Método de Lachmann

O método de Lachmann (ou método stemmático) é, en filoloxía, o instrumento indispensábel para a publicación da edición crítica dun texto. Foi teorizado sinteticamente polo filólogo alemán Karl Lachmann a mediados do século XIX: o primeiro texto para o que se utilizaron os procedementos posteriormente definidos como "método lachmanniano" foi unha poblicación de 1852 do De rerum natura de Lucrecio (século -I). Os dous primeiros pasos para a edición dun texto segundo o "método de Lachmann", son a recensio e a emendatio.

Karl Lachmann.

Recensio editar

A recensio subdivídese nunha serie de operacións sucesivas:

individuación das fontes editar

O conxunto dos testemuños que transmiten a obra en forma integral ou parcial constitúe a tradición dunha obra obra. A tradición distingue en:

  • tradición directa: conxunto de manuscritos e códices, impresións visadas polo autor, impresións comentadas polo autor.
  • tradición indirecta: versións noutras linguas útiles para reconstruír un texto lacunoso (non completan formalmente pero aclaran o significado), citacións explícitas ou implícitas da obra, comentarios antigos da obra que presentan un lemma que conserva a lectura xenuína da tradición, imitacións ou parodias, alusións que poden conservar lecturas xenuínas ou (moi vagamente) modelos.

recensio (ou censo): colección dos testemuños. editar

Faise recorrendo a repertorios tanto se os testemuños son integrais (directa) como se son parciais (indirecta). Unha tradición pode estar representada por máis testemuños ou por un só testemuño. Se só hai un testemuño o procedemento é relativamente máis doado. En presenza dunha tradición con máis testemuños, procédese con:

collatio (confronto, sobre a base dun exemplar de colación). editar

Lachmann aplicaba nesta fase o concepto de recensere sine interpretatione, ou sexa, un procedemento mecánico de confronto, mentres os seus sucesores (Sebastiano Timpanaro, por exemplo) e a experiencia xeral demostran que é necesario xa nesta fase facer un esforzo para comprender o testemuño, xulgando as lecturas correctas, sospeitosas ou erróneas. O resultado deste confronto é o rexistro das diferenzas dos distintos manuscritos. Tal confronto pode realizarse:

  • para expertos (loci critici).
  • para toda a obra (moi difícil para unha obra moi grande).

Idealmente a mellor elección é a colación integral. Paga a pena recordar dúas premisas fundamentais da filoloxía:

  • o testemuño de todas as copias (ou antígrafos) dun único testemuño (apógrafo) conta como un, a efectos da investigación, exceptuados naturalmente os casos de contaminación.
  • a norma prudencial recentiores non deteriores, ou sexa, un testemuño cronoloxicamente tardío non é necesariamente menos digno de confianza ca un máis antigo.

eliminatio codicum descriptorum (eliminación das copias). editar

Elimínanse dos testemuños útiles as copias dun orixinal conservado. Porén non é sempre evidente que un códice sexa copia doutro, tal relación próbase, por exemplo, polos buratos, manchas no orixinal e lagoa correspondente na copia; omisión duna liña que faga que se perda o sentido completo, agás en caso de homoteleuto, caso no que a lagoa non pode ser considerada orixinal e non se pode determinar se o códice é unha copia, o copista pode entender mal un resumo: o erro non determina que se trate dunha copia, e igualmente lecturas mellores non proban a independencia dun códice con respecto a outro porque poden ser froito das decisións do copista).

O criterio da eliminatio codicum descriptorum ("eliminación dos códices copiados") consente deixar de lado, sobre a base de análises das características físicas do manuscrito, os testemuños antígrafos verosimilmente copiados de códices apógrafos dos que dispoñamos; a efectos da constitutio textus, de feito, ter en conta un códice copiado doutro que posuímos resultaría pouco útil posto que este apógrafo contería certamente todos os erros presentes no seu antígrafo, máis outros de innovación propia.

Poden verificarse excepcións cando por exemplo un codex descriptus (copiado) conserva porcións de texto perdidas no'antígrafo. Normalmente nesta fase é posíbel reducir o corpus da tradición salientada, descartando moitas edicións que seguen a vulgata establecida pola editio princeps, facendo atención porén a posíbeis variantes do autor inseridas en reimpresións e novas edicións.

determinación das relacións entre os testemuños. editar

Para establecer como se agrupan os testemuños non hai que se basear nas lecturas que teñen en común (concordancias): mentres as partes iguais poden terse mantido independentemente nas diversas ramas, é improbábel que certos tipos de erros se teñan producido independentemente. Hai que se basear, polo tanto, nos erros significativos, que poden ser separativos ou conxuntivos. Convirá seguir as definicións formalizadas por Paul Maas:[1], sobre as que, xeralmente, se basean as diversas formulacións fornecidas nos manuais de filoloxía, así como as discusións, tamén diverxentes, da crítica:

  1. erros conxuntivos (Bindefehler): "a conexión entre dous testemuños (B e C) fronte a un terceiro (A) demóstrase por medio dun erro común aos testemuños B e C, que sexa de tal natura, que segundo toda probabilidade B e C non poidan ter acído neste erro independentemente o un do outro".
  2. erros separativos (Trennfehler): "a independencia dun testemuño (B) doutro (A) demóstrase por medio dun erro de A fronte a B, que sexa de tal natura, que, no que se sabe respecto ao estado da crítica conxectural no tempo transcorrido entre A e B, non pode ter sido eliminado por conxectura nese espazo de tempo".
 
O stemma codicum da tradición das obras de Plauto segundo o filólogo clásico Cesare Questa.

Tal operación conduce á compilación dun stemma codicum (árbore xenealóxica da tradición manuscrita) na que se determinan:

  • un arquetipo, ou sexa, a cabeceira de toda a tradición que posuímos, normalmente indicado coa letra Ω, cuxa existencia se demostra pola presenza de polo menos un erro conxuntivo común a toda a tradición;
  • un ou máis codices interpositi, ou sexa, testemuños interpostos entre o arquetipo e os manuscritos que posuímos, normalmente indicados con letras do alfabeto grego.
  • un ou máis códices posuídos, normalmente indicados con letras do alfabeto latino.

Chégase así á identificación de máis clases (ou familias ou ramas) da tradición: cando unha lectura estea testemuñada na maioría das clases (e NON na maioría dos códices posuídos), esta, segundo o método mecánico lachmanniano, ha ser verosimilmente a lectura correcta.

Criterios internos editar

Non sempre a reconstrución do stemma codicum permite unha adecuada selección das lecturas: se nos atopamos fronte a unha recensión aberta, ou horizontal (Pasquali), e se toda a tradición non deriva dun e único arquetipo, é necesario recorrer a instrumentos correctivos baseados en criterios internos, ou sexa, considerando cales entre as diversas lecturas se corresponde máis ao usus scribendi (hábito estilístico) do autor ou aínda cal é a lectio difficilior (a lectura máis difícil, e, polo tanto dificilmente obra de innovación por parte do copista, que, polo contrario, tende xeralmente a banalizar as lecturas da orixinal).

Alén do método de Lachmann: Bédier editar

O filólogo francés Joseph Bédier, que en 1890 preparara unha edición crítica do Lai de l'Ombre (antigo texto francés) seguindo o método de Lachmann, en 1928, tras as críticas ao seu labor feitas por Gaston Paris, volve a estudar o texto, concluíndo despois en primeiro lugar que o método stemmático era moi raramente eficaz, en canto a miúdo a tradición se dividía e só dúas clases: Bédier afirma, a este propósito, a existencia dunha forza dicotómica que leva pouco e pouco ao reagrupamento dos testemuños en dúas grandes familias. O resultado disto era, xa que logo, a imposibilidade de proceder mecanicamente á escolla da lectura por medio da lei de maioría e, ademais, que iso levaba a producir inevitabelmente textos compostos, froito do enxeño corrector dun filólogo pero que nunca existiron na realidade.

A solución empírica de Bédier consistía na escolla dun bon manuscrit, entre os testemuños realmente posuídos e estudados, segundo o propio gusto, e tras ter corrixido só os erros máis evidentes.

O método lachmanniano, ata o daquela, base insubstituíbel para a edición crítica de calquera texto, entra en crise.

Historia da tradición e crítica do texto editar

As críticas que Bédier dirixira ao método stemmático non foron sen consecuencias: moitos filólogos adoptaron o sistema bédierano, chamado do bon manuscript.

Porén algúns filólogos como o italiano Giorgio Pasquali recuperaron o método de Lachmann, sen ignorar completamente as contribucións achegadas por Bédier. No fundamental ensaio Storia della tradizione e critica del testo (1934) Pasquali indica a necesidade de que as operacións de mera crítica textual sexan precedidas e apoiadas por un profundo estudo histórico da tradición textual, que non considere os testemuños individuais unicamente como siglas ou simples "contedores de textos"; é, polo contrario, oportuno analizar en modo capilar cada manuscrito na súa integridade, non deixando nin sequera de observar os caracteres externos e a individualidade histórica do texto.

Porén a soa atención ao códice en canto tal, así como fora exposta por Bédier, foi refutada por Pasquali, segundo o cal o editor crítico non pode eximirse de fornecer unha edición crítica cientificamente fundada, non reducíbel á mera reprodución dun dos testemuños, por moito que sexa o mellor entre todos os que posuímos.

Notas editar

  1. Textkritik, Leipzig, 1927; cuarta ed. 1960)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar