Londinium (actual Londres) é o nome que os romanos aplicaron á aldea celta de Llyn Din, en Britania (actual Inglaterra). O sitio era un lugar antigo das tribos aborixes celtas. Eles daban ao lugar o nome de Llyn Din (‘fortín do lago’). Aqueles celtas elixiran o lugar como sitio propicio para as súas actividades comerciais.

Ruínas do templo de Mitra en Londres, 2004
Mosaico romano, atopado en Londres, Museo Británico
Fragmento da muralla romana de Londres, xunto á entrada da estación de metro de Tower Hill

Cando os romanos chegaron á illa para conquistala fixeron grandes obras de enxeñería segundo era o seu costume para facilitar a marcha e para organizar o país ao seu modo. Unha destas obras foi a construción dunha ponte sobre o río Támese, nun lugar onde non afectasen as mareas, é dicir en Llyn Din. Os romanos latinizaron o nome do sitio como Londinium.

Londinium seguiu desenvolvéndose como cidade ata o ano 60, en que tivo lugar un enfrontamento entre o exército romano e as tribos sublevadas coa raíña Boadicea á fronte. Tras o triunfo dos romanos, a raíña e os seus seguidores desaloxaron a cidade á vez que lle prendían lume. A continuación, a raíña suicidouse envelenándose. As escavacións revelaron a evidencia de lume, descubríndose unha capa de cinza vermella. Tamén foi descuberto a localización militar. A cidade foi restaurada ao cabo dos 10 anos e estableceuse nela a sede do goberno imperial de Britania. Crese que por entón contaba cuns 15 000 habitantes. O historiador romano Tácito (55-120) describiu a cidade encomiando a súa grandeza como centro comercial cun magnífico porto fluvial.

Cara ao ano 200 Londinium era xa unha das máis ricas e prósperas cidades do Imperio Romano. Nesa época estaba amurallada. As murallas romanas de Londinium rodeaban 153 hectáreas (como un círculo de 1400 m de diámetro). Consérvanse restos en Wall St. (a actual City), entre Wood St e Aldermanbury. As antigas portas de entrada á cidade conservaron o seu topónimo en sitios como Ludgate, Dourgate e Beluisgate.

Cando os saxóns invadiron Britania no século V houbo grandes loitas en todo o país. Londinium foi defendida e protexida máis que ningunha outra cidade pero a finais do século a cidade era xa unha ruína deshabitada. No século VII con todo parece que recuperara o seu esplendor -os saxóns nomeárona capital do seu novo reino- e é mencionada nalgúns documentos como unha próspera cidade saxoa de gran riqueza comercial.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar