Michele Angiolillo

xornalista italiano

Michele Angiolillo Lombardi, nado en Foggia, na rexión de Puglia, Italia, o 5 de xuño de 1871, e finado en Bergara, no País Vasco, o 20 de agosto de 1897, foi un xornalista e anarquista italiano, coñecido por asasinar o Presidente do Consello de Ministros de España Antonio Cánovas del Castilllo.

Michele Angiolillo
Retrato de Michele Angiolillo.
Nacemento5 de xuño de 1871
Lugar de nacementoFoggia
Falecemento19 de agosto de 1897
Lugar de falecementoBergara
Causagarrote
NacionalidadeReino de Italia
Ocupaciónxornalista
editar datos en Wikidata ]

Contexto editar

O 7 de xuño de 1896 houbo un atentado terrorista en Barcelona, de autoría presumiblemente anarquista[1][2][3]. Alguén lanzou unha bomba sobre o público que asistía ao paso da procesión do Corpus, que, segundo o xornal La Vanguardia, causou a morte de doce persoas e feridas a varias decenas.[4] Con todo, existen discrepancias sobre o número de persoas falecidas. Este atentado terrorista tiña como antecedentes a bomba lanzada polo anarquista Paulino Pallàs contra o capitán xeneral de Cataluña, Martínez Campos, a cal matou o garda civil Jaime Tous, e o atentado do Liceu, no que morreron 22 persoas e outras 35 resultaron feridas.[5]

Os ataques terroristas contra a poboación civil espertaron unha crecente indignación social que esixía unha firme resposta represora contra anarquistas, socialistas e revolucionarios.[6] Preto de catrocentas persoas consideradas revolucionarias ou subversivas foron encarceradas no castelo de Montjuïc. Destas, 87 foron levadas a xuízo por causar a morte a 12 persoas e lesións a 35. O fiscal solicitou 28 penas de morte e 59 cadeas perpetuas, aínda que finalmente só foron executados cinco acusados e impuxéronse varias cadeas perpetuas.[6][7] Outros imputados, aínda que absolvidos polo tribunal, foron deportados a Río de Oro por orde do Goberno de Cánovas del Castilllo. O proceso levouno a cabo por un tribunal militar e, malia sucederse nel graves irregularidades, o Goberno non admitiu as acusacións de tortura denunciadas por presos e os seus familiares, e motivo de axitación e propaganda por parte de certos sectores.

O asasinato de Cánovas editar

 
Debuxo da época, que reconstrúe o asasinato de Cánovas.
 
Ilustración de Le Petit Journal que amosa unha escena do xuízo de Angiolillo.
 
Fotografía da execución de Michele Angiolillo, na prisión vasca de Bergara.

Algúns historiadores e a propia confesión do anarquista italiano Angiolillo antes de ser executado suxiren que as torturas denunciadas e as condenas excesivas impostas a militantes anarquistas foron a razón que o moveu a embarcar desde París a España a través de Londres para matar o Presidente do Goberno de entón, Antonio Cánovas del Castillo. Aparentemente, Angiolillo tiña intencións de asasinar, polo menos, un membro da familia real española, a raíña rexente ou ao seu fillo de once anos, pero foi persuadido polo revolucionario portorriqueño Ramón Emeterio Betances para non o facer porque sería contraproducente[8] e para atentar contra Cánovas. Existe algunha evidencia de que Betances tramitou o paso libre de Angiolillo a España mediante o uso dunha identidade falsa, e mesmo se especula que chegou a financiar a súa viaxe cunha cantidade de mil francos.[9]

Con todo, Angiolillo tiña vínculos con círculos de independentistas cubanos exiliados en Londres, que tamén poderían financiar o atentado. A política de Cánovas de "ata o derradeiro home e ata a derradeira peseta" causara daquela medio millón de mortos en Cuba. En todo caso, cando Angiolillo chegou a París proveniente de Londres, xa estaba na rede dos independentistas antillanos.[10]

Angiolillo chegou a Madrid pouco despois da súa reunión con Betances, na procura do paradoiro do primeiro ministro. Este atopábase de vacacións na estación termal de Santa Águeda, en Mondragón, Guipúscoa. A primeiros de agosto, Angiolillo tomou o tren na estación do Norte de Madrid e apeouse na vila de Zumarraga. Alí tomou un carro que o conduciu ao balneario de Santa Águeda. Presentouse co alcume de Emilio Rinaldi, contable e correspondente do xornal italiano Il Popolo. Poucos días despois, o 8 de agosto de 1897, matou a Cánovas del Castillo de tres tiros, mentres este lía un xornal.

Angiolillo foi detido inmediatamente, xulgado e executado axiña mediante garrote vil o 20 de aosto dese mesmo ano. A execución levouna a cabo Gregorio Mayoral Sendino na cadea de Bergara (actual gaztetxe ou Casa da Xuventude).[11][12]


Notas editar

  1. A autoría directa do atentado é discutida. Consonte o xulgado no Proceso de Montjuïc, os autores materiais foron os anarquistas Ascheri, Nogués, Molas, Mas e Joan Alsina, polo que foron condenados a morte. Porén, algúns anos máis tarde, destacados anarquistas como Charles Malato e Luis Bonafoux aseguraron que o autor foi o anarquista Girault.
  2. Avilés Farré (2006), p. 83.
  3. Romero Maura (2000), p. 16.
  4. Diario La Vanguardia, Barcelona. 8-19/VI/1896
  5. Avilés Farré, 2002 & na páxina 107, menciona seis persoas mortas e 45 feridas.
  6. 6,0 6,1 Avilés Farré, Elizalde Pérez-Grueso & Sueiro Seoane (2002), p. 107.
  7. Avilés Farré & Herrerín López (2008), p. 128.
  8. Ramos Pérez (1997), p. 253.
  9. Ojeda Reyes (2001), pp. 356-359.
  10. Cervera, César. La peligrosa incógnita del asesinato de Cánovas del Castillo por un anarquista italiano. ABC Historia. 8 de febreiro de 2015.Neste artigo danse claves sobre a posible axuda recibida por Michele Angiolillo por parte dos independentistas cubanos ou do Goberno dos Estados Unidos.
  11. Angiolillo died brevely. En The New York Times. 21 de agosto de 1897.
  12. Michele Angiolillo. En CNT Gipuzkoa. 2005.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Avilés Farré, Juan; Elizalde Pérez-Grueso, María Dolores; Sueiro Seoane, Susana (2002). Historia política de España, 1875-1939 (en castelán). Madrid: Istmo. ISBN 84-7090-320-9. 
  • Avilés Farré, Juan (2006). Francisco Ferrer y Guardia: pedagogo, anarquista y mártir (en castelán). Madrid: Marcial Pons Historia. ISBN 8496467198. 
  • Avilés Farré, Juan; Herrerín López, Ángel, eds. (2008). El nacimiento del terrorismo en Occidente anarquía, nihilismo y violencia revolucionaria (en castelán). Madrid: Siglo XXI. ISBN 978-84-323-1310-3. 
  • Gualano, Michele (2004). Angiolillo Anarchico. Colección: Il tempo e la memoria (en italiano). Foggia: Edizioni Il Castello. ISBN 888802123X. 
  • Gualano, Michele (2004). Questionario per il destino. Storia di un anarchico giustiziere. Colección: La nostra storia (en italiano). Foggia: Edizioni Il Castello. ISBN 9788865721001. 
  • Ojeda Reyes, Félix (2001). El desterrado de París: biografía del Dr. Ramón Emeterio Betances (1827-1898) (en castelán). San Juan (Porto rico): Puerto. ISBN 978-0942347487. 
  • Ramos Pérez, Demetrio (1997). "El "Sólido Núcleo" de Betances en París y el asesinato de Cánovas". Boletín de la Real Academia de la Historia (en castelán) 194 (2): 239–254. ISSN 0034-0626. 
  • Romero Maura, Joaquín (2000). La romana del diablo: ensayos sobre la violencia política en España, 1900-1950 (en castelán). Madrid: Marcial Pons Historia. ISBN 9788495379177. 
  • Tamburini, Francesco (1996). "Michele Angiolillo e l'assassinio di Canovas del Castillo". Spagna contemporanea (en italiano) (Alessandria: Istituto di studi storici "Gaetano Salvemini") 4 (9): 101–130. ISSN 1121-7480. 
  • Tamburini, Francesco (1997). "Michele Angiolillo, el anarquista que asasinó a Cánovas del Castillo". Historia 16. 
  • Tamburini: "Betances, los mambises italianos y Michele Angiolillo", en Pasión por la libertad. Actas do coloquio internacional “El independentismo puertorriqueño de Betances a nuestros días”. San Juan, Porto Rico, 2000.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar