Denomínase metátese ao metaplasmo fonolóxico (ou fonético) que consiste no cambio de lugar de fonemas (ou sons) dentro da palabra, atraídos ou repelidos por outros.

Tipos editar

Distínguense os seguintes tipos de metáteses:

  • Segundo o número de sons implicados:
    • metátese recíproca: Cando dous sons intercambian o seu lugar (parabola > palabra).
    • metátese sinxela ou simple: Se só un o son cambia de posto no seo da palabra (integrar > entregar, crepare > quebrar).
  • Segundo a distancia entre as posicións inicial e final:
    • metátese de contacto: Os sons que metatizan están contiguos (Area > *aria > aira > eira).
    • metátese a distancia: Oposto do anterior (ruga > engurra).

Metáteses no galego editar

O fonema máis susceptible de padecer metátese en galego é o da consoante vibrante, que no desprazamento pode pasar de múltiple [r] a simple [ɾ], ou viceversa.

O verbo entregar provén de INTEGRĀRE. Igualmente, de íntegro (palabra da cal deriva enteiro), proceden entrego e antergo, adxectivos aplicados a unha persoa adulta, no sentido de que ten desenvolvidas as súas capacidades físicas e psíquicas. Antergo foi trocando o matiz de plenitude polo de idade avanzada, achegándose semánticamente a ancián e modernamente vense empregando con bastante frecuencia como sinónimo de devanceiro, quizais por paronomasia coa palabra antigo[1].

A preposición sobre procede do latino SUPER, que tamén deu en galego a forma sen metátese sobor, non normativa.

A palabra prebe, sinónima de mollo ou salsa de calquera tipo, provén de PIPER (pemento; en catalán pebre), pois orixinalmente designaba como sinécdoque o líquido dos guisos, nos que o pemento é un ingrediente fundamental.

Perto é unha variante dialectal moi espallada do adverbio preto[2], e é a forma exclusiva do portugués. Ao igual que aperta e apertar é resultado da metátase no latino APPRETTARE < APPECTORĀRE. Outro caso de metátese de contacto é britar[3], un verbo antigo que deu birtar e o moderno birta[4], substantivo que mantén a noción de 'romper'.

No campo léxico da fauna hai metátese en aiga (< aguia), caranguexo (cang(a)rexo < cancer+exo) e melro (< merlo). Pola súa banda, crocodilo (< CROCODĪLUS) dise cocodrilo en castelán, cocodril en catalán e occitano, coccodrillo en italiano e cocodrillu en sardo; e morcego (< MUR CAECULŪS) en castelán é murciélago.

Vulgarismos editar

O topónimo Proba é a realización metatética da forma parella Pobra; ambas son derivados regresivos do verbo *pobrar (poboar), do latino POPULĀRE. É o mesmo proceso que se deu no vulgarismo probe < pobre < PAUPER, tamén con sonorización da consoante oclusiva.

As metáteses son frecuentes no galego popularizante en que escribiron os autores do Rexurdimento. Son reflexo da fala real naquela altura, e non diferencialismos deliberados, termos como frol ou cadavre. Algúns deles mantiveron a súa vixencia en canto non se consolidou a lingua estándar (cicais < quizais) e outros perduran na actualidade con distintos graos de corrección segundo o dicionario consultado, como chata[5] (tacha < TACCA) ou treba (tebra < TE(NE)BRA), que, grafado con uve, é a forma estándar en portugués e que en galego deu orixe a trebón e treboada.

Outras formas mantéñense na fala dialectal con significados específicos, como freba (de febra), que designa a carne do lombo do porco que se consome fresca, pouco logo de feita a mata.

Antroponimia popular editar

A metátese é característica dalgúns nomes anosados ou familiares como Madanela (de Madalena < Magdalena), Ádega (de Águeda), Outelo (de Eleuterio), Trega (< Tegra < Tecla), Trocado (< Torcuato < Torquatus) ou Calros (por Carlos).

Notas editar

  1. "Antergo en RAG". Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2019. Consultado o 23 de marzo de 2021. 
  2. "Galego Correcto: Perto e Preto" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2020. Consultado o 2021-03-23. 
  3. "Universo Cantigas". www.universocantigas.gal. Consultado o 2021-03-23. 
  4. "birta". DIGALEGO. Consultado o 2021-03-23. 
  5. "chata". DIGALEGO. Consultado o 2021-03-23. 

Véxase tamén editar