A maltodextrina é un oligosacárido ou polisacárido pequeno (segundo a lonxitude variable da súa cadea) que se utiliza como aditivo alimentario. Prodúcese a partir do amidón por hidrólise parcial e atópase xeralmente en forma de po secado por atomización branco higroscópico.[1] A maltodextrina é doadamente dixerible, e é absorbida tan rapidamente coma a glicosa e pode ser moderadamente doce ou case sen sabor, dependendo do seu grao de polimerización.

Maltodextrina
Identificadores
Número CAS 9050-36-6
PubChem 62698
ChemSpider none
UNII 7CVR7L4A2D
Propiedades
Fórmula molecular C6nH(10n+2)O(5n+1)
Masa molecular variable
Aspecto po branco
Solubilidade en auga doadamente soluble ou dispersable en auga[1]
Solubilidade lixeiramente soluble ou insoluble en alcohol anhidro[1]
Perigosidade
NFPA 704
1
1
0

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

Utilízase habitualmente na produción de refrescos e caramelos. Pode tamén encontrarse como un ingrediente noutros alimentos procesados.

Estrutura editar

A maltodextrina consta de unidades de D-glicosa conectadas formando cadeas de lonxitude variable. As unidades de glicosa están enlazadas fundamentalmente por enlace glicosídico α(1→4). A maltodextrina está composta por unha mestura de cadeas cuxa lonxitude varía entre 3 e 17 unidades de glicosa.

As maltodextrinas clasifícanse polo seu equivalente de dextrosa, que varía entre 3 e 20. Canto maior valor ten o equivalente de dextrosa, máis curtas son as cadeas de glicosa, maior é a súa dozura, maior a súa solubilidade, e menor a resistencia á calor. Por riba dun equivalente de dextrosa de 20, o código CN da Unión Europea denomínaa xarope de glicosa; con equivalentes de dextrosa de 10 ou inferiores o CN clasifica as maltodextrinas como dextrinas.

Produción editar

A maltodextrina pode obterse derivándoa encimaticamente a partir do amidón, por exemplo, a partir de amidón de trigo (o máis común na Unión Europea) ou de amidón de millo (o máis común nos Estados Unidos). Aínda que para as persoas que padecen trastornos relacionados co glute pode parecer preocupante a presenza en alimentos de maltodextrina derivada do trigo (cuxas sementes conteñen glute), en realidade é altamente improbable que conteña cantidades significativas (20 mg/kg ou 20ppm) de glute.[2] A maltodextrina derivada do trigo non é obrigatorio etiquetala como tal, como establece o Anexo II da directriz da UE No 1169/2011.[3] Porén, é obrigatorio que a maltodextrina derivada do trigo especifique unha declaración de alérxeno segundo a FALCPA nos Estados Unidos, e nunha alegación voluntaria na etiqueta como alimento libre de glute os seus efectos deben ser avaliados caso por caso segundo a política seguida pola FDA nos Estados Unidos.

Usos alimentarios editar

A maltodextrina utilízase ás veces na fabricación de cervexa para incrementar a gravidade específica do produto final.[4] Isto mellora a textura na boca da cervexa, incrementa a súa retención de escuma e reduce a sensación de sequidade da bebida. A maltodextrina non é fermentada polos lévedos, polo que non incrementa o contido de alcohol da bebida. Tamén se utiliza nalgúns petiscos como as patatas fritidas e chacina. Utilízase na manteiga de cacahuete "lixeira" para reducir o seu contido en graxas, pero mantendo a textura. A maltodextrina é tamén ás veces tomada como un suplemento polos culturistas e outros atletas en forma de po ou en paquetes de xel.

O principal ingrediente dos caramelos de menta Tic Tacs (despois do azucre) é a maltodextrina.[5]

A maltodextrina utilízase como aditivo barato para espesar produtos alimenticios como as fórmulas infantís lácteas. Tamén se usa como recheo en substitutos do azucre e outros produtos.[6]

A maltodextrina ten un índice glicémico que vai do 85 ao 105.[7]

Outros usos editar

A maltodextrina é utilizada como insecticida agrícola usado nos campos e en invernadiros. Non ten acción fisiolóxica ou bioquímica. A súa eficacia está baseada en que ao asperxer unha solución ao 50% sobre os insectos praga, cando esta seca, bloquea os espiráculos do insecto, que morren por asfixia.[8]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Reference Tables: Description and Solubility - M". pharmacopeia.cn. Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2018. Consultado o 07 de abril de 2018. 
  2. "Top 10 Ingredients You Really Don’t Need to Worry About". 
  3. Annex II, REGULATION (EU) No 1169/2011 OF THE EUROPEAN PARLIAMENT AND OF THE COUNCIL, Directive No. 1169/2011. 25 de outubro de 2011. Consultado o 4 de abril de 2016.
  4. "How to Brew" at Black Rock, a beer brewing supplier in New Zealand
  5. "Tic Tac". 
  6. "What is Maltodextrin? (with pictures)". wisegeek.org. 
  7. "Maltodextrin: The Time and Place for High Glycemic Carbohydrates". 
  8. PPDB: Pesticide Properties DataBase Maltodextrin Arquivado 08 de abril de 2018 en Wayback Machine.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar