Juan de la Cierva Codorníu

Juan de la Cierva Codorniu, nado en Murcia o 21 de setembro de 1895 e finado en Croydon (Inglaterra) o 9 de decembro de 1936, foi un enxeñeiro de camiños, canais e portos e aviador español, creador do autoxiro, precursor do actual helicóptero.

Juan de la Cierva Codorníu
Nome completoJuan de la Cierva
Nacemento21 de setembro de 1895
Lugar de nacementoMurcia
Falecemento9 de decembro de 1936 (41 anos)
Lugar de falecementoAeroporto de Croydon
Causaaccidente ou incidente de aviación
SoterradoCemiterio de La Almudena
NacionalidadeEspaña
Alma máterColegio Nuestra Señora del Pilar e Instituto San Isidro
Ocupacióninventor, enxeñeiro e político
PaiJuan de la Cierva Peñafiel
IrmánsRicardo de la Cierva y Codorníu
PremiosMedalha Daniel Guggenheim, Medalla Elliott Cresson, Medalha John Scott, FAI Gold Air Medal, Fellow of the Royal Aeronautical Society e Gran Cruz del Mérito Naval con distintivo blanco
Na rede
WikiTree: De_la_Cierva-1 Find a Grave: 12246951 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Autoxiro Pitcairn PCA-2, construído nos EUA baixo a licenza de Juan de la Cierva.

Traxectoria editar

Fillo do avogado criminalista, político e empresario Juan de la Cierva Peñafiel, que chegou a ser ministro en catro ocasións e alcalde de Murcia. Dende a súa infancia destacou o seu interese polo mundo da aviación, e xunto ao seu amigo Tomás de Martín-Barbadillo, construíu pequenos modelos capaces de voar.

Xunto con dous compañeiros, José Barcala, antigo compañeiro de estudos, e Pablo Díaz, fillo dun carpinteiro, fundou a sociedade B.C.D., cuxas siglas correspondían coas iniciais dos seus tres apelidos, que foi pioneira no desenvolvemento aeronáutico en España, e grazas á súa capacidade, en 1912, con só dezaseis anos, Juan de la Cierva logrou construír e facer voar un avión biplano; o BCD-1 alcumado O Caranguexo con piloto (o francés Mauvais) e pasaxeiro a bordo.

Mentres que o avión é unha aeronave de ás fixadas á fuselaxe, o autoxiro inventado por de la Cierva ten ás fixadas a un rotor. O autoxiro fai a súa irrupción no panorama da aviación só vinte anos despois da invención dos irmáns Wright.

En 1920 construíu en Madrid, o seu primeiro autoxiro, o Cierva C.1, empregando fuselaxe, rodas e estabilizador vertical dun monoplano francés Deperdussin de 1911, sobre o que montou dous rotores de catro pas, contrarrotatorios, coroados por unha superficie vertical destinada a proporcionar control lateral; a planta motriz era unha moto Le Rhône de 60 hp. O aparato non chegou a voar, pois o rotor inferior xiraba a menos velocidade da prevista, e o efecto xiroscópico e a asimetría da sustentación, fixeron envorcar ao aparello. A este primeiro autoxiro seguiron dúas construcións tamén fracasadas, o C.2 e o C.3, nas que o inventor intentou, infrutuosamente, resolver o problema da diferenza de sustentación entre a pa que avanza e a que retrocede. Mais, nas probas do C.2 conseguíronse algúns saltos do aparato duns metros, o que indicaba a viabilidade do invento. A asimetría da sustentación do rotor non se resolvía plenamente até o prototipo C.4, no que la Cierva incluíu a súa revolucionaria idea de manipular as pas do rotor na súa raíz.

Os primeiros ensaios do modelo C.4, construído en 1922, conforme aos novos principios, foron infrutuosos. Para a súa definitiva resolución, realizou unha completa serie de ensaios no túnel de vento do circuíto cerrado do aeródromo de Catro Ventos (obra de Emilio Herrera), naquela, o mellor de Europa. O novo aparato corrixido probouse por fin con éxito o 9 de xaneiro de 1923,[1] no aeródromo de Xetafe, pilotado polo tenente Alejandro Gómez Spencer. Aínda que dito voo consistira só nun salto de 180 metros, demostrou a validez do concepto; a finais do mes, o C.4 percorreu en catro minutos un circuíto fechado de catro quilómetros no aeródromo de Catro Ventos, cerca de Madrid, a unha altura duns 30 metros. A planta motriz do C.4 era un motor Le Rhône 9Ja de 110 hp. No mes de xullo de 1923, empregouse o mesmo motor nun C.5, que voou en Xetafe; a partir dese momento, de la Cierva, que financiara os seus anteriores experimentos, traballou cunha subvención do goberno español.

Faleceu o 9 de decembro de 1936, con 41 anos de idade, ao estrelarse na engalaxe, no aeroporto de Croydon, o Douglas DC-2 de KLM en voo regular Londres-Ámsterdam.

Premio Nacional de Investigación Juan de la Cierva editar

Dende o ano 2001, o Ministerio de Educación e Ciencia de España, outorga os Premios Nacionais de Investigación de España, e en concreto o dedicado á transferencia de tecnoloxía que leva o nome de Juan de la Cierva.

O obxectivo de todos estes premios é o recoñecemento dos méritos dos científicos ou investigadores españois que realizaron un labor destacado en campos científicos de relevancia internacional, á transferencia de tecnoloxía e ao progreso da Humanidade.

Os galardoados até o momento foron:

Ano Investigador Traballo
2001 Agustín Escardino Benlloch transferencia de tecnoloxía desenvolta en estreita colaboración entre o sistema público de investigación e a industria cerámica.
2003 Antonio Luque López enerxía fotovoltaica, tecnoloxías de fabricación de células solares, á aplicación das enerxías renovábeis
2005 Ignacio Fernández de Lucio I+D
2007 Daniel Ramón Vidal biotecnoloxía de alimentos, en contexto de aplicación, a súa transferencia ao sector empresarial
2009 Alfonso Miguel Gañán Calvo física de fluídos, particularmente o fenómeno flow focusing e a física do electrosprai

Ademais deste galardón, no 2004, o Ministerio de Educación e Ciencia español iniciou un programa de contratación de investigadores doutores baixo o nome de Programa Juan de la Cierva,[2] grazas ao cal, moitos investigadores españois e estranxeiros desenvolven a súa actividade.[3]

Homenaxes editar

 
Monumento na honra de Juan de la Cierva en Murcia.

Na cidade de Xetafe (Comunidade de Madrid), existe o Barrio de Juan de la Cierva, chamado así por el. En 2003 inaugurouse nese barrio a Estación de Juan de la Cierva da Liña 12 do Metro de Madrid, na que se atopan motivos ornamentais na lembranza deste inventor.[4]

Existe un monumento na súa honra en Murcia, a súa cidade natal.

Notas editar

  1. Calendario 2014 MUNCYT.
  2. "Programa Juan de la Cierva" Arquivado 01 de maio de 2008 en Wayback Machine. Páxina do Ministerio de Educación e Ciencia de España con información sobre o Programa Juan de la Cierva.
  3. "Investigadores dentro do programa Juan de la Cierva" Arquivado 23 de setembro de 2008 en Wayback Machine. Portal que serve como punto de encontro para os investigadores que participan no Programa Juan de la Cierva.
  4. "Consellería de Transportes e Estruturas da Comunidade de Madrid, estación de metro Juan de la Cierva" Arquivado 22 de xuño de 2008 en Wayback Machine. Páxina con información acerca da estación de metro Juan de la Cierva situada Xetafe.