Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista

Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista (JONS, en galego: Xuntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista) foi un partido nacional-sindicalista español. Fundado o 10 de outubro de 1931 ó fusionarse o grupo arredor da revista La Conquista del Estado de Ramiro Ledesma Ramos coa Junta Castellana de Actuación Hispánica de Onésimo Redondo.[1] A JONS foi unha moi pequena organización con certa influencia entre os estudantes universitarios en Madrid e entre os traballadores e agricultores de Valladolid. Tiña como símbolo o xugo e as frechas que pasarían a formar parte do escudo de España durante o franquismo.

O xugo e as frechas constituían o símbolo das JONS

En 1933 a JONS experimentou un período de expansión, comezou a editar unha publicación de igual nome que o partido e fundou un sindicato agrario afín que afirmaba ter 175 seccións locais e 3.000 membros. Nese ano, Ledesma Ramos regresou do seu exilio en Portugal e principiou a publicación da revista Libertad e outras publicacións locais, entre elas Unidad en Galicia.

En 1934, JONS uniuse con Falange Española de José Antonio Primo de Rivera para formar a Falange Española de las Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista. Ledesma Ramos acabaría abandonando a FE-JONS e Onésimo Redondo intentaría refundar a JONS sen éxito.

Considerada a primeira organización nacional revolucionaria polo mantemento da necesidade da revolución que acabase co sistema capitalista e conquistase o poder para realizar unha transformación social, tiña moitas coincidencias co nacionalsocialismo alemán pero diferenciábao o seu carácter católico e a nula incidencia do racismo no seu discurso político, predominando o concepto de hispanidade.

Durante a transición existiu un pequeno grupo con este nome pero nin xurídica nin historicamente ten relación coa JONS primixenia a pesar de afirmar ser a continuadora histórica.

Galicia editar

En Galicia, o partido formou os seus primeiros núcleos xa en 1931, en Santiago de Compostela encabezado por Santiago Montero Díaz e Manuel Souto Vilas e na Coruña liderado primeiro por Enrique Sáez Alfeirán e despois por Juan Canalejo.

Notas editar

  1. Sesma (2012), p. 56

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Sesma Landrin, Nicolás (2012). "La dialéctica de los puños y de las pistolas": una aproximación a la formación de la idea de estado en el fascismo español (1931-1945)". Historia y política: Ideas, procesos y movimientos sociales (en castelán) (27): 51–82. ISSN 1575-0361. doi:10.18042/hp.