Judith Butler

filósofa estadounidense

Judith Butler, nada en Cleveland (Ohio) o 24 de febreiro de 1956, é unha intelectual posestruturalista e destacada pensadora feminista estadounidense. Realizou importantes achegas no eido do feminismo, da filosofía política e da ética, e foi unha das teóricas fundacionais da teoría queer. É considerada “unha das voces máis influentes na teoría política contemporánea” e a teoría de xénero máis lida e influente do mundo. Ao longo dos anos, Butler apoiou aos movementos sociais polos dereitos LGTBQ+ e pronunciouse sobre moitos temas políticos contemporáneos, incluíndo o sionismo, a política israelí e os seus efectos no conflito palestino-israelí. Na actualidade é membro do Consello Asesor de Jewish Voice for Peace e no seu comité para a Liberdade Académica e na xunta do Center for Contitutional Rights en Nova York.

Judith Butler
Nacemento24 de febreiro de 1956
Lugar de nacementoCleveland
NacionalidadeEstados Unidos de América
Etniaestadounidense e Pobo xudeu
Alma máterUniversidade Yale
Ocupaciónfilósofo, escritor, profesor universitario, sociólogo, crítico literario, activista polos dereitos das mulleres, xornalista e art theorist
Coñecido porVulnerability in Resistance e Torture and the Ethics of Phiolosophy
PremiosBolsa de estudos Guggenheim, Prêmio Theodor W. Adorno, Albertus-Magnus professorate, Prêmio Brudner, honorary doctorate of the Bordeaux Montaigne University, cabaleiro da orde das Artes e as Letras, honorary doctorate from the McGill University, Honorary doctor of the University of Fribourg, Doutor honorário da Universidade de Liège, honorary doctor of the University of St Andrews e Prêmio Internacional Catalunha
Na rede
IMDB: nm3110693 Dialnet: 556943 iTunes: 371433077 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Judith Butler.

Biografía editar

Actualmente (2010) é profesora do departamento de retórica e literatura comparada da Universidade de Berkeley é profesora da European Graduate School.[1]

É autora de O xénero en disputa (1990) e Corpos que importan (1993). Ambos os libros describen o que se coñece como Teoría queer.

O movemento queer encarna o desexo de superación das limitacións do tradicional activismo do movemento LGBT. Principalmente nos Estados Unidos, Canadá e Inglaterra -durante os 70 e 80- as asociacións de dereitos civís do movemento LGBT produciran, a propósito, unha imaxe do gai positivo, aquel gai home, branco, profesional e de clase media. O queer propúxose acabar con este estereotipo sexista, clasista e racista das relacións ligadas á sexualidade. Estando á marxe social como unha subcultura, non moi popular mesmo no medio gai. O queer sustenta unha postura análoga á do anarco-feminismo, á loita pola igualdade entre sexos, á non violencia e á anti-homofobia. Tamén se sitúa na integridade anarquista, por ese motivo, a súa tendencia á aproximación e á constante aglutinación con algúns movementos contraculturais.

Primeiros anos e educación editar

Judith Pamela Butler naceu o 24 de febreiro de 1956 en Cleveland (Ohio), no seo dunha familia de ascendencia xudeu-húngara e xudeu-rusa. A maior parte da familia por parte da súa avoa materna pereceu no Holocausto en Hungría. A súa nai, unha defensora da vivenda xusta, foi criada na sinagoga ortodoxa, converteuse en conservadora despois da morte do seu pai, avó de Butler, e finalmente en reformista; mentres que o pai de Butler, dentista de profesión, educouse como reformista dende o seu nacemento.

De nena asistiu a unha escola hebrea e a clases de ética xudía, onde á idade de 14 anos, e por sentirse interesada no debate, familiarizouse por primeira vez coa filosofía. Nunha entrevista para Haaretz recordou os problemas que tiña na sinagoga cando comezaba a introducirse neste campo: «O rabino dixo: “Es demasiado faladora na clase. Respondes, non te comportas. Tes que vir e ter unha titoría comigo”. Eu contestei “Está ben, xenial!” Estaba emocionada». Na súa adolescencia Butler asistiu a unha escola pública mentres continuaba cos seus estudos xudeus.

Butler asistiu a Bennington College antes de transferirse á Universidade Yale, onde se graduou en Filosofía en 1978; doutorouse nesa mesma universidade en 1984. No mesmo ano da súa graduación en Filosofía recibiu unha Licenciatura en Artes. Pasou un ano académico na Universidade de Heidelberg como bolseira Fulbright.

Traxectoria editar

Desempeñouse como profesora na Universidade de Wesleyan, Ohio, na Universidade Johns Hopkins, Maryland, e na Universidade George Washington (Washington D.C.) antes de incorporarse á Universidade de California, en Berkeley, en 1993, onde permanece exercendo ata o día de hoxe. Aquí desempeñou como directora fundadora do Programa da Teoría Crítica, mantense como codirixente do seu Consorcio actualmente; é directora no Departamento de Retórica (1998-2003 e 2006-2007) e presidenta interna do departamento de Estudos de Xénero e Mulleres (2002 e 2003), ademais de ocupar a cátedra Maxine Elliot no Departamento de Literatura Comparada. Presidiu a Xunta do Centro de Investigación en Humanidades da Universidade de California en Irvine, foi membro do Consello Executivo da Modern Language Association e presidiu o seu comité de Liberdade Académica, do Institute for Advanced Study e da Ëcole Normale Supérieure de París. En 2002 ocupou a Cátedra Spinoza de Filosofía na Universidade de Ámsterdam e uniuse ao departamento de Inglés e Literatura Comparada na Universidade de Columbia, Nova York, como profesora visitante de Humanidades nos semestres de primavera de 2012, 2013 e 2014 coa opción de permanecer como profesora a tempo completo.

Impartiu as conferencias Wellek en Irvine, as conferencias Carpenter na Universidade de Chicago, as conferencias Watts no Museo Nobel, as conferencias Gauss en Princeton, as conferencias Messenger en Cronell, as conferencias Tanner na Universidade de Yale e a conferencia Freud na Casa Museo Freud de Viena.

Actualmente, tamén forma parte do consello editorial e do consello asesor de varias revistas académicas, entre elas JAC:A Journal of Rhetoric, Culture, AND Politics e Signs: Journal of Women in Culture and Societ; é activista e membro do Consello Directivo da agrupación Jewish Voice for Peace e no seu comité para a Liberdade Académica, que presidiu recentemente, é integrante da agrupación Profesores pola Paz Palestino-Israelí dos Estados Unidos. É membro da Sociedade Filosófica Estadounidense, dende 2007, a Academia Británica, dende 2015, e a Academia Estadounidense das Artes e as Ciencias e foi nomeada Chevalier des Arts et des letters polo Ministro de Cultura de Francia no ano 2014. A Asociación de Xeógrafos Americanos concedeulle o posto de Xeógrafa Honoraria no ano 2015.

Vida persoal e activismo editar

Butler é lesbiana, unha persoa de xénero non binario e opta polos pronomes they ou she (ela, do inglés). Vive en Berkeley, California, coa súa parella Wendy Brown e o seu fillo, Isaac Butler-Brown.

Nunha entrevista con The New Yorker, Butler conta que enfrontou violencia e que hai países onde non se sente segura ao viaxar. Explicou que hai dúas cuestións polas que pode recibir violencia: a súa teoría sobre o xénero e as súas publicacións sobre Palestina e o conflito político.

Na súa participación polas políticas activistas, en 2011, interveu cun informe titulado Amicus Curiae, sobre o caso da avogada chilena Karen Atala, a quen se lle privaba a custodia dos seus fillos e foi considerada a primeira e única xuíza chilena declarada publicamente homosexual.

Influencias editar

Butler foi influenciada por Michel Foucault, a presenza de Foucault na obra desta é practicamente ubicua, dende as lecturas da Historia da Sexualidade na temperá obra El género en disputa ata o redobramento da pregunta “Que é a crítica?” e a seu singular xeito de comprender e executar a virtude. Tamén foi influenciada por Simone de Beauvoir, xa que esta inspirou as teorías do feminismo de toda a segunda metade do século XX; Monique Wittig; Luce Irigaray, quen constitúe unha intersubxectividade no ámbito propio da especialidade feminina; Jacques Lacan, polas súas grandes aspiracións literarias; e Karl Marx, quen detonou nela unhas aspiracións no movemento queer e feminista. Algúns dos traballos que inspiraron os seus son:

Tamén serviron de influencia para varios teóricos contemporáneos como Eve Sedwick, Michael Warner, Jack Halberstam, José Muñoz, Lauren Berlant, Kate Bornstein e Frece Ji-Sun Kim, entre outros.

Estilo literario editar

A extensa difusión dos seus escritos é case inversamente proporcional á súa accesibilidade e claridade comprensiva. En principio, trátase de textos filosóficos duros, escritos nun inglés americano con numerosos idiomas, onde se detecta a forte marca hegeliana que se continúa moi criticamente, primeiro na liña do existencialismo de Jean-Paul Sartre, Simone de Beauvoir, Maurice Merleau-Ponty e logo seguindo a ruta dos posmodernos, como Friederich Nietzsche e Martin Heidegger.

Boa parte do debate que promoven os seus escritos xira arredor do peso que lle dá á sexualidade na conformación da “identidade de xénero” (como resultado da construción social) e o recoñecemento cívico-político dos individuos como sexuados binaria e compulsivamente. As afirmacións de Butler neste sentido motivaron tanto a súa aceptación incondicional como o seu acrítico rexeitamento, dividindo aos seus lectores entre fieis seguidores/as e aburridas escoitas dun discurso que sempre din o mesmo. Porén, trátase dun pensamento filosófico-metafísico complexo e desafiante, cuns argumentos e ecléctica conxunción de tradicións filosóficas que merecen atención.

Os seus libros son algo redundantes, de densa lectura, en especial polo número de fontes que manexa, a condensación de ideas procedentes de diversas correntes e os ambiciosos obxectivos que se propón. Ademais destas barreiras intelectuais, existen tamén os impedimentos culturais que obstaculizan entender a Butler. Pois o seu pensamento sacude algúns piares do noso pensar e obrar, da percepción que temos de nós mesmos e dos outros.

Butler elabora un pensamento crítico coa intención de dislocar as categorías dende as que habitualmente pensamos, conceptualizamos e vivimos a nosa identidade. Pon en discusión, non só os modos tradicionais no que a filosofía entendeu a “identidade” e o “suxeito”, senón tamén os modos no que o feminismo enfrontou historicamente esa herdanza e, en parte, se fixo cargo dela tomando o binarismo como fundamento último incuestionábel.

Por tanto, a Butler considera que é preciso afondar ata as raíces mesmas do xiro lingüístico, as tópicas freudianas, as revisións de Lacan, a herdanza da filosofía occidental e a noción de performatividade, aos efectos de revisar o paradigma (sexista) occidental que se basea no diformismo sexual. A linguaxe crea identidades sexuais binarias, fixas e excluíntes que ignoran a fragmentación interna de clase, a cor, a idade, a relixión ou a opción sexual. Esas inscricións da linguaxe son continxentes e crean a fantasía de estabilidade e da coherencia con fins de disciplinamento social. Por iso, deben revisarse in extenso.

Obras editar

As súas principais obras contribuíron á teoría queer, á filosofía política e postestruturalista e ó feminismo da terceira onda. Entre estas destacamos:

Actos performativos e a constitución do xénero (1988) editar

Nesta obra expón a súa fundamental e coñecida teoría da performatividade do xénero. Compara a identidade de xénero cunha escenificación performativa. A performatividade do xénero é igual a unha actuación de teatro, xa que se interpreta un papel: o do xénero. Polo que o individuo é un actor de xénero. A acción performativa é a acción “que crea ou representa aquelo que nomea, subliñando así o poder constitutivo ou produtivo do discurso”. Mediante a acción na sexualidade mantense a impresión de que a identidade de xénero remite a unha naturalidade. Os enunciados performativos dependen de contextos rituais e, polo tanto, de circunstancias sociais, nas que se mobilizan obrigas sociais, prácticas e artefactos que nos crean como suxeitos cunha identidade sexual.

O xénero para a nosa autora é a repetición performativa de actos asociados á muller e de actos asociados ó home, que fai que este binarismo de xénero se manteña e lexitime cunha aparencia natural e evidente. A nosa sexualidade e identidade de xénero só son construcións sociais xerados historicamente. O xénero ten unha audiencia social e, polo tanto, un contexto social e é o exercicio do xénero o que crea a este. Facemos unha performance cotiá de xénero, sexo e desexo. Butler pretende que nos liberemos desa perspectiva naturalizada. O xénero diferénciase do teatro en que non produce o medo das accións do propio xénero, xa que hai unha clara distinción entre a realidade e o teatral. Ademais, “ a perfomatividade non é un libre xogo nin auto presentación teatral… A restrición é o que impulsa e sostén a performatividade”.

Xénero en disputa (1990) editar

Publicado por primeira vez en 1990, vendeu máis de cen mil copias no mundo enteiro. Este libro examina criticamente a obra de Simone de Beauvoir, Julia Kristeva, Sigmund Freud, Jacques Lacan, Luce Irigaray, Monique Wittig, Jacques Derrida, e o máis importante, Michel Foucault. O libro tamén gozou dunha ampla popularidade fóra dos círculos académicos, incluso no cine.

Trata sobre a teoría queer e forma parte dos principais referentes nos estudos de xénero. Constitúe unha crítica á idea esencialista de que as identidades de xénero son inmutábeis, e encontra a súa orixe na natureza, no corpo, ou nunha heterosexualidade normativa e obrigatoria.

Critica o presuposto de que o sexo, entendido como un elemento tributario dunha anatomía que non era cuestionada, era algo natural e non dependía das configuracións sociohistóricas. Butler problematiza a categoría de “mulleres” como obxecto da teoría e do debate feminista, dicindo que responde ás mesmas estruturas de poder establecidas polo patriarcado contra as que loitan as feministas. Tamén se formula a tese de que tanto o xénero como o sexo son construcións que se dan nun espazo, tempo e contorno social determinados. Máis tarde volve a unha visión máis psicanalítica, citando repetidamente a Lacan e Freud, revisando a postura estruturalista de Claude Lévi-Strauss sobre a súa aproximación á construción de xénero e vinculando a visión estruturalista do tabú do incesto coa teoría psicanalítica

Corpos que importan (1996) editar

É outra das súas obras importantes. Trata de aclarar erros con respecto á promulgación de sexo/xénero. Nomeamos algunha cuestión que lle critica a un dos seus puntos de referencia, Simone de Beauvoir: Butler le O segundo sexo, centrándose na famosa afirmación “muller non se nace, faise". Butler afirma que as mulleres non nos podemos considerar suxeitos. En base a esta primeira crítica a Simone de Boauvoir, Butler fundamenta o fracaso do movemento feminista, que vén loitando dende hai séculos con reivindicacións que nunca acaban de fundamentarse. Outra crítica que lle fai a Simone de Beaovoir é a seguinte: Beauvoir é considerada a primeira en usar a palabra "xénero". Entón cabe dividir sexo e xénero: o que se é bioloxicamente (o sexo) e o que se vai construíndo de determinada maneira (o xénero) segundo a época, o lugar, a cultura, a clase social...

Linguaxe, poder e identidade (1997) editar

Butler fai unha reflexión sobre os límites do suxeito, a función da linguaxe na constitución da subxectividade e a súa articulación co poder. A nosa autora, nesta obra, fala da relación entre linguaxe e violencia política e social. Butler analiza os problemas do discurso de odio e a censura. Analiza a forma no que a linguaxe, na súa dimensión performativa (de acto que produce efectos) xoga un papel central na constitución subxetiva (na reprodución da identidade), e como deste modo está implicando na reprodución tanto como na subversión das relacións de poder.

Se falar é actuar, ¿que consecuencias se derivan diso? Butler enfróntase a problemas de actualidade referentes á relación entre falar e actuar, como o discurso racista, a pornografía e a política do exército, que converte unha declaración de homosexualidade nun acto puníbel. A través da lectura de Lacan, Althusser, Austin e Derrida realiza unha reflexión sobre os límites do suxeito, a función da linguaxe na constitución da subxectividade e a súa articulación co poder. Pon de relevo o estatuto performativo e non soamente descritivo das enunciacións de sexo e xénero. Dende esta perspectiva, expresións como “maricón” ou “bollera” deben considerarse como invocacións ritualizadas que producen posicións de identidade.

Giving an Account of Oneself (2001) editar

En Giving an Account of Oneself Butler desenvolve unha ética baseada na opacidade do suxeito a si mesmo, dos límites de autocoñecemento.

Desenvolve unha teoría da formación do suxeito como unha reacción ás consecuencias do control da materia que forma coa maior precisión a condición do tema da formación, os recursos que polo tema se converten en recoñeciblemente humanos. O tema é, polo tanto, desposuídos de si mesmo por outro ou outros, como a condición do seu ser en todos.

O berro de Antígona (2000) editar

Butler pretende rescatar a Antígona de discursos sedutores e reducionistas e escoitar o que ela mesma ten que dicir sobre o goberno da polis, a súa orde e leis. Intenta mostrar a ambigüidade e a inestabilidade da situación de Antígona, dando a entender que non hai respostas unívocas, claras e coherentes. En Antigonas, Butler trata de mostrar que tanto a familia coma os individuos dependen do poder do Estado que os institúe e lexitima. Cre que a súa posición mostra a posibilidade política que emerxe para as mulleres cando os límites da representación e da representatividade quedan ao descuberto.

As dúas cuestións que lle interesan son se pode haber parentesco sen o soporte e a mediación do Estado, e se pode haber Estado sen o soporte e a mediación da familia. Poden ambos sosterse independentemente? Para Butler non é posible na medida en que Antígona fala en nome do sangue coas palabras da política e da lei e asume a linguaxe do mesmo Estado contra o que se rebela. Por iso, para Butler, Antígona aprópiase e resignifica ferramentas teóricas da filosofía, a psicanálise e a tradición feminista. Dese modo intenta superar lecturas tradicionais marcadas, ao seu xuízo, polo binarismo excluínte home-muller. Para alcanzar o seu obxectivo, apóiase ao menos en tres liñas fundamentais de pensamento:

Desfacer o xénero (2004) editar

Recolle as reflexións de Butler sobre xénero, sexo, sexualidade, psicanálise e o tratamento médico das persoas intersexuais para un público máis xeral en comparación cos seus outros libros. Revisa e refina a súa noción de performatividade, centrándose na cuestión de desfacer "as concepcións restritivamente normativas do xénero e da vida sexual". Butler comenta como se "realiza" o xénero sen que ninguén se dea conta, pero di que iso non significa que a performatividade sexa "automática ou mecánica". Argumenta que o humano ten desexos que non se orixinan na súa personalidade, senón nas normas sociais. Tamén discute as nocións de "humano" e "menos que humano" e como estas ideas impostas culturalmente poden impedir que un teña unha "vida viable", xa que as maiores preocupacións adoitan ser sobre se unha persoa será aceptada se os seus desexos difiren de normalidade. Butler asegura que un pode sentir a necesidade de ser recoñecido para vivir, pero, ao mesmo tempo, as condicións para ser recoñecido fan a vida "inhabitable". Propón un interrogatorio de tales condicións para que as persoas que as resistan teñan máis posibilidades de vivir.

Relevancia da obra editar

Críticas editar

Algunhas das críticas que a autora recibiu a acusan de elitismo polo difícil estilo da súa prosa, así como impugnan a calidade da mesma. Un exemplo desta liña de crítica dáse en 1998, cando a revista Philosophy and Literature de Denis Dutton outorgou o primeiro premio a Butler do seu “Concurso de mala escritura” anual, o cal se propuxo coa intención de “celebrar a mala escritura das pasaxes máis lamentables estilisticamente atopadas en libros e artigos académicos”. Por outra parte, Butler recibe críticas por parte de distintas autoras feministas que cuestionan a súa concepción do xénero, alegando que o reduce a discurso ou que promove unha forma de voluntarismo de xénero. Susan Bordo, por exemplo, argumentou que Butler reduce o xénero á linguaxe, afirmando que o corpo é unha parte importante do xénero, en oposición á concepción de Butler do xénero como elemento performativo.

Outra crítica particular parte da filósofa feminista Martha Nussbaum, quen argumentou que Butler malinterpreta a idea de J. L. Austin do enunciado performativo. Ademais, alega que fai afirmacións legais erróneas, que exclúe un sitio esencial da resistencia ao repudiar a axencia precultural e que non proporciona unha “teoría normativa da xustiza social e da dignidade humana”.

A crítica de Nancy Fraser a Butler forma parte dun coñecido intercambio entre as dúas teóricas. Fraser suxire que o enfoque de Butler na performatividade polemiza as “formas cotiás de falar e pensar sobre nós mesmos (…)”, cuestionando “por que deberíamos empregar unha linguaxe tan auto-distanciada”

Máis recentemente, varias críticas, coma Viviane Namaste, impugnaron a obra Deshacer el xénero de Butler por “subestimar” os aspectos interseccionais da violencia de xénero. Por exemplo, Timothy Laurie sinala que o uso de Butler de frases coma “política de xénero” e “violencia de xénero” en relación coas agresións a persoas transxénero nos Estados Unidos pode “[percorrer] unha paisaxe chea de relacións laborais e de clase, estratificación urbana racializada, e interaccións complexas entre a identidade sexual, as prácticas sexuais e o traballo sexual”, producindo “unha superficie limpa na que se imaxina que se desenvolven loitas polo ‘humano’”.

Noutra liña de crítica, a feminista alemá Alice Schwarzer criticou como os “xogos intelectuais radicais” de Butler non poderían cambiar a forma na que a sociedade clasifica e trata a unha muller. Ademais, afirma que ao eliminar a identidade feminina e masculina, Butler aboliría o discurso sobre o sexismo.

Judith Butler responde a varias das súas críticas no prefacio da edición de 1999 do seu libro El género en disputa, centrándose principalmente naquelas que fan referencia á súa prosa. Así mesmo, nunha entrevista en 2020 a autora responde a certos grupos afiliados a igrexas cristiás que aseguraban que o seu traballo é un complot para destruír a familia e cuestionar a inmutabilidade dos roles sexuais:

Imaxinan que quen pertence a este ‘movemento de xénero’, coma eles o expresan, non temos restricións sobre o que facemos, que representamos e promovemos a liberdade sexual sen control, o que conduce á pedofilia. Todo é moi aterrador.

Recepción editar

A obra de Judith Butler tivo unha relevancia transcendente no campo dos estudos de xénero e, concretamente, no movemento queer. Este herda o suxeito do seu estudo e acción da teorización de Butler e outras autoras, que cuestionan a separación sexo-xénero nos campos de bioloxía e cultura respectivamente, tratando esta mesma separación coma unha cuestión cultural.

Así, o suxeito de reivindicación deixa de ser a muller entendida como femia, como marcaba o feminismo ilustrado, para dar paso a un concepto de suxeito baseado na performatividade. A teoría de Butler supón unha radicalización da sentenza de Simone de Beauvoir “non se nace muller: chega unha a selo”, pois a teórica considera o xénero coma un conxunto de normas que se reinterpretan continuamente, normas designadas de maneira allea, mais nas que é posible introducir cambios mediante a propia performatividade.

A importancia capital do concepto de performatividade e a obxección da caracterización dos suxeitos incluídos dentro dun movemento é recoñecida pola filósofa Leticia Sabsay, que admite a influencia de Butler na súa propia obra, e así o expresa na seguinte cita:

A idea de que as normas de xénero funcionan coma un dispositivo produtor de subxectividade, serviu de fundamento teórico e deu argumentos e ferramentas a unha serie de colectivos, catalogados coma minorías sexuais, que tamén, xunto ás mulleres, eran (e continúan sendo) excluídos, segregados, discriminados por esta normativa binaria do xénero.

A performatividade aparece, entón, entendida coma unha estratexia subversiva que permite aos individuos tomar o control ostentado pola, como a denomina Butler, matriz heteropatriarcal, encargada de producir as normas que regulan o xénero e de categorizar aos individuos. Fronte a isto, dáse unha proposta de ruptura cos patróns de normatividade binaria establecidos de maneira allea ao suxeito, para dar paso a unha expresión performática e fluída do xénero, que non encastele os individuos en termos binarios, permitindo unha maior liberdade na expresión e na identidade. Do mesmo xeito, búscase unha auto definición da identidade entendida dentro dun dinamismo e continuo cambio que fórmase a través da performance. Esta identidade recoñécese baixo o termo de genderqueer:

“Genderqueer”: as mulleres e os homes que rexeitan o sistema binario, se identifican como ‘fóra da lei de xénero ’(por exemplo queer, trans) que exixen o recoñecemento dunha serie de identidades de xénero. Dende esta perspectiva, o número ideal de xéneros sería... infinito?

En relación a isto, dáse unha notable influencia da autora nas artes drag, pois a súa proposta ocasiona unha apertura a toda unha serie de expresións que ata o momento se atopaban excluídas ou reducidas a un estrato marxinal. Esta influencia é recoñecida polo artista Eduardo Nabal, coñecido coma Del Grace Volcano, fotógrafo que basea o seu traballo na fluidez de xénero. Así mesmo, ocorre con Alexis W., tamén fotógrafo que pretende capturar a pluralidade de identidades.

Premios editar

  • Bolsa Guggenheim (1999)
  • Bolsa Laurance S. Rockefeller (2001)
  • Premio Brudner á Traxectoria pola Universidade de Yale (2004)
  • Elixida membro da Sociedade Filosófica Estadounidense (2007)
  • Premio Andrew Mellon pola súa erudición en humanidades (2008)
  • Subvencións da Fundación Ford e o Consello Estadounidense sobre a Educación (2008, 2009)
  • Nomeada un dos 25 visionarios que están a cambiar o seu mundo por Utne Reader (2010)
  • Premio Theodor W. Adorno (2012)
  • Doutoramento en letras honoris causa pola Universidade McGill (2013)
  • Doutoramento en letras honoris causa pola Universidade de Saint Andrews (2013)
  • Doutoramento en letras honoris causa pola Universidade de Friburgo (2014)
  • Nomeada unha das 11 principais iconas xudeus gais e lesbianas por PinkNews (2014)
  • Doutoramento honoris causa pola Universidade de Buenos Aires (2015)
  • Doutoramento honoris causa pola Universidade de Costa Rica (2015)
  • Elixida membro correspondente da Academia Británica (2015)
  • Doutoramento honoris causa pola Universidade de Guadalaxara (2018)
  • Doutoramento en letras honoris causa pola Universidade de Belgrado (2018)
  • Doutoramento honoris causa pola Universidade de Chile (2019)
  • Elixida membro da Academia Estadounidense das Artes e as Ciencias (2019)
  • Doutoramento honoris causa pola Universidade Veracruzana (2021)
  • XXXIII Premio Internacional Cataluña (2021)

Notas editar

Aínda que a tradución literal de "they" sexa "eles-as", nas comunidades queer de fala inglesa tende a ser empregado como forma de pronome persoal neutro, principalmente empregado por persoas de xénero non binario. O seu equivalente en galego, de carácter neolóxico, é o pronome "ele".

  1. Judith Butler Arquivado 30 de setembro de 2012 en Wayback Machine. Faculty page @ European Graduate School

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar