Minas de San Fins

explotación mineira en San Fins, Lousame

Coordenadas: 42°45′10″N 8°49′19″O / 42.75278, -8.82194

As minas de San Fins son unha explotación mineira localizada no lugar das Minas de San Fins, na parroquia de Vilacova no concello de Lousame.

Arreira.
Vista do recinto, cun rego canalizado e unhas antigas vivendas.

Historia editar

 
Vista da explotación.

Na década de 1880 o británico Thomas Winter Burbury solicitou a concesión para unha mina de estaño logo de realizar algunhas prospeccións na comarca. O seu sobriño, Henry Winter Burbury, seguiu facendo prospeccións. En 1890 aparece como propietario da concesión Phoenicia, inscrita no rexistro da propiedade de Noia, situada en San Fins. A compañía inglesa The San Finx Tin Mines Limited rexistrou a concesión mineira de estaño Phoenicia, sita no lugar de Covas dos Mouros, preto da aldea de Froxán. Con todo, a toponimia de lugares da contorna (Fonte Ferreiros, O Agro do Forno...), leva a pensar que xa anteriormente esta fora zona de explotación e fundición de minerais.

Dende 1933 o propietario fora Alfred Burne, que residiu na casa da xerencia construída polos seus antecesores. Nesa etapa o mineral extraído era principalmente o estaño, dado que aínda non se coñecían moitas aplicacións para o volframio. Até o remate da guerra civil a explotación pasou por mans de diversos propietarios ingleses. A Mina foi nacionalizada ao rematar a guerra, pasando a ser explotada por Industrias Gallegas, unha sociedade propiedade da Fundación Barrié de la Maza dende 1941.

A febre do wolfram editar

 
Entrada dunha galería.

Durante a segunda guerra mundial creceu a demanda de Alemaña e Inglaterra do volframio. A explotación continuouse a partir de 1940, debido ao acordo asinado en Hendaia entre Hitler e Franco, para subministrar volframio ás fábricas de armas alemás. Os depósitos chegaron a ter trinta e dúas bocas. O mineral trasladábase ata Taragoña, na ría de Arousa, e dende alí ao porto do Carril de onde saía en barco ata o seu destino.

Isto provocou á chegada á mina de centos de traballadores, dada a situación existente de miseria de posguerra. O lugar converteuse nun fervedoiro de xente. Había quen quedaba a durmir nas aldeas próximas ás minas, traballando a nivel superficial na zona libre (área que non estaba incluída na concesión mineira). Esta actividade, frecuentada por traballadores doutras actividades que acudían en épocas de especial escaseza, era coñecida como "andar á roubacha" ou "ir ás pintas".

O colectivo feminino formaba unha importante parte do continxente dos habitantes e traballadores das Minas, tanto das traballadoras das minas (con e sen contrato laboral), como das que se adicaban a outros traballos, como servizo doméstico, carga de vagóns, separación e secado do mineral, augadoras ou carga de leña.

En todas as épocas de actividade mineira houbo unha alta mortalidade entre a clase obreira da zona, debido ás condicións de traballo con po en suspensión, o que provocaba a morte por silicose. Amais, había casos de abatementos de galerías e asasinatos por mor do estraperlo.

Decadencia e musealización editar

 
Interior do centro de interpretación.

A partir da década de 1960, pola caída do prezo dos minerais, foi decaendo a actividade da explotación, que rematou en 1989, cando debido aos baixos prezos do volframio nos mercados internacionais, as minas quedaron definitivamente abandonadas. Xa no século XXI rehabilitouse o poboado da mina, e a antiga escola foi acondicionada como museo e centro de interpretación.

Retoma da actividade editar

No verán de 2012 retomouse a actividade mineira, coa extracción de estaño[1].

En 2015 a mina foi mercada por Sacyr.[2] Semanas despois volvía a actividade á mina, que se espera estea a pleno rendemento, na extracción de estaño e volframio, en 2016. Nesta primeira fase (que durará varios meses) o obxectivo é preparar a mina, logo do tempo de inactividade[3]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "San Finx reabre as súas galerías", artigo de Raquel Iglesias en La Voz de Galicia, 1 de agosto de 2012.
  2. "Dos empresas reactivan el interés por el wolframio en grandes minas gallegas". La Opinión de A Coruña. 1 de xullo de 2015.  (en castelán)
  3. "San Finx recobra la actividad y estará funcionando en el 2016". La Voz de Galicia. 23 de agosto de 2015.  (en castelán)

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar