Manuel Souto Vilas

filósofo, profesor e político galego

Manuel Souto Vilas, nado en Campo (Arzúa) o 1 de decembro de 1903 e finado en Bilbao o 23 de abril de 1975, foi un filósofo, profesor e político galego. De ideoloxía nacionalsindicalista, foi un dos fundadores das JONS en Galicia.

Manuel Souto Vilas
Nacemento1 de decembro de 1903
Lugar de nacementoCampo
Falecemento23 de abril de 1975
Lugar de falecementoBilbao
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico, filósofo e mestre
IrmánsJesús Souto Vilas e José Souto Vilas
PremiosGran Cruz de Afonso X o Sabio
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Fillo de Francisco Souto Eirín e Generosa Vilas Filloy, naceu nunha familia labrega. Estudou a primeira ensinanza na escola nacional da súa aldea e a despois o bacharelato no Instituto de Santiago. Fixo a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou en 1925 con premio extraordinario, doutorándose en 1927.

Posteriormente iniciou a carreira de Filosofía e Letras en Madrid, tendo como profesores a Julián Besteiro, Manuel García Morente, Ortega y Gasset e Xavier Zubiri. Na capital de España aprendeu alemán de forma autodidacta e obtivo o doutoramento cunha tese sobre Hegel,[1] ademais de interesarse pola fenomenoloxía de Husserl, Scheler, Hartmann e Heidegger, desfrutando duna bolsa en Friburgo en 1933, onde presenciou a chegada do nacionalsocialismo ao poder. Foi catedrático de Filosofía do Instituto de Santiago de Compostela dende 1932.

Militancia política editar

Amigo de Ramiro Ledesma Ramos, filósofo como el, colaborou á chegada da Segunda República en La Conquista del Estado e na fundación das JONS, sendo un dos principais dirixentes do partido en Galicia xunto a Santiago Montero Díaz. Destacou o seu labor teórico, especialmente sobre os problemas do campo.[2] En xuño de 1931 apareceu en El Ideal Gallego o manifesto do Bloque Social Campesino asinado por el.[3] Trala fusión das JONS con Falange militou en Falange Española de las JONS, pero as desavinzas de Ledesma con José Antonio Primo de Rivera fixeron que abandonase o partido, xunto co propio Ledesma e unhas poucas ducias de militantes, por entender que os principios jonsistas foran relegados.

Guerra Civil e Franquismo editar

Ao producirse o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 reingresou en Falange Española. Como profesor en activo foi designado en 1937 membro da comisión depuradora do Maxisterio en Galicia.[4] En xaneiro de 1938 foi nomeado xefe local de Falange de Santiago de Compostela e Inspector de Falanges Locais da zona de Santiago.[5] A petición do falanxista Luis Legaz Lacambra escribiu nese ano Teoría de los sindicatos nacionales, no que desenvolve os principios e fundamentos da estruturación do sindicalismo vertical, aínda que o libro foi vetado ata 1941 polo conservador ministro Joaquín Benjumea debido á súa impronta revolucionaria.[6] Ao ver que o réxime non entregaba todos os resortes do poder á Falange, a súa decepción foi en aumento. A burocratización do Partido, o progresivo distanciamento gobernamental das potencias do Eixe e o non desenvolvemento do programa revolucionario falanxista polo franquismo fixérono afastarse paulatinamente da política.

Despois de Santiago de Compostela, pasou ao Instituto de Xixón (1938), Instituto Luis Vives de Valencia (1939) e Instituto Verdaguer de Barcelona (1940). En 1941 chegou a Bilbao, onde impartiu clase como catedrático do Instituto de Ensinanza Media e na Facultade de Filosofía e Letras e de Ciencias Económicas. Colaborou no semanario El Español e no diario Hierro.

Morte editar

Xubilouse o 1 de decembro de 1973. En 1974 concedéronlle a Gran Cruz de Afonso X o Sabio. Faleceu en 1975 en Bilbao.[7]

Obras editar

  • Teoría de los sindicatos nacionales, 1941.
  • La cuestión de la enseñanza media. Educación y revolución : Ensayos de política cultural, 1947.
  • Fundamentos de Filosofía, 1961.

Artigos editar

  • “El sentido histórico de Ramiro Ledesma”, El Español, Madrid, 31-10-1942.

Vida persoal editar

Casou con Bienvenida García Álvarez.

Notas editar

  1. O título da tese era El saber en Hegel, baixo a dirección de José Ortega y Gasset.
  2. Entre outros artigos escribiu "Mirando a Galicia. Campo y ciudad" en La Conquista del Estado, 16 de maio de 1931, nº 10, e "El campesino y la política", La Conquista del Estado, 13 de xuño de 1931, nº 14.
  3. El Ideal Gallego, 17-6-1931, p. 2.
  4. Alicia Alted Vigil, Política del Nuevo Estado sobre Patrimonio Cultural y la Educación durante la Guerra Civil, Madrid, Dirección General de Bellas Artes y Archivos (1984)
  5. La Voz de Galicia, 22-1-1938, p. 2.
  6. O economista Juan Velarde Fuertes definíuno como "espléndido libro", engadindo "lo mucho que debe el nacionalsindicalismo a este importante filósofo". El nacionalsindicalismo cuarenta años después: análisis crítico, Editora Nacional (1972).
  7. Necrolóxica en ABC

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • "Manuel Souto Vilas en mi recuerdo" de Gregorio San Juan in Cinguidos por unha arela común: homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, Volumen 1. Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega, 1999.
  • La Conquista del Estado. Antología y prólogo de Juan Aparicio, Ediciones Fe. Madrid (1939).