O leite en po[1] ou leite deshidratado obtense mediante a deshidratación de leite pasteurizado. Este proceso lévase a cabo en torres especiais de atomización, onde se evapora a auga que contén o leite, obtendo un po de cor branca amarelada que conserva as propiedades naturais do leite. Para bebelo, cómpre disolver o po en auga potábel. Este produto é de grande importancia xa que, a diferenza do leite fluído, non precisa ser conservado en frío e polo tanto a súa vida útil é máis prolongada. Presenta vantaxes como ser de menor custo e de ser moito máis doado de almacenar. Malia posuír as propiedades do leite natural, nunca ten o mesmo sabor do leite fresco. Pódese atoparen tres clases básicas: enteiro, semi-descremado e descremado. Ademais pode ou non estar reforzado con vitaminas A e D. O leite en po contén un elevado contido en calcio. Así por 100 g de leite enteiro en po obtéñense 909 mg de calcio fronte aos 118 mg que se obteñen pola mesma cantidade de leite enteiro líquido. Soamente certos queixos superan estas taxas tan elevadas de calcio, como o Emmental1180 mg ou o Parmesano relado 1027 mg.

Leite en po.

Historia editar

O leite en po foi producido por vez primeira en 1802 polo doutor ruso Osip Krichevsky. Áchase abundantemente en moitos países en vías de desenvolvemento por mor do seu baixo custo de transporte e almacenamento (xa que non precisa refrixeración), doce meses se se empaqueta en saquetas de 25 kg e de seis meses no caso de paquetes de 200 e 400 kg (a cantidade do produto no envase é un factor importante). Ao igual que outros produtos secos, é considerado non-perecedeiro e é favorito por supervivencialistas, e outras persoas que cómpren de alimentos non perecedeiros doados de preparar.

Procesado editar

A característica principal do procesado é a atomización (o denominado sistema spray). O procesado depende en gran parte da temperatura necesaria para a súa elaboración, que adoita ser por regra xeral alta (180 °C), media ou baixa (temperatura de pasteurización). Vixíase en todo momento a existencia de xermes ou de impurezas que induzan a unha diminución da calidade do produto final. O proceso de deshidratación é capaz de reducir ao 50 % dos contidos hídricos existentes no contido do leite inicialmente. O envasado máis efectivo para este produto lácteo é o de envases de lata ao que se lle adoita engadir unha certa cantidade de dióxido de carbono. Unha das maiores industrias no procesado e produción do leite en po é a multinacional da alimentación Nestlé.

Nutrición editar

Hoxe en día o leite en po forma parte de ser un dos primeiros candidatos a ser alimentos funcionais e por esta razón adóitaselle engadir vitaminas A e D3. O leite en po pode conter até un máximo dun 4 % de materia graxa (a maioría do leite en po elabórase a partir de leite desnatado), sendo un terzo aproximadamente do seu peso de proteína. O leite en po considérase dixestíbel e por esta razón aconséllase para aquelas persoas que deban facer esforzos prolongados.

Usos editar

Este tipo de leite é comunmente usado en preparacións no forno, naquelas receitas onde o leite líquido pode facer que a preparación quede demasiado lixeira. Emprégase xeralmente con auga quente, que lle fai recobrar en aparencia o aspecto orixinal do leite. Con 125 g de leite en po pódese reconstruír case un litro de leite líquido, é dicir, por cada quilogramo do produto desecado chéganse a obter oito litros de leite para o consumo.

Tamén se pode utilizar coma se fose un substituto de crema para o café, dando como resultado un café con leite ao gusto. Emprégase moito no cátering das aeroliñas.

Notas editar

  1. Denominación e definición galega en Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar