Unha mentira é unha declaración realizada por alguén que sabe, cre ou sospeita que é falsa en todo ou en parte, esperando que os oíntes o crean, de forma que se oculte a realidade en forma parcial ou total. Unha certa oración pode ser unha mentira se o interlocutor pensa que é falsa ou que oculta parcialmente a verdade. En función da definición, unha mentira pode ser unha falsidade xenuína ou unha verdade selectiva, esaxerar unha verdade, se a intención é enganar ou causar unha acción en contra dos intereses do oínte. As ficcións, aínda que falsas, non se consideran mentiras. Mentir é dicir unha mentira. Ás persoas que din unha mentira, especialmente aquelas que as din frecuentemente, cualifícanse de mentireiras. Mentir implica un engano intencionado e consciente. Ten como sinónimos parciais: alburgada, bouba, embuste, loia, loiada, trola, falacia ou farol.[1]

Pinocchio, figura literaria ligada culturalmente á mentira.

Concepto editar

Tamén é mentira o acto da simulación ou o finxir. Por exemplo, se alguén atropela unha persoa e foxe do lugar sen ser identificado e, despois dun tempo, regresa e mestúrase cos curiosos e finxe indignación polo ocorrido, está a mentir a todos aqueles ante quen simula ou finxe inocencia. Noutras palabras, para mentir non se necesita dicir palabra algunha.

Outra forma de mentira non verbal constitúea o feito de facerse pasar por discapacitado físico co fin de obter algún "favor" en proveito propio (esmolas, por exemplo).

Moralidade de mentir editar

Artigo principal: Mentira piadosa.

Mentir está en contra dos canons morais de moitas persoas e está especificamente prohibido como pecado en moitas relixións. A tradición ética e os filósofos están divididos sobre se se pode permitir ás veces unha mentira (pero xeralmente sitúanse en contra): Platón dicía que si, mentres que Aristóteles, santo Agostiño e Kant dicían que nunca se pode permitir.

En función das circunstancias, enténdese que mentir para protexer persoas dun opresor inmoral adoita ser permisible. É o caso, por exemplo, das vítimas dunha guerra.

Mentir dunha forma que intensifica un conflito, no canto de atenualo, xeralmente considérase o peor pecado.

Un mentireiro é unha persoa que ten certa tendencia a dicir mentiras. A tolerancia da xente cos mentireiros habitualmente é moi pequena, e a miúdo só se necesita que se sorprenda a alguén nunha mentira para que se lle asigne a etiqueta de mentireiro e se perda para sempre a confianza. Isto, por suposto, é moderado pola importancia do feito ao que se refira a mentira.

Unha mentira graciosa, é un engano con propósito humorístico, cando a falsidade se entende, non se considera inmoral e é unha práctica utilizada amplamente por comediantes e humoristas.

O filósofo Leo Strauss acentuou a necesidade de mentir para ocultar unha posición estratéxica, ou para axudar á diplomacia. Así o fixeron tamén os representantes da filosofía política, desde Maquiavelo até a "mentira nobre" de Platón.

Que as mentiras desaparezan completamente do ámbito da política, da xustiza, da diplomacia, do xornalismo e doutros moitos ámbitos da vida social é algo virtualmente imposible, tal e como non poden ser excluídas das guerras que estas mesmas actividades, supostamente, deberían previr.

Santo Agostiño distingue oito tipos de mentiras: as mentiras no ensino relixioso; as mentiras que fan dano e non axudan a ninguén; as que fan dano e si axudan a alguén; as mentiras que xorden polo mero pracer de mentir; as mentiras ditas para compracer os demais nun discurso; as mentiras que non fan dano e axudan a alguén; as mentiras que non fan dano e poden salvar a vida de alguén, e as mentiras que non fan dano e protexen a "pureza" de alguén. Por outra banda, santo Agostiño aclara que as "pequenas mentiras" non son en realidade mentiras.

Tomás de Aquino, pola súa banda, distingue tres tipos de mentiras: a útil, a humorística e a maliciosa. Segundo Tomás de Aquino, os tres tipos de mentira son pecado. As mentiras útiles e humorísticas son pecados veniais, mentres que a mentira maliciosa é pecado mortal.

O tipo máis grave de mentira é a calumnia, xa que con isto se imputa sempre a algún inocente unha falta non cometida en proveito malicioso.

Paradoxos relacionados coa mentira editar

Dentro de calquera situación na que se dan sempre respostas duais (por exemplo, si/non, branco/negro), unha persoa da que sabemos que está a mentir consistentemente sería, de forma paradoxal, unha fonte de verdade. Hai moitos paradoxos desta clase, sendo o máis famoso o que se coñece como o paradoxo do mentireiro, comunmente expresado como «esta proposición é mentira» ou «esta proposición é falsa». O denominado paradoxo de Epiménides —«todos os cretenses menten», declara Epiménides o cretense- foi un precursor do paradoxo do mentireiro, aínda que o feito de que sexa ou non un paradoxo tamén está en discusión. Hai unha clase de adiviñas lóxicas relacionadas con este asunto que, en inglés, se coñecen co nome de «knights and knaves» (usualmente "cabaleiros e escudeiros", "cabaleiros e viláns" ou "cabaleiros e serventes", en galego), nos que o obxectivo é determinar, dun grupo de persoas, quen mente e quen di a verdade.

Detección das mentiras e a súa abordaxe psicolóxica editar

A detección de mentiras é un campo de estudo de distintas ramas da psicoloxía, e máis concretamente, a psicoloxía xurídica, con especialidades como a psicoloxía forense e a psicoloxía criminalística, entre outras.

Aínda que tradicionalmente, tanto popular como cientificamente, a detección de mentiras se baseaba en criterios de conduta, as metaanálises realizadas a principios do século XXI constatan as limitacións desa formulación, xa que leva moitos erros. Por tanto, investíganse sobre todo dous aspectos: o de desenvolver estratexias activas á hora de realizar entrevistas e prestarlle máis importancia aos indicios contextuais da mentira.

En xeral tárdase máis en contestar cunha mentira que dicindo a verdade.

O polígrafo editar

Artigo principal: Detector de mentiras.

Fármacos da verdade editar

Un exemplo é o tiopentato de sodio (pentotal sódico). Tendo en conta que como axente hipnótico, cunha dose controlada, a súa actuación no cerebro humano produce depresión das funcións corticais superiores, pensouse que podería resultar de utilidade en interrogatorios.[Cómpre referencia] Considérase que a mentira é unha elaboración complexa, consciente, moito máis complicada que a verdade, así que, se se deteriora a actividade superior cortical, ao suxeito resultaralle moito máis complicado manter a súa vontade e a “verdade” fluiría na súa conversación con maior facilidade.[Cómpre referencia] Iso é, polo menos, a teoría, posta en práctica durante decenios polos servizos de espionaxe de moitos países.[Cómpre referencia] Até certo punto, a idea é correcta, pero non garante, nin moito menos, que o suxeito vaia contar o que se espera, posto que hai moitos factores que poden modificar o experimento, desde un adestramento especial até condicións ambientais ou, simplemente, unha asunción da mentira como verdade por parte do suxeito.[Cómpre referencia]

Cultura popular editar

  • En Pinocchio, de Carlo Collodi, o personaxe principal, cuxo nome dá título á obra, é un boneco de madeira cuxa nariz crece cada vez que di unha mentira.
  • Na película Liar Liar, dirixida por Tom Sadyak e protagonizada por Jim Carrey, o avogado Fletcher Reede (Carrey) non pode mentir durante 24 horas, debido a un desexo de aniversario do seu fillo que, maxicamente, se fai realidade.
  • Na serie de televisión Lie to me, o Dr. Cal Lightman e o seu equipo traballan descubrindo as mentiras e enganos na xente a través das expresións faciais, ton de voz e actitude.
  • Mark Bellison en The invention of Lying é a primeira persoa en desenvolver a capacidade de mentir nun mundo ideal onde todos sempre din a verdade.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mentira.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar