Minos

rei de Creta, fillo de Zeus e Europa

Minos (en grego Μίνως) foi, segundo a mitoloxía grega, un rei de Creta, casado con Pasífae (a nai do Minotauro).

«Alí está Minos», A Divina comedia (Inferno, canto V, liña 4). Ilustración de Gustave Doré

Era fillo de Zeus coa princesa Europa, pero criado por Asterión (ou Asterio), rei de Creta, a quen sucedeu (por iso, ás veces considérase fillo deste Asterión). Foron irmáns seus -fillos de Zeus e Europa- Radamantis e Sarpedón, e Asterión, que os criara como fillos propios, nomeounos herdeiros ós tres.

Minos e Pasífae editar

Minos casou con Pasífae, filla de Helios e de Perseis [1], e tiveron varios fillos: Catreo, Deucalión [2], Glauco, Androxeo (ou Eurixies), Acacálide (ou Ácale), Xenódice, Ariadna [3] e Fedra. Minos tivo tamén outros fillos bastardos, así como amores homosexuais [4].

A lenda di que eran tantas as amantes de Minos que Pasífae o maldixo de tal forma que as amantes morrían devoradas por escorpións e serpes que botaba cando exaculaba; Procris, unha das súas amantes, rompeu o feitizo utilizando unha herba que lle dera a bruxa Circe (a irmá de Pasífae), a cambio dun can ó que nunca se lle escapaba unha presa e unha xavelina que nunca erraba no albo, dúas pezas que tiña Minos procedentes dun regalo de Zeus a Europa.

"Procris... refuxiouse xunto a Minos, que se namorou dela e intentou seducila. Pero se unha muller facía o amor con Minos era imposible que conservara a vida, pois Pasífae ... feitizárao e cada vez que se acostaba con algunha, lanzaba contra o seu membro feras salvaxes e deste xeito aquelas perecían. Minos posuía un can veloz e unha xavelina certeira e a cambio delas Procris deitouse con el, dándolle a beber a raíz de Circe para que nada lle fixera dano".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 15, 1)

Minos, rei de Creta editar

Cando morreu Asterión, Minos quixo todo o poder para si e expulsou ós seus irmáns, aducindo que foran os deuses os que lle concedían o reino. Para demostralo, pediu a Poseidón que fixera saír do mar un touro, e prometeu que o sacrificaría no seu honor. Poseidón enviou un touro espléndido, tanto que Minos decidiu conservalo como semental nos seus rabaños e sacrificar outro no seu lugar. Pero Poseidón, ó verse enganado, vingouse, e fixo que o touro enfurecese e que na muller de Minos, Pasífae, se espertara un amor apaixonado polo animal. Este foi o Touro de Creta do que Pasífae enxendrou a Minotauro e que, posteriormente, tivo que matar Heracles nun dos seus doce traballos.

Como rei, ditou diferentes leis xustas e boas, tanto que se dicía que estaban directamente inspiradas por Zeus. Cóntase que Minos visitaba periodicamente a cova onde se criaba Zeus e recibía os seus consellos. Con Minos, Creta estendeu o seu dominio por todo o mar Exeo. No transcurso desta expansión militar e como vinganza pola morte do seu fillo Androxeo [5] conquistou Atenas, contra a que lanzou tal maldición que caeu unha terrible peste sobre a cidade, o que obrigou ós atenienses a renderse sen condicións. Minos esixiulles o envío dun tributo anual formado por catorce mozos de ámbolos sexos, sete mozos e sete mozas [6], para alimento de Minotauro, a quen tiña encerrado no labirinto que lle construíra Dédalo.

"Cando Minos... loitou contra os atenienses, o seu fillo Androxeo resultou morto na batalla. Despois de ser vencidos, os atenienses comezaron a ser tributarios de Minos, pero tamén determinou que cada ano enviaran a sete dos seus fillos como pasto do Minotauro".
(Hixino: Fábulas 41)

Tamén conquistou Mégara, onde reinaba o rei Niso. Niso era invencible sempre que conservara un guecho de pelo vermello, oculto entre a súa cabeleira branca. Pero a filla, Escila, namorouse de Minos e traizoou ó pai, cortándolle o guecho de pelo. Niso morreu e Minos conquistou Mégara, pero matou a Escila por traizoar ó seu pai. Escila foi transformada nunha ave mariña, perseguida sen descanso polo pai Niso, transformado nunha aguia mariña [7].

 
Minos, como xuíz do inframundo (Miguel Anxo, o Xuízo Final)

Minos encerrara a Dédalo e ó seu fillo Ícaro no labirinto, que quedara baleiro trala morte de Minotauro, como castigo porque no resultou tan inviolable como se esperaba. Pero Dédalo conseguiu fuxir mediante unhas ás que pegou ó seu corpo [8]. Minos buscouno de cidade en cidade, utilizando unha proba: quen lograse enfiar unha buguina recibiría unha gran recompensa. Así chegou a Camico, en Sicilia, onde o rei Cócalo encargou ó ancián Dédalo que solucionase o enigna. Efectivamente, Dédalo atou un fío a unha formiga que recorreu todo o interior da cuncha, enfiándoa totalmente. Minos adiviñou que iso era obra de Dédalo e esixiu ó rei que llelo entregara, pero Cócalo convenceuno de que primeiro tomara un baño, e as súas fillas, quizais instigadas por Dédalo, matárono botando sobre el auga a ferver [9].

Aínda que os cretenses intentaron vingar a morte do seu rei e atacaron Sicilia, foron derrotados.

Minos, xuíz no Hades editar

Ó morrer, descendeu ao inframundo, e os deuses nomeárono, en recoñecemento ó seu labor á hora de ditar leis, como un dos xuíces do Hades, xunto ó seu irmán Radamantis e a Éaco. Radamantis xulga as almas dos orientais, Éaco a dos occidentais e Minos tiña o voto decisivo.

Na Eneida de Virxilio, Minos xulgaba a aqueles ós que se aplicara a pena de morte tras ser acusados falsamente. Está sentado sobre unha urna xigante, e decide o destino das almas.

"...xunto a eles os condenados a morte sen motivo. / E en verdade non se asignan estes lugares sen xuíz nin sorteo: / Minos, o inquisidor, move a urna; el convoca / a asemblea silenciosa e discirne as vidas e as culpas. / O lugar inmediato ocúpano eses desgraciados inocentes / que coa súa man se deron morte e da luz cansos / quitárose a vida...".
(Virxilio: Eneida VI,430-436)

Na Divina Comedia de Dante, Minos escoita as confesións dos mortos sentado no segundo círculo do inferno, que é propiamente o comezo do inferno. Tras xulgar os pecados de cada alma asigna o castigo enviándoos a un círculo e subcírculo específico de acordo coa falta máis grave relatada. Fai esta indicación dando un determinado número de voltas á súa cola ó redor do seu corpo

Notas editar

  1. Outras fontes din que casou con Creta, unha filla de Asterión.
  2. Non confundir con Deucalión, fillo de Prometeo. Este Deucalión fillo de Minos foi un dos Argonautas.
  3. Que axudará a Teseo a acabar co Minotauro.
  4. Como tal, algunhas fontes din que fora el quen raptou a Ganimedes, acto tradicionalmente atribuído a Zeus, e tamén que fora amante de Teseo.
  5. Androxeo morrera ó enfrontarse ó Touro de Maratón, ó que lle retara Exeo, rei de Atenas, ou ben á mans dos competidores nos xogos panatenaicos, ós que vencera.
  6. Tamén a periodicidade é variable: cada ano ou cada nove anos.
  7. Ovidio: Metamorfosis VIII, 6-154.
  8. Tamén fuxiu Ícaro, pero este, na súa inconsciencia, aproximouse demasiado ó sol, que derretiu a cera coa que estaban pegadas as alas. Caeu e morreu.
  9. Pseudo-Apolodoro: Epítomes I, 14-15.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • VIRXILIO: Eneida. Alianza Editorial, 1ª Ed 1986 [a numeración segue a utilizada neste texto].