Miguel Layún

futbolista mexicano

Miguel Arturo Layún Prado, nado en Córdoba, Veracruz, o 25 de xuño de 1988, é un futbolista mexicano que xoga como lateral dereito e centrocampista. Dende 2021 milita no Club América da Liga MX.

Miguel Layún
Información persoal
Nome Miguel Arturo Layún Prado
Nacemento 25 de xuño de 1988
Lugar de nacemento Córdoba (Veracruz)
Altura 1,78 m.
Posición lateral
Información de club
Club actual América
Número 3
Carreira xuvenil
2003–2006 Veracruz
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2006–2009 Veracruz 58 (1)
2009–2010 Atalanta 2 (0)
2009–2010 América 10 (1)
2010–2014 América 132 (15)
2014–2015 Watford 20 (1)
2015–2018 Porto 50 (6)
2018 Sevilla 16 (2)
2018–2019 Villarreal 8 (0)
2019–2021 Monterrey 73 (7)
2021– América 27 (0)
Selección nacional
2013– México 72 (6)
Na rede
Facebook: MiguelLayunOficial Twitter: miguel_layun Instagram: miguel_layun FIFA: 371044 UEFA: 250040109 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 1 de xuño de 2022.
Selección: actualizado a 1 de xuño de 2022.editar datos en Wikidata ]

Debutou na Primeira División mexicana nas filas do Veracruz, pero foi a camiseta do América a que máis veces vestiu, en dúas etapas diferentes. Xogou tamén na Serie A italiana, na Premier League inglesa, na Primeira Liga portuguesa e na Primeira División española, e disputou tanto a Liga de Campións da UEFA como a Copa Libertadores e a Liga de Campións da CONCACAF, proclamándose campión desta última co Monterrey.

Foi 72 veces internacional coa selección mexicana, coa que gañou a Copa Ouro da CONCACAF en 2015, e coa que disputou dúas Copas do Mundo: Brasil 2014 e Rusia 2018.

Traxectoria editar

Naceu na cidade de Córdoba, pertencente ao estado de Veracruz, sendo fillo de Miguel Layún e Maribel Prado.[1] Ten ascendencia libanesa por parte paterna e galega por parte materna, sendo seus avós maternos naturais de Cabalar, lugar da parroquia de Seixido, no concello pontevedrés da Lama.[2][3] É curmán segundo do tamén futbolista José Abella, que desenvolveu a maior parte da súa carreira no Santos Laguna.[4]

Tiburones Rojos de Veracruz editar

Formouse na canteira do Tiburones Rojos de Veracruz, co que debutou na Primeira División de México en 2007. Foi o 28 de marzo no estadio Luis Pirata Fuente, no empate 1-1 ante o Necaxa.[1] Militou dous anos no equipo, sufrindo un descenso de categoría tralo Torneo Clausura 2008, polo que tivo que xogar a continuación na Liga de Ascenso.[1]

Atalanta editar

En agosto de 2009 foi traspasado ao Atalanta da Serie A italiana.[5] O 27 de setembro de 2009 fixo historia, cando o adestrador Antonio Conte lle deu entrada no campo como substituto do chileno Jaime Valdés nun empate 1-1 ante o Chievo Verona, converténdose así no primeiro futbolista mexicano en xogar na liga italiana.[6] Con todo, só contou con outros poucos minutos noutro partido contra o Cagliari, e o equipo lombardo, que pelexaba por non descender, decidiu cedelo no mercado invernal.

Club América (1ª etapa) editar

En decembro de 2009 saíu cedido por seis meses ao América do seu país natal, para a disputa do torneo Bicentenario que conmemorou os 200 anos da Independencia de México.[7] Comezou como suplente e fixo o seu primeiro gol nos cuartos de final da liguiña contra Toluca. Ao remate do campionato desvencellouse do Atalanta e converteuse en xogador a todos os efectos do equipo mexicano. No Torneo Apertura 2010 fíxose definitivamente coa titularidade, e logrou a clasificación para a Copa Libertadores. Debutou na máxima competición suramericana o 16 de febreiro de 2011, nunha vitoria por 2-0 sobre o Nacional uruguaio, na que deu el as dúas asistencias de gol.[8] O equipo logrou o pase aos oitavos de final, onde Layún foi expulsado ante o Santos brasileiro por dobre cartón amarelo.[9]

No Torneo Apertura 2011, o club atravesaba un dos peores momentos deportivos da súa historia e Layún converteuse no centro das críticas da afección, ata o punto de que ser insultado na rúa e non poder saír a un lugar público por medo a ser agredido.[10] Así mesmo, foi duramente criticado nas redes sociais, onde se fixo célebre a frase "Todo é culpa de Layún", aplicada a infinidade de situacións.[11] Ante estas circunstancias, o futbolista viuse obrigado a recorrer a axuda psicolóxica.[1][10][12]

Con todo, acabou por sobrepoñerse e converteuse nunha importante peza do equipo nos seguintes anos. En 2013 acadou a final do Torneo Clausura ante Cruz Azul e anotou o lanzamento decisivo na quenda de penaltis co que América se proclamou campión despois de oito anos.[1] Foi titular tamén na final do Apertura 2013, no que o seu equipo perdeu ante o Club León, e trala marcha de Aquivaldo Mosquera, converteuse no capitán do América. Tamén en 2013 debutou na Liga de Campións da CONCACAF, nunha vitoria por 0-1 sobre o Sporting San Miguelito de Panamá.

O 26 de setembro de 2014, durante o Torneo Apertura, asinou unha das súas mellores actuacións, marcando os catro goles do seu equipo na vitoria por 4-1 sobre o Santos Laguna.[13] Nese mesmo torneo acadou unha nova final, e levantou o trofeo como capitán do equipo despois de derrotar ao Tigres.[14]

Watford editar

A finais de decembro de 2014 fichou polo Granada, da Primeira División española, pero só uns días despois anunciouse o seu traspaso ao Watford FC,[15] club inglés propiedade tamén da familia Pozzo, co que asinou un contrato por 4 anos e medio.[16] Debutou co equipo no Championship, segunda categoría do fútbol inglés, o 10 de xaneiro de 2015, nunha derrota por 3-1 ante o Huddersfield Town. Disputou 17 encontros no que restaba de tempada, logrando o ascenso á Premier League.[17]

Debutou na Premier League na primeira xornada da tempada 2015/16, saíndo de titular e marcando un gol contra o Everton no Goodison Park de Liverpool,[18] e foi incluído no once ideal da xornada.[19] Xogou dous partidos máis e ese mesmo mes foi cedido ao FC Porto, por unha tempada con opción de compra.

FC Porto editar

Na súa primeira tempada en Portugal, disputou 41 partidos e marcou seis goles. O 16 de setembro de 2015, debutou na Liga de Campións da UEFA, xogando os 90 minutos ante o Dinamo de Kíiv e dando unha asistencia no primeiro gol de Vincent Aboubakar, nun partido que acabou con empate a dous goles.[20] O 5 de novembro de 2015 marcou o seu primeiro gol na máxima competición europea, na vitoria por 3-1 sobre o Maccabi Tel Aviv.[21]

Acabou a tempada como o máximo asistente da Primeira Liga, empatado a 15 co arxentino Nicolás Gaitán, e as súas boas actuacións fixeron que o Porto exercese a súa opción de compra sobre o xogador, pagando por el uns 6 millóns de euros.[22] Xogou no equipo portuense ata 2018, acadando os 80 partidos oficiais.

Sevilla editar

O 29 de xaneiro de 2018, e cando parecía que ía fichar polo Real Betis, oficializouse a súa cesión ao Sevilla FC.[23] Debutou co club sevillano na Primeira División na xornada 22, nunha derrota por goleada ante o Eibar en Ipurua (5-1). Foi titular en case tódolos restantes partidos da tempada e marcou dous goles, o primeiro deles nunha derrota ante o Leganés e o segundo na vitoria por 3-2 sobre o Real Madrid.[24] Disputou ademais a final da Copa do Rei no estadio Metropolitano ante o FC Barcelona, xogando os minutos finais como substituto de Pablo Sarabia, nun partido que acabou con goleada barcelonista por 0-5.[25]

 
Layún xogando un partido no Mundial de 2018 .

Vilarreal editar

O 11 de xullo de 2018, o Vilarreal anunciou a súa fichaxe para as seguintes tres tempadas.[26] Xogou 15 partidos co equipo amarelo, co que disputou a Europa League, pero deixou o club en xaneiro de 2019, só 6 meses despois da súa chegada, sendo traspasado aos Rayados de Monterrey.[27]

Monterrey editar

No seu regresou ao fútbol mexicano converteuse nunha importante peza do Monterrey, e en maio conquistou contra Tigres a Liga de Campións da CONCACAF, sendo incluído no once ideal do torneo.[28] En decembro xogou a Copa Mundial de Clubs en Qatar, caendo nas semifinais ante o Liverpool. Poucas semanas despois disputou os dous partidos da final do Torneo Apertura 2019 contra o seu exequipo, América, proclamándose no estadio Azteca campión mexicano por terceira vez.[29]

Xogou tamén dous partidos na Liga de Campións da CONCACAF 2021, na que o seu equipo, con Javier Aguirre como adestrador, acabou proclamándose campión, aínda que Layún abandonou o club uns meses antes da final. Disputou un total de 89 partidos co club de Monterrei, co que marcou 7 goles.

Club América (2ª etapa) editar

En xuño de 2021 rematou o seu contrato con Monterrey e regresou ao Club América, sete anos despois da súa marcha, como petición expresa do adestrador Santiago Solari.[30]

Selección nacional editar

Foi 72 veces internacional coa selección mexicana, para a que foi convocado por primeira vez polo seleccionador José Manuel de la Torre en 2013, para a disputa da Copa Ouro. Debutou o 11 de xullo nun partido da fase de grupos contra o Canadá en Seattle, no que saíu de titular. México foi finalmente eliminado da competición por Panamá nas semifinais.

Foi incluído polo seleccionador Miguel Herrera na lista final de 23 xogadores para o Mundial de 2014 no Brasil.[31] O 28 de maio de 2014 marcou os seus dous primeiros goles como internacional, ante a selección de Israel nun partido amigable de preparación para o Mundial. Xogou completos os catro partidos de México na Copa do Mundo, quedando eliminados nos oitavos de final. Ao ano seguinte participou na súa segunda Copa Ouro, proclamándose desta vez campión despois de ser titular na final ante Xamaica, na que os mexicanos venceron por 0-3 no Lincoln Financial Field de Filadelfia.[32]

En 2016 participou na Copa América Centenario, disputando todos os partidos de México, que caeu goleada nos cuartos de final contra Chile. Ao ano seguinte xogou a Copa Confederacións, onde perdeu en semifinais contra Alemaña. Disputou tamén o Mundial de 2018 en Rusia, onde xogou de novo os catro partidos de México, que volveu quedar eliminada en oitavos de final.[33] Ao ano seguinte entrou inicialmente na lista para a Copa Ouro 2019, pero abandonou a selección para ser sometido a unha intervención cirúrxica renal por mor dun tumor maligno.[34][35][36]

Palmarés editar

América
  • Liga MX (2): Clausura 2013, Apertura 2014.
Porto
Monterrey
Selección mexicana

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Miguel Layún: Una historia de superación" (en castelán). 20 de xaneiro de 2014. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  2. ""Layún tiene sus seguidores en el Líbano"" (en castelán). 15 de novembro de 2015. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  3. "Sabías que...". 23 de xuño de 2014. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  4. Ontiveros, Francisco (6 de agosto de 2013). "'He aprendido mucho de Layún': José Javier Abella" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2014. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  5. "Mercado: El mexicano Layún ficha por el Atalanta" (en castelán). 5 de agosto de 2009. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  6. "Layún y su debut con el Atalanta" (en castelán). 28 de setembro de 2009. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  7. "Miguel Layún y Alonso Sandoval, al América" (en castelán). 21 de decembro de 2009. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  8. "América se impone al Nacional en la Libertadores" (en castelán). 15 de febreiro de 2011. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  9. "El América pierde contra el Santos pero sigue con vida" (en castelán). 28 de abril de 2011. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  10. 10,0 10,1 Muñoz, Dann (26 de abril de 2022). "Miguel Layún, el futbolista que fue víctima, al extremo, del odio de la afición" (en castelán). Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  11. Vázquez, Antonio (6 de xullo de 2021). "¿Desde cuándo se dice que todo es culpa de Layún y por qué?" (en castelán). Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  12. "Futbol y salud mental: Layún presenta a la psicóloga que le ayudó a superar momentos difíciles" (en castelán). 24 de xullo de 2020. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2022. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  13. "Logra Miguel Layún cuatro goles en triunfo del América" (en castelán). 26 de setembro de 2014. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  14. "América campeón; el más ganador del futbol mexicano" (en castelán). 15 de decembro de 2014. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  15. "Layún, traspasado al Watford por el Granada". Marca (en castelán). 9 de xaneiro de 2015. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  16. "El mexicano Layún ficha por el Watford" (en castelán). 9 de xaneiro de 2015. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  17. "Misión cumplida, Layún asciende a la Premier League con Watford". ESPN (en castelán). 25 de abril de 2015. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  18. http://www.mediotiempo.com/futbol/internacional/noticias/2015/08/08/layun-debuto-con-gol-en-premier-league
  19. "Layún en el once ideal de la Premier" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 4 de marzo de 2016. Consultado o 11 de agosto de 2015. 
  20. "Layún debuta en Champions con asistencia" (en castelán). 16 de setembro de 2015. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  21. "Miguel Layún anota un golazo en el triunfo de Porto por 3-1 ante Maccabi Tel-Aviv" (en castelán). 4 de novembro de 2015. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  22. "El Oporto ejerce la opción de compra sobre Layún". Marca (en castelán). 28 de maio de 2016. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  23. "El Sevilla le birla al mexicano Miguel Layún al Betis". Marca (en castelán). 29 de xaneiro de 2018. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  24. "Adiós a Layún" (en castelán). 1 de xullo de 2018. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  25. Irigoyen, Juan I. (22 de abril de 2018). "Un Barcelona inmenso conquista la Copa del Rey ante el Sevilla". El País (en castelán). Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  26. "¡Bienvenido, Layún!" (en castelán). 11 de xullo de 2018. Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2018. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  27. "Miguel Layún sale del Villarreal y firma por Rayados" (en castelán). 30 de xaneiro de 2019. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  28. "11 ideal de Concachampions es acaparado por la Liga MX". As (en castelán). 2 de maio de 2019. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  29. "Miguel Layún logró su tercer título de Liga MX". As (en castelán). 29 de decembro de 2019. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  30. "OFICIAL: Miguel Layún regresa a América para el Apertura 2021" (en castelán). 3 de xuño de 2021. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  31. Rafael Alcivia Peña (8 de mayo de 2014). "Exclusiva: Los 23 convocados de México al Mundial". Azteca Deportes. Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2018. Consultado o 9 de mayo de 2014. 
  32. "Xamaica 1-3 México". CONCACAF (en inglés). Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  33. "Invasión Mexicana". Arquivado dende o orixinal o 29 de mayo de 2019. Consultado o 7 de octubre de 2018. 
  34. "Miguel Layún causa baja de la Selección Nacional de México" (en castelán). 26 de maio de 2019. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  35. "El mundialista Miguel Layún revela que tuvo cáncer, pero ya está sano" (en castelán). 9 de xuño de 2019. Consultado o 1 de xuño de 2022. 
  36. Pena, Alfonso (2 de setembro de 2020). "Miguel Layún y la historia de una llamada que le cambió la vida" (en castelán). Consultado o 1 de xuño de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar