Kareem Abdul-Jabbar

baloncestista estadounidense

Kareem Abdul-Jabbar (en árabe: كريم عبد الجبار Karīm ‘Abd al-Jabbār), nado co nome de Ferdinand Lewis Alcindor, Jr. en Harlem (Nova York) o 16 de abril de 1947, é un antigo xogador de baloncesto estadounidense que militou en Milwaukee Bucks e Los Angeles Lakers da NBA dende 1969 até 1989. Era coñecido como Lew Alcindor antes de que trocase o seu nome a finais de 1971, varios anos despois de converterse ao islam, ao que chegou despois de ler unha autobiografía de Malcolm X.[1]

Kareem Abdul-Jabbar
Posición Pivote
Dorsal 33
Altura 2,18 m (7 ft 2 in)
Peso oficial 102 kg (224 lb)
Nacemento 16 de abril de 1947 (76 anos)
Nova York, NY
Carreira
Universidade UCLA
NBA Draft 1969 / Rolda: 1 / Elección: 1
Por Milwaukee Bucks
Tempadas 19691989
Equipo(s)
Estatísticas (NBA)
Puntos     38 387 (24,6 pp)
Rebotes     17 440 (11,2 pp)
Tapóns     3 189 (2,6 pp)
Stats @ Basketball-Reference.com
Premios
  Basketball Hall of Fame como xogador

Abdul-Jabbar deixou o baloncesto á idade de 42 anos como o máximo anotador e taponador da historia da NBA, ademais de posuír a marca de máis MVP da Tempada con seis e ser o xogador que máis All-Star Game disputou. A súa lista de logros persoais e colectivos é talvez a máis impresionante na historia da liga: Rookie do ano da NBA, campión da NBA en sete ocasións, seis como xogador cos Bucks e Lakers e unha como adestrador asistente dos Lakers, dúas veces MVP das Finais da NBA, 19 veces All-Star e dúas veces máximo anotador da liga, entre outros moitos. Tamén posúe 8 marcas de playoffs e 7 de All-Star.

A pesar do seu incrible éxito na pista, non foi até o ocaso da súa carreira que Abdul-Jabbar gañou por fin o afecto dos afeccionados ao baloncesto. Foi un home reservado que evitaba á prensa e que ás veces parecía distante. "Son o peor entre os mozos malos", dixo unha vez á revista The Sporting News. Durante a tempada 1988-89, a súa última en activo, Abdul-Jabbar foi honrado en cada cancha da liga.

Traxectoria deportiva editar

High School editar

Abdul-Jabbar naceu como Ferdinand Lewis Alcindor Jr. en Nova York, dous anos despois de terminar a segunda guerra mundial. Era o único fillo dunha protectora nai, Cora, e un estrito pai, Ferdinand. Ao nacer pesou case 6 quilos e medía 57 centímetros.[2] A estatura dos seus pais non facía prever o crecemento do mozo Lew (medían 1,91 e 1,78 metros respectivamente). Con 9 anos xa medía 1,75 e aos 14 creceu até os 2,03 metros, polo que xa podía machucar a canastra.[2] Creceu cunha educación católica e conseguiu os seus primeiros éxitos co seu instituto. Era de longo o mozo máis alto da súa clase en Harlem, polo que era visto como un tipo raro entre os seus compañeiros de colexio. Tras dominar o baloncesto escolar de Nova York no agora defunto Power Memorial, co que conseguiu tres campionatos consecutivos, 71 vitorias seguidas e unha marca global de 96-6, anotando 2.067 puntos e capturando 2.002 rebotes (ambos os récords do estado de Nova York),[2] enrolouse en UCLA onde xogou para os Bruins de John Wooden.[1]

Universidade editar

Alcindor sinxelamente dominou todas as clasificacións universitarias. Tras pasar en branco a súa primeira tempada debido a que as regras da NCAA impedían a un xogador de primeiro ano participar no equipo universitario, foi seleccionado como Xogador do Ano en 1967 e 1969 polas revistas The Sporting News, United Press International, Associated Press e a Asociación de Escritores de Baloncesto dos Estados Unidos. Tamén foi nomeado All-American e MVP do Torneo da NCAA nos anos 1967, 1968 e 1969. Foi o primeiro gañador do prestixioso Naismith College Player of the Year en 1969, que a partir dese ano distinguiu ao mellor xogador universitario do ano. Con Alcindor tomando o mando da zona, Wooden e UCLA conseguiron este tres títulos nacionais. Tal foi a súa influencia no baloncesto universitario que mesmo os mates foron prohibidos no baloncesto universitario a partir de 1967.[3] Durante o seu paso por UCLA graduouse en Historia e desta etapa universitaria provén un dos seus trazos máis característicos. Durante un partido con UCLA sufriu unha lesión na córnea esquerda que lle levou a usar as súas características lentes ao longo da súa carreira. Nas súas tres tempadas terminou cunha media de 26,4 puntos e 15,5 rebotes, cunha porcentaxe de tiro do 64%.[4]

O Partido do Século editar

O 20 de xaneiro de 1968, Alcindor e os seus Bruins enfrontáronse aos Houston Cougars, nun partido da fase regular do campionato da NCAA. O Houston Astrodome albergou a cifra récord de 52.693 espectadores, sendo ademais o primeiro partido de fase regular universitario televisado para toda a nación en horario de máxima audiencia. Elvin Hayes, dos Cougars, anotou 39 puntos e capturou 15 rebotes, mentres que Alcindor quedou en tan só 15 puntos. Houston gañou 71-69, rompendo unha serie de 47 partidos invictos do equipo californiano. Foi denominado na época O Partido do Século. Hayes e Alcindor volverían verse as caras na Final Four de 1968, onde esta vez foron os Bruins os que gañaron 101-69.[5]

Marcas universitarias editar

A día de hoxe, Abdul-Jabbar aínda mantén un gran número de marcas en UCLA:

  • Maior media de anotación nunha carreira: 26,4
  • Máis tiros de campo nunha carreira: 943
  • Máis puntos nunha tempada: 870 (1967)
  • Mellor media de puntos nunha tempada: 29,0 (1967)
  • Máis tiros de campo nunha tempada: 346 (1967)
  • Máis tiros libres tentados nunha tempada: 274 (1967)
  • Máis puntos nun partido: 61 (vs. Washington State, 25/2/67)
  • Máis tiros de campo nun partido: 26 (vs. Washington State, 25/2/67)

Profesional editar

Milwaukee Bucks editar

 
Lew Alcindor (Abdul-Jabbar) con UCLA.

Milwaukee Bucks estaba só na súa segunda tempada na liga cando elixiron a Alcindor como primeira elección do Draft da NBA en 1969 (a primeira tempada dos Bucks fora para esquecer, cunha marca de 27-55 e logrando a primeira selección do draft nun sorteo a cara ou cruz con Phoenix Suns). Era o momento de que un novo pivote dominase a liga. Bill Russell acababa de abandonar Boston Celtics, e Wilt Chamberlain, aínda que en activo, tiña case 35 anos. Os Harlem Globetrotters ofrecéronlle un contrato dun millón de dólares para que se unise a eles, pero declinou a oferta e enrolouse cos Bucks.[6] Con Alcindor a bordo, na tempada 1969-70, os Bucks acadaron a segunda praza da Conferencia Leste cunha marca de 56-26.[7] Alcindor tivo un impacto estelar inmediato na liga, terminando segundo entre os anotadores con 28,8 puntos por partido e terceiro en rebotes con 14,5. Ese ano gañou con comodidade o premio de Rookie do Ano.[8] Durante a postemporada os Bucks conseguiron o seu billete cara ao título; a base-escolta de 31 anos Oscar Robertson chegou procedente de Cincinnati Royals. Co apoio de Bobby Dandridge, Jon McGlocklin, Greg Smith, e o mozo Lucius Allen, Milwaukee logrou unha marca de 66 vitorias en 1970-71, marca da franquía, incluíndo unha marca de vinte vitorias consecutivas. Alcindor gañou o seu primeiro premio de MVP da Tempada e o seu primeiro título de máximo anotador con 31,7 puntos por partido mentres terminaba cuarto en rebotes con 16. Milwaukee conseguiu un 12-2 en playoff e varreu aos Baltimore Bullets nas segundas finais da NBA na historia que terminaban cun 4-0. Alcindor foi nomeado tamén MVP das Finais.[9]

Antes da tempada 1971-72, Alcindor converteuse do catolicismo ao islam e adoptou o nome de Kareem Abdul-Jabbar, que significa "nobre e poderoso servente".[6] Foi convertido por Khalifah Hamaas Abdul Khaalis, antigo líder da Nación do Islam. Detalla o proceso da súa conversión na súa autobiografía "Giant Steps" (Pasos de Xigante). En 1971-72 repetiu como máximo anotador (34,8 puntos) e MVP da NBA, e os Bucks repetiron como líderes de división por segunda vez no que serían catro anos consecutivos. En 1973-74 Abdul-Jabbar gañou o seu terceiro premio MVP no seu quinto ano na liga e colocouse entre os cinco mellores en catro categorías: anotación (27,0 puntos, terceiro), rebote (14,5 rebotes, cuarto), tapóns (283, segundo) e porcentaxe de tiro de campo (.539, segundo). Milwaukee volveu ás Finais da NBA en 1974 pero caeu contra Boston Celtics (hai que lembrar que en 1974 Milwaukee pertencía á Conferencia Oeste), que estaban liderados polo pivote Dave Cowens e un grupo de xogadores na liña exterior que demostraron ser demasiado rápidos para o veterano Robertson, xa con 35 anos. "Big O" (alcume de Oscar Robertson) retirouse tras os playoffs, concluíndo a racha de vitorias de división dos Bucks. O equipo caeu ao último lugar en 1974-75 cunha marca de 38-44.[10]

A pesar do seu fenomenal éxito en Milwaukee, Abdul-Jabbar era infeliz en parte debido á carencia de xente que compartise as súas crenzas culturais e relixiosas e por isto pediu o seu traspaso. Requiriu que se lle traspasase a New York Knicks ou Los Angeles Lakers, e o Director de Operacións dos Bucks, Wayne Embry, cumpriu enviando a Abdul-Jabbar e Walt Wesley aos Lakers en 1975 por Junior Bridgeman, Dave Meyers, Elmore Smith, e Brian Winters. A segunda dinastía Abdul-Jabbar estaba a empezar a tomar forma.[11]

Los Angeles Lakers editar

1975-1979: Esquecendo a Chamberlain editar

Wilt Chamberlain retirouse dous anos antes, feito que axuda a explicar a marca de 30-52 dos Lakers e o seu último lugar na tempada 1974-75.[10] Abdul-Jabbar axudou traendo dez vitorias máis na súa primeira tempada nos Ánxeles. A súa contribución foi de 27,7 puntos e 16,9 rebotes por partido gañando de novo o título de MVP da Tempada, o cuarto en sete anos na liga.[12] A seguinte tempada Jerry West foi elixido como adestrador dos Lakers, e guiou ao equipo ao primeiro posto da liga cunha marca de 53-29. Abdul-Jabbar (26,2 puntos, 13,3 rebotes, 57,9% de porcentaxe de tiro de campo, 261 tapóns) foi nomeado MVP da Tempada por quinta vez en oito anos, igualando a marca da lenda dos Celtics Bill Russell. Pero os Lakers foron varridos nas Finais de Conferencia polos que serían campións, Portland Trail Blazers, quen tiñan a outro temible home alto en Bill Walton. A pesar dos esforzos de Abdul-Jabbar, os Lakers terminaron a campaña en metade da división nos dous seguintes anos. Continuou contribuíndo con grandes números, aínda que se perdeu 20 partidos en 1977-78 tras romper unha man nunha pelexa co novato dos Bucks Kent Benson no primeiro partido da tempada. Os mozos Jamaal Wilkes e Norm Nixon parecían prometedores, pero Los Angeles, no entanto, seguían sumidos na mediocridade.

1979-1985: Magic e o Showtime editar
 
Abdul-Jabbar en 2006.

En 1979, usando a primeira elección do draft obtida de Utah Jazz, os Lakers seleccionaron un base de 2,06 metros chamado Earvin "Magic" Johnson da Universidade de Michigan State. A chegada de Johnson marcou o inicio dunha década que traería a Abdul-Jabbar cinco campionatos máis. Cun espectacular contraataque que foi coñecido como "Showtime" (tempo de espectáculo), os Lakers gañaron nove títulos de división nos últimos dez anos da carreira de Abdul-Jabbar.[13]

Na primeira tempada de Johnson cos Lakers gañaron 60 partidos, e só perderon 4 dos 16 enfrontamentos da postemporada no seu camiño cara ao título de campións da NBA en 1980. Nun momento que uniría ás dúas superestrellas para sempre, Johnson xogou como pivote debido á lesión de Abdul-Jabbar no sexto partido das Finais da NBA contra Philadelphia 76ers. Abdul-Jabbar torceuse gravemente o seu nocello no quinto partido tras anotar 40 puntos e axudar aos Lakers a tomar a dianteira na serie. O pivote de 33 anos non puido xogar no sexto partido, polo que o novato de 20 anos tomou o posto de Jabbar e completou un fabuloso partido con 42 puntos, 15 rebotes e 7 asistencias, levando aos Lakers á vitoria por 123-107 e ao campionato. Na tempada, Abdul-Jabbar (24,8 puntos, 10,8 rebotes) cimentou aínda máis o seu lugar na historia conseguindo o seu sexto premio de MVP.[14]

Abdul-Jabbar continuou promediando polo menos 20 puntos durante o seguintes seis tempadas. A súa media de rebotes caeu a entre 6 e 8 cando os anos de loitar pola posición de rebote empezaron a pasar factura. A pesar disto mantívose nunha notable forma, mesmo a finais da trintena, e era capaz de xogar 32-35 minutos por partido a unha idade na que a maioría de xogadores están retirados. "É o atleta máis fantástico do deporte", dixo Magic Johnson ao escritor Gary Smith. Nos anos finais da súa carreira o programa de traballo de Abdul-Jabbar fíxose máis importante se cabe. Practicou ioga e artes marciais para manter os seus brazos e pernas fortes e áxiles, e meditaba antes de cada partido para reducir a tensión. Como curiosidade apuntar que o seu mestre en artes marciais foi nada menos que Bruce Lee e participou xunto a el na película Game of Death ("Xogo Mortal") no que sería o seu papel máis importante no cinema.

O 5 de abril de 1984, nun partido contra Utah Jazz xogado en Las Vegas, Abdul-Jabbar tivo talvez o seu momento máis glorioso. Recollendo un pase de Magic Johnson, Abdul-Jabbar virouse e lanzou o seu "sky-hook" cara ao aro. O tiro atopou a rede, dando a Abdul-Jabbar o seu punto número 31.420 na súa carreira, o que lle permitía superar a Wilt Chamberlain como o máximo anotador de tódolos tempos na NBA.[15] Os Lakers alcanzaron as Finais da NBA oito veces no dez tempadas entre 1979-80 e 1988-89. Gañaron cinco títulos, derrotando a Boston e Philadelphia dúas veces a cada un e unha vez a Detroit Pistons. As series de 1985 contra Boston foron talvez as máis satisfactorias para Abdul-Jabbar. Á idade de 38 anos moitos observadores pensaban que o pivote máis veterano da liga estaba acabado. No primeiro partido parecía que isto fose así, dado que Abdul-Jabbar só conseguiu 12 puntos e 3 rebotes no seu enfrontamento con Robert Parish. Os Celtics esnaquizaron aos Lakers vencendo por 148-114 no que se coñecería como "o Masacre do Memorial Day". Durante os dous días seguintes Abdul-Jabbar pasou horas mirando o vídeo do partido e tomando parte en sesións de adestramento maratonianas que incluían unha hora de series de sprint. Os reiterados intentos do adestrador Pat Riley para persuadir a Abdul-Jabbar de que tomase un descanso foron en balde.

No segundo partido, Abdul-Jabbar conseguiu 30 puntos, 17 rebotes, 8 asistencias e 3 tapóns na vitoria por 109-102 dos Lakers. Los Angeles gañaron aquela serie en seis partidos. Nas catro vitorias dos Lakers Abdul-Jabbar promedió 30,2 puntos, 11,3 rebotes, 6,5 asistencias e 2 tapóns. Nunha memorable secuencia Abdul-Jabbar capturou un rebote, botou o balón ao longo de todo o campo e anotou un "sky-hook". Inclusó lanzouse en ferro a por un balón perdido. "O que viches", dixo Riley a Sports Illustrated, "era paixón". Abdul-Jabbar foi nomeado MVP das Finais.[16] Jabbar dixo que o campionato de 1985 posiblemente sexa o máis doce do seis que gañou. Gañouse na pista do Boston Garden e acabou con tódalas pantasmas do campo dos Celtics, o equipou que derrotou aos Lakers xusto o ano anterior e moitas outras veces durante o reinado de Russell.

1985-1989: Os seus últimos anos editar

Na tempada 1986-87 os Lakers gañaron de novo a Boston nas Finais da NBA. Aínda que Abdul-Jabbar xogou de forma aceptable, o MVP e estrela das series foi Magic Johnson. Durante a tempada regular Abdul-Jabbar caeu por baixo dos 20 puntos por partido (17,5) por primeira vez na súa carreira. Á idade de 40 anos asinou un contrato para xogar dous anos máis. O seguinte ano coa vitoria dos Lakers sobre os Pistons fíxoos o primeiro equipo dende os Celtics de 1968-69 en repetir como campións da NBA. En 1988-89, a última tempada de Abdul-Jabbar, os Lakers volveron ás finais repetindo contra os Pistons. Abdul-Jabbar logrou as súas mellores marcas do ano no terceiro partido da serie con 24 puntos e 13 rebotes, pero con Johnson e Byron Scott con lesións de tendón, Los Angeles foron varridos. No seu último partido Abdul-Jabbar conseguiu 7 puntos e 3 rebotes. Durante a tempada regular a súa porcentaxe de tiro baixou do 50% por primeira vez na súa carreira (47,5%) e tivo a media anotación máis baixa da súa carreira con 10,1 puntos.

A retirada de Abdul-Jabbar marca o final dunha era na NBA. Deixou as pistas como o máximo anotador de todos os tempos, o cal posiblemente nunca sexa excedido, con 38.387 puntos (24,6 por partido), 17.440 rebotes (11,2 por partido), 3.189 tapóns, e unha porcentaxe de tiro de campo de 55,9 para unha carreira que se prolongou durante 20 anos e 1.560 partidos. Conseguiu dobres figuras en 787 partidos consecutivos. Anos máis tarde da súa retirada, Abdul-Jabbar dixo ao Orange County Register: "os 80 compensáronme de tódolos abusos que sufrín nos 70. Sobrevivín a tódolos meus críticos. No momento da miña retirada, todo o mundo víame como unha venerable institución. As cousas cambian".[17]

Sky hook editar

Abdul-Jabbar foi moi coñecido por un lanzamento a canastra único, denominado "Sky Hook" ("gancho dende o ceo") no cal aproveitaba toda a súa estatura e envergadura para sacar o balón co brazo completamente estirado perpendicular á canastra, lanzamento que se producía practicamente de arriba a abaixo, sendo por este motivo case imposible de taponar.[18] En toda a súa carreira foron moi poucos os xogadores en logralo, entre os que se atopan dúas grandes lendas como Wilt Chamberlain ou Hakeem Olajuwon. Este lanzamento contribuíu de maneira decisiva a que a súa porcentaxe de lanzamentos anotados fóra do 55,9%, o noveno máis alto da historia da NBA.[19]

Aprendeu o movemento xa no colexio, no quinto grao, e segundo el mesmo dicía, era o único lanzamento que podía realizar sen ser golpeado na cara.[20] Anos máis tarde o seu compañeiro de equipo Magic Johnson comezou a imitarlle, cun lanzamento que se popularizou co nome de Baby Hook ou Junior Sky Hook.

Post-NBA editar

Dende a súa retirada, Abdul-Jabbar traballou en temas de entretemento, servindo como "embaixador do baloncesto", traballando en distintas facetas como adestrador e comentarista así como axudando na loita contra a fame e o analfabetismo. En 1995 Abdul-Jabbar foi elixido para formar parte do Naismith Memorial Basketball Hall of Fame (Salón da Fama do Baloncesto).[21]

A pesar do interese por adestrar de Abdul-Jabbar dende a súa retirada e dada a fama e influencia que conseguira ao longo da súa carreira, parecía que lle choverían as ofertas. Con todo, tamén se gañou a reputación de introvertido e hosco, rexeitando en ocasións facer declaracións á prensa. Esta actitude, como recoñece o mesmo Abdul-Jabbar, pode ser a causa da falta de oportunidades que se lle presentaron até o momento, actuando só como observador, pequenas tarefas como asistente e adestrador en ligas menores. Traballou con Los Angeles Clippers e Seattle SuperSonics como asistente para axudar no desenvolvemento dos pivotes Michael Olowokandi e Jerome James. En 2002 levou ao campionato da USBL a Oklahoma Storm, pero ao seguinte ano non conseguiu o posto de adestrador da Universidade de Columbia ao que optaba. Tras este errado intento traballou como observador para os Knicks e o 2 de setembro de 2005 volveu aos Lakers para traballar xunto a Phil Jackson no desenvolvemento do pivote Andrew Bynum. O 10 de novembro de 2009, Abdul-Jabbar anunciou padecer unha forma rara de leucemia, atopándose baixo tratamento para superar a enfermidade.[22]

Estadísticas e Palmarés editar

Equipos editar

Estadísticas editar

  • Número de camiseta - 33
  • Partidos Xogados - 1.560 (2º na historia da NBA)
  • Porcentaxe de tiro de campo % - 55,9 (8º na historia da NBA)
  • Tiros Libres % - 72,1
  • Tres puntos % - 5,6 (só anotou unha tripla en toda a súa carreira)
  • Rebotes - 17.440 (3º na historia da NBA)
  • Rebotes por partido - 11,2 (empatado no 24º posto da historia da NBA)
  • Asistencias - 5.660 (31º na historia da NBA)
  • Asistencias por partido - 3,6
  • Roubos - 1.160
  • Roubos por partido - 0,74
  • Tapóns - 3.189 (3º na historia da NBA) (os tapóns non aparecen na estatística oficial da NBA até a 1973-74)
  • Tapóns por partido - 2,57
  • Puntos por partido - 24,6 (12º máis alto)
  • Ostenta as marcas da NBA en:
    • Máis puntos na historia da NBA - 38.387
    • Máis minutos xogados - 57.446
    • Máis tiros de campo convertidos - 15.837
    • Máis tiros de campo tentados (28.307)
    • É, tras Robert Horry (239), o 2º que máis partidos de playoff xogou (237)

Carreira de actor editar

O xogar nos Ánxeles facilitoulle o probar como actor. Abdul-Jabbar fixo o seu debut na gran pantalla na película Game of Death xunto con Bruce Lee, participando na rodaxe orixinal de Bruce Lee en 1973 antes da súa morte; e estreada en cinemas en 1978; nesta película, Kereem e Bruce enfróntanse no combate máis famoso da película.[23] En 1980 apareceu como Roger Murdock en Airplane!, onde Jabbar ten unha escena memorable falando cun neno que realmente o recoñeceu como o xogador dos Lakers. Jabbar coméntalle que el é Roger Murdock, o piloto do avión, pero o raparigo segue insistindo que é "o mellor" pero que segundo o seu pai "non traballa moito en defensa e nunca o tenta, excepto en playoffs". Isto fai que o personaxe interpretado por Abdul-Jabbar se enfurezca e agarre ao mozo gritándolle "ouvín esa merda desde que estou en UCLA!" e referíndose ao pai do raparigo "dille que tente levar a Walton e Lanier durante 48 minutos arriba e abaixo da pista".[24]

Jabbar apareceu en numerosas series de televisión e películas, como son as películas Fletch!, BASEketball e Slam Dunk Ernest, as series Diff'rent Strokes, Full House, O Príncipe de Bel-Air e Scrubs. Fixo un cameo en 1994 no filme de Mick Garris Apocalipsis baseada nunha novela de Stephen King. Tamén foi o coprodutor executivo da película The Vernon Johns Story de 1994.

Libros escritos editar

 
Abdul-Jabbar asinando libros.

Abdul-Jabbar é tamén un autor de best-séllers, o último dos seus libros foi Brothers In Arms: The Epic Story of the 761st Tank Battalion, WWII's Forgotten Heroes, co-escrito con Anthony Walton. É a historia do Batallón 761 dos Estados Unidos, unha unidade composta completamente por negros que serviron en Europa na segunda guerra mundial.

Outros libros:

  • Giant Steps con Peter Knobler (1987)
  • Kareem (1990)
  • Selected from Giant Steps (Writers' Voices) (1999)
  • Black Profiles in Courage: A Legacy of African-American Achievement con Alan Steinberg (1996)
  • A Season on the Reservation: My Soujourn with the White Mountain Apaches con Stephen Singular (2000)

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Kareem Abdul Jabbar Biography". Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2010. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Mr. Basketball and much more, Kareem Abdul-Jabbar!". Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2006. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  3. "Lew's Still Loose". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2007. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  4. "Estatísticas de Kareem Abdul Jabbar". Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2012. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  5. "University Of Houston Athletics - Basketball Tradition". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2008. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  6. 6,0 6,1 "Kareem Abdul-Jabbar Biography". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2009. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  7. "1969-70 NBA Season Summary". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2012. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  8. "Postseason Awards - 1969-70". Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2009. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  9. "Postseason Awards - 1970-71". Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2009. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  10. 10,0 10,1 "1974-75 NBA Season Summary". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2012. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  11. "Say It Ain't So Milwaukee Bucks". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2012. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  12. "Postseason Awards - 1975-76". Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2009. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  13. Vídeo resumen do Showtime dos Lakers
  14. "Magic Johnson Bio". Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2008. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  15. NBA 1983-84 Season Montage - Pride and Passion 1/2
  16. "Kareem, Lakers Conquer the Celtic Mystique". Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2008. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  17. All Time Greatest NBA Players. Kareem Abdul-Jabbar
  18. "Foto de Kareem lanzando un Sky Hook". Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2016. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  19. "Career Leaders and Records for Field Goal %". Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2007. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  20. "Talking with Kareem Abdul-Jabbar". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2018. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  21. "Kareem's page @ the Basketball Hall of Fame Páxina de Kareem na web do Basketball Hall of Fame". Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2006. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  22. "Abdul-Jabbar being treated for leukemia, remains optimistic". Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2009. Consultado o 20 de marzo de 2010. 
  23. Game of Death
  24. Frases memorables da película Airplane!

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar