Julio Ruiz de Alda

aviador e militar español (1897-1936)

Julio Ruiz de Alda Miqueleiz, nado en Estella (Navarra) o 7 de outubro de 1897[1] e finado en Madrid o 23 de agosto de 1936, foi un militar e aviador español, considerado un pioneiro da aviación, que acadou unha gran popularidade —xunto ao comandante Ramón Franco— co voo do Plus Ultra en 1926.

Julio Ruiz de Alda
Nacemento7 de outubro de 1897
Lugar de nacementoLizarra
Falecemento23 de agosto de 1936
Lugar de falecementoMadrid
Causaferida por arma de fogo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónairman, observador aéreo e autor
CónxuxeAmelia Azarola Echeverría
FillosJuan Antonio Ruiz de Alda Azarola
editar datos en Wikidata ]

Nos anos da Segunda República foi cofundador de Falanxe Española[2] e morreu asasinado na matanza do Cárcere Modelo de Madrid, ao mes de iniciada a guerra civil española.

Traxectoria editar

Fillo de Silvio Ruiz de Alda e Francisca Miqueleiz, foi o maior dos seus irmáns e naceu na localidade navarra de Estella o 7 de outubro de 1897, na rúa de Zapatería, número 1, nunha casa que coa súa monumental escalinata, as súas reixas labradas e o brasón da súa fachada, conserva aínda o carácter de palacio o dezaoito que tiña dende a súa orixe.

Con quince anos ingresou na Academia preparatoria Militar Iriarte. Tras supera-lo exame de ingreso na Academia de Artillaría de Segovia, ingresou o 1 de setembro de 1913, co número 1 da súa promoción.

Carreira militar editar

Licenciouse da Academia de Artillaría de Segovia co rango de tenente.[3] Inicialmente foi destinado ao Rexemento de Montaña con base en Vitoria e pouco despois será destinado ao Rexemento Mixto con base en Tetuán, por mor da Guerra de África. Destinado a Ceuta, foi chamado en marzo de 1922 ao aeródromo de Cuatro Vientos para segui-lo curso de observador aéreo. A partir daquel momento uniríase á nacente Aviación militar española.[3] En setembro, ascendido a capitán, trasládase a Marrocos como observador en prácticas, terminando o ano na base de Mar Chica.

O 27 de xaneiro de 1923 obtén o título de observador de aeroplano e pasa ao aeródromo de Tetuán, de cuxos talleres se fai cargo en xuño. Durante as campañas militares de Marrocos, tivo unha destacada actuación.[3]

En 1925, foi o primeiro observador que se ofreceu a Ramón Franco para acompañalo no seu voo a Arxentina, trala baixa do capitán Mariano Barberán. Pouco tempo despois realiza a gran fazaña de cruzar o océano Atlántico sur no hidroavión Plus Ultra, con Ramón Franco, Juan Manual Durán González e o mecánico Pablo Rada, nun traxecto de máis de 10.000 km entre Palos de la Frontera (Huelva) e Bos Aires.O avión, un Dornier Wall, ao ter moi pouca autonomía, obrigounos a facer moitas escalas que incrementou a relevancia do percorrido.[4] Por esta fazaña, recibiu a Medalla ao Mérito Aéreo e foi nomeado xentilhome de cámara con exercicio do rei Afonso XIII e membro do Consello Superior de Aviación. A viaxe do «Plus ultra» deu a Ruiz de Alda unha gran fama entre a poboación.[5]

Crese que obtivo o título de piloto pola Escola aérea de Xetafe. É neste momento, cando crea a Compañía Española de Traballos Fotogramétricos Aéreos (CETFA), pero este proxecto vese interrompido polo novo conflito no Protectorado de Marrocos.

Foi ascendido a xefe de grupo, e nomeado presidente da sección española da Federación Aeronáutica Internacional.[2] Asiste como relator e vicepresidente, ao congreso internacional de aviadores transatlánticos, celebrado en Roma, onde recibe de mans de Benito Mussolini a encomenda de San Gregorio o Magno.

Tentou unha nova fazaña, cando empezou a preparar a volta ao mundo, outra vez xunto a Ramón Franco, a bordo dun Dornier 16, pero fracasou en xuño de 1928. E tamén tomou parte, en 1929, noutro intento de voo transatlántico (Madrid-Nova York-Madrid), pero resultou nun novo fracaso.[4]

Actividade política editar

 
Ruiz de Alda (centro) xunto a Valdecasas e Primo de Rivera, no mitin fundacional de Falanxe no teatro da Comedia, o 29 de outubro de 1933.

Trala proclamación da Segunda República, viuse cada vez máis atraído polos movementos de extrema dereita e a ideoloxía fascista. Xunto a José Antonio Primo de Rivera e Rafael Sánchez Mazas, fundou o pequeno Movemento Español Sindicalista (MES),[6] de escasa entidade. Posteriormente, en 1933, Ruiz de Alda foi un dos fundadores do movemento fascista Falanxe Española (FE) xunto a Primo de Rivera, Sánchez Mazas e Alfonso García Valdecasas.[6][7] De feito, foi un dos tres oradores —xunto a Primo de Rivera e Valdecasas— no mitin fundacional de Falanxe o 29 de outubro de 1933 no teatro da Comedia.[8]

Mantivo unha firme amizade co doutor Juan Negrín por mediación da súa esposa Amelia, discípula e admiradora do científico e entón deputado socialista canario. José Antonio Primo de Rivera tentou atraerse politicamente a Negrín por mediación de Ruiz de Alda pero as súas peticións sempre foron rexeitadas.[9]

Tamén estivo moi relacionado co teórico fascista Ramiro Ledesma, o que levaría á unión entre Falanxe e as Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (JONS). Tras esta unión Ruiz de Alda formou parte do triunvirato que inicialmente liderou o partido.[10] Nas eleccións de 1936, foi candidato a Cortes republicanas pola circunscrición de Santander,[11][12] aínda que non obtivo acta de deputado. De feito, Ruiz de Alda obtivo na provincia santanderina uns resultados electorais puramente simbólicos que non chegaron aos 4.000 votos.[13]

O 14 de marzo de 1936, Ruiz de Alda foi detido no seu despacho no marco da operación policial que desmantelou a cúpula de Falanxe e con posterioridade foi recluído no Cárcere Modelo de Madrid.[10][14]

Asasinato editar

O 22 de agosto de 1936 a prisión foi invadida por milicianos anarquistas, que se fixeron co control da mesma e decidiron a execución de varios presos significados. Ruiz de Alda formou parte do grupo de 28-30 persoas que foron seleccionadas polos milicianos e fusiladas nos patios do cárcere,[15][16] durante a coñecida como matanza do Cárcere Modelo. Días antes de ser asasinado, Ruiz de Alda rexeitara unha oferta de traballar para a República que lle fixo chegar a súa esposa, Amelia Azarola —sobriña do almirante Antonio Azarola, quen poucos días antes fora fusilado polos sublevados en Ferrol—.[10]

Recoñecementos editar

Durante o franquismo, a Escola Superior de Educación Física Feminina, que funcionou entre 1956 e 1977, recibiu o seu nome con carácter honorífico.[17][18] Así mesmo, durante o período franquista numerosas rúas e prazas de diversas cidades españolas foron renomeadas na súa honra.

En San Javier (Murcia) hai un instituto de educación secundaria chamado IES Ruiz de Alda[19] en honra a este piloto de aviación. Ademais, na mesma zona, hai unha antiga colonia militar pertencente a Santiago de la Ribera chamada Colonia Julio Ruiz de Alda, máis coñecida como Cidade do Aire.

Obras editar

  • Franco, Ramón; Ruiz de Alda, Julio (1926). De Palos al Plata. Madrid: Espasa-Calpe[20]
  • Ruiz de Alda, Julio (1935). Una política militar: Gibraltar, clave de España. Madrid:Editorial Ibérica

Notas editar

  1. Arazuri (1980), p. 43
  2. 2,0 2,1 Payne (1999), p. 83
  3. 3,0 3,1 3,2 Romero Salvadó (2013), p. 290
  4. 4,0 4,1 "RUIZ DE ALDA MIQUELEIZ, JULIO". Gran Enciclopedia de Navarra (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21-01-2021. Consultado o 21-10-2019. 
  5. Romero Salvadó (2013), pp. 290-291
  6. 6,0 6,1 Casanova (2010), p. 80
  7. Payne (1989), p. 38
  8. Gibson (1980), p. 70
  9. Ansó (1976), p. 100
  10. 10,0 10,1 10,2 Romero Salvadó (2013), p. 291
  11. Payne (1989), p. 92
  12. Sanz Hoya (2006), pp. 237-243
  13. Sanz Hoya (2006), pp. 240-242
  14. Casanova (2010), p. 134
  15. Thomas (1976), pp. 437-438
  16. Casanova (2010), p. 171
  17. Carbajosa Menéndez (1999), p. 30
  18. Rivadeneyra (2017), pp. 85-87
  19. "IES RUIZ de ALDA". iesruizdealda (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2020. 
  20. Álvarez Rey (2010), p. 108

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

En castelán editar

  • Álvarez Rey, Leandro (2010). Los diputados por Andalucía de la II República (1931-1939). Sevilla: Centro de Estudios Andaluces. ISBN 978-84-937855-0-5. 
  • Ansó, Mariano (1976). Yo fui ministro de Negrín. Memorias ineludibles. Barcelona: Planeta. ISBN 84-320-5621-9. 
  • Arazuri, José Joaquín (1980). Pamplona, calles y barrios. 3 vols. Pamplona: José Joaquín Arazuri Díez Ed. ISBN 978-84-300-1878-9. 
  • Carbajosa Menéndez, Concepción (1999). Las profesoras de educación física en España: historia de su formación (1938-1977). Oviedo: Universidad de Oviedo. ISBN 84-8317-170-8. 
  • Gibson, Ian (1980). En busca de José Antonio. Barcelona: Planeta. ISBN 9788432056567. 
  • Rivadeneyra, María Luisa (2017 [2002]). Deporte, Mercado laboral y formación inicial en España. Sevilla: Wanceulen Editorial Deportiva. ISBN 9788495883926. 
  • Sanz Hoya, Julio (2006). De la resistencia a la reacción: las derechas frente a la Segunda República (Cantabria, 1931-1936). Santander: Servicio de Publicaciones de la Universidad de Cantabria. ISBN 84-8102-420-1. 
  • Thomas, Hugh (1976). Historia de la Guerra Civil Española. Barcelona: Círculo de Lectores. 

En inglés editar