Un kame[1] é un accidente da paisaxe glacial, que ten a forma dun pequeno outeiro ou montículo composto de area, grava e till[2] que se acumula nunha depresión sobre un glaciar en retirada, e despois é depositado sobre a superficie da terra cando a fusión do glaciar avanza máis. Os kames adoitan estar asociados con outras formacións chamadas kettles, e esta asociación denomínase topografía de kame e kettle. A palabra kame (ou kaim) é unha palabra do escocés antigo (relacionada co inglés comb) que ten o significado de "crista" entre outros.[3] Como termo xeolóxico foi introducido por Thomas Jamieson en 1874.[4]

Un kame preto de Kirriemuir, Escocia
Un kame no Parque Nacional de Yellowstone, Wyoming
Un kame entre os restos arrastrados por un glaciar na morena terminal no casquete de xeo cordilleirano no estado de Washington

De acordo con White, "os kames foron formados por augas de desxeo que depositaron material máis ou menos lavado en sitios irregulares en e ao longo do xeo en fusión. Nalgúns lugares o material está moi ben lavado e estratificado; noutros está peor lavado, con inclusións de masas de till que caen do xeo pero estaban cubertas antes de que fosen completamente lavadas. As gravas de kame adoitan ser moi variables e van desde de gran finos a groso e incluso croios e grandes penas."[5]

Ao fundirse o glaciar, os ríos transportan sedimentos aos lagos glaciais, construíndo deltas de kame na parre superior do xeo. Porén, coa continua fusión do glaciar, finalmente, o delta de kame colapsa sobre a superficie da terra, orixinando a topografía de "kame e kettle".

As terrazas de kame encóntranse frecuentemente ao longo da parte lateral do val glacial e son depósitos estratificados de ríos de augas de fusión que flúen entre o xeo e a parte lateral do val adxacente.[5] Estas terrazas de kame adoitan semellar bancais planos, con moitos pozos sobre a superficie feitos polas kettles. Xeralmente, as pendentes descenden val abaixo con gradientes similares aos da superficie do glaciar ao longo do que se formaron, e poden ás veces encontrarse por parellas a cada lado do val.

Os kames compáranse ás veces cos drumlins, pero a súa formación é claramente diferente. Un drumlin non se formou orixinalmente pola auga de fusión, senón polo propio xeo e ten unha forma bastante regular. Está constituído por material de gran fino, como arxila ou lousa, e non por areas e gravas. Ademais, os drumlins normalmente teñen capas concéntricas de materiais, a medida que o xeo engade sucesivamente novas capas no seu movemento.

Estrutura interna dun kame esquematizado por Newberry en 1874

Notas editar

  1. Definición de kame* no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. Definición de till* no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  3. "kame". Oxford English Dictionary (3rd ed.). Oxford University Press. Setembro 2005
  4. Goudie, Andrew, ed. (2004). "Kame by Eric A. Colhoun". Encyclopedia of Geomorphology. vol. 2. pp. 581–582. 
  5. 5,0 5,1 White, George (1982). Glacial Geology of Northeastern Ohio, Ohio Geological Survey. Columbus: State of Ohio. pp. 18–19. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar