorcual del norte, rorcual de Rudolphi.
    • inglés: Sei whale.
    • francés: Rorqual de Rudolphi.
  • Balaenoptera edeni (Anderson 1878)
    • galego: rorcual de Bryde.
    • castelán: rorcual tropical, rorcual de Bryde.
    • inglés: Bryde’s whale.
    • francés: rorqual de Bryde.
  • Balaenoptera musculus (Linnaeus 1758)
    • galego: rorcual azul, balea azul.
    • castelán: ballena azul, rorcual azul.
    • inglés: Blue whale.
    • francés: rorqual azul.
  • Megaptera novaengliae (Borowski 1781)
    • galego: xibardo, rorcual xibardo, balea xibardo.
    • portugués: baleia-de-bossas, baleia-marreca.
    • castelán: yubarta, jibarte, rorcual jorobado.
    • inglés: Humpback whale.
    • francés: baleine à bosse.

Todas as especies deste grupo miden máis de 10 m de lonxitude e, normalmente, son moito máis grandes. Unha delas, a balea azul, é o animal máis grande que xamais existiu sobre a Terra. Habitualmente, as femias son maiores cós machos.

Son animais de corpo longo e fino, hidrodinámico, o que lles permite movementos rápidos, e posúen de 12 a 120 pregas na gorxa, desde o extremo anterior ata o abdome. Estas pregas posibilitan a dilatación da cavidade bucal –a modo dun acordeón- e inxerir grandes volumes de auga, da que filtran o seu alimento. Entre as outras baleas, só a balea gris posúe algo semellante, pero reducido a dous sucos curtos.

Posúen unha aleta dorsal, de forma e tamaño variables segundo a especie, situada sempre no terzo posterior.

O perfil do cranio é relativamente plano, coa mandíbula inferior arqueada cara a fóra. As barbas son relativamente curtas pero moi numerosas (ata 500 en cada lado). Na cabeza obsérvase unha crista medial, desde a altura dos ollos ata o fociño; no rorcual tropical hai 3 cristas.

Dentro deste grupo cómpre destacar, pola súa singularidade, a balea xibardo, caracterizada polas enormes aletas pectorais.

Todas as baleas desta familia, polo seu gran tamaño, foron obxecto prioritario da industria baleeira e a caza comercial a que foron sometidas levounas practicamente á súa extinción.

Eschrichtiidae editar

Artigo principal: Balea gris.

Un único xénero cunha única especie.

Trátase tamén dunha especie de características intermedias entre as familias anteriores. Ben coñecida polos seus hábitos migratorios que a levaban a reproducirse no inverno nas costas de California para desprazarse logo ás áreas de verán, no estreito de Bering, nunha longa viaxe de ata 20 000 km ó longo da costa norteamericana. A desgraciada consecuencia foi unha caza masiva que levou á extinción da poboación do Atlántico norte entre os séculos XVII e XVIII (a poboación coreana aínda se mantén, pero en cifras mínimas).

Carece de aleta dorsal e no seu lugar mostra unha corcova baixa, moi posterior, seguida de 6 a 12 vultos ou nós lineais ata a aleta caudal.

A cabeza está arqueada, entre os espiráculos e o fociño, e mostra numerosas calosidades formadas por colonias de crustáceos que se fixan á pel. Baixo a boca posúe dous sucos curtos, paralelos ou en forma de V, ocasionalmente entre 3 e 7. As súas barbas son máis curtas, anchas e en menor número que no resto das baleas, característica relacionada cos seus hábitos alimenticios: come moi preto do fondo e inxire lama, area e pedras coa auga.

Notas editar

  1. Berta, Annalisa (2006): Marine Mammals: Evolutionary biology. Academic Press. ISBN 0-12-088552-2.
  2. balea1 Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  3. A este respecto alude, seguramente, a ironía de Linneo de denominar ao maior animal existente na Terra como Balaena musculus (hoxe Balaenoptera musculus), que se pode traducir por balea ratiño.
  4. Deste φάλαγξ deriva falanxe (liña de batalla da infantaría tebana, ou da macedónica).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Carwardine, M. (1985): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo, Omega.
  • Valdés Hansen, F. (2010): Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX). A Coruña: Fundación Barrié de la Maza. ISBN 978-84-95892-78-2.
  • Tobío Fernández, L. (1927): "Aportazón ó estudo da historia da pesca da balea nas costas da Galiza", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos I, 89-93.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar