Little Boy foi o nome en código da bomba atómica lanzada na cidade xaponesa de Hiroshima o 6 de agosto de 1945 durante a segunda guerra mundial dende a aeronave Boeing B-29 Superfortress Enola Gay, pilotada polo coronel Paul W. Tibbets, Jr., comandante do Grupo Composto 509 das Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos. Foi a primeira bomba atómica utilizada nunha guerra. O bombardeo de Hiroshima foi a segunda explosión nuclear artificial da historia trala proba Trinity, e a primeira detonación baseada en uranio. Estoupou cunha enerxía de aproximadamente 15 quilotóns de TNT (63 TJ). A bomba causou unha destrución significativa para a cidade e os seus habitantes.

Modelo Little Boy de posguerra

A bomba Little Boy desenvolveuna o grupo da División O do capitán William S. Parsons baixo o mando do tenente comandante Francis Birch no Laboratorio de Los Alamos durante a segunda guerra mundial. Parsons voou na misión de Hiroshima como artilleiro. Little Boy foi un desenvolvemento do proxecto previo da bomba Thin Man. Ó igual que esta outra, era unha arma de fisión de tipo balístico, pero derivaba o seu poder explosivo da fisión nuclear do uranio-235 en lugar de basearse na fisión do plutonio-239. A fisión acadábase disparando un cilindro óco de uranio enriquecido a un cilindro sólido do mesmo material mediante unha carga de pólvora propulsora nitrocelulosa. Contiña 64 kg (141 lb) de uranio enriquecido, do que menos dun quilogramo experimentaba a fisión nuclear. Os seus compoñentes fabricáronse en tres plantas diferentes para que ninguén externo ó proxecto puidese obter unha copia do deseño completo.

Trala fin da guerra non se agardaba que o ineficiente deseño do Little Boy fose requirido de novo, polo que se destruíron moitos plans e diagramas do deseño, pero a mediados de 1946 os reactores de Hanford Engineer Works sufrían do efecto Wigner polo que se produciron seis ensamblaxes de Little Boy na Base Sandia. O Gabinete de Artillaría da Armada construíu outros 25 Little Boy en 1947 para usalos na aeronave Lockheed P2V Neptune. Tódalas unidades Little Boy retiráronse do servizo militar a finais de xaneiro de 1951.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar


 
 Este artigo sobre historia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.