Un loch ou lough (proveniente do gaélico loch, pronunciado /ˈlɒx/, ou /ˈlɒk/ por aqueles que non poden articular /x/) é unha masa de auga semellante a un lago, aínda que tamén pode ser un brazo de mar, que pode ser tamén chamado firth, fiorde, ría, esteiro ou baía. A palabra loch significa lago en gaélico. Os entrantes de mar adóitanse chamar sea lochs (lagos mariños).

Vista sobre o lago Lomond, cara ao Ben Lomond.
Lago Lubnaig, un encoro.
O lago de Menteith (Lago Innis MoCholmaig).
O lago Ness co Castelo de Urquhart á dereita.

Moitos destes lagos (loches) están en Escocia e Irlanda, mais tamén poden se atopar en Hawai, preto de Pearl Harbor. Talvez o lago escocés de máis sona é o lago Ness, malia existiren outros exemplos de gran tamaño coma o lago Awe, lago Lomond e mais o lago Tay.

Orixe do termo editar

É un hidrónimo de orixe gaélica[1] e se aplica á meirande parte dos lagos de Escocia e a moitas rías do oeste e norte de Escocia. A palabra é de orixe indoeuropea, ccf. latín lacus, en inglés lake («lago»).

A ortografía da lingua das terras baixas de Escocia, como o escocés gaélico e mais o irlandés, representan o son /x/ con «ch», equivalente á gheada galega (en galego o son /x/ represéntase co grafema gh).

Moitos dos loughs no norte de Inglaterra tamén foran chamados previamente meres (unha palabra dialectal arcaica do inglés no norte do país sinónimo de lake aínda que adoita significar «lagoa ampla e pouco fonda») coma o Black Lough en Northumberland.[2] Porén, a referencia a este último coma lochs ou loughs, mais que coma lakes ou inlets, é infrecuente.

Malia non existir unha definición estrita do tamaño, un pequeno lago (lagoa) adóitase chamar lochan (escrito así tamén en gaélico escocés; en Irlanda sería lochán).

Exemplos de lagos mariños (sea lochs, xeralmente rías ou fiordes) de Escocia son o lago Long, o lago Fyne, o lago Linnhe, o lago Eriboll, e mais o lago Tristan e Trisloch.

O uso de loch editar

Algúns dos novos encoros hidroeléctricos téñense nomeado seguindo fielmente os hidrónimos gaélicos antigos e respectando o termo loch. Un exemplo é o lago Sloy e os lagos Laggan e Treig (que forman parte do proxecto hidroeléctrico Lochaber, preto de Fort William).

Os loches de Escocia editar

Escocia conta con moi poucos corpos de auga naturais que se chamen lakes (lagos). O lago de Menteith, chámase así por unha anglicación do escocés Laich o Menteith é dicir, «anaco de terras baixas en Menteith». O nome cambiouse por mor á semellanza dos sons laich e lake. O lago dos Hirsel, o lago Pressmennan e mais o lago Louise son outros exemplos de corpos de auga chamados lakes.

A palabra loch (pronunciada coma lock) emprégase ademais para identificar aos ingleses, xa que estes, a diferenza dos escoceses, non saben pronunciar o son (x).

Notas editar

  1. A verba existe nas linguas a seguir: Lingua gaélica escocesa, irlandés, manx e escocés; ademais do inglés escocés, inglés irlandés e mais no inglés estándar.
  2. Stan Beckensall (2004). Northumberland Place-Names. Butler Publishing, Thropton, Morpeth, Northumberland, NE65 7LP. ISBN 094692841X

Véxase tamén editar

Outros artigos editar