Maxilar superior

óso da cara

O maxilar superior (ou simplemente maxilar ou maxila) é un óso da faciana. Embrioloxicamente fórmanse dous maxilares superiores que despois se unirán pola liña media.

Visión lateral do maxilar superior e as súas relacións cos ósos propios do nariz, o ungüe ou óso lacrimal, e os dentes da arcada superior.

Estrutura do óso editar

  • Porción vertical:
    • Apófise ascendente: artella o maxilar superior co frontal (coa apófise orbitaria interna) e cos ósos propios do nariz.
    • Apófise piramidal: presenta varias superficies. A superficie anterior presenta un orificio para o nervio infraorbitario. A posterior mira cara á cavidade oral. A superior formará parte do chan da fosa orbitaria. Esta porción vertical contén os seos maxilares, que acollen os dentes antes de que estes saian á cavidade oral. Por detrás artéllase co óso lacrimal e cos cornetes superiores (fórmanse así as cristas turbinais anteriores). O bordo posterior desta apófise é dun grosor considerable e forma o límite anterior da fosa pterigomaxilar.
  • Porción horizontal: constitúe o teito da boca e o chan das fosas nasais. No lado inferior (teito da boca) atopamos un bordo groso nas partes anterior e laterais, que acolle ós dentes. Tamén achamos un burato, o burato incisivo, que permite o paso de vasos e nervios entre boca e fosas nasais. A parte máis posterior artéllase coa porción horizontal do óso palatino (articulación maxilopalatina). Na liña media únense os dous maxilares superiores de cada lado.

Cómpre salientar que a articulación entre maxilar superior e os dentes é unha articulación de forma exclusiva. É unha gonfose. Tamén hai que mencionar a posibilidade de atopar nomeado este óso como maxilar simplemente, debido a que o maxilar inferior se adoita denominar mandíbula.