Licurgo (lexislador)

Licurgo foi un lexislador de Esparta, considerado dende a Antigüidade como autor da constitución dese Estado (a Gran Retra), mais a súa existencia real é discutida.

Licurgo
Nacemento800 a. C.
Lugar de nacementoEsparta
Falecemento730 a. C.
Lugar de falecementoKirra
Causainanición
NacionalidadeEsparta
EtniaDóricos e Gregos
RelixiónRelixión da Grecia antiga
Ocupaciónlexislador
FillosEucosmus
editar datos en Wikidata ]
Baixorrelevo de Licurgo no Capitolio dos Estados Unidos

A Constitución editar

Dende finais do século VIII a. C, Esparta atravesou conflitos e tensións: internamente, derivadas das relacións entre as institucións políticas (reis, éforos e xerusía); a nivel externo, Argos e Texea rivalizaban con Esparta polo control do Peloponeso. A isto cómpre engadir o desafío que para Esparta supuña a guerra para dominar Mesenia.[1]

Neste complexo contexto de crise (stasis), as elites espartanas buscaron o xeito de garantir a seguridade interior e acadar a superioridade militar. Para os autores clásicos, o responsable da obra lexislativa que permitiu lograrlo foi Licurgo. Segundo Plutarco, Licurgo redactou a Retra ou constitución tras consultar no Oráculo de Delfos. A nivel político, creou cinco maxistraturas, os éforos, anualmente elixidos, desenvolveron as tarefas executivas e serviron para limitar o rol dos dous reis. Doutra banda, o consello de anciáns (gerusía en grego, ou geroia en dialecto espartano) tiña 30 membros vitalicios, e nel tamén se integraban os dous reis: encargábase de facer propostas á asemblea e tiña poder de veto sobre as decisións da mesma. Por último, a asemblea popular estaba integrada polos espartanos hoplitas e que eran chamados "os iguais" (homoîoi).[2]

A Constitución de Licurgo procuraba garantir a igualdade ante a lei de todos os cidadáns de Esparta, a eumonia. Segundo Plutarco, tamén fixo unha repartición de terras entre os cidadáns de Esparta para facer desaparecer as diferenzas de patrimonio entre eles.[3] Deste xeito, o Estado proporcionaba a cada cidadán unha parcela de terra (kleros) e uns ilotas para obter o seu sustento.[4] Doutra parte, Xenofonte tamén o considera o fundador da agogé, a educación espartana.

Historicidade editar

Hoxe en día considérase que Licurgo é unha construción literaria.[5][6][7] No século V a. C., non aparece nas obras nin de Tucídides nin de Helánico de Mitelene, pero si en Heródoto, quen afirma que as estruturas creadas por Licurgo explicaban as particularidades sociopolíticas de Esparta dentro da Hélade. Xenofonte, no século IV a. C, na súa obra A Constitución dos Lacedemonios describiu o sistema afirmando que Licurgo fora o seu creador, e, no século II d. C., Plutarco fixo unha biografía de Licurgo en Vidas paralelas comparándoo con Numa Pompilio. Segundo o relato destes autores, Licurgo debeu levalas a cabo cara o 800-770 a. C., mais hoxe afírmase que estas medidas non foron froito dun único autor e que se fixeron en períodos posteriores, ben no século VII a. C., ben no VI a. C.[8][9] Atribuíndolle a esta figura a creación do sistema político espartano, procurábase dotalo de maior consistencia e prestixio. O propio nome deste personaxe asóciase con epítetos atribuídos a Zeus e a Apolo.[10] Ademais, Licurgo contou cun templo a súa honra que recibía ofrendas cívicas cada ano. Este foi erixido polo éforo Quilón de Esparta no século VI a. C. quen, para algúns investigadores, foi o responsable de adxudicar a constitución espartana a Licurgo.[11]

Notas editar

  1. Gómez Espelosín, Javier (2001). Historia de Grecia Antigua. Akal. p. 125. ISBN 84-460-1428-9. 
  2. Tovar, Antonio; Ruipérez, Martín (1970). Historia de Grecia. Montaner y Simón. pp. 102–103. 
  3. Grimberg, Carl; Svanström, Ragnar (1980). Historia Universal Daimon. Grecia. Historia Universal Daimon. p. 93. ISBN 84-231-05-82-2. 
  4. Orrieux, Claude; Schmitt-Pantel, Pauline (2013). Histoire grecque. Presses Universitaires de France. p. 105. ISBN 9782130625698. 
  5. Hölkeskamp, Karl-Joachim (2010). "Lykurg—der Mythos vom Verfassungsstifter und Erzieher". Die griechische Welt: Erinnerungsorte der Antike. Verlag C. H. Beck. pp. 316–335. ISBN 978-3406604966. 
  6. Nafissi, Massimo (2018). "Lykourgos the Spartan “lawgiver”: Ancient beliefs and modern scholarship". A companion to Sparta. Vol. 1. Wiley-Blackwell. p. 93–123. ISBN 9781119072386. 
  7. David, Ephraim (2007). "Myth and historiography: Lykourgos.". In Greeks between east and west: Essays in Greek literature and history in memory of David Asheri. Israel Academy of Science and Humanities. p. 115-135. ISBN 978-9652081704. 
  8. Fox, Robin Lane (2007). El mundo clásico. La epopeya de Grecia y Roma. Crítica. p. 110. ISBN 978-84-8432-898-8. 
  9. Nafissi, Massimo (1991). La nascita del kosmos: Studi sulla storia e la società di Sparta. Edizioni Scientifiche Italiane. ISBN 978-8871045832. 
  10. Grimberg, Carl; Svanström, Ragnar (1980). Historia Universal Daimon. Grecia. Ediciones Daimon. p. 99. ISBN 84-231-05-82-2. 
  11. Glotz, Gustave; Cohen, Robert (1986). "Chapitre IX. Sparte jusqu’aux guerres médiques". Histoire grecque. Tome 1. Presses Universitaires de France. p. 337. ISBN 9782130395874. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Gómez Espelosín, J. (2001). Historia de Grecia Antigua. Akal Textos.
  • Hölkeskamp, Karl-Joachim (2010). "Lykurg—der Mythos vom Verfassungsstifter und Erzieher". Die griechische Welt: Erinnerungsorte der Antike. Verlag C. H. Beck.
  • Nafissi, Massimo (2018). "Lykourgos the Spartan “lawgiver”: Ancient beliefs and modern scholarship". A companion to Sparta. Vol. 1. Wiley-Blackwell.
  • David, Ephraim (2007). "Myth and historiography: Lykourgos.". In Greeks between east and west: Essays in Greek literature and history in memory of David Asheri. Israel Academy of Science and Humanities.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar