Kuros Anavysos

Escultura da antiga Grecia

O kouros de Anavysos -tamén kouros de Anávisos ou kouros de Creso- (en grego antigo κοῦρος - mozo-, plural κοῦροι) é unha estatua de mármore atopado en Anávisos en Ática (Grecia), que cumpría a función votiva (de servirofrendas para tumbas).[1] Neste caso trátase dunha estatua exenta para a tumba dun mozo guerreiro caído chamado Κροῖσος (traducido[2] como Creso). A escultura está datada ao redor de 540-515 a. C. e mide 1,95 m de altura. Atópase no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas (inv. 3851).

Kouros Anavyssos
Artistaatribuído a Leocares
Data540-515 a. C.
TécnicaEscultura de mármore
Dimensións195 cm cm ×  cm
LocalizaciónMuseo Arqueolóxico Nacional de Atenas (Atenas)

Descubrimento editar

Foi descuberta durante unhas escavacións ilegais, en 1936, na necrópole de Anávissos, cidade costeira a 34 km ao sueste de Atenas. Posteriormente, en 1938 atopouse a base da estatua coa inscrición. Aínda que apareceu practicamente intacta, agás a falta dalgún pequeno fragmento e de que o pé esquerdo estaba roto, serráronlle os brazos para exportala ilegalemente a Francia, de onde a recuperou a policía grega en 1937, para devolvela a Grecia e depositala no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas (NM 3851) onde permanece[3].

Descrición editar

A estatua realizada en mármore de Paros, mide 1,94 metros e representa un mozo nu, disposto frontalmente, co pé esquerdo lixeiramente adiantado, cos puños pechados e os brazos pegados ao corpo. O peiteado é o típico dos kuroi, co pelo rizado na parte dianteira, retido por unha banda e, na parte posterior, os longos cabelos trenzados caendo sobre os ombreiros. Na cara, presenta ollos amendoados e o típico sorriso arcaico, característico das estatuas da época. Todas estas características amosan a influencia da estatuaria exipcia na escultura arcaica grega.

Na base asociada á estatua, aparece unha inscrición[4] de catro liñas, con forma de epigrama, e que informa do nome do morto e a circunstancia da súa morte: é Kroiso[2] (traducido como Creso), un soldado caído en combate. Igualmente, a estatua serve de recordatorio do soldado e como marca que indica a sepultura:

ΣΤΕΘΙ ΚΑΙ ΟΙΚΤΙΡΟΝ ΚΡΟΙΣΟ
ΠΑΡΑ ΣΕΜΑ ΘΑΝΟΝΤΟΣ ΗΟΝ
ΠΟΤ 'ΕΝΙ ΠΡΟΜΑΧΟΙΣ ΟΛΕΣΕ
ΘΟΡΟΣ ΑΡΕΣ

"Detente e chora ante a tumba de Kroisos (Creso) que está morto, asasinado polo salvaxe Ares mentres combatía en primeira liña".

Análise estilística  editar

Pódese comparar con outros kouros próximos no tempo como o gran Kouros de Sunion (Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas, Nº 2720), que ten unha cintura máis estreita e uns detalles anatómicos máis estilizados empregando liñas ou incisións (610-590 a.C.) ou o Kouros de Volomandra (Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas, Nº 1906), que presenta formas máis redondeadas, con detalles anatómicos tratados en relevos máis modelados, semellante ao Kouros Kroisos pero cunha factura menos controlada. Quizais o que máis se aproxima pode ser o chamado Kouros Getty[5], exposto no J.Paul Getty Museum[6], aínda que hai expertos que dubidan da súa autenticidade[7][8].

O kouros de Creso está no centro de dous debates arqueolóxicos actuais: en primeiro lugar, se os kouros representaban homes novos específicos ou eran representacións xenéricas de arquetipos idealizados que realmente non se parecen á persoa específica que conmemoran, e por tanto son representacións simbólicas non naturalistas que incorporan o ideal do guerreiro masculino en promáchois (ἐν προμάχοις) «nas primeiras liñas da falanxe» no campo de batalla

Notas editar

  1. Janson (1988), p. 59
  2. 2,0 2,1 Forrest (1988), p.155
  3. "Sitio perseus.tufts.edu". Consultado o 10-10-2016. 
  4. "Sitio epigraphy.packhum.org". Consultado o 10-10-2016. 
  5. "Imaxe do Kouros Getty". Consultado o 11-10-2016. 
  6. "J.Paul Getty Museum". Consultado o 11-10-2016. 
  7. "Sitio de science presse". Consultado o 11-10-2016. 
  8. Monroe, James S.; Wicander, Reed; Pozo, Manuel (2008). Geología. Dinámica y evolución de la tierra (4ª ed.). Paraninfo. p. 184. ISBN 0-495-01020-0. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Forrest, W.G. (1998). Los orígenes de la democracia griega. Universitaria. Universitaria. Madrid: Akal. ISBN 978-84-7600-330-5. 
  • Janson, H.W.; Janson, A.F. (1988). Historia del arte para jóvenes. Arte y Estética. Madrid: Akal. ISBN 978-84-7600-268-1. 
  • Kaltsas, Nikolaos (2002). Sculpture in the National Archaeological Museum, Athens. Os Ánxeles: Museo J. Paul Getty. pp. 58–59. ISBN 0-89236-686-9. 

Ligazóns externas editar