María de Xesé (en neerlandés: Maria van Jesse) é unha advocación da Virxe María que se venera na cidade surholandesa de Delft, nos Países Baixos, ligada a unha estatuíña aparecida na igrexa Vella desa cidade.[1]

Estatuíña de María de Xesé, na igrexa do mesmo nome, en Delft

Nome editar

O nome de María de Xesé fai referencia á ascendencia da Virxe María, que a vincularía xenealoxicamente con Xesé, o pai do rei David. Segundo a profecía, o Mesías viría da Árbore de Xesé, referíndose así a Xesús como descendente da tribo de Xesé. Inicialmente, a adscrición á Árbore de Xesé fáiselle tanto a Xesús como á súa nai.

A veneración de María baixo este nome é moi antiga. A Idade Media, a partir do século XI, supuxo un período de florecemento. O motivo non está ben claro, aínda que poida que teña que ver coas Cruzadas, xa que á medida que se ían achegando ás terras onde Xeucristo vivira, se iría adquirindo unha ligazón máis forte coa súa procedencia terreal.

María de Xesé e a cidade de Delft editar

As orixes editar

A orixe da devoción pola Virxe María en Delft ten a súa orixe na igrexa Vella (Oude Kerk) da cidade.

Con todo, e probable que xa cara ao ano 1000 existise unha pequena igrexa de madeira feita polos labregos das marismas holandesas, da que non hai constancia arqueolóxica e a documental é moi escasa. Do que si que hai certeza é de que en 1240 Guillerme II de Holanda deu a orde de substituír aquela igrexa por outra de pedra, que axiña tivo un culto mariano florecente e se converteu nun importante centro de peregrinación na rexión.

O milagre editar

Despois de que, en 1327, a monxa Machteld, da Haia, curase supostamente a súa cegueira milagrosamente ao ver unha estatua da Virxe María que se gardaba na igrexa Vella, orixinouse unha procesión anual que chegou a converter a Delft nun dos primeiros centros de peregrinación mariana dos Países Baixos e que chegopu a ser coñecido en Roma[2]

Logo da Reforma editar

Coa Reforma, a procesión anual e o culto a María foron prohibidos a finais do século XVI, e nada máis se soubo da imaxe da virxe que se atopara. Non foi ata comezos do século XX cando se retomou esta tradición. En 1939 decidiuse fabricar unha copia da imaxe medieval de María desaparecida durante a Reforma, consonte a información documental conservada. Na ata entón chamada igrexa de San Xosé edificouse unha nova capela lateral onde se instalou a nova estatuíña, coa que se renovou a súa adoración e se reiniciaron as procersións anuais na súa honra.[3] A posterior fusión daquela igrexa coa de San Hipólito, que foi derrubada, deu lugar á que hoxe se coñece como igrexa de María de Xesé.[4][5]

Notas editar

  1. "Maria van Jesse Arquivado 01 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". Na web da parroquia de Santa Úrsula (en neerlandés)
  2. "1327. Maria van Jesse". En Heiligen.net (en neerlandés)
  3. "Liederen en processie in Maria v. Jesse-kerk". En AD.nl (en neerlandés)
  4. "Histoire Arquivado 01 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". En Delftse Ommegang.nl (en neerlandés)
  5. "Delft, O.L. Vrouw; Maria van Jesse". En Meertens.knaw.nl (en neerlandés)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar