O metatarso é o conxunto de ósos situados na parte central do pé entre as dedas e o tarso, que se compón de cinco ósos metatarsianos (ossa metatarsalia), que se numeran desde a cara medial (interna) do pé, de modo que o primeiro é o que se continúa coas falanxes da deda gorda.

Ósos do pé, vista lateral.
Vista dorsal do pé co metatarso en amarelo.
O metatarso está situado entre o tarso e as falanxes das dedas.

Os metatarsianos son uns ósos longos formados por un corpo prismático triangular con tres caras, a superior e dúas laterais, e dous extremos, anterior e posterior, este último con cinco caras, das cales tres son articulares (excepto o 1º e o 5º, que só teñen dúas). Entre eles están situados os músculos interóseos. Nos metatarsianos insírense diversos ligamentos e tendóns musculares.

O primeiro metatarsiano é máis curto e robusto ca os demais. O segundo é o máis longo. Cada metatarsiano posúe unha base proximal, un corpo e unha cabeza distal. A base de cada metatarsiano é o extremo proximal de maior tamaño, que, segundo os casos, se articulan coas cuñas e o cuboide. As cabezas articúlanse coas falanxes do pé proximais. Os metatarsianos mostran unha lixeira torsión do seu eixe.

Articúlanse polo extremo posterior uns con outros e con ósos do tarso: o 1º coa 1ª cuña; o 2º coa 2ª cuña; o 3º coa 3ª cuña, e o 4º e 5º co cuboide. Polo extremo anterior articúlanse coas falanxes das dedas.[1]

Metatarsianos, ósos do metatarso editar

Primeiro metatarsiano editar

É voluminoso e máis curto ca os demais. A súa base presenta unha superficie articular semilunar, cóncava e de eixe maior vertical, e dúas eminencias, unha medial e outra lateral. A eminencia medial chámase tubérculo medial, sitúase na beira posterior medial deste óso. A eminencia lateral denomínase tuberosidade do primeiro metatarsiano (con insercións tendinosas para o músculo tibial anterior e parte do peroneo longo), é máis saínte ca a anterior. O primeiro metatarsiano ten ósos sesamoides. Nel insírense os ligamentos que o unen á cuña e ao segundo metatarsiano.[2]

Segundo metatarsiano editar

Presenta unha cara articular pegada á superficie articular. Prolóngase por atrás entre as tres cuñas. Presenta catro superficies articulares na base.

Terceiro metatarsiano editar

É máis curto ca o segundo. Na base só se articula coa 3ª cuña e os dous metatarsianos veciños.

Cuarto metatarsiano editar

É o que segue ao terceiro metatarsiano. pola base articúlase co cuboide, 3ª cuña e os dous metatarsianos veciños.

Quinto metatarsiano editar

É o máis externo (lateral). Articúlase pola base co cuboide e o 4º metatarsiano. Ten unha tuberosidade que se proxecta cara a atrás e onde se insire o músculo peroneo curto.

Lesións editar

As fracturas de metatarso son frecuentes nos deportes, especialmente no fútbol. As fracturas de tensión son frecuentes na preparación e práctica deportiva e nas marchas militares. O 2º e 3º metatarsianos están fixados cando se camiña, polo que son lugares comúns de lesións. O 5º metatarsiano pode fracturarse se o pé é sobresupinado durante a locomoción.[3]

Xogadores de fútbol con lesións de metatarsianos foron David Beckham (por unha entrada de Aldo Dusher daquela no Deportivo da Coruña), Wayne Rooney, Steven Gerrard, Roy Keane, Xabi Alonso e Michael Owen, entre outros. Algúns destes casos foron atribuídos ao novo deseño máis lixeiro das botas de fútbol, que dá menor protección, polo que se están a probar novos deseños.[4][5]

Notas editar

  1. F. Orts Llorca. Anatomía Humana. Tomo I. 6ª edición. Editorial científico médica. Páxinas 424-425. ISBN 84-224-0410-9.
  2. Cunninham Tratado de Anatomía. G. J. Romanes. Interamericana- Mc. Graw Hill. (1987). Páxinas 213-214. ISBN 84-7605-359-2.
  3. Perron, Andrew D. (2005-11-23). "Metatarsal Stress Fracture". Consultado o 2007-09-13. 
  4. Bill, Mills (11 December 2010). "Sock boffs may have cured metatarsal woes for Rooney and Co.". www.mirrorfootball.co.uk. Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2010. Consultado o 12 December 2010. 
  5. The Metatarsal, Soccerlens, 2008-07-28. Retrieved: 2010-07-02.