O marmelo, tamén chamado doce de marmelo, é un doce preparado a partir da froita do marmeleiro (Cydonia). É típico de Galicia, onde se acostuma tomar principalmente de sobremesa acompañado de queixo (Queixo de tetilla especialmente). Tamén é común en España e Portugal (neste país coñécese co nome de marmelada de onde xorde a verba galega marmelada, con diferente significado). En Latinoamérica recibe os nomes de dulce de membrillo, membrillate, ate ou codoñate, e consómese principalmente na Arxentina, no Uruguai, Chile e México. En Italia cultívase o marmeleiro e se prepara a cotognata en Sicilia, Lombardía, Trentino, Abruzos e Puglia. Existen tamén variantes de marmelo que se elaboran en Francia, Grecia e Turquía.

Marmelo.

Etimoloxía editar

Provén do latín vulgar melimēlum ‘mazá moi doce’, voz de orixe grega μελίμηλον, formada a partir de meli ‘mel’ e melon ‘mazá’.[1]

Historia editar

O marmeleiro é orixinario de Asia Menor e o Cáucaso. Gregos e romanos levaron este froito á Península Ibérica, comíano cocido e adozado con mel. Os romanos utilizábano tamén para elaborar un licor con augardente, viño tinto e marmelo. O doce prepárase simplemente cocendo polpa de marmelo con igual cantidade de azucre, obtendo un bloque de doce que pode ser cortado para acompañar ou reencher distintas preparacións culinarias. O marmelo popularizouse no século XII grazas ao seu abundante uso na cociña sefardí.[2]

Usos editar

Pódese empregar en diferentes doces tales como as galletas, como ingrediente dalgunhas tortas, ou en bocadillo.

En Galiza o común é acompañalo con queixos, principalmente de tetilla.

Notas editar

  1. "Marmelo". Portal das Palabras. Consultado o 1 de setembro de 2016. 
  2. Angel Berenguer Amador, (2010), Dinim en ladino sobre la comida, La mesa puesta: leyes, costumbres y recetas judías : XVI curso de cultura hispanojudía y sefardí de la Universidad de Castilla-La Mancha : en memoria de Iacob M. Hassán / coord. por Uriel Macías, Ricardo Izquierdo Benito, ISBN 978-84-8427-746-0, págs. 51-68

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar