Linguas altai

linguas faladas na República de Altai
(Redirección desde «Lingua altai»)

As linguas altai (Алтай тили Altay tili) son dúas linguas[1] da ponla siberiana do sur do grupo nordeste[2] da familia turca que se falan na República de Altai (Rusia), onde son oficiais xunto co ruso, alí os altais constitúen o 31% da poboación. Tamén se falan no krai de Altai. As linguas altai divídense en dous dialectos, o do norte e o do sur, que son inintelixibles entre si. No censo ruso de 2002 declararon falar altai 65 534 persoas.[3] Ata 1948 a lingua coñecíase como Oriot.[4]

Altai
Altay tili
Outros nomes:Алтай тили
Falado en: Rusia
Rexións: República de Altai (Altai meridional), Krai de Altai (Altai setentrional)
Total de falantes: 57.000 (2010)
Familia: Linguas turcas
 Linguas turcas siberianas
  Oghuz oriental
   Altai
Escrita: Cirílico
Estatuto oficial
Lingua oficial de: República de Altai
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: alt
ISO 639-3: ambos:
atv — Lingua altai setentrional
alt — Lingua altai meridional
Mapa
Status

Dialectos editar

  • Altai do norte[5]:
    • Quu ou chalkan, fálao o pobo chalkan que vive nas ribeiras do río Lebed, nas aldeas de Kurmach-Baigol, Suranash, Turachak, Bika, Itkuch e Kebezen[6], segundo o censo de 2002 son un total de 855 persoas, con 539 falantes.
    • Qumanda, fálao o pobo qumandi que vive na ribeira do río Biya, nos distritos de Soltonski e Krasnogorski do krai de Altai, no distrito de Turochanski da República de Altai e no oblast de Kemerovo[7], segundo o censo ruso de 2002 son 3114 pero só 1044 falan a lingua propia.
    • Tuba, fálano os tubalar nas ribeiras dos ríos Katun e Biya e nos seus afluentes, nos distritos de Choiski e Turochakski da República de Altai, segundo o censo de 2002 constitúen un grupo de 1565 persoas con 436 falantes.
  • Altai do sur, 20.000 falantes en 1993, divídese nos seguintes subdialectos:
    • Altai, fálase nos distritos de Maiminski, Shebalinski, Ulaganski e Ust-Kanski
    • Telengit, fálase nos distritos de Kosh-Agachski e Ulaganski
    • Teleut, fálase nos distritos de Shebalinski e Maiminsky e no krai de Altai

Escrita e usos sociais editar

O altai comezou a escribirse a partir da década de 1840[8], cando misioneiros ortodoxos rusos crearon un estándar con base no teleut e adaptaron o alfabeto cirílico. Nesta escrita realizáronse obras de divulgación relixiosa e as primeiras obras literarias altai e tamén a primeira gramática do altai publicada en 1869 pola Misión ortodoxa de Altai [9]. Vasily Radlov, o fundador da turcoloxía, viviu entre os altais entre 1859 e 1871 e recolleu un abondoso material lingüístico e etnográfico.
As autoridades soviéticas crearon unha nova lingua literaria en 1922 baseada no dialecto altai[10] e reformaron o alfabeto cirílico altai con caracteres procedentes do ruso, pero a diferenza doutras linguas en Siberia foron lingüistas altai e non académicos soviéticos os que fixaron a lingua literaria[11]. En 1928 editouse a primeira gramática descritiva. Entre 1931 e 1938 o altai escribiuse nunha variedade do alfabeto latino. En 1938 volveuse ao alfabeto cirílico, nunha versión lixeiramente reformada en relación ao anterior.
En 1941 publicouse o primeiro dicionario ortográfico do altai. A partir de 1990 houbo unha revitalización da lingua altai. En 1993 promulgouse a Lei de linguas da República de Altai, que declara ao altai e o ruso linguas nacionais da república. Hai programas de televisión e radio en altai: 10 horas semanais na radio e 7 na televisión. O goberno de Altai mantén dúas publicacións bilingües nacionais Altaidin Cholmon e Zvezda Altaia e 8 rexionais, tamén bilingües e hai dúas revistas infantís: Soloni e El-Altai. Nas comunidades altai o ensino é en altai, agás as materias que están consideradas de importancia federal que son en ruso, no curso 1992-1993 eran 66 escolas nas que o altai era a lingua primaria de instrución e 77 onde se ensinaba como materia [10], no curso 1999-2000 mantíñase o número de escolas en lingua altai, aumentando ata 108 as escolas con altai como materia pero o número de escolares pasou de 4795 a 3346 [12] Na Universidade de Gorno-Altai pódese estudar a lingua e existe unha Comisión de Terminoloxía apoiada polo goberno da República de Altai.

Notas editar

  1. O Ethnologue considera que o altai son dúas linguas
  2. Lars Johanson e Éva Ágnes Csató, The Turkish Languages. Routledge, 1978, pp. 81-125
  3. Coñecemento de linguas diferentes ao ruso (en ruso) Arquivado 03 de setembro de 2011 en Wayback Machine..
  4. Lars Johanson e Éva Ágnes Csató, ob. cit., páxina 403.
  5. A maioría dos falantes de altai do norte aparecen nos censos como altai e non como membros dos seus respectivos pobos segundo o Atlas de linguas en perigo da UNESCO
  6. Maja Čeremisina Yaziki Korennikh Narodov Sibiri:Chalkanski sbornik, Instituto de Filoloxía da Academia Rusa de Ciencias, 2005, páxina 44
  7. Endageraded Languages of Indigenous Peoples of Siberia e Christopher Moseley Encyclopedia of the World's Endangered Languages. Routledge, 2007, páxina 262
  8. Lenore A. Grenoble Language Policy in the Soviet Union. Springer, 2003, páxina 184
  9. Lauri Harvilahti e Z. S. KazagachevaThe Holy Mountain: Studies on Upper Altay Oral Poetry. Suomalainen Tiedeakatemia, 2003, páxina 19
  10. 10,0 10,1 Lenore A. Grenoble, ob. cit. páxina 185
  11. Bokarev e Desheriev (eds.) Mladopismennye iazyki narodov SSSR, 1959, páxina 146
  12. Kutlay Yagmur e Sjaak Kroon Objective and Subjective Data on Altai and Kazakh Ethnolinguistic Vitality in the Russian Federation Republic of Altai Journal of Multilingual and Multicultural Development, Volume 27, Número 3, maio de 2006 , páxinas 241 - 258

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar