A palabra xaponesa kitsune (, Ja-Kitsune.oga Ja-Kitsune.oga ) significa raposo, animal que constitúe un elemento de singular importancia no folclore xaponés, até o punto en que a devandita palabra se utiliza tradicionalmente para nomear a un espírito do bosque con forma de raposo, cuxa función clásica é a de protexer bosques e aldeas.[1] Segundo a mitoloxía xaponesa, o raposo é un ser intelixente que posúe habilidades máxicas, que se incrementan coa idade e a adquisición de coñecementos. A idade, sabedoría e poder dun kitsune son tamén maiores a medida que aumenta o número de colas, sendo o máis poderoso o kitsune de nove colas.[2]

O Príncipe Hanzoku, aterrorizado por un raposo de nove colas. Impresión de Utagawa Kuniyoshi (século XIX).

O kitsune está estreitamente asociado ao deus shinto (kami) Inari, deus da fertilidade, da agricultura, do arroz e dos raposos, tanto como mensaxeiro como servente do mesmo. Os poderes atribuídos ao Kitsune inclúen a capacidade de adoptar a forma humana, concretamente de muller nova.[3] Nalgúns contos tradicionais, e en xeral no folclore, o kitsune desenvólvese como un ser que aproveita a súa metamorfose para facer trasnadas ás persoas, mentres que noutras ocasións desempeña funcións de gardiá, amiga, amante ou esposa.[4]

Como consecuencia de todos estes atributos máxicos, ao kitsune ofrécenselle ofrendas coma se fose unha deidade.[5] A orixe histórica deste papel central do raposo no folclore xaponés está na súa convivencia harmónica co ser humano no Antigo Xapón, da que se derivou un crecente corpus de lendas respecto diso.[6]

Orixe editar

 
Un raposo de nove colas, tomado do libro Shan Hai Jing da Dinastía Qing. O espírito do raposo ou huli jing do folclore chinés é similar ao kitsune.

Existe un debate acerca da orixe dos mitos do kitsune, algúns destacan en fontes estranxeiras ou en ideas indíxenas xaponesas ao redor do século V a. C. É amplamente coñecido que algúns mitos dos raposos poden ser atopados na China, Corea, a India ou Grecia. Moitas destas primeiras historias están rexistradas no Konjaku Monogatari, unha colección do século XI de narracións chinesas, indias e xaponesas.[2] As historias folclóricas chinesas relatan acerca do huli jing, un espírito de raposo parecido ao kitsune e que posúe nove colas. En Corea existe o kumiho (raposo de nove colas), unha criatura mitolóxica que chegaba a vivir mil anos. Existen diferenzas, como por exemplo o kumiho é visto como un ser maligno, oposto á súa contraparte xaponesa. Non obstante, eruditos como Ugo A. Casal suxiren que as similitudes mostran que os mitos dos raposos tiveron a súa orixe en fontes indias como o Hitopadesha (XII d. C.). Pero este está indubidablemente baseado no Pañcha tantra (India, século III a. C.), que posiblemente está baseado nas Fábulas de Esopo (Grecia, século VI a. C.) que estas se esparexeron a China e Corea, e en última instancia ao Xapón.[7]

En contraste, o folclorista xaponés Kiyoshi Nozaki argumenta que o kitsune xaponés adquiriu atributos positivos ao redor do século IV; e que soamente na China e Corea se presentaron atributos negativos.[8] Estima que, baseándose nunha colección de libros do século XVI chamado Nihon Ryakki, os raposos e os humanos vivían moi correlacionados no antigo Xapón, e que deu como resultado a aparición de lendas indíxenas acerca dos kitsune.[6] A investigadora Karen Smyers, unha investigadora do deus Inari, menciona que a idea do raposo como un ser sedutor ante o ser humano e a conexión dos mitos do raposo no budismo, foron introducidos ao folclore xaponés a través das historias chinesas, mais sostén que algunhas historias de raposos conteñen elementos únicos no Xapón.[3]

Etimoloxía editar

 
O Xapón é fogar de dúas subespecies de raposo vermello: o raposo de Hokkaido (Vulpes vulpes schrencki, na imaxe), e o raposo vermello xaponés (Vulpes vulpes japonica).

Segundo Nozaki, a palabra kitsune foi orixinalmente unha Onomatopea.[6] Kitsu representaba ao ouveo do raposo e deu como significado á palabra raposo. Ne é unha expresión afectiva, na que Nozaki tómao como evidencia dunha tradición establecida e de orixe propia da benevolencia do raposo no folclore xaponés.[8] Kitsu é agora un arcaísmo, xa que no xaponés moderno o ouveo do raposo é representado como kon kon ou gon gon.

Unha das historias máis antigas que se coñece acerca dos kitsune explicaba a etimoloxía popular máis coñecida para a palabra kitsune, no entanto, hoxe xa está refutada.[9] A diferenza da maioría das historias nas que os kitsune que se transformaban en humanos e casaban con homes, esta historia en particular non terminaba de xeito tráxico:[2][10]

Ono, un habitante de Mino (tomado dunha antiga lenda xaponesa de 545), pasaba as estacións buscando o seu ideal de beleza feminina. Unha tarde coñeceuna nun vasto páramo e casou con ela. Simultaneamente co nacemento do seu fillo, Ono adquiriu un cachorro de can e a medida que crecía volvíase máis e máis hostil coa muller do páramo. Ela suplicou ao seu esposo que o matase, mais el negouse. Un día o can atacouna con tanta furia que ela perdeu a coraxe, converteuse nun raposo, saltou o cerco e fuxiu.

"Ti podes ser un raposo", Ono respondíalle, "mais es a nai do meu fillo e eu ámote. Regresa cando poidas; ti sempre serás benvida".

Así cada tarde ela escapuliríase á casa e durmiría nos seus brazos.
Tradución do orixinal[9]

Como o raposo regresaba co seu esposo cada noite como unha muller, pero abandonábao na mañá como un raposo, é chamado Kitsune. En xaponés clásico, kitsu-ne significa "vir e durmir" e ki-tsune significa "vir sempre".[10]

Características editar

 
Estatua dun kitsune no santuario de Inari; próximo ao templo budista de Todai-ji en Nara, Xapón.

Os kitsune son coñecidos por posuír unha intelixencia superior, unha longa vida e poderes máxicos. Son un tipo de yōkai, ou entidade espiritual, e a palabra kitsune é ás veces traducido como "espírito de raposo". Con todo, isto non quere dicir que os kitsune sexan pantasmas, nin tampouco que sexan fundamentalmente diferentes aos raposos comúns. A palabra "espírito" é usada para reflectir un estado de coñecemento ou iluminación, xa que todos os raposos con longa vida adquiren poderes sobrenaturais.[3]

Existen dúas clases comúns de kitsune. Os zenko son raposos benevolentes e celestiais asociados co deus Inari; son simplemente chamados raposos de Inari. En cambio, os yako (literalmente, "raposos de campo"), son salvaxes, tenden a ser travesos e mesmo malvados.[11] As tradicións locais engaden outras clases de kitsune.[5] Por exemplo, un ninko é un espírito de raposo invisible que os humanos só podían percibir cando eran posuídos por eles. Outra tradición clasifica aos kitsune en trece tipos definidos pola clase de habilidades sobrenaturais que posúa o kitsune.[12][13]

Fisicamente, os kitsune sobresaen pola súa cantidade de colas, que chegan a ter até nove colas.[14] Xeralmente, un gran número de colas indica un raposo máis lonxevo e máis poderoso; de feito, algunhas narracións populares mencionan que un raposo terá colas adicionais cando alcance os mil anos.[15] Nas historias son comúns os kitsune dunha, cinco, sete e nove colas.[16] Cando un kitsune obtén a súa novena cola, a súa pelaxe vólvese branca ou dourada.[14] Os raposos de nove colas ou kyūbi no kitsune teñen a habilidade de ver e oír calquera suceso que ocorra no mundo. Outras historias atribúenlle sabedoría infinita, esencialmente omnisciente.[17]

 
Un obake karuta (cartón de monstros) de comezos do século XIX mostrando un kitsune. O xogo involucraba comparar pistas de historias folclóricas a cada debuxo da criatura.

Cambio de forma editar

Un kitsune pode adoptar forma humana, unha habilidade que se aprende a certa idade — usualmente aos 100 anos, aínda que outras historias mencionan que aos 50 anos.[15] Como un requisito para a transformación, o raposo débese pór xuncos, unha folla de gran tamaño ou unha caveira sobre a súa cabeza.[18] As formas que pode adoptar o kitsune son de mulleres fermosas, mozas novas ou de homes anciáns. Estas formas non están limitadas pola idade ou polo xénero do raposo,[3] mesmo un kitsune pode duplicar a aparencia dunha persoa en específico.[19] Os kitsune son particularmente coñecidos por converterse en belas mulleres. Había unha crenza popular no Xapón medieval na que se se atopaba unha muller solitaria, especialmente á noitiña ou durante a noite, podía ser un raposo.[20]

Nalgunhas historias, os kitsune teñen dificultade para agochar as súas colas cando se transforman en seres humanos; a aparición da cola, cando o raposo se emborrachaba ou se descoidaba, é un xeito habitual de descubrir a verdadeira identidade da criatura.[4] Outras formas de descubrir a identidade dos kitsune eran que como seres humanos aínda tiñan trazos parecidos ao raposo, tamén lles cobre unha pelaxe fina, teñen unha sombra en forma de raposo, ou o seu propio reflexo revelaba a súa identidade.[21] O termo kitsune-gao (literalmente "cara de raposo") refírese ás mulleres humanas que teñen unha cara angosta con ollos moi xuntos, cellas delgadas e pómulos saíntes. Tradicionalmente, esta estrutura facial é considerada atractiva, e nalgunhas historias atribúenselle aos raposos con forma humana.[22] Os kitsune teñen fobia e desprezo aos cans, mesmo na súa forma humana, e algúns túrbanse ante a súa presenza no momento no que se converten en raposos e foxen. Tamén unha persoa devota pode ser capaz de ver a identidade do raposo inmediatamente.[23]

Unha historia popular ilustra estas imperfeccións nos kitsune convertidos en humanos; relataba acerca de Koan, unha personaxe histórica que posuía a sabedoría e os poderes máxicos como vidente. Segundo esta historia, el estaba na casa dun dos seus devotos cando se queimou o seu pé ao entrar no baño debido a que a auga estaba moi quente. Entón, "na súa angustia, escapouse do baño espido. Cando a xente da casa o viu, eles estaban pasmados cando observaron que Koan posuía unha pelaxe que cubría gran parte do seu corpo e sobresaíalle unha cola de raposo. Entón Koan transformouse en fronte deles, converténdose nun raposo ancián e fuxiu."[24]

Outras habilidades sobrenaturais que se lle atribúen comunmente ao kitsune inclúen a posesión, a aparición de lume ou luz na boca ou nas colas (son coñecidos como kitsune-bi; literalmente "raposo de lume"), a manifestación voluntaria nos soños doutros, a capacidade de voar, invisibilidade, e creación de ilusións ben elaboradas que son case indistinguibles da realidade.[18][21] Nalgunhas historias menciónase ao kitsune con poderes máis grandiosos, como curvar o tempo e o espazo, volver tolas as persoas, ou tomar formas fantásticas como unha árbore de considerable altura ou unha segunda lúa no ceo.[25][26] Outros kitsune teñen características similares aos vampiros ou os súcubos e aliméntanse da enerxía vital ou do espírito dos seres humanos, xeralmente a través do contacto sexual.[27]

Kitsunetsuki editar

 
O kami Inari (esquerda) e os seus serventes raposo (ao fondo) axudan o ferreiro Munechika (dereita) a forxar a espada ko-kitsune-maru (Pequeno Raposo) ao final do século X. A lenda é o argumento do drama Sanjo Kokaji.

O kitsunetsuki (狐憑き ou 狐付き) literalmente significa "o estado de estar posuído por un raposo". A vítima é principalmente unha muller nova, na que o raposo entra debaixo das súas unllas ou a través dos seus seos para alimentarse da súa enerxía vital e facerse máis forte.[28] Nalgúns casos, a expresión facial da vítima cambia dunha forma que é parecida á dun raposo. A tradición xaponesa menciona que a posesión dun raposo pode facer que se a vítima é analfabeta teña a habilidade temporal de ler.[29]

O folklorista Lafcadio Hearn describe a condición de ser posuído por un kitsune no seu primeiro volume do seu libro Glimpses of Unfamiliar Japan:[30]

É estraña a loucura destes cando os raposos demo se introducen. Algunhas veces eles corren berrando a través das rúas. Algunhas veces eles déitanse e sáelles escuma pola boca, e ouvean como raposos. E nunha parte do corpo do posuído aparece sobre a pel unha protuberancia que se move, e que se nota que ten vida propia. Se se lle pincha cunha agulla, este deslízase a outro lugar. Se non se pode agarrar, debe ser tomado con firmeza cunha man forte e que non se escape entre os dedos. As historias de posesión indican que falan e escriben en linguas que eles non coñecían antes de seren posuídos. Eles comen só o que lles gusta aos raposos — tofu, aburagé, azukimeshi, etc. — e eles comen bastante, alegando que non son eles, mais os raposos posuídos, son famentos.
Tradución do orixinal

Cómpre sinalar, que ao liberarse da posesión, a vítima non será capaz de comer tofu, azukimeshi, ou outra comida que lle agrade aos raposos.

O exorcismo, ás veces realizado nun santuario de Inari, pode inducir a un raposo a abandonar o seu hóspede.[31] No pasado, cando non era posible o exorcismo con métodos benevolentes ou se non estaba un monxe, as vítimas do kitsunetsuki eran golpeadas ou queimadas para forzar o abandono do espírito. Familias enteiras eran condenadas ao ostracismo nas súas comunidades se tiñan a un membro da familia posuído por un raposo.[30]

No Xapón, o kitsunetsuki era considerado unha enfermidade desde a era Heian e permaneceu como un diagnóstico común dunha enfermidade mental até comezos do século XX.[32][33] A posesión foi a explicación para a conduta anormal mostrada para as aflicións individuais. A finais do século XIX, o doutor Shunichi Shimamura afirmou que as enfermidades físicas que causaban febre eran ás veces considerados kitsunetsuki.[34] A crenza perdera apoio, mais as historias de posesións por raposo aínda aparecían nos xornais e nos medios de comunicación. Unha das máis coñecidas involucraba afirmacións de que os membros do culto Aum Shinrikyo estaban posuídos.[35]

Na medicina, o kitsunetsuki é unha psicose étnica única na cultura xaponesa. Aqueles que sofren a condición cren que son posuídos por un raposo.[36] Os síntomas inclúen ansias polo arroz ou feixóns vermellos doces, apatía, inquietude e aversión ao contacto de ollos. O kitsunetsuki é similar pero distinto da licantropía clínica.[37]

Hoshi no tama editar

 
Un grupo de kitsune comúns reunidos cun grupo de kitsune-bi (raposos de lume) preto de Edo. Pintura de Hiroshige (século XIX).

As descricións dos kitsune ou das súas vítimas posuídas poden facer aparecer esferas brancas redondas ou de forma similar á cebola, chamadas hoshi no tama (ほしのたま?, esferas de estrela). As lendas describen que resplandecen cos kitsune-bi ou raposos de lume.[38] Algunhas historias identifícanas como xoias ou perlas máxicas.[39] Cando non está na súa forma humana ou nunha posesión cun humano, un kitsune mantén o hoshi no tama na súa boca ou lévao na súa cola.[15] As xoias son un símbolo que identifica o deus Inari, e as representacións dos raposos sagrados de Inari sen o seu hoshi no tama son raras.[40]

Existe unha crenza cando un kitsune cambia de forma, o seu hoshi no tama toma unha porción do seu poder máxico. Outra lenda é que a perla representa a alma do kitsune; o kitsune morrería se o separasen dela por moito tempo. Os que obteñen a esfera poden ser capaces de obter unha promesa ao kitsune a cambio de devolveren a esfera ao raposo.[41] Por exemplo, unha historia do século XII describe a un home usando un hoshi no tama dun raposo para pedir un favor:

"¡Maldición!" delirou o raposo. "Devólveme a miña esfera!" O home ignorou a súa súplica ata que finalmente o raposo dixo chorosamente: "Está ben, ti terás a esfera, mais ti non saberás como mantela. Non será nada agradable para ti. Para min, será unha perda terrible. Direiche, que se non ma devolves, serei o teu inimigo por sempre. Se ma das, serei para ti como un deus protector".
Tradución do orixinal[41]

O raposo salva a súa vida despois de atoparse cun grupo de bandidos armados.[42]

Descricións editar

Serventes de Inari editar

 
O deus Inari representado como unha guerreira. Esta descrición mostra a influencia da deusa menor budista Dakiniten. Pintura de Utagawa Kuniyoshi.

Os kitsune son asociados con Inari, o deus Shinto do arroz.[43] Esta asociación reforza o significado dos poderes especiais do raposo.[44] Orixinalmente, os kitsune eran mensaxeiros de Inari, pero a relación entre ambos agora é tan confusa que Inari ás veces é mostrado como un raposo. Así mesmo, santuarios enteiros son dedicados ao kitsune, onde os devotos renden con ofrendas.[5] Os espíritos de raposo están interesados particularmente cunha especie de tofu frito en rebanadas chamado aburaage, que se atopa no kitsune udon e kitsune soba. Igualmente o inarizushi é un tipo de suxi que tomou o nome de Inari, e que consiste en sacos de tofu frito enchido con arroz.[45] Existe unha especulación entre os folcloristas de que existiu outra deidade raposo Shinto no pasado. Os raposos foron adorados como kami.[46]

Os kitsune de Inari son brancos, unha cor de bo presaxio.[5] Posúen o poder de escorrentar o mal, e ás veces serven como gardiáns espirituais. Ademais de protexer os santuarios de Inari, son invocados para intervir en nome dos aldeáns, e particularmente para axudar contra os problemáticos nogitsune. Os raposos negros e os raposos de nove colas tamén son considerados bos presaxiadores.[4]

Segundo as crenzas derivadas do fusui (Feng Shui), o poder do kitsune que exerce sobre o mal pode representarse nunha estatua de raposo que pode disipar a enerxía ou kimon maligno que flúe desde o nordés. En moitos santuarios de Inari, como o famoso santuario Fushimi Inari en Quioto, existen ditas estatuas, ás veces en gran número.

Os kitsune están conectados co budismo a través de Dakiniten, unha deusa menor que se combina co aspecto feminino de Inari. Dakiniten é representada como un bodhisattva feminino portando unha espada e cabalgando un raposo voador de cor branca.[47]

Embaucadores editar

 
O santuario Fushimi Inari, en Quioto, posúe numerosas estatuas de kitsune.

Os kitsune en ocasións preséntanse como embaucadores, con variacións que levan desde seres travesos até malévolos. As lendas contan que os kitsune travesos atacaban aos samurais demasiado orgullosos, comerciantes cobizosos e plebeos pretenciosos, mentres que os máis malvados abusaban dos comerciantes pobres e granxeiros, ou sobre os monxes budistas devotos. As súas vítimas eran usualmente homes; xa que ás mulleres eran posuídas.[20] Por exemplo, os kitsune idean usar os kitsune-bi para levar aos viaxeiros por un camiño errado como unha forma de lume fatuo.[48][49] Outra táctica do kitsune é confundir ao seu obxectivo con ilusións ou visións.[20] Outro truco usado polos kitsune embaucadores inclúen a sedución, roubo de comida, humillación do arrogante ou vinganza con insultos.

Existe un xogo tradicional chamado kitsune-ken (puño do raposo) que dá testemuño do poder do kitsune sobre os seres humanos. O xogo é similar á pedra, papel ou tesoiras, pero as tres posicións da man significan un raposo, un cazador e un xefe da vila. O xefe da vila gaña ao cazador porque o supera en rango; o cazador gaña ao raposo porque lle dispara; o raposo gaña ao xefe da vila, pois o enfeitiza.[50][51]

Estas descricións ambiguas, xunto coa súa reputación para os vingativos, motivaron ás persoas a descubrir os motivos da problemática dos raposos. Nun caso, Toyotomi Hideyoshi, quen foi o daimyō que unificou o Xapón a finais do século XVI, escribiu unha carta ao deus Inari:[52]

A Inari Daimyojin,

Meu señor, teño o honor de informarlle que un dos raposos que está baixo a súa xurisdición enfeitizou a unha das miñas serventas, causándolle a ela e a outros unha serie de problemas. Faga o favor de tomar uns minutos en consultar o tema, e procure atopar o motivo polo que o seu súbdito compórtase mal e fágame coñecelo.

Se o raposo non ten un motivo axeitado para a súa conduta, ficará baixo arresto e se lle castigará inmediatamente. Se vostede vacila en tomar unha acción neste tema, ordenarei a destrución de cada raposo do país. Calquera outro asunto sobre o que desexe informarse ou en referencia ao que ocorrera, pode consultarllo ao sumo sacerdote Yoshida.

Tradución do orixinal
 
Tamamo-non-Mae, un lendario kitsune que apareceu en obras de e kyōgen. Pintado por Yoshitoshi.

Os kitsune manteñen as súas promesas e esfórzanse por pagar calquera favor. Ocasionalmente un kitsune enfócase especialmente a unha persoa ou familia, á que poden causar toda clase de trasnadas. Nunha historia do século XII, só a ameaza de exterminalos por parte do dono dunha casa consegue persuadilos a comportarse ben. O patriarca dos kitsune apareceu nos soños do home:[53]

Meu pai viviu aquí antes ca min, señor, e agora eu teño moitos fillos e netos. Eles fan moitas trasnadas, estou moi asustado, e eu sempre lles pido que se deteñan, mais eles non prestan atención. E agora, señor, vostede razoablemente fartouse de nos. Comprendo que vostede nos vaia matar a todos. Mais só quero que saiba, señor, canto lamento que esta sexa a nosa última noite con vida. Non podería perdoarnos, unha vez máis? Se nós creamos problemas outra vez, logo vostede poderá facer o que mellor conveña. Mais os novos, señor — estou seguro que eles entenderán cando eu lles explique por que vostede está tan alterado. Faremos calquera cousa, nós podemos protexelo de agora en diante, só con que nos perdoe, e estaremos certos de facerlle saber a vostede calquera cousa boa que poida ocorrer!
Tradución do orixinal

Outros kitsune usan os seus poderes máxicos para o beneficio do seu compañeiro ou hóspedes mentres o ser humano o trate con respecto. Como yōkai, con todo, os kitsune non comparten a moralidade humana, e un kitsune está establecido nunha casa ao seu estilo, por exemplo, leva os cartos do hóspede ou artigos que foron roubados das casas veciñas. Como consecuencia, as familias comúns pensaban que os kitsune protexidos son tratados con sospeita.[54] Estrañamente, as familias de samurai tiñan privilexios de compartir a mesma disposición que os kitsune, mais estes raposos eran considerados myōbu e empregaban a súa maxia como signo de prestixio.[55] As casas abandonadas eran goridas comúns para os kitsune.[20] Unha historia do século XII conta que un ministro que se mudou a unha vella mansión descubriu unha familia de raposos vivindo nela. Eles tentaron asustalo, reclamando que a casa "fora nosa por moitos anos, e ... nós desexamos protestar enerxicamente." O home negouse, e os raposos resignáronse a mudarse a un lote abandonado próximo.[56]

As historias distinguían os agasallos do kitsune cos pagos do kitsune. Se un kitsune ofrecía un pago ou recompensa que incluía diñeiro ou bens materiais, parte ou todo o pago consistiría de papel vello, follas, poliñas, pedras ou obxectos similares sen valor que están baixo un feitizo que os fai aparentar como bens con valor.[1][57] Os verdadeiros agasallos do kitsune eran usualmente intanxibles, como a protección, coñecemento ou longa vida.[1]

Esposas e amantes editar

 
O kitsune Kuzunoha mostra unha sombra en forma de raposo aínda transformado como humano. Kuzunoha é unha figura famosa no folclore e é unha personaxe no kabuki. Pintura de Utagawa Kuniyoshi.

Os kitsune son moi coñecidos como amantes, usualmente en historias que involucran a un home novo humano e un kitsune que toma a forma dunha muller humana.[58] Os kitsune poden ser sedutores, pero estas historias ofrecen un aspecto máis romántico.[59] Tipicamente, o home novo descoñece que casa cun raposo, quen se mostra como unha esposa devota. O home eventualmente descobre a verdadeira identidade do raposo, e a esposa é forzada a deixalo. Nalgúns casos, o esposo esperta dun soño, con inmundicia, desorientado e lonxe do fogar. El debe entón regresar a confrontar á súa abandonada familia deshonrada.

Moitas historias presentan ás esposas raposo tendo fillos. Se os fillos son humanos, herdan calidades físicas especiais ou sobrenaturais.[4] O onmyōji Abe no Seimei era coñecido por ter herdado devanditos poderes extraordinarios.[60]

Outras historias mostran aos kitsunes casando con outros. Cando chove cun ceo despexado, é chamado ás veces kitsune no yomeiri ou a voda do kitsune, en referencia a unha lenda que describía unha voda entre as criaturas que ocorreu durante devandita choiva.[61] O evento é considerado un bo agoiro, pero os kitsune obterán vinganza de calquera que non foi convidado.[62]

Na ficción editar

Dentro do folclore xaponés, os kitsune apareceron en numerosas obras xaponesas. As obras de , kyōgen, bunraku e kabuki derívanse dos contos tradicionais dos kitsune,[63][64] de igual xeito nos traballos contemporáneos como o manga, anime e videoxogos.[65][66] Algúns kitsunes famosos son o Kyubi de Naruto, Ninetales e Zoroark de Pokémon, e o demo raposo Kurama de Yu Yu Hakusho; no ámbito dos videoxogos, Luigi posúe unha forma de raposo coñecida como Kitsune Luigi en New Super Mario Bros. 2 e Super Mario 3D Land, mentres que en The Legend of Zelda: Majora's Mask, Link usa a Máscara de Keaton para atoparse cun raposo amarelo de tres colas.[67] Os autores occidentais de obras de ficción empezaron a usar as lendas dos kitsune.[68][69] A pesar de que as representacións varían considerablemente con respecto ás historias folclóricas, os kitsune son xeralmente descritos como seres sabios, astutos e poderosos.

Algúns exemplos do kitsune na cultura popular son:

  • Kuzunoha, nai de Abe no Seimei, é un kitsune moi coñecido como protagonista en obras do teatro tradicional xaponés. É a personaxe principal na obra de kabuki e bunraku de cinco partes Ashiya Dōman Ōuchi Kagami. Na cuarta parte Kuzunoha ou o raposo do bosque de Shinoda, é ás veces representado independentemente das outras escenas e mostra o descubrimento da identidade real de Kuzunoha e a súa posterior despedida do seu esposo e fillo.[70][71]
  • Tamamo-no-Mae é a personaxe do drama nō Sesshoseki e das obras de kabuki e kyōgen Tamamonomae. Tamamo-no-Mae cometeu maldades na India, a China e o Xapón, pero é descuberta e morre. O seu espírito transfórmase nunha "pedra asasina", de aí toma o título a obra. Ela eventualmente recibe a redención do monxe budista Gennō.[72][73][74]
  • Genkurō é un kitsune coñecido pola súa devoción filial. Na obra dramática de bunraku e kabuki Yoshitsune Sembon Zakura, a amante do samurai Minamoto no Yoshitsune, Shizuka Gozen obtivo un pequeno tambor ou tsuzumi feito coa pel dos pais de Genkurō. O raposo adquire a forma humana e convértese en servidor de Yoshitsune, Satō Tadanobu, pero é revelada a súa identidade. O kitsune explica que escoitou a voz dos seus pais cando o tambor era golpeado. Yoshitsune e Shizuka danlle o tambor, polo tanto Genkurō dálle a Yoshitsune protección máxica.[60][75][76]

Netsuke editar

Os kitsune son motivos frecuentes no netsuke,[77] que son pequenos obxectos tallados orixinalmente feitos para abrochar os sacos que se poñen nas faixas das pezas de vestir, xa que as pezas non levaban petos.[78] O netsuke converteuse nunha forma de arte que as fixo coñecidas a partir das súas descricións nos contos populares e as obras teatrais.[79][80]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 (Smyers 1999, pp. 103-105)
  2. 2,0 2,1 2,2 (Goff 1997)
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 (Smyers 1999, pp. 127-128)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 (Ashkenazy 2003, p. 148)
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 (Hearn 2005, p. 154)
  6. 6,0 6,1 6,2 (Nozaki 1961, p. 3)
  7. Johnson, T.W. (1974). "Far Eastern Fox Lore". Asian Folclore Studies (en inglés) 33 (1): 35–68. 
  8. 8,0 8,1 (Nozaki 1961, p. 5)
  9. 9,0 9,1 (Hamel 1969, p. 89)
  10. 10,0 10,1 (Smyers 1999, p. 72)
  11. Goldstein, Jack (2014). 101 Amazing Mythical Beasts: ...and Legendary Creatures (en inglés). Andrews UK Limited. ISBN 9781783337637. 
  12. (Hall 2003, p. 139)
  13. (Nozaki 1961, pp. 211-212)
  14. 14,0 14,1 (Smyers 1999, p. 129)
  15. 15,0 15,1 15,2 (Hamel 1969, p. 91)
  16. "That's not what they meant... - Common misconceptions about fox spirits". Kitsune, Kumiho, Huli Jing, Fox (en inglés). 28 de abril de 2003. Consultado o 14 de decembro de 2006. 
  17. (Hearn 2005, p. 159)
  18. 18,0 18,1 (Nozaki 1961, pp. 25-26)
  19. (Hall 2003, p. 145)
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 (Tyler 1987, p. XLIX)
  21. 21,0 21,1 (Hearn 2005, p. 155)
  22. (Nozaki 1961, pp. 95, 206)
  23. (Heine 1999, p. 153)
  24. (Hall 2003, p. 144)
  25. (Hearn 2005, pp. 156-157)
  26. (Nozaki 1961, pp. 36-37)
  27. (Nozaki 1961, pp. 26, 221)
  28. (Nozaki 1961, p. 59)
  29. (Nozaki 1961, p. 216)
  30. 30,0 30,1 (Hearn 2005, p. 158)
  31. (Smyers 1999, p. 90)
  32. (Nozaki 1961, p. 211)
  33. (Hearn 2005, p. 165)
  34. (Nozaki 1961, p. 214-215)
  35. Downey, Jean Miyake. "Ten Thousand Things" (en inglés). Kyoto Journal. Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2007. Consultado o 23 de agosto de 2015. 
  36. Haviland, William A (2002). Cultural Anthropology (en inglés) (10ª ed.). Nova York: Wadsworth Publishing Co. pp. 144-145. 
  37. Yonebayashi, T. (1964). "Kitsunetsuki (Possession by Foxes)". Transcultural Psychiatry (en inglés) 1 (2): 95–97. 
  38. (Nozaki 1961, p. 183)
  39. (Nozaki 1961, pp. 169-170)
  40. (Smyers 1999, pp. 112-114)
  41. 41,0 41,1 (Hall 2003, p. 149)
  42. (Tyler 1987, pp. 299–300)
  43. (Smyers 1999, p. 76)
  44. (Hearn 2005, p. 153)
  45. (Smyers 1999, p. 96)
  46. (Smyers 1999, pp. 77, 81)
  47. (Smyers 1999, pp. 82-85)
  48. (Addiss 1985, p. 137)
  49. (Hall 2003, p. 142)
  50. (Nozaki 1961, p. 230)
  51. (Smyers 1999, p. 98)
  52. (Hall 2003, p. 137)
  53. (Tyler 1987, pp. 114–115)
  54. (Hearn 2005, pp. 159-161)
  55. (Hall 2003, p. 148)
  56. (Tyler 1987, pp. 122–124)
  57. (Nozaki 1961, p. 195)
  58. (Hamel 1969, p. 90)
  59. (Hearn 2005, p. 157)
  60. 60,0 60,1 (Ashkenazy 2003, p. 150)
  61. (Addiss 1985, p. 132)
  62. Vaux, Bert (decembro de 1998). "Sunshower summary". Linguist (en inglés) 9 (1795). Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2013. Consultado o 24 de agosto de 2015. 
  63. (Hearn 2005, pp. 162-163)
  64. (Nozaki 1961, pp. 109-124)
  65. (Hearn 2005, pp. 162–163)
  66. (Nozaki 1961, pp. 109–124)
  67. "The Legend of Zelda: Majora's Mask - Mask FAQ" (en inglés). IGN.com. 2002. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2014. Consultado o 25 de agosto de 2015. 
  68. Johnson, Kij (2001). The Fox Woman. Tom Doherty Associates. p. 384. ISBN 0312875592. 
  69. Lackey, Mercedes (2001). Spirits White as Lightning. Riverdale, NY: Baen Books Original. ISBN 0-671-31853-5. 
  70. (Nozaki 1961, pp. 110-111)
  71. "Ashiya Dōman Ōuchi Kagami". Kabuki21.com (en inglés). Consultado o 25 de agosto de 2015. 
  72. (Nozaki 1961, pp. 112-113, 122-123)
  73. "Noh synopsis: Sesshoseki". The Mibu-Dera Kyogen Pantomimes (en inglés). Archived from the original on 14 de outubro de 2006. Consultado o 25 de agosto de 2015. 
  74. "Tamamonomae Pantomime". The Mibu-Dera Kyogen Pantomimes (en inglés). Archived from the original on 14 de outubro de 2006. Consultado o 25 de agosto de 2015. 
  75. (Nozaki 1961, pp. 114-116)
  76. "Yoshinoyama: Yoshitsune Sembon Zakura". Kabuki21.com (en inglés). Consultado o 25 de agosto de 2015. 
  77. "Ivory netsuke: foxes". The British Museum (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2015. Consultado o 2 de setembro de 2015. 
  78. "FAQ". International Netsuke Society (en inglés). Consultado o 2 de setembro de 2015. 
  79. Schwarz, Karl M. (1992). Netsuke Subjects (en inglés). Böhlau Verlag Wien. pp. 174,319,322,327. ISBN 9783205055150. 
  80. Ortolani, Benito (1995). The Japanese Theatre: From Shamanistic Ritual to Contemporary Pluralism (en inglés). Princeton University Press. p. 190. ISBN 9780691043333. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Addiss, Stephen (1985). Japanese Ghosts & Demons: Art of the Supernatural (en inglés). Nova York: G. Braziller. ISBN 0-8076-1126-3. 
  • Ashkenazy, Michael (2003). Handbook of Japanese Mythology (en inglés). Santa Barbara, California: ABC-Clio. ISBN 1-57607-467-6. 
  • Bathgate, Michael (2004). The Fox's Craft in Japanese Religion and Folclore: Shapeshifters, Transformations, and Duplicities (en inglés). Nova York: Routledge. ISBN 0-415-96821-6. 
  • Goff, Janet (abril-xuño de 1997). "Foxes in Japanese culture: beautiful or beastly?". Japan Quarterly (en inglés) 44 (2). 
  • Hall, Jamie (2003). Half Human, Half Animal: Tales of Werewolves and Related Creatures (en inglés). Bloomington, Indiana: Authorhouse. ISBN 1-4107-5809-5. 
  • Hamel, Frank (1969). Human Animals: Werewolves & Other Transformations (en inglés). Nova York: University Books. ISBN 0-7661-6700-3. 
  • Hearn, Lafcadio (2005). Glimpses of Unfamiliar Japan (en inglés). Project Gutenberg. ISBN 978-1605970936. 
  • Heine, Steven (1999). Shifting Shape, Shaping Text: Philosophy and Folclore in the Fox Koan (en inglés). Honolulu: University of Hawaiʻi Press. ISBN 0-8248-2150-5. 
  • Nozaki, Kiyoshi (1961). Kitsune: Japan's Fox of Mystery, Romance, and Humor (en inglés). Tokio: The Hokuseidô Press. 
  • Smyers, Karen Ann (1999). The Fox and the Jewel: Shared and Private Meanings in Contemporary Japanese Inari Worship (en inglés). Honolulu: University of Hawaiʻi Press. ISBN 0-8248-2102-5. 
  • Tyler, Royall, ed. (1987). Japanese Tales (en inglés). Nova York: Pantheon Books. ISBN 0-394-75656-8. 

Ligazóns externas editar