O Manneken Pis (expresión en neerlandés que en galego significa "homiño que ouriña") é unha singular estatua de bronce de 55,5 centímetros situada no centro histórico de Bruxelas, Bélxica, que representa un neno pequeno espido ouriñando dentro da cunca da fonte.[1][2]

Manneken Pis
O Manneken Pis
Presentación
Nome localManneken-Pis
Localización Bruxelas
Rexión de Bruxelas
Bélxica Bélxica
DirecciónCruzamento entre rue du Chêne e rue de l'Étuve
CoordenadasCoordenadas: 50°50′42″N 4°21′00″L / 50.8449844, 4.349988
TipoEstatua de bronce e fonte
Construción
Data da construciónDe pedra: ca. século XV.
Orixinal en bronce: 1619
Copia actual en bronce: 1966
Dimensións
Altura55,5 cm
Equipo
EscultorHieronymus Duquesnoy o Vello
web oficial

Xunto co Atomium e a Grand-Place, é un dos símbolos da cidade e unha das súas atraccións turísticas principais, simbolizando o espírito independente dos seus habitantes.[3]

Historia editar

Había xa unha estatua parecida de pedra a mediados do século XV, quizais xa desde 1388 (data da primeira mención achada nos arquivos da catedral de Bruxelas), que foi roubada en varias ocasións.[4] En 1619 foi substituída por unha figura de bronce feita polo escultor barroco franco-flamengo Hieronymus Duquesnoy o Vello, que a situou sobre unha columna de seis pés de altura tallada por Daniel Raessens.[5] A columna foi substituída polo actual nicho en estilo rococó, en 1770.[6]

 
A fonte e a estatua na súa localización entre rúas

Os bruxeleses protexeron a figura durante o asedio e o bombardeo da cidade polos franceses en 1695. Logo destes feitos engadiuse unha inscrición baixo a estatua que dicía: In petra exaltavit me, et nunc exaltavi caput meum super inimicos meos ("O Señor ergueume sobre unha rocha, e agora elevo a miña cabeza sobre os meus inimigos").[7][8]

A estatua actual é unha reprodución da orixinal, que foi roubada nos anos 1960. Este acontecemento protagonizou numerosas noticias na prensa, o que contribuíu a darlle á estatua e ao monumento moita sona internacional. Logo dun tempo, o orixinal foi recuperado, aínda que non volveu ao seu lugar orixinal, senón que se depositou, xunto a outra copia de bronce dourado do século XVII, no Musée de la Ville de Bruxelas.[9][10]

Antigamente, o chorro de auga do Manneken Pis adoitaba ser substituído, con motivo das festas, por outras beberaxes como hidromel ou viño). En concreto, en 1890, durante as grandes festas bruxelesas, que se desenvolveron durante dous días, o Manneken ouriñou viño e lambic (cervexa de trigo e cebada típica de Bruxelas).[11]

Lendas sobre a súa orixe editar

A escuridade que rodea as súas orixes deu lugar a numerosas historias e lendas. O primeiro en pólas por escrito, en 1824, foi o prolífico autor francés Jacques Collin de Plancy, a quen seguiron outros escritores, entre os que cómpre salientar a Guillaume Devogel e as súas soadas Légendes bruxelloises.[12][13] Entre as lendas máis coñecidas atópanse as seguintes:

  • En 1142, cando o duque de Lotarinxia, Godofredo III, era aínda un neno de berce, algúns dos seus vasalos rebeláronse e loitaron contra as tropas ducais na batalla de Ransbeke. Para lles dar azos e afouteza aos sus seguidores, o berce do neno foi pendurado dun carballo no campo de batalla e así, cando as tropas estaban a piques da derrota, o pequeno duque ergueuse para facer as súas necesidades. Este xesto deulles valor ás súas tropas, que gañaron a lide. A fonte perpetuaría a lembranza desa vitoria e o nome da rue du Chêne ("rúa do Carballo"), en cuxa esquina está a estatua, rememoraría a árbore que estaba no campo de batalla.[14][15]
  • Outra lenda di que un neno chamado Juliaanske tería extinguido cos seus ouriños a mecha dunha bomba coa que os inimigos de Bruxelas querían incendiar a cidade no século XIV.[16]
  • No entanto, segundo outra lenda, trataríase dun cativo bruxelés do século VIII condenado a deixar de medrar e a non deixar nunca máis de ouriñar, para expiar a culpa do seu pai por unha conduta indecorosa na catedral.
  • A historia máis difundida no ámbito turístico é a seguinte: un rico comerciante que visitaba a cidade coa súa familia perdeu o seu fillo pequeno e organizáronse grupos para o buscar. O cativo foi atopado rindo e ouriñando nun pequeno xardín, polo que o pai decidiu promover e sufragar a construción dunha fonte, co seu fillo ouriñando na súa parte superior.

Disfraces editar

 
O Manneken Pis co uniforme dos recolledores de lixo de Bruxelas

Para vestir a estatua disponse dunha variada colección de disfraces que se utilizan en diversas ocasións consonte un programa xestionado pola asociación sen ánimo de lucro Amigos do Manneken Pis, que habitualmente inclúe a participación de bandas de música. Cando se conecta novamente o chorro despois de disfrazado, pode producirse un exceso de presión provocado pola parada, de modo que chega a salpicar os espectadores, para a súa satisfacción.

O vestiario actual consta de máis de 800 traxes, que na súa maioría se conservan no Musée da Ville de Bruxelles, situado na Grand-Place.[17]

Estatuas semellantes e reproducións editar

 
O Manneken Pis de Geraardsbergen

Existen estatuas parecidas nas cidades belgas de Geraardsbergen, Broksele e Hasselt. Hai unha disputa sen resolver acerca de cal é o Manneken Pis máis antigo: o de Bruxelas ou o de Geraardsbergen[18]. Desde mediados dos anos 1980, o Manneken Pis ten en Bruxelas unha equivalente feminina, a Jeanneke Pis.

Nalgúns países é frecuente decorar piscinas e fontes con copias de bronce ou fibra de vidro do Manneken Pis. Un souivenir popular de Bruxelas é a miniatura en chocolate ou metal, que ás veces funcionan como sacarrollas. Tamén se venden reproducións da estatua nas que sae un chorro de licor impulsado por unha pequena bomba que funciona por un motor eléctrico.

Notas editar

  1. "Le Manneken-Pis c’est quoi, c’est qui? Fiche d'identité Arquivado 03 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.". En Manneken-pis.be (en francés)
  2. Ficha técnica do Manneken Pis. Na páxina web da Orde dos Amigos dop Manneken Pis (en francés)
  3. Información sobre o Manneken Pis. En Ilotsacre.be (en castelán)
  4. Chloé Deligne. "Edilité et politique : Les fontaines publiques urbanes dans les Pays-Bas méridionaux au Moyen Age". En Histoire urbaine, no 32,‎ 2008 (en francés)
  5. "Le folklore brabançon : histoire et vie populaire". 1981. P. 183 [ISSN 0015-590X] (en francés)
  6. Gustave Des Marez. Guide illustré de Bruxelles. t. 1, 1918. P. 144 (en francés)
  7. Culot, M.; Hennaut, E.; Demanet, M.; MIerop, C. Le bombardement de Bruxelles par Louis XIV et la reconstruction qui s'en suivit. 1695-1700. P. 77-79 (en francés)
  8. Gustave Des Marez. Guide illustré de Bruxelles. t. 1, 1918. P. 143 (en francés)
  9. Couvreur, M.; Deknop, A.; Symons, T. Manneken-Pis dans tous ses états. Musées de la Ville de Bruxelles, 2005 (en francés)
  10. O Manneken Pis Arquivado 03 de febreiro de 2018 en Wayback Machine. na web oficial do Museo da Cidade de Bruxelas (en francés)
  11. Historia do Manneken Pis. No sitio web da Commune Libre de l'Ilot Sacré (en castelán)
  12. Collin de Plancy, Jacques. Histoire du Manneken Pis par lui-même. 1824 (en francés)
  13. Devogel, Guillaume. Légendes bruxelloises. 1890 (en francés)
  14. Le Roy, G. Manneken-Pis. Ed, A. De Boeck. Bruxelas. 1947. Páxina 14 (en francés)
  15. Jan van Boendale. Brabantsche yeesten. Les gestes des ducs-de-Brabant par Jean de Klerk d'Anvers. 1839-1869 (texto en neerlandés)
  16. Le Roy, G. Manneken-Pis. Ed, A. De Boeck. Bruxelas. 1947. Páxina 15 (en francés)
  17. "Liste des costumes de Manneken-pis Arquivado 03 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.". No sitio web oficial do Manneken Pis (en francés)
  18. "Et si le Manneken Pis de Bruxelles n'était pas unique?". En RTBF.be. 16 de xuño de 2009 (en francés)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Le Roy, Georges. Manneken-Pis. Maison d'Édition A. De boeck, Bruxelas, 1947 (en francés)
  • Couvreur, Manuel; Deknop, Anne; Symons, Thérèse. Manneken-Pis : Dans tous ses états. Musée de la Ville de Bruxelles, Col. "Historia Bruxellae" (Nº 9). Bruxelas, 2005. [ISBN 978-2-930423-01-2] (en francés)
  • VVAA. Contes et Légendes de Belgique. Éditions Jourdan, 2010 [ISBN 2-930359-08-0] (en francés)

Ligazóns externas editar