Luperca é o nome da loba que segundo a mitoloxía romana aleitou a Rómulo e Remo, fundadores de Roma, cando estes foron mandados a matar o rei Amulio. Actualmente a estatua dedicada a ela, chamada a «loba capitolina» (lupa capitolina en italiano), consérvase no museo do Capitolio romano (Museos Capitolinos). A cronoloxía da figura da loba foi moi discutida; segundo a tradición a escultura da loba sería etrusca, aínda que se estima que data da Idade Media, mentres as estatuas dos nenos Rómulo e Remo foron creadas e engadidas en 1471.

Loba capitolina ou Luperca, estatua de bronce que se atopa nos Museos Capitolinos. Fóronlle engadidas as figuras de Rómulo e Remo quen foron os fundadores do que hoxe é Roma.

A figura editar

Trátase dunha figura en bronce, de 75 centímetros de altura e 114 de anchura. Segundo a tradición, trataríase dunha escultura etrusca, aínda que recentemente se puxo en dúbida esta datación, demostrándose finalmente que esta data da Idade Media[1][2][3]. Os dous nenos engadíronse durante o Renacemento en 1471 e probabelmente son obra do escultor Antonio Pollaiuolo[4].

Historia editar

 
Representación da Loba capitolina aleitando a Rómulo e Remo, c. -137.

A lupa romana é un tema popular en medallas, moedas, xoias, relevos, mosaicos, etc, no Imperio Romano. A loba foi inicialmente representada sen os xemelgos, pero a partir do século III a representación da loba aleitando aos xemelgos é habitual. A lupa romana é un símbolo da orixe divina do fundador de Roma, Rómulo, fillo do deus da guerra, Marte, e a reivindicación do carácter eterno (aeternitas) da cidade e do imperio.

Lenda editar

 
Detalle representando a Lupa Capitolina no relevo dun pedestal do reinado de Traxano (98-117).

Segundo a mitoloxía romana, en Alba Longa, cidade fundada por Ascanio, fillo do heroe troiano Eneas, o rei local Numitor foi vítima dunha estrataxema do seu irmán, Amulio, co obxectivo de facerse co trono. Capturou a Numitor, matou a todos os homes do reino e obrigou á súa sobriña, Rea Silvia, a facerse sacerdotisa vestal, dedicada á deusa Vesta, o que implicaba que ela debería manter a castidade. Namentres, Rea Silvia acababa de ter dous fillos de Marte (deus romano da guerra), os irmáns Rómulo e Remo[5]. Ao descubrilos, Amulio capturou a Rea e ordenou que os seus fillos fosen afogados no río Tíber. Como un milagre, o cesto onde estaban os xemelgos chegou até as ribeiras do río preto do monte Palatino, onde foron atopados por unha loba que os aleitou. Tempo despois, un pastor de ovellas chamado Fáustulo atopou aos nenos ao pé da Figueira Ruminal (Ficus Ruminalis), na entrada dunha caverna chamada Lupercal. Recolleunos e adoptounos, sendo criados pola súa muller Acca Larentia.

Anos despois, durante o asalto a unha caravana, Remo foi capturado e levado a Alba Longa. Nese momento Fáustulo revelou a verdade a Rómulo, que partiu cara á cidade, onde matou a Amulio e liberou a Numitor. Os xemelgos decidiron entón partir de Alba Longa e fundar unha nova cidade. Rómulo quería chamala Roma e edificala no Palatino, mentres que Remo desexaba chamala Remora e fundala sobre o Aventino. Este conflito levou a Rómulo a matar ao seu irmán Remo e fundar a súa nova cidade, Roma.

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Anna Maria Carruba: La Lupa Capitolina. Un bronzo medievale (presentazione di Adriano La Regina). De Luca Editori d’Arte. Roma 2006.

Outros artigos editar