O idioma samoano (gagana Samoa) é unha lingua austronesia do grupo malaio-polinesio oriental, orixinaria de Samoa e falada principalmente nese país, na veciña colonia estadounidense de Samoa Americana e en Nova Zelandia.

Samoano
Gagana Samoa
Falado en: Samoa
Samoa Americana
Nova Zelandia
Tonga[Cómpre referencia]
Total de falantes: 370.337
Posición: Non está entre as 100 máis faladas
Familia: Austronesio

 Malaio-Polinesio
  Malaio-Polinesio Nuclear
   Malaio-polinesio centro-oriental
    Malaio-polinesio oriental
     Oceánico
      Oceánico centro-oriental
       Oceánico remoto
        Pacífico Central
         Fidxiano oriental-polinesio
          Polinesio
           Polinesio nuclear
            Samoico

             Samoano
Escrita: Alfabeto latino
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Samoa
Samoa Americana
Regulado por: Sen regulador oficial
Códigos de lingua
ISO 639-1: sm
ISO 639-2: smo
ISO 639-3: smo
Mapa
Status

O samoano está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

Clasificación editar

O samoano é unha das linguas polinesias, grupo que teoricamente se orixinou a partir dunha lingua chamada protopolinesio. Crese que esta protolingua xurdiu na área de Fidxi, Tonga e Samoa arredor do 1500 a. C. e que un milenio despois ou algo máis tarde deuse a separación entre o prototónguico, lingua nai do tongano e o niuano e o protopolinesio nuclear, orixe á súa vez de todas as demais linguas do grupo.[2] Os falantes destas protolinguas iniciaron a súa expansión cara ao leste desde Tonga e Samoa e alcanzaron primeiro a Polinesia Central (Illas da Sociedade, Illas Cook e as Marquesas); e uns séculos máis tarde continuaron as súas migracións e chegaron finalmente ás illas Hawai, a illa de Pascua e a Nova Zelandia.

De acordo co sistema de clasificación tradicional de linguas polinesias, o samoano forma parte das linguas samoicas que son unha das dúas pólas descendentes do protopolinesio nuclear. Segundo un sistema de clasificación revisado, proposto por Jeff Marck en "Topics in Polynesian language and culture history" (2000), o samoano descende do protoelliseano, que á súa vez sería unha das once ramas do protopolinesio nuclear e incluiría ademais o elliseano exterior e as linguas polinesias orientais.[2]

Entre os cambios de son que presenta o samoano con respecto ás formas reconstruídas do propopolinesio atópanse a neutralización de /ɾ/ e /l/ nun único son /l/ e a mudanza de /k/ pola oclusiva glotal /ʔ/. Pola contra, permaneceu a fricativa /s/ que noutras linguas foi substituída por /h/.

Fonoloxía e escritura editar

Os fonemas do samoano son 16, 5 vogais e 10 consoantes. Escríbese cun alfabeto latino de 16 letras, unha para representar cada fonema: a, f, g, i, l, m, n, o, p, s, t, u, v e ' . Adicionalmente existen as letras h, k e r para escribir préstamos doutras linguas.[3]

As cinco vogais poden ser breves ou longas, no segundo caso márcanse cun macron ( ¯ ). Estas diferenzas de lonxitude vocálica teñen carácter fonético e permiten distinguir palabras.

bilabial labiodental alveolar velar glotal
nasal m n ŋ
oclusiva p t ʔ
fricativa f     v s
vibrante l

A consoante nasal velar /ŋ/ escríbese cun g e a oclusiva glotal xorda /ʔ/ mediante o símbolo ʻ . As demais letras representan os mesmos valores que teñen no Alfabeto Fonético Internacional.

A formación de sílabas é bastante restritiva pois, como en todas as linguas polinesias, as consoantes só poden estar no principio da sílaba e non poden estar en grupos. As vogais poden ir soas ou acompañadas dunha consoante e outra vogal. Segundo isto, as sílabas posibles son vogal, vogal-vogal, consoante-vogal e consoante-vogal-vogal.

O acento usualmente ponse na penúltima sílaba, aínda que existen varias excepcións: acentúase a última sílaba de palabras terminadas en vogal longa, en ditongo ou cando se desexa salientar un termo. Ademais as palabras compostas reteñen os seus acentos.[4]

Gramática editar

Xénero e número editar

No samoano non existe o xénero gramatical, que é unha división das palabras en clases frecuente en moitos idiomas e que non necesariamente coincide co xénero natural (sexo).

O sexo de persoas, animais e algunhas plantas indícase por medios léxicos, xa sexa usando termos diferentes (tane, "home", fafine, "muller") ou antepoñendo os adxectivos po'a, "macho" e fafine, "femia".[5]

Nos pronomes persoais e posesivos existen tres gradacións de número: singular, dual e plural, que se indican mediante palabras diferentes para cada unha. En cambio, nos substantivos o singular e o plural sinálanse por medio de artigos e outros determinantes e non hai o dual propiamente dito.

Pronomes editar

Os pronomes persoais do samoano teñen tres persoas: primeira, segunda e terceira; tres gradacións de número: singular, dual e plural. Ademais, fai distinción entre primeira persoa inclusiva[6] (o oínte forma parte dela) e primeira persoa exclusiva (o oínte non forma parte).

singular dual plural
primeira persoa inclusiva:
exclusiva: a’u , 'ou
incl.: tā, tā'ua
excl.: mā, mā'ua
incl.: tātou
excl.: mātou
segunda persoa ’oe, ’e ’oulua ’outou, tou
terceira persoa ia, na lā’ua lātou

Notas editar

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. 2,0 2,1 Otsuka, Yuko (2005). University of Hawai'i, ed. "History of Polynesian Languages" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de setembro de 2006. Consultado o 22 de abril de 2012. 
  3. Omniglot. Writing Systems and Languages of the World. "Samoan (Gagana Samoa)". Consultado o 22 de abril de 2012. 
  4. Pratt, George (1984). "Syllable. Accent". En Papakura: R.McMillan. A Grammar and Dictionary of the Samoan Language, with English and Samoan Vocabulary. Third and Revised Edition. 
  5. Pratt, George (1984). "Words. 2. The Noun". En Papakura: R.McMillan. A Grammar and Dictionary of the Samoan Language, with English and Samoan Vocabulary. Third and Revised Edition. 
  6. Na primeira persoa inclusiva singular, o falante expresa a súa implicación emocional na oración.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar