As mareas vermellas, ou purgas do mar, son eventos nos que se acumula na auga superficial de zonas mariñas, estuáricas ou de ría unha biomasa de cor vermella, roxa, parda ou marrón debido a un rápido crecemento de microalgas, ou fitoplancto. Caracterízanse polo aumento da biomasa dunha serie de especies de dinoflaxelados [1]. As mareas vermellas son un caso particular dos fenómenos de proliferación masiva, ou florecemento, de microalgas [2]. A cor da auga débese aos pigmentos fotosintéticos dos dinoflaxelados.

Unha "marea vermella" na costa de La Jolla, California

Considérase que é unha marea cando a concentración de células é maior dun millón de células por litro. Cando as microalgas están en altas concentracións a auga móstrase como decolorada ou viscosa e a súa cor varía do vermello ou roxo a un marrón. Nalgúns casos cando a densidade celular é alta a marea pode chegar a cores de lila a rosa. Porén, non todas as mareas son densas abondo como para darlle unha cor á auga. As mareas vermellas non xorden pola acumulación de biomasa de microalgas no litoral senón por altas taxas de crecemento nun lugar concreto.

En ecosistemas como os das rías galegas, especialmente nas Rías Baixas, as mareas vermellas son estacionais e características dos períodos finais de verán e comezo de outono, e que é o remate do período de afloramento [3]. Pola contra, no golfo de México as mareas vermellas, aínda que a diferentes intensidades, aparecen ao longo de todo o ano por mor do continuo crecemento da especie Karenia brevis[4]

Algunhas mareas vermellas están asociadas á produción de toxinas naturais, esgotamento do osíxeno disolto ou outros efectos nocivos. Nestes casos denomínanse floración de algas nocivas. Esta termo empregase para destacar o impacto na saúde humana, da pesca e da acuicultura ou do lecer da poboación. Mais, a floración de algas nocivas non difire nos mecanismos biolóxicos involucrados, facendo a comparación con calquera outro tipo de marea vermella.[1]

Antecedentes históricos editar

As mareas vermellas son un fenómeno biolóxico global. Algúns autores levan a primeira referencia histórica dunha marea vermella á cita bíblica das pragas de Exipto:

E toda a auga que estaba no Nilo converteuse en sangue. E os peixes que había no Nilo morreron. E o Nilo contaminouse de tal modo que os exipcios non podían beber a auga do Nilo (Éxodo 7:20-21)

O explorador Alvar Núñez Cabeza de Vaca escribiu no seu diario de a bordo en 1530 que observara abundante peixe morto a consecuencia da estraña cor das augas nas costas de Florida. En 1793 rexistrouse a intoxicación por consumo de moluscos nos mariñeiros dun barco que exploraba as costas da Columbia británica. En 1884 deuse outra intoxicación por consumo de ostras en Florida.

En Galicia, os mariñeiros acostumaron a chamalas purgas do mar. O primeiros estudos científicos sobre a presenza e distribución estacional das mareas vermellas en Galicia foron realizados en 1918 por Ramón Sobrino, na ría de Vigo, e chamounas hematotalasia (do grego haimatos, sangue, e thálassa, mar) [5]. Sobrino defendeu na revista Ultreya en 1919 que o dinoflaxelado Gonyaulax polyedra era o responsable das mareas vermellas, argumentándoo fronte ás teorías dominantes dese momento que as atribuían aos radiolarios. No verán de 1953 a visita de Margalef á ría de Vigo, para estudos nesta, coincidiu cunha marea vermella. Estudou esa «purga do mar» e publicou os resultados nun artigo do 1956 [6][7]. Incide sobre do nome do fenómeno ao mencionar que «...preferimos a denominación hematotalasia introducida por SOBRINO (1918), o primeiro autor español que escribiu sensatamente acerca diso».

Causas das floracións editar

 
Marea vermella nunha canle

A aparición de mareas vermellas está asociada a determinadas condicións naturais e antropoxénicas nas augas superficiais, por aumentos nas condicións de temperatura e fluxo da auga ou a dispoñibilidade de nutrientes. As mareas vermellas en múltiples zonas costeiras débense a fenómenos de sucesión ecolóxica naturais posteriores aos procesos de afloramento de augas costeiras [3][8][9][10]. Como o crecemento do fitoplancto está limitado pola dispoñibilidade de nitratos e fosfatos, sábese que contaminación das augas costeiras, como resultado da agricultura ou outros procesos de contaminación humana de augas, favorece a aparición de mareas vermellas. Tamén, a deposición atmosférica de ferro procedente do deserto do Sáhara favorecen o crecemento das mareas [11]. No Pacífico estas floracións de algas están relacionados cos procesos de oscilación climática como son El Niño.

A acumulación de biomasa das algas na superficie da auga orixina diferentes patróns de cor. Das especies catalogadas, as especies que producen alteracións na cor da auga durante períodos favorables son máis de 300 [Cómpre referencia]. A coloración que lle dan á auga débese é pola presenza de varios pigmentos que conteñen. Estes pigmentos, cos que captan a luz solar para a fotosíntese son de diversos tipos: clorofilas a, b e c, carotenoides, fucoxantina, ß-caroteno, peridinina etc. As diferentes cores son unha función dos tipos de pigmento celulares e das proporcións entre eles [Cómpre referencia]. Casos estudados da coloración que dan certas especies de fitoplancto á auga son [Cómpre referencia]:

  • Cor vermella, debidas ao dinoflaxelado Gonyaulax polygramma e ó ciliado Messodinium rubrum.
  • Cor vermella-laranxa, debidas ó dinoflaxelado Noctiluca scintillans.
  • Cor marrón-vermella, debidas a diatomeas (dos xéneros Chaetoceros, Rhizosolenia etc.) e a dinoflaxelados Gymnodinium catenatum e Glenodinium foliaceum.
  • Cor marrón-chocolate, debidas ó flaxelado Heterosigma akashiwo.
  • Cor marrón-verdosa, debidas ós dinoflaxelados Karenia mikimotoi e Prorocentrum minimum.

Floración de algas nocivas editar

En ocasións as mareas vermellas están constituídas por determinadas especies capaces de producir toxinas. Ao seren inxeridas e acumuladas polos moluscos bivalvos, que se alimentan por filtración, poden orixinar problemas de intoxicación alimentaria. O consumo do marisco supón a enxesta de biotoxinas das microalgas. As administracións de pesca e de sanidade das zonas de produción seguen e controlan a evolución das cifras de algas presentes e ditan distintas medidas de control sobre a extracción e a comercialización de moluscos bivalvos. En determinados casos prohiben a extracción de moluscos naquelas zonas nas que as concentracións de algas tóxicas supón un risco de que os moluscos cultivados presenten concentracións elevadas de biotoxinas.

A proliferacións de microalgas nocivas pode afectar ao crecemento dos peixes e mariscos, chegando incluso a provocarlles a morte por dano físico (que aumenta a susceptibilidade de infección bacteriana), por diminución da concentración de osíxeno na auga (que provoca anoxia), por formación de mucus sobre os organismos mariños (que taponan as branquias e lles impiden respirar) ou por concentracións elevadas de amonio. As microalgas que dan lugar a estes casos denomínanse algas ictiotóxicas. O silicoflaxelado Dictyocha speculum pode provocar mortalidade nas piscifactorías de salmón e o dinoflaxelado Glenodinium foliaceum provoca mortaldade en peixes silvestres. Outras especies ictiotóxicas son Heterosigma akashiwo, Karenia mikimotoi, Phaeocystis pouechetii, Chaetoceros convolutus, C. concavicornis e Noctilluca scintillans, relacionadas con episodios de mortaldade elevada de peixes e moluscos.

As floracións de algas nocivas nas rías galegas fórmanos, de xeito habitual, as especies dos dinoflaxelados Dinophysis acuminata e Gymnodinium catenatum e do radófito Heterosigma akashiwo durante os momentos de floración [3].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 González-Garcés Santiso, Alberto; Vilas Martín, Federico; Álvarez Salgado, Xosé Antón (2008). A ría de Vigo: una aproximación integral al ecosistema marino de la Ría de Vigo. Instituto de Investigaciones Vigueses. ISBN 978-84-89599-34-5. 
  2. "Phytoplankton Blooms: The Basics. Florida Keys National Marine Sanctuary" (PDF). Consultado o 12 de agosto de 2016. 
  3. 3,0 3,1 3,2 BG Crespo, IG Teixeira, FG Figueiras, CG Castro. Microplankton composition off NW Iberia at the end of the upwelling season: source areas of harmful dinoflagellate blooms. Marine Ecology Progress Series. Vol. 355: 31–43, 2008 doi: 10.3354/meps07261
  4. Pierce RH, Henry MS. Harmful algal toxins of the Florida red tide (Karenia brevis): natural chemical stressors in South Florida coastal ecosystems. Ecotoxicology (London, England). 2008;17(7):623-631. doi:10.1007/s10646-008-0241-x.
  5. Memorias da Real Sociedade Española de Historia Natural. 10(9), 407-458. 
  6. "M. Margalef. Estructura y dinámica de la "purga de mar" en la Ría de Vigo. Inv. Pesq., 5: 113-134. 1956.". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 12 de agosto de 2016. 
  7. Antonio Figueras, Profesor de Investigación do CSIC en Vigo, sobre de Ramon Margalef.
  8. Trainer, VL; Adams, NG; Bill, BD; Stehr, CM; Wekell, JC; Moeller, P; Busman, M; Woodruff, D (2000). "Domoic acid production near California coastal upwelling zones, June (1998)". Limnol Oceanogr 45: 1818–1833. doi:10.4319/lo.2000.45.8.1818. 
  9. Adams, NG; Lesoing, M; Trainer, VL (2000). "Environmental conditions associated with domoic acid in razor clams on the Washington coast". J Shellfish Res 19: 1007–1015. 
  10. Lam CWY, Ho KC (1989) Red tides in Tolo Harbor, Hong Kong. In: Okaichi T, Anderson DM, Nemoto T (eds) Red tides. biology, environmental science and toxicology. Elsevier, New York, pp 49–52.
  11. Walsh; et al. (2006). "Red tides in the Gulf of Mexico: Where, when, and why?". Journal of Geophysical Research 111: C11003. Bibcode:2006JGRC..11111003W. doi:10.1029/2004JC002813.