O marsupio, ou bolsa marsupial, consiste nunha prega da pel que recobre as mamas das femias e forma unha a xeito de bolsa epidérmica que funciona a modo de cámara incubadora e é a característica máis rechamante dos marsupiais, á que deben o seu nome.

Cría de canguro dentro do marsupio.

Etimoloxía e usos editar

O termo marsupio deriva do latín marsūpǐum, "bolsa (para o diñeiro)" que, á súa vez, procede do grego antigo μασίπιον marsípion.[1]

 
Didelphis marsupialis.

O termo marsupio, como o seu derivado o adxectivo, tamén usado como substantivo, marsupial entraron na linguaxe cintífica, co significado que hoxe lles damos, a finais do século XVI, en que marsupialis xa se empregaba no latín científico.[2]

E a mediados do século XVIII, o termo marsupial está documentado en francés desde 1736.[1] E en 1747 aparece en castelán na obra Anatomía quirúrgica reformada, traducida por Andrés García Vázquez do italiano orixinal, publicada polo doutor Bernardino Genga, na que se utiliza a palabra marsupial para denominar ao hoxe chamado músculo pelviano obturador interno (cientificamente, musculus obturatorius unternus), e máis ao seu tendón, como para expresar que ambas as estruturas forman unha unidade inseparábel.[2]

Xa no campo específico da zooloxía, probabelmente un dos primeiros que empregou marsupialis foi Linneo que en 1758, na décima edición do seu Systema Naturae describiu unha especie de marsupial á que denominou Didelphis marsupialis (a sarigüeia sudameriana).[3]

En 1811, na súa obra Prodromus Systematis Mammalium et Avium, o zoólogo alemán Johann Karl Wilhelm Illiger denominou Marsupialia ao taxon dos marsupiais, pero 69 anos máis tarde, en 1880, o biólogo inglés Thomas Henry Huxley cambiou este nome polo de Metatheria.[2]

De todos os xeitos, hoxe en día consérvanse ambos os termos, xa que Marsupialia (os marsupiais) está considerado como unha infraclase da clase dos Mammalia mamíferos, mentres que Metatheria metaterios é un clado (ou infraclase, para algúns) da subclase dos Theria (terios, dos que único subclado o subgrupo con especies viventes é o dos marsupiais. De maneira que, para os non iniciados en taxonomía, metaterios e marsupiais veñen sendo sinónimos.

 
Canguro femia cunha cría madura no seu marsupio.

Fisioloxía editar

As crías dos marsupiais nacen nun estado de desenvolvemento moi incompleto, case fetal, e, despois de naceren, arrástranse desde a vaxina da súa nai até o marsupio, onde lactarán até completar o seu desenvolvemento.

De acordo coa especie, a situación da bolsa marsupial está máis ou menos distante da vaxina; no demo de Tasmania a cría debe percorrer só uns centímetros até chegar a ela, mentres que nos canguros o marsupio está en posición ventral e máis distante.

As crías permanecen moito tempo dentro do marsupio mamando o leite da nai, até que están totalmente desenvolvidas.

Algunhas especies de marsupiais levan á cría no marsupio como protección, aínda despois de acabar a lactación. Por exemplo, nos canguros o marsupio é de moita importancia, xa que protexe á cría de moitos depredadores.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 marsupium no Trésor de la langue française informatisé.
  2. 2,0 2,1 2,2 Etimología de Marsupial en etimologias.dechile.net (en castelán).
  3. Didelphis marsupialis en Wilson & Reeder (eds.) (2005): Mammal Species of the World 2 vols. 3ª ed. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-4.

Véxase tamén editar