Migracións humanas prehistóricas

Co nome de migracións humanas prehistóricas, e tamén co de expansión da humanidade, coñécense unha serie de procesos polos cales o ser humano se foi estendendo paulatinamente desde os seus lugares de orixe até colonizar todas as rexións habitábeis do planeta Terra.

Mapa das migracións humanas prehistóricas segundo estudos de xenética de poboacións aplicados ao ADN mitocondrial.
Os números indican milenios antes do presente.

A evolución humana tivo lugar en África. Primeiramente o Homo erectus emigrou desde África cruzando Eurasia, nun proceso que comezou hai uns 2 millóns de anos. A expansión do Homo erectus foi seguida pola do Homo sapiens.

O H. sapiens alcanzou o Oriente Próximo arredor de hai 70.000 anos. Desde alí, as poboacións humanas estendéronse até Asia suroriental hai uns 50.000 anos, e despois pasaron a Australia hai uns 40.000 anos (un territorio ao que nunca chegara o Homo erectus). O Homo sapiens alcanzou Europa así mesmo hai uns 40.000 anos. A Asia oriental chegou hai 30.000 anos.
A data do paso a América é controvertida; puido suceder hai 30.000 anos ou, quizais, moito máis cedo, hai 14.000 anos.

A colonización das illas do océano Pacífico por un lado, e a expansión dos esquimós polo Ártico por outro, non foi completada polo Homo sapiens até o 1º milenio da era común.[1]

Humanos primitivos (antes do Homo sapiens) editar

Os primeiros membros do xénero Homo, como o Homo ergaster, o Homo erectus e o Homo heidelbergensis emigraron desde África durante o Plistoceno Inferior, posibelmente como resultado da denominada bomba do Sáhara, hai 1,9 millóns de anos, dispersándose a través do Vello Mundo, e chegando na súa emigración tan lonxe como para alcanzar Asia Suroriental. A data da dispersión primeira fóra de África vén coincidir virtualmente coa aparición do Homo ergaster nos rexistros fósiles, e está asociado coa aparición do bipedismo integral, só medio millón de anos despois da aparición do xénero Homo mesmo e das evidencias de instrumentos de pedra atopados, o que se coñece como industria de Oldoway.

Asentamentos clave que mostran os pasos desta temperá emigración fóra de África son Riwat en Paquistán (1,9 millóns de anos), Ubeidiya en Oriente Próximo (1,5 millóns de anos) e Dmanisi no Cáucaso (1,7 millóns de anos).

China foi poboada hai máis de 1 millón de anos,[2] hai 1,66 millóns de anos, consonte datas baseadas en artefactos de pedra atopados na conca do Nihewan.[3] Artefactos de pedra atopados no sitio de Xiaochangliang foron datados en 1,36 millóns atrás.[4]

Asia Suroriental (Xava) foi alcanzada sobre 1,7 millóns de anos atrás (Meganthropus).

Europa foi poboada desde hai uns 1,2 millóns de anos (Atapuerca).[5]

Bruce Bower suxeríu que o Homo erectus puido construír balsas e navegar polos océanos, unha teoría que naceu con controversia.[6]

Debe, por outra banda, notarse que Homo non foi o primeiro homínido que colonizou Asia, pois os pónxidos chegaron até Asia Suroriental hai uns 15 millóns de anos.

Migracións do Homo sapiens editar

Interior de África editar

O antepasado máis recente por vía matrilineal compartido por todos os seres humanos viventes, bautizado como a Eva mitocondrial, probabelmente viviu, grosso modo, entre 120.000 e 150.000 anos atrás, época na que viviu o denominado Homo sapiens idaltu, e moraría en África Oriental. Hai entre 100.000 e 80.000 anos, tres das liñas do Homo sapiens sapiens diferenciáronse: os portadores do haplogrupo mitocondrial L1 (mtDNA) / A (Y-DNA) colonizaron o sur de África (os antepasados dos pobos Khoisan ou Capoides); os portadores do haplogrupo L2 (mtDNA) / B (Y-DNA) asentáronse en África Central e Occidental (antepasados dos pobos falantes de idiomas Níxer-Congo e Nilo-Saharianos e tamén foron antecesores dos pigmeos ou Mbuti), mentres que os portadores do haplogrupo L3 permaneceron en África Oriental.

Saída de África editar

 
O estreito de Bab el-Mandeb entre o Mar Vermello e o Golfo de Aden

De acordo con hipótese da orixe africana un pequeno grupo de portadores do haplogrupo L3, que vivirían na África Oriental emigraron cara ao nordeste, posibelmente en busca de alimento ou ben escapando de cambios climáticos[7], cruzaron o Mar Vermello entre hai 125,000 e 60,000 anos[8][9], e no proceso acabarían por poboar o resto do mundo.

Arredor de hai uns 50.000 anos o mundo estaba a entrar na última idade do xeo coñecida e o nivel do mar estaba moito máis baixo, con parte da hidrosfera atrapada en extensas capas polares. Hoxe no estreito de Bab el-Mandeb, entre o Mar Vermello e o Golfo de Aden, a distancia entre as beiras de África e da península de Arabia é duns 20 km de ancho, pero hai 50.000 anos a distancia era moito menor e o nivel das augas mariñas era sobre 70 m máis baixo. Aínda que os estreitos non estiveron nunca completamente pechados, podía haber illas (hainas aínda hoxe) a través das cales podían apoiarse para navegar usando balsas sinxelas. Restos de cunchas de hai 125.000 anos foron achados en Eritrea, indicando que na dieta destes primeiros humanos o alimento mariño obtíñase engazando as praias. Isto cóidase que pode ser unha evidencia de que os humanos puideron cruzar o Mar Vermello en busca de novas fontes de alimento accesíbeis en praias deshabitadas.

Asia Suroriental e Australia editar

Algunhas evidencias xenéticas apuntan a que as emigracións desde África tiveron lugar a través de dúas rutas. Porén, outros estudos insinúan que só tivo lugar unha ruta migratoria, pero seguida dunha rápida migración, cara ao norte, dunha parte do grupo. Xa en Asia Occidental, as xentes que permaneceron no sur (ou ben que colleron a ruta do sur) expandíronse xeración a xeración bordeando a costa de Arabia e Persia até que alcanzaron a India. Un dos grupos que se dirixiran ao norte aventurouse no interior do continente[10], espallándose até Europa e puideron mesmo desprazaren os neandertais. Outros espalláronse desde a India a Asia Central. O grupo primixenio moveuse ao longo da costa suroriental de Asia, alcanzando Australia entre 55.000 e 30.000 anos atrás, aínda que unha maioría dos investigadores opinan que non sucedeu até un período comprendido entre 46.000 e 41.000 anos atrás.

 
O mapa mostra as terras emerxidas durante o maximum da última glaciación en Asia Suroriental

Durante esa época os niveis das augas mariñas eran moito máis baixos e o extremo da Asia Suroriental era unha masa de terra coñecido como o "continente perdido" de Sonda. Os pioneiros puideron continuar movéndose a través da ruta costeira suroriental até alcanzar a canle entre Sonda e Sahul (a masa continental que actualmente comprende Australia e Nova Guinea), esa canle chamámola hoxe Liña de Wallace. O canal tiña un ancho dun 90 km, polo que suxire que os colonizadores deberon ter coñecementos de navegación marítima para poder alcanzar Sahul (ou o que é o mesmo, Australia).

Se as datacións xenéticas son correctas, significaría que Australia foi poboada uns 10.000 anos antes que Europa. Iso é posíbel porque os grupos humanos evitaban, se podían, as rexións frías decatándose polas zonas tropicais ás que estaban mellor adaptados tendo en conta as condicións do primitivo territorio africano do que partiran. Outra testemuña que pode ser argumentada en favor da primacía do poboamento australiano é a de que todos os grandes mamíferos de Australia, que pesaban máis de 100 kg, desapareceron subitamente arredor de hai 46.000 anos. Os novos colonos son sospeitosos de estar detrás desta extinción. Moitos animais puideron estar afeitos a vivir sen predadores e tornábanse vulnerábeis e dóciles ante os ataques (algo similar ocorreu algo máis tarde en América).

Mentres algúns grupos cruzaron o mar até Australia, outros puideron continuar bordeando o litoral de Sonda até, nun momento dado, encamiñarse para o nordeste cara a China e, finalmente, até Xapón, non se deixar atrás unha cadea de asentamentos. Esta emigración costeira deixou as súas trazas nos haplogrupos mitocondriais que proceden do haplogrupo M e nos cromosoma Y haplogruop C. Ademais talvez sexa necesario aventurar a posibilidade de que os humanos modernos entrasen en contacto con humanoides arcaicos tales como o erectus. Recentes estudos xenéticos insinúan que Australia e Nova Guinea foron poboados por nunha única emigración desde Asia, en vez de en varias ondas. A ponte de terra que unía Nova Guinea con Australia ficou mergullado hai aproximadamente 8.000 anos, o que illou as respectivas poboacións de ambos os dous territorios[11][12].

Europa editar

Cóidase que Europa foi colonizada polos nordeste a través de inmigrantes procedentes de Asia Central e Oriente Próximo. A expansión debeu comezar hai uns 45.000 anos e puidéronse tardar até 15.000 anos para colonizar toda Europa completamente.[13] Durante este tempo os neandertais foron desprazados de vagar. Como se tardou tanto en controlar o territorio europeo, semella que os humanos modernos e os neandertalienses puideron competir constantemente polo espazo. Os neandertais eran máis robustos e posuían unha constitución máis pesada que suxire que aparentemente eran máis fortes que o moderno Homo sapiens. Logo de vivir en Europa desde había máis de 200.000 anos terían que estar mellor adaptados ao clima frío imperante. Os anatomicamente humanos modernos, correntemente designados como Cro-Magnones, posuían en tanto unha tecnoloxía e linguaxe superiores que facilitarían finalmente o desprazamento terminante dos neandertais, cuxo último refuxio parece que estivo situado no extremo sur da Península Ibérica. A última poboación coñecida viviu arredor dun sistema de cavernas, destacando a Cova de Gorham, nas costas de Xibraltar, entre 30.000 e 24.000 anos atrás[14].

A hipótese de que os actuais europeos descendesen, en parte, dos antigos neandertais, cruzados cos humanos modernos foi sostido no pasado. En 1997, os investigadores extraeron ADN mitocondrial de especímens neandertais cunha antigüidade de 40.000 anos para analizalo. Comparado con ADN dos humanos modernos, a secuenciación mostrou que diferían de xeito significativo, mostrando que o ADN dos homes modernos non procede de neandertalenses e mesmo indica que non existiu hibridación entre ambas as dúas especies.[15]. Porén continuouse a investigar posíbeis trazas de ADN neandertalense que puidesen probar unha mestura interracial. Uns poucos alelos de xenes autosómicos, como o alelo H2 do xene MAPT, insinuouse como hipotética proba, dado que só se encontra entre xentes europeas; porén a ausencia de ADN autosómico de neandertais, levou aos científicos a concluíren que aquela hipótese era totalmente especulativa [16].

Ademais certos arqueólogos dubidan de que os neandertais e o homo sapiens puidesen ter descendencia común. Aducen que os neandertalenses e os humanos modernos compartiron o mesmo hábitat durante máis de 20.000 anos, pero que non se teñen atopado nunca esqueletos fósiles que mostren características intermedias entre ambos dous homínidos[17].

Asia Central e Setentrional editar

Haplogrupos mitocondriais A, B e máis G orixinados hai uns 50.000 anos atrás, foron levados por portadores que, posteriormente, colonizaran Siberia, Corea e Xapón arredor de hai 35.0000 anos. Parte desas poboacións emigrarían máis tarde a América do Norte.

América editar

 
Berinxia

O continente americano foi ocupado por sapiens asiáticos que cruzaron desde Siberia a Alasca. Na época, os niveis do mar eran máis baixos e unha ponte de terra, Berinxia, conectaba América do Norte con Eurasia. Pénsase que utilizaron unha ruta meridional, que debía ter un clima máis cálido.

Hai disputa abondo sobre cando foi colonizada América e cantas vagas migratorios houbo. Achados controvertidos efectuados en Chile, en Monte Verde, poden indicar unha presenza humana nunha data tan ceda como 33.000 anos atrás. Porén, a máis antiga evidencia indiscutíbel de presenza humana en América son os achados ligados á cultura Clovis, que están datados arredor duns 11.000 anos atrás. O descubrimento das puntas Clovis indica que os primeiros colonizadores cazaban grandes animais. Xusto pola mesma época da chegada dos posuidores da cultura Clovis, moitos grandes animais, como os mamuts extinguíronse (e como en Australia, quizais debido á caza).

O lingüista Joseph Greenberg, en 1987, fixo unha controvertida clasificación das linguas americanas en só tres grandes macrofamilias: esquimó-aleutianas, faladas polos pobos inuit; na-dené, macrofamilia que comprende 32 idiomas falados só en América do Norte por pobos como os apaches, navajos e outras tribos de Alasca e do Canadá; e, por último, a macrofamilia das amerindias, que abrangue máis de 600 linguas faladas ao longo de toda América. Greenberg sostivo que esas tres familias lingüísticas representan tres inmigracións separadas que ocuparon as Américas en orde de chegada (a orde sería inversa a como aquí se expuxeron, é dicir, os inuit foron os últimos en chegar e os "amerindios" os primeiros).

O Ártico editar

As investigacións arqueolóxicas demostran a presenza no Ártico de sapiens anteriores aos inuit ou esquimós. Os restos máis antigos corresponden á cultura Saqqa, con asentamentos coñecidos en Groenlandia, datados desde hai 4.500 atrás (2500 a.C) e que se mantén até 2.800 anos atrás, cando é desprazada pola cultura Dorset. Os Saqqa conviviron no tempo con outras dúas culturas, denominadas Independence I e Independence II. Todas, conxuntamente, son ás veces denominadas culturas Pre-Dorset. Análises xenéticas realizadas, mostran que os saqqa, non tiñan que ver cos inuit, e si cos chukchis siberianos actuais.[18]

A chegada das xentes pertencentes a unha nova cultura, a Dorset, arredor de 800 a.C (hai uns 2.800 anos a contar desde o presente) acurralou aos Saqqa. Cara ao 300 da nosa era ocupaban xa Groenlandia, e, con seguranza, no século X foi o pobo que se veu cos viquingos na grande illa; subsistirían alí até 1300 aproximadamente. O pobo Dorset semella que estaba relacionado xeneticamente cos aleutianos, tamén moradores actuais en Siberia. Os inuit entraron en Alasca e o Canadá no primeiro milenio. Xeneticamente diferentes mantiveron contactos e intercambios culturais con eles, até que dotados de tecnoloxía superior, os foron desprazando e ocupando todo o seu territorio, incluída Groenlandia. Un prerrequisito para o éxito no Ártico era ter lámpadas de graxa, que seguramente se herdaron dos artefactos do Paleolítico Superior[19].

O océano Pacífico editar

Como xa quedou indicado arriba, Australia e Nova Guinea foron poboadas antes que Europa mesmo. O poboamento de Austronesia e Polinesia sábese xa hai anos que foi efectuado en boa parte antes do cambio de Era.[20]. Demostrado o parentesco entre as linguas do Pacífico, que figuran na macrofamilia austronesia, os filólogos buscaron o posíbel punto de partida dos emigrantes, que atoparon na illa de Taiwán, que parece conter 9/10 partes das fontes lingüísticas dos idiomas[21] De acordo con datos lingüísticos e arqueolóxicos dispoñíbeis, arredor de hai 10.000 a 6.000 anos a.C, grupos de poboacións pre-austronésicas, que vivían no continente asiático, trasladáronse para a illa de Formosa. Entre 5000 e 2500 anos a.C., comezou a saír da illa unha emigración en grande escala. Cara a 2300 a.C. estaban en Luzón (illa ao norte das Filipinas actuais); arredor de 1500 a.C., colonizaran o resto de Filipinas e máis Sulawesi (antiga Célebes), Borneo, Xava e as Molucas. Partindo das Molucas, os "argonautas do Pacífico" como se teñen cualificado con xustiza, pasaron a Melanesia arredor de 1200 a.C., e atinxiron as illas de Micronesia no 500 d.C. (na mesma época outros grupos dirixíranse cara a Vietnam, identificándose os seus descendentes cos champa actuais), así ca. 400 d.C. arribaron as Hawai e a Pascua, que se poden considerar como os destinos insulares máis remotos no Pacífico a contar desde Asia. Nova Zelandia, porén, foi descuberta máis tarde: ca. 800 d.C. Estas datas non supoñen o fin dos movementos emigratorios e das navegacións. Así, Hawai recibiu unha segunda onda de visitantes no século XI que procedían de Raiatea e Bora-Bora, e aínda que dimos para Pascua unha data de 400 d.C., datacións por C-14 sinalan a chegada dos colonizadores, procedentes de Hawai, arredor de 1200 d.C. Movéndose noutra dirección, navegantes orixinarios de Sulawesi e Borneo, chegaron e colonizaron a illa de Madagascar, fronte as costas orientais de África, sobre o ano 200 d.C.[22].

Porén, os datos obtidos por análise xenética non concordan totalmente cos sinalados polos lingüistas. A teor deles, conclúese que no poboamento da rexión de Asia Suroriental (comprendidas as illas Filipinas e o conxunto de illas que denominamos Indonesia) o elemento de poboación indíxena seguiu a ser dominante; é dicir os humanos sapiens chegados arredor de 50.000 anos atrás, na onda provocada pola grande expansión desde África. Isto tamén valía para Nova Guinea. Na colonización, xa máis a oriente, de Melanesia, o fondo xenético da poboación era de poboacións preneolíticas, segundo o dominio 93% dos haplotipos de cromosomas Y desa procedencia (nun 51% mostraban que a procedencia era das illas de Asia Suroriental). Polo tanto, o estrato cultural que se superpuxo en Melanesia era, sen dúbida austronésico, pero non o eran as poboacións[23]. En canto a Polinesia observábase a asociación dos haplogrupos dominantes (C,F e I) con Melanesia en primeiro lugar e, en segundo, con Asia Suroriental e China continental. A análise do haplogrupo C, revelaba que a distancia cronolóxica con relación ao centro de dispersión inicial situaba esta en arredor de 3.100 anos atrás ou 1.100 a.C. Outras análises indicaban relacións diversas de predominio de centros diferentes todos sinalados, pero a de microsatélites autosómicos e a de mtADN indicaban mesmo relacións con Australia. Pero como nos casos anteriores, o resumo da análise xenética para Polinesia seguía a mostrar que a colonización das illas do Pacífico foi cultural e lingüisticamente unha empresa austronésica, pero non en canto a identificación de poboación.[24]

Notas editar

  1. Mais a emigración cara o Pacífico puido iniciarse hai 6.000 anos a contar desde o presente, cf. o artigo Austronesian languages na Wikipedia en inglés; porén, no artigo de cronoloxía, en francés, -2000, sinala esta data como a de saída dos primeiros emigrantes oceánicos desde Taiwán. Ao respecto dos inuit, cómpre lembrar que as culturas paleoesquimós, que chegan alcanzar mesmo Groenlandia, son moi anteriores ao cambio de Era.
  2. Rixiang Zhu, Zhisheng An, Richard Pott, Kenneth A. Hoffman, Magnetostratigraphic dating of early humans in China, in Earth Science Reviews, vol. 61, num. 3-4, June, 2003, páxs. 191–361: format=PDF Arquivado 24 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
  3. Cfr. R. Zhu et alii (2004), New evidence on the earliest human presence at high northern latitudes in northeast Asia
  4. Earliest Presence of Humans in Northeast Asia. Smithsonian Institute Arquivado 13 de agosto de 2007 en Wayback Machine., accessdate:2007-08-04, cfr. The archaeological site of Xihoudu in Shanxi Province is the earliest recorded of use of fire by Homo erectus, which is dated 1.27 million years ago, cfr "MagnetostratigraphicDating" in above note
  5. "'Fossil find is oldest European yet'". Nature News. 2008-03-26. 
  6. Bednarik, R.G., Seafaring in the Pleistocene, Cambridge Archaeological Journal 13 (2003), 41-66.[1] Arquivado 22 de abril de 2008 en Wayback Machine.
  7. Recentes estudos negan que houbese graves cambios climáticos durante o período, e colocan a énfase en cambios culturais decisivos, especialmente evidencias dun desenvolvemento de linguaxes simbólicas, que serían as que, en parte, impulsarían a explorar novas terras, cfr. Zenobia Jacobs et alii, Ages for the Middle Stone Age of Southern Africa: Implication for Human Behavior and Dispersal, in Science, 31 outubro 2008. Un resumo, en español, dese artigo pode lerse no xornal "El País", Madrid, 31 outubro 2008, páx. 38.
  8. McBride B, Haviland WE, Prins HEL, Walrath D (2009). The Essence of Anthropology. Belmont, CA: Wadsworth Publishing. p. 90. ISBN 978-0-495-59981-4. 
  9. Reid GBR, Hetherington R (2010). The climate connection: climate change and modern human evolution. Cambridge, UK: Cambridge University Press. p. 64. ISBN 0-521-14723-9. 
  10. [hhttp://www.biomedcentral.com/1471-2156/2/13/ 'Major genomic mitochondrial lineages delineate early human expansionst'], 31-08-2001, in BMC Genetics 2001
  11. Revealing the prehistoric settlement of Australia by Y chromosome and mtDNA analysis
  12. From DNA Analysis, Clues to a Single Australian Migration
  13. Modern Humans Did Not Admix with Neanderthals during Their Range Expansion into Europe e Major genomic mitochondrial lineages delineate early human expansions
  14. Datacións recentes, no ano 2006, sinalan restos de neandertais e a súa cultura musteriana, hai 24.000 anos atrás na Cova de Gorham, en Xibraltar; serían os "últimos" representantes do seu xénero, cfr. p. ex. (en castelán) [2], tamén, con declaracións do arqueólogo Francisco Giles, (en castelán) [3]
  15. Kate Ravilious. Aborigines, Europeans Share African Roots, DNA Suggests. National Geographic News. May 7, 2007.
  16. Evidence suggesting that Homo neanderthalensis contributed the H2 MAPT haplotype to Homo sapiens
  17. Extinct Hominids page 207-209 ISBN 0-8133-3918-9
  18. Consúltese o artigo da Wikipedia en francés, "Culture de Saqqa".
  19. Sobre as culturas históricas do Árctico pode consultarse a excelente web ad hoc do Museo Nacional de Dinamarca[Ligazón morta] (en inglés).
  20. Nun libro publicado en 1965, o antropólogo Carleton S. Coon, expuña o estado da cuestión na época, e indicaba a orixe dos colonizadores das illas do Pacífico no sur da China entre poboacións neolíticas de hai 4.000 anos atrás; Coon fornecía datas C-14 para illas determinadas, que mostraban a grande antigüidade dos desprazamentos: -847 para Nova Caledonia, -1000 para Nova Zelandia ou -124 para Hawai, cfr. Las razas humanas actuales. Madrid. Ed. Guadarrama. 1969 (The Living Races of Man, N. York, 1965)
  21. Cfr. Robert Blust, Subgrouping, circularity and extinction: some issues in Austronesian comparative linguistics, in E. Zeitoun e P.J.K. Li (ed.), Selected Papers from the Eighth International Conference on Austronesian Linguistics. Taipei. Academia Sinica. 1999, páxs. 31-94)
  22. Os datos da expansión polo Pacífico poden verse no artigo "Austronesian people", da Wikipedia en inglés.
  23. Cfr. páx. 439 in Cristian Capelli et alii, A Predominantly Indigenous Paternal Heritage for the Austronesian speaking Peoples of Insular Southeast Asia and Oceania, in American Journal of Human Genetics, 68, 2001, páxs. 432-443, que se pode consultar no enderezo: [4] Arquivado 19 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.
  24. Cristian Capelli et aliie, op.cit., páx. 440.