O lago Vostok é unha masa de auga subglacial localizada na Antártida, por baixo da Estación Vostok, un centro de investigación dirixido por Rusia. Este lago permaneceu descoñecido durante moito tempo, grazas ó seu peculiar encadramento xeográfico e permanece como unha das últimas zonas por explorar do planeta Terra. Só en 1996 se descubriu a súa verdadeira extensión. O lago Vostok ten unha forma elíptica con 250 km de longo e 40 km de ancho cubrindo unha área de 14.000 km². O seu fondo é irregular e divídese en dúas bacias, a máis profunda con cerca de 800 m e a outra con 200 m. Calcúlase que o lago conteña un volume de 5.400 km³ de auga doce. Está totalmente protexido da atmosfera e outros contactos co exterior por unha espesura de 4 km de xeo antártico.

Localización do Lago Vostok.

O tempo de residencia da auga no Lago Vostok é de cerca de 1 millón de anos (no lago Ontario (de dimensións semellantes) este valor é de seis anos). Este feito leva a que o ambiente químico do lago sexa extremadamente oxidante, con concentracións de osíxeno 50 veces superiores a lagos normais. O xeo que se encontra na zona superior crese que deriva da conxelación da auga do propio lago. Esta característica fai desta zona unha potencial zona de mostraxe. A espesura de xeo aumenta de Sur para Norte, de acordo co fluxo do xeo no sentido do océano Índico.

A orixe do lago Vostok é, segundo a opinión da maioría dos científicos, a dun lago normal que foi cuberto por xeo, a medida que se desenvolveron os glaciares da Antártida. Isto debeu ocorrer hai 30 millóns de anos e terminou hai 15 millóns de anos. Desde entón o lago e as súas eventuais formas de vida encóntranse illados, un dos motivos polos que ten interese científico.

Dadas as condicións do lago, os únicos organismos, se hai algún presente, deben ser microbios ou bacterias, posiblemente de estirpes totalmente novas para a Ciencia. As formas de vida existentes hai 15 millóns de anos eran diferentes das actuais e pénsase que este período de tempo de illamento poida ter conducido á evolución de novas especies. As características destes micro-organismos permanecen descoñecidas e poden ter implicacións importantes, especialmente se fosen axentes patoxénicos con capacidade de provocar novas doenzas. Mais a cuestión da presenza ou non de vida no lago Vostok aínda non foi resolvida e é obxecto de debate na comunidade científica. Un grupo de científicos rusos nega a existencia de vida no lago debido ás concicións oxidantes da súa auga e clasifica as descubertas doutros investigadores como resultado de contaminación. Por outro lado, os defensores da idea de vida argumentan que hai outros lagos antárticos extremadamente oxidantes que son ricos en micro-organismos. As zonas máis profundas do lago deben polo contrario ter características anaerobias e poden ser o local ideal para procurar vida. Se fose probada a inexistencia de vida no lago Vostok, esta vai ser a primeira masa de auga totalmente estéril encontrada no planeta.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar