Un leitmotiv[1] ("motivo condutor" en alemán) é un termo que designa un tema musical asociado nunha obra cun obxecto, personaxe ou emoción determinados. Este termo tense estendido para designar calquera tipo de tema recorrente, sexa na música, na ficción ou mesmo na vida real.

Na música editar

Na música, o leitmotiv é o motivo ou tema que se repite con frecuencia nunha obra musical asociado a determinados personaxes ou situacións, e que axuda a caracterizalos.

Un leitmotiv consiste habitualmente nunha melodía breve, que pode ser tamén unha progresión de acordes ou mesmo un ritmo simple. Os leitmotivs contribúen á unidade e coherencia da obra e permítenlle ao compositor a posibilidade de narrar unha historia sen utilizar palabras ou acrecentar un nivel de significación adicional.

O termo emprégase habitualmente en relación coas obras dramáticas, especialmente as óperas, aínda que tamén se utilice noutros xéneros musicais como as pezas instrumentais, o cinema e mesmo os videoxogos. A Sinfonía Fantástica de Héctor Berlioz, por exemplo, é puramente instrumental, mais ten unha melodía recorrente (que Berlioz denominaba "idea fixa") que representa o amor da personaxe central. Existe certa semellanza co que Beethoven chamaba "temas lema", como a melodía que representa o destino na súa Quinta Sinfonía.

Mais é con Richard Wagner sobre todo con quen se asocian os leitmotivs. No ciclo de catro óperas O anel dos nibelungos usa ducias deles, que representan personaxes, cousas ou situacións; se ben algúns aparecen en só unha das óperas, outros repítense en todo o ciclo. Carl Maria von Weber, antes que el, foi o primeiro en facer un uso extensivo dos leitmotivs. En efecto, o termo leitmotiv apareceu por primeira vez en 1871 cando o crítico F.W. Jähns o utilizou para describir a súa obra. H. von Wolzogen, editor da Bayreuther Blätter aplicoullo á música de Wagner en 1887 ao tratar do que Wagner chamaba Grundthema ("idea básica").

Con posterioridade son moitos os compositores que teñen recorrido aos leitmotivs, como Richard Strauss, que o usou en moitas da súas óperas e en varios dos seus poemas sinfónicos ou Sergei Prokofev, que representou cada personaxe de Pedro e o lobo cun instrumento musical concreto e tamén cun tema melódico.

Nos videoxogos menciónase ao compositor Nobuo Uematsu e ás súas bandas sonoras para Final Fantasy. No cinema son célebres Ata que chegou a súa hora (Once Upon a Time in the West) de Sergio Leone ou a "Marcha Imperial da Guerra das Galaxias", asociada a Darth Vader e ao seu ser anterior, Anakin Skywalker en tres das películas da triloxía A Guerra das Galaxias. Na televisión o exemplo máis famoso é o "Tema de Laura Palmer" de Angelo Badalamenti para a serie Twin Peaks.

Na literatura editar

En crítica literaria, o leitmotiv é aquel motivo que se reitera ó longo dun texto. O termo foi introducido por Thomas Mann. Ademais deste sentido tamén se utiliza ás veces para referirse aos temas favoritos dun autor, como por exemplo, o home perseguido e a traizón nas novelas de Graham Greene. Na novela A esmorga de Eduardo Blanco Amor, a chuvia é un leitmotiv.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para leitmotiv.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar