A lingua livonia[4] (līvõ kēļ ou rāndakēļ) é unha lingua moribunda pertencente á rama finesa das linguas ugrofinesas, que falou outrora o pobo livonio, un grupo étnico ugrofinés asentado na costa livonia, ao norte da península de Curlandia (Letonia). Aínda que o seu último falante nativo morreu en 2013,[1][5] existen arredor de 40 falantes como segunda lingua e unhas 210 persoas declararon ter algún coñecemento da lingua. Posiblemente única entre as linguas urálicas, o livonio foi descrito como unha lingua con acento tonal.[6]

Livonio
līvõ kēļ, rāndakēļ
Falado en: Letonia Letonia
Rexións: Livonia
Extinción: 2013, coa morte de Grizelda Kristiņa[1]
Familia: Urálica
 Ugrofinesa
  Finopérmica
   Báltico-finesa
    Livonio
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Non é oficial.
Recoñecida como lingua minoritaria en Letonia.[2]
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: fiu
ISO 639-3: liv
Mapa

     Distribución dos últimos falantes de livonio     Distribución histórica

Distribución histórica do livonio.
Status

O livonio está clasificado como en perigo crítico polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[3]

No presente, a única persoa cuxa lingua nativa é o livonio é Kuldi Medne, que naceu en 2020. Os seus pais son Jānis Mednis e Renāte Medne, activistas do renacemento da lingua livonia.[7] Algúns livonios étnicos están aprendendo ou aprenderon a lingua nun intento de revivila, mais debido a que os livonios son unha pequena minoría, as oportunidades de usar o livonio son limitadas. O xornal estoniano Eesti Päevaleht anunciou erroneamente que Viktors Bertholds, que morreu o 28 de febreiro de 2009, foi o último falante nativo que comezou a escola de letón como monolingüe.[8] Porén, algúns outros livonios argumentaran que quedaban algúns falantes nativos,[9] incluíndo a curmá de Viktors Bertholds, Grizelda Kristiņa, quen morreu en 2013.[1] Un artigo publicado pola Foundation for Endangered Languages en 2007 afirmou que só había 182 livonios rexistrados e só seis falantes nativos. Nun acto dunha conferencia de 2009, mencionouse que podería haber "no mellor dos casos 10 falantes nativos vivos" da lingua.[10]

Historia editar

Viktors Bertholds (10 de xullo de 1921 - 8 de febreiro de 2009),[11][12] un dos últimos falantes de livonio da xeración que aprendeu o idioma como lingua nai nunha familia e comunidade de fala livonia, morreu o 28 de febreiro de 2009. Aínda que se informou de que el era o derradeiro falante nativo da lingua livonia, os propios livonios afirmaron que hai máis falantes nativos aínda vivos, aínda que moi poucos.[13]

Como se informou no xornal estoniano Eesti Päevaleht,[14] Viktors Bertholds naceu en 1921 e probablemente pertenceu á última xeración de nenos que comezaron a estudar na escola primaria en lingua letoa sendo monolingües en livonio; só uns poucos anos despois sinalouse que os pais livonios comezaron a falar en letón cos seus fillos. Durante a segunda guerra mundial, Bertholds, ao contrario que a maior parte dos homes livonios, logrou evitar ser mobilizado polos exércitos de ocupación escondéndose no bosque. Despois da guerra, Bertholds traballou en varias profesións e compartiu o seu coñecemento da lingua livonia con moitos lingüistas; na década de 1990, tamén ensinou livonio en campamentos de verán para nenos.

O irmán de Bertholds, que tamén falaba livonio, e a súa muller morreron na década de 1990. A principios dos anos 2000, moitos outros "últimos livonios" prominentes morreron tamén, como Poulin Klavin (1918–2001), gardián de moitas tradicións livonias e o derradeiro livonio que residiu de xeito permanente na costa de Curlandia, e Edgar Vaalgamaa (1912–2003), clérigo en Finlandia, tradutor do Novo Testamento e autor dun libro sobre a historia e a cultura do pobo livonio (Valkoisen hiekan kansa, Jyväskylä, 2001).

Supostamente o último falante nativo de livonio foi Grizelda Kristiņa, nada Bertholds, 1910–2013, dende 1947 residente no Canadá. De acordo con Valts Ernštreits, ela falou livonio "como se ela tivera saído da súa granxa nunha vila costeira livonia onte".[15] Ela era tamén membro da familia Bertholds e foi considerada como a última persoa viva falante nativa de livonio da súa xeración.[16]

En 2011 había menos de 250 livonios en Letonia, e a última persoa que falaba livonio como lingua nai, Grizelda Kristina, morreu o 2 de xuño de 2013 no Canadá aos 103 anos,[17] co que o livonio pasou a considerarse unha lingua extinta malia ser ensinado nas universidades dos países bálticos. A asimilación por parte dos rusos e os letóns, unida á diáspora do pobo livonio contribuíron a esta case extinción da lingua.[18]

Variedades dialectais editar

A lingua livonia está dividida en dous dialectos:[19]

  • Livonio oriental (Vidzeme)
  • Livonio occidental (Kurzeme, Raandalist)

Porén o dialecto oriental non conta na actualidade con falantes.

Alfabeto editar

O alfabeto livonio ten 45 letras:[20][21]

a A, ā Ā, ä Ä, ǟ Ǟ, b B, d D, ḑ Ḑ, e E, ē Ē, f F, g G, h H, i I, ī Ī, j J, k K, l L, ļ Ļ, m M, n N, ņ Ņ, o O, ō Ō, ȯ Ȯ, ȱ Ȱ, (ö Ö), (ȫ Ȫ), õ Õ, ȭ Ȭ, p P, r R, ŗ Ŗ, s S, š Š, t T, ț Ț, u U, ū Ū, v V, (y Y), (ȳ Ȳ), z Z, ž Ž

Vocabulario común editar

Número Linguas finobálticas Proto-
Fino-
úgrio
Livonio Finés Estoniano Vótico
1 ikš yksi
gen. yhden, part. yhtä
üks
gen. ühe, part. üht(e)
ütś *ükte
2 kakš kaksi
gen. kahden, part. kahta
kaks
gen. kahe, part. kaht(e)
katś *kakta
3 kuolm kolme kolm kolm *kolme
4 nēļa neljä neli nelli
5 vīž viisi viis viiś *viite
6 kūž kuusi kuus kuuś *kuute
7 seis seitsemän seitse säidse N/A
8 kōdõks kahdeksan kaheksa katõsa N/A
9 īdõks yhdeksän üheksa ütesä N/A
10 kim kymmenen kümme kümme *luke

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 David Charter (5 de xuño de 2013). The Times, ed. "Death of a language: last ever speaker of Livonian passes away aged 103". Consultado o 8 de setembro de 2014. 
  2. Keeping Livonian - Latvia's Lesser Known Language - Alive, 17.06.2007 at dw.de
  3. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  4. Definición de livonio -nia no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  5. GeoCurrents, ed. (11 de xuño de 2013). "Obituary: Last Native Speaker of the Livonian Language Died Age 103" (en inglés). Archived from the original on 03 de decembro de 2013. Consultado o 9 de setembro de 2014. 
  6. "Sketch of Livonian Sounds and Grammar". Virtual Livonia (en inglés). Consultado o 2020-03-22. 
  7. "„Kūldaläpš. Zeltabērns“ – izdota lībiešu valodas grāmata bērniem un vecākiem". Latvijas Sabiedriskie Mediji (LSM.lv). 2022-10-18. Consultado o 2022-10-22. 
  8. (en estoniano) Eesti Päevaleht Arquivado 2011-07-20 en Wayback Machine. "Suri viimane vanema põlve emakeelne liivlane" ("The last native speaker of Livonian from the older generation has died"), 4 de marzo de 2009.
  9. "Latvia's tiny Livonian minority struggles to keep its language alive | Baltic States news & analytics". The Baltic Course. 2012-10-17. Consultado o 2013-12-01. 
  10. Balodis, Pauls (agosto de 2009). "Personal Names of Livonian Origin in Latvia: Past and Present" (PDF). En Wolfgang Ahrens; Sheila Embleton; André Lapierre. Proceedings of the 23rd International Congress of Onomastic Sciences. 23rd International Congress of Onomastic Sciences. Toronto, Canada: York University. pp. 105–116. ISBN 978-1-55014-521-2. Consultado o 23 de abril de 2011. 
  11. "Foto de V. Bertholds". Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2012. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  12. Laakso, Johanna. Tangyra, ed. "The last Livonian is dead" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2009. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  13. Baltic Course, ed. (6 de xuño de 2013). "Latvia's tiny Livonian minority struggles to keep its language alive" (en inglés). Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  14. Eesti Päevaleht, ed. (4 de marzo de 2009). "Suri viimane vanema põlve emakeelne liivlane" (en estoniano). Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2011. Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  15. Raimu Hanson (9 de decembro de 2011). Postimees, ed. "Teadusdoktor käib mööda liivi radu" (en estoniano). Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  16. Tapio Mäkeläinen (19 de marzo de 2010). FennoUgria, ed. "Maailma viimane emakeelne liivlane sai 100-aastaseks" (en estoniano). Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  17. David Charter (5 de xuño de 2013). The Times, ed. "Death of a language: last ever speaker of Livonian passes away aged 103" (en inglés). Consultado o 10 de setembro de 2014. 
  18. Le nouvel observateur, ed. (1 de xaneiro de 2014). "Dix choses que vous ignorez (sans doute) sur la Lettonie, désormais dans l’euro" (en francés). Consultado o 9 de setembro de 2014. 
  19. Ethnologue (ed.). "Liv" (en inglés). Consultado o 9 de setembro de 2014. 
  20. Michael Everson (12 de novembro de 2001). evertype.com, ed. "The Alphabets of Europe. Livonian. līvõ kēļ" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de xuño de 2015. Consultado o 9 de setembro de 2014. 
  21. Šuvcāne, Valda; Ernštreite, Ieva (2005). Eraksti, ed. Latvian-Livonian-English Phrase Book (en Livonio e letón e inglés). p. 68. ISBN 9984-771-74-1. Archived from the original on 24 de abril de 2006. Consultado o 10 de setembro de 2014. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar