Lingua gótica

lingua xermánica extinta falada outrora polo pobo godo

O gótico foi unha lingua xermánica hoxe extinguida, a dos godos e, máis particularmente, a dos visigodos. O gótico é, pois, unha lingua indoeuropea. É a máis antiga das linguas xermánicas testemuñadas, pero non é a orixe de ningunha lingua xermánica actual. Os documentos máis antigos datan do século IV. O gótico cesa de ser usado correntemente a partir da segunda metade do século VI en razón dos desastres visigodos contra os francos, da destrución dos godos de Italia (os ostrogodos), da conversión ao catolicismo dos Godos de Hispania, da latinización e romanización, do illamento xeográfico etc. A lingua goda sobreviviría polo menos ata mediados do século VII en Hispania, pero o franco Walahfrid Strabo menciona que ao principio do século IX, aínda se falaba gótico no curso inferior do Danubio e nas montañas illadas de Crimea. Os termos que parecen pertencer ao gótico atopados nos manuscritos posteriores (recollidos no século XVI) de Crimea non se corresponden se cadra exactamente coa mesma lingua.

Gótico
𐌲𐌿𐍄𐌰𐍂𐌰𐌶𐌳𐌰
Falado en: Europa
Rexións: Oium, Dacia, Pannonia, Dalmacia, Península Itálica, Gallia Narbonensis, Gallia Aquitania, Hispania, Crimea.
Extinción: século VIII ou IX
Familia: Indoeuropea
 Xermánico
  Xermano oriental
   Gótico
Escrita: Alfabeto gótico
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: got
ISO 639-3: got
SIL: GOT
Mapa
Status

O carácter arcaico do gótico fai del unha lingua básica en Lingüística comparada.

Por razóns de lexibilidade, as partes que atinxen ao alfabeto gótico e á pronuncia da lingua constitúen artigos separados.

Testemuños editar

O gótico está testemuñado por un número pequeno de documentos, que non permiten restituílo cunha grande precisión:

  1. A parte principal está representada polos textos do bispo ariano Wulfila (ou Ulfilas; 311-382), que estivo á cabeza dunha comunidade de visigodos cristiáns en Mesia (Bulgaria); este traduciu a Biblia grega dos Setenta á lingua gótica co fin de evanxelizar o pobo; desta tradución quédannos principalmente tres cuartas partes do Novo Testamento, e algúns fragmentos do Antigo. O mellor manuscrito, o Codex Argenteus, data do século VI, conservado e transmitido polos ostrogodos de Italia do norte. Contén longas pasaxes dos catro evanxeos. O segundo entre os principais manuscritos é o Codex Ambrosianus, que contén pasaxes máis esparexidas do Novo Testamento (entre elas extractos dos evanxeos e das Epístolas), do Antigo Testamento (Nehemías) así como comentarios chamados Skeireins (véxase máis abaixo). É, pois, probábel que o texto orixinal fose algo modificado polos copistas; como o texto era unha tradución do grego, a lingua que testemuña o Codex Argenteus está inzada de helenismos, cousa que se constata sobre todo na sintaxe, que copia a miúdo a da lingua de partida;
  2. Comentarios do Evanxeo de Xoán, coñecidos co nome de Skeireins (nome feminino), «Esexese», que ocupa oito páxinas;
  3. Varios documentos antigos dispersos: abecedario, calendario, glosas atopadas en diversos manuscritos así como inscricións ás veces escritas por medio das runas etc.;
  4. Unhas decenas de termos que Ogier de Busbecq, diplomático flamengo que viviu no século XVI recolleu en Crimea e transmitiu nas súas Lettres de Turquie; estes termos non son porén representativos da lingua que Wulfila escribiu e é máis que probábel que non sexa realmente gótico no sentido no que se entende na Lingüística Histórica.

Así, cando se fala de gótico, trátase a maioría das veces do de Wulfila, pero os documentos son maioritariamente do século VI, é dicir, ben posteriores. Como esta lista non é exhaustiva, poderemos referirnos a esta páxina externa para unha descrición máis precisa dos testemuños da lingua.

Alfabeto editar

Artigo completo: Alfabeto gótico. Resumo :

O gótico de Wulfila, da Skeireins e de diversos manuscritos está escrito por medio dun alfabeto orixinal inventado probabelmente polo mesmo Wulfila, que se denomina «alfabeto gótico».[1] Non ten nada que ver co que se chama comunmente «letra gótica», que son letras do alfabeto latino tal e como se escribían en Occidente nos manuscritos dos séculos XII ao XIV, convertidas máis tarde no que se designa en Alemaña co termo de Fraktur.

Sistema fonolóxico e fonético editar

Artigo completo: Fonoloxía do gótico

O gótico coñeceu a primeira mutación consonántica do xermánico común (ou lei de Grimm) así como a lei de Verner; é demasiado antigo como para ter sufrido a segunda mutación consonántica, propia do antigo alto alemán.

Podemos determinar con máis ou menos precisión a maneira na que se pronunciaban as palabras góticas de Wulfila grazas á fonética comparada, principalmente. Ademais, como Wulfila intentaba seguir o máis posíbel o texto grego que estaba a traducir, sabemos que empregou para o seu alfabeto convencións idénticas ás do grego desta época, cousa que por dedución permite adiviñar a súa pronunciación, pois a do grego nos é ben coñecida.

Continuación...

Morfoloxía editar

Sistema nominal editar

O carácter arcaico do gótico permitiulle conservar trazos propios das linguas indoeuropeas que non teñen necesariamente as linguas xermánicas modernas, como unha flexión nominal bastante máis rica en casos; atopamos en gótico o nominativo, o acusativo, o xenitivo e o dativo (así como algunhas pegadas dun vocativo a miúdo idéntico ao nominativo, por veces ao acusativo). A título de comparación, das linguas xermánicas só o islandés e o alemán posúen aínda todos estes casos. Están representados os tres xéneros IE , entre eles o neutro (como en alemán, noruegués e islandés e, en certo modo, como en holandés, danés e sueco, que opoñen o neutro ao «xénero común» (genus commune), é dicir, unha síntese do masculino e do feminino). Os nomes e adxectivos declínanse segundo dous números: singular e plural.

Unha das características máis rechamantes desta familia de linguas é a oposición entre as flexións nominais febles (simplificado: a terminación consonántica [n] do raíz) e fortes (simplificando: a terminación vocálica do raíz e con mestura de desinencias propias dos pronomes), oposición que se impón particularmente en gótico. Mentres que para un nome dado, só é posíbel unha soa flexión (segundo a final do raíz) certos adxectivos poden seguir unha ou outra flexión, en función do seu valor: un adxectivo empregado de maneira determinada e acompañado dunha forma pronominal deíctica, como o pronome demostrativo sa, þata, so que desempeña o papel dun artigo definido, declínase na forma feble; declínanse na forma forte os adxectivos non determinados. Este proceso aínda o atopamos en alemán, por exemplo, onde se di que sen artigo definido, o adxectivo leva as súas marcas flexivas:

  • feble : der gute Wein («o bo viño»);
  • forte : guter Wein («bo viño»).

En gótico, os adxectivos cualificativos (tamén en superlativo en -ist e -ost) e o participio pasado poden seguir as dúas flexións; só seguen a feble certos pronomes como sama («idéntico», cf. inglés same), certos adxectivos, como unƕeila («incesante»; para a raíz ƕeila, «tempo», cf. inglés while, «mentres que»), os adxectivos en grao comparativo, os participios presentes etc. só seguen a forte: áins («uns»), os adxectivos posesivos, os indefinidos etc.

Limitarémonos a dar algúns exemplos das declinacións nominais e adxectivas que opoñen as flexións forte e feble:

Caso Flexión débil Flexión forte
Singular Nome Adxectivo Nome Adxectivo
raíz M. N. F. raíz M. N. F.
Nom. guma blind- -a -o -o dags blind- -s -a
Ac. guman -an -o -on dag -ana -a
Xen. gumins -ins -ons dagis -is -áizos
Dat. gumin -in -on daga -amma ái
Plural    
Nom. gumans blind- -ans -ona -ons dagos blind- -ái -a -os
Ac. gumans -ans -ona -ons dagans -ans -a -os
Xen. gumane -ane -ono dage -áize -áizo
Dat. gumam -am -om dagam -áim

Guma, masculino, tema débil en -an, «home» ; dags, masculino, tema forte en -a, «día» ; blind, «cego».

Esta táboa, por suposto, non proporciona paradigmas completos (hai, en efecto, desinencias secundarias, sobre todo no neutro singular forte, irregularidades etc). Unha versión exhaustiva dos tipos de flexión presentaríase así para os nomes (as flexións son tratadas de maneira exhaustiva nun artigo á parte):

  • flexión forte:
    • temas en -a, -ja, -wa (masculinos e neutros) : equivalente das flexións temáticas latinas e gregas, (segunda declinación) en ‑us / ‑i e ‑ος / ‑ου ;
    • temas en -o, -jo e -wo (femininos): equivalente das primeiras declinacións latinas e gregas en ‑a / ‑æ e ‑α / ‑ας (‑η / ‑ης);
    • temas en -i (masculinos e femininos): terceira declinación latina e grega ‑is (ac. ‑im) e ‑ις / ‑εως ;
    • tema en -u (tres xéneros): cuarta declinación latina e terceira grega ‑us / ‑us e ‑υς / ‑εως ;
  • flexión feble (todos temas en -n), terceira declinación latina e grega en ‑o / ‑onis e ‑ων / ‑ονος ou ‑ην / ‑ενος:
    • temas en -an, -jan, -wan (masculinos);
    • temas en -on e -ein (femininos);
    • temas en -n (neutros): terceira declinación latina e grega en ‑men / ‑minis e ‑μα / ‑ματος ;
  • flexións menores: en -r, en -nd e restos doutros temas en consoante, equivalentes dos outros paradigmas da terceira declinación en latín e grego.

O sistema do adxectivo segue moi de preto o do substantivo: atópanse os mesmos tipos de flexión.

Sistema pronominal editar

O gótico posúe un xogo completo de pronomes, persoais (así como un reflexivo único para as tres persoas), posesivos, demostrativos (simples e compostos), relativos, interrogativos e indefinidos. Estes seguen unha serie de flexións particulares (que recolleu en parte a flexión nominal forte), a semellanza das outras linguas indoeuropeas. O trazo máis salientábel é sen dúbida a conservación do dual, número relativo a dúas persoas ou cousas, mentres que o plural atinxe ao que pasa de dous. Así, «nós os dous» e « nós (máis de dous)» dise respectivamente wit e weis. Mentres que o dual era utilizado en indoeuropeo en todas as categorías capaces de expresaren o número (atopámolo así en grego e en sánscrito, por exemplo), é digno de mención que o gótico só o conservase nos pronomes.

O pronome demostrativo simple sa (neutro: þata, feminino: so, da mesma orixe có artigo grego ὁ, τό, ἡ, é dicir *so, *seh2, tod; para este último cf. tamén latín istud), é utilizado como artigo e permite a construción de sintagmas nominais do tipo artigo definido + adxectivo débil + nome.

Outro trazo notábel, os pronomes interrogativos empezan todos por ƕ-, que continúa o fonema indoeuropeo *kw e se atopa efectivamente ao inicio de tales pronomes na lingua nai; é así que en inglés estes termos empezan xeralmente por wh-, que pode, como en gótico, notar [ʍ], en alemán por w- [v], en sueco v- etc. Atopamos en latín qu-, en grego τ ou π (sendo particular a evolución de *kw), sánscrito k- etc.

O detalle da flexión pronominal é obxecto dun artigo separado.

Sistema verbal editar

A gran maioría dos verbos góticos segue a conxugación indoeuropea chamada «temática», porque intercala unha vogal alternante *e/o entre a raíz e as desinencias. O latín e o grego fan igual:

  • latín leg-i-mus «nós lemos»: raíz leg- + vogal temática -i- (proveniente de *e) + desinencia -mus;
  • grego λύ-ο-μεν «nós desatamos»: raíz λυ- + vogal temática -ο- + desinencia -μεν;
  • gótico nim-a-m «nós collemos» : raíz nim- (cf. alemán nehm-en) + vogal temática -a- (proveniente de *o) + desinencia -m.

A outra conxugación, chamada «atemática», onde se engade directamente á raíz outro xogo de desinencias, só subsiste en estado de vestixio, como en latín ou en grego. O paradigma máis importante é o do verbo «ser», que é tamén atemático en latín, grego, sánscrito etc.

Por outra parte, os verbos están tamén divididos en dous grandes grupos, os verbos febles e os verbos fortes. Os febles caracterízanse por un pretérito formado engadindo un sufixo en dental -da / -ta, como no participio pasado, / -t, mentres que os fortes utilizan para o pretérito un xogo de alternancias vocálicas (modificación da vogal da raíz) e / ou de reduplicación[2] da primeira consoante da raíz (como en grego e en sánscrito para o perfecto) sen sufixo particular. Esta dicotomía atópase en alemán, inglés, islandés, entre outras linguas xermánicas:

  • feble (verbo «ter»):
    • gótico: haban, pretérito habáida, participio pasado habáiþs ;
    • alemán: haben, pretérito hatte, participio pasado (ge)habt ;
    • inglés: (to) have, pretérito had, participio pasado had ;
    • islandés: hafa, pretérito hafði, participio pasado haft ;
  • forte (verbo «dar»):
    • gótico: infinitivo giban, pretérito gaf ;
    • alemán: infinitivo geben, pretérito gab ;
    • inglés: infinitivo (to) give, pretérito gave ;
    • islandé : infinitivo gefa, pretérito gaf.

A flexión verbal posúe dúas diáteses (ou «voces»), a activa e a pasiva (derivada da antiga voz media), tres números (singular, dual –agás a terceira persoa- e plural), dous tempos, (presente e pretérito -un antigo perfecto-), tres modos persoais (indicativo, subxuntivo -un antigo optativo- e imperativo), así como tres series de formas nominais do verbo, un infinitivo presente así como un participio presente activo e pasado pasivo. Non están representados todos os tempos e todas as persoas e todos os modos e todas as voces, empregando a conxugación un sistema supletivo para certas formas.

Finalmente, é digna de mención a existencia de verbos chamados «pretérito-presentes»: trátase de antigos perfectos indoeuropeos que foron reinterpretados como presentes. Así wáit, do indoeuropeo *woid-h2e (verbo «ver» en perfecto), atopa a súa correspondencia exacta en sánscrito véda e en grego Ϝοἶδα, que significan etimoloxicamente «eu vin» (senso perfecto) de onde «eu sei» (senso preterito-presente). O caso é similar en latín con nōuī: «souben» de onde «eu sei». Entre os verbos preterito-presentes cóntase tamén tamén áihan («posuír»), kunnan («coñecer», cf. alemán kennen) etc.

Notas editar

  1. Fausto Cercignani, The Elaboration of the Gothic Alphabet and Orthography, en “Indogermanische Forschungen”, 93, 1988, 168-185.
  2. Sobre o /e/ na sílaba de reduplicación véxase Fausto Cercignani, The Reduplicating Syllable and Internal Open Juncture in Gothic, en Zeitschrift für vergleichende Sprachforschung, 93/1, 1979, 126-132.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • W. H. Bennett, An Introduction to the Gothic Language, Nova York, 1980;
  • W. Braune e E. Ebbinghaus, Gotische Grammatik, 17ª edición 1966, Tubinga ;
  • Fausto Cercignani, The Reduplicating Syllable and Internal Open Juncture in Gothic, en Zeitschrift für vergleichende Sprachforschung, 93/1, 1979, 126-132;
  • Fausto Cercignani, The Development of the Gothic Short/Lax Subsystem, en Zeitschrift für vergleichende Sprachforschung, 93/2, 1979, 272-278;
  • Fausto Cercignani, Alleged Gothic Umlauts, en Indogermanische Forschungen, 85, 1980, 207-213;
  • Fausto Cercignani, The Enfants Terribles of Gothic Breaking: hiri, aiþþau, etc., en The Journal of Indo-European Studies, 12/3-4, 1984, 315-344;
  • Fausto Cercignani, The Development of the Gothic Vocalic System, en Germanic Dialects: Linguistic and Philological Investigations, ed. by Bela Brogyanyi i Thomas Krömmelbein, Amsterdam/Philadelphia, Benjamins, 1986, 121-151.;
  • W. Krause, Handbuch des Gotischen, 3ª edición, 1968, Múnic;
  • F. Mossé, Manuel de la langue gotique, Aubier, 1942 ;
  • Irmengard Rauch, Gothic Language: Grammar, Genetic Provenance and Typology. Readings, Peter Lang Publishing Inc., 2011;
  • Walter William Skeat, A Moeso-Gothic glossary, Londres, 1868;
  • W. Streitberg, Die gotische Bibel , 4ª edición, 1965, Heidelberg ;
  • J. Wright, Grammar of the Gothic language, 2ª edición, Clarendon Press, Oxford, 1966 ;

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar