Juan Antonio Ruiz-Casaux y López de Carvajal, V marqués de Atalaya Bermeja, vizconde de Carrión e señor de Algar, nado en San Fernando (Provincia de Cádiz) o 23 de decembro de 1889 e finado en Madrid o 16 de xaneiro de 1972, foi un violonchelista, director de orquestra e profesor de música español. É un dos integrantes do grupo de músicos coñecido como "os tres ces" do violonchelo español: Casals-Casaux-Cassadó.

Juan Ruiz Casaux
Nome completoJuan Antonio Ruiz-Casaux y López de Carvajal
Data nacemento23 de decembro de 1889
Nado enSan Fernando
Falecemento16 de xaneiro de 1972
 Madrid
OcupaciónViolonchelista e director
XéneroMúsica clásica
Instrumento(s)Violonchelo
Na rede
Musicbrainz: ce9ce842-fb41-4d41-b4c5-5cc8a48e89c4 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Infancia e xuventude editar

O seu nacemento en San Fernando débese ao servizo militar de seu pai, o matemático e almirante da Armada, Juan Antonio Ruiz y López de Carvajal. Na súa infancia seguiu a seu pai nos seus diferentes destinos: Ferrol (onde nacería a súa irmá Carmen), Madrid, e novamente San Fernando. Trasladouse a vivir coa familia da súa nai, Carmen Casaux, sendo moi novo. Alí coñece ao violonchelista afeccionado e mecenas musical Salvador Viniegra, "descubridor" de Manuel de Falla, quen lle dou as súas primeiras leccións. Pronto o alumno superou ao mestre, e Viniegra convenceu á súa familia e, grazas aos seus contactos persoais, logrou que Juan Antonio se trasladase a Madrid, onde ingresou no Conservatorio, estudando con Víctor Mirecki, de quen se converteu en alumno favorito. En 1908 terminou os seus estudos e logrou o primeiro premio da institución. Co apoio do seu mestre, formou con Telmo Vela o cuarteto que leva o nome deste, e puxéronse baixo a supervisión de Jesús de Monasterio, con quen estudou música de cámara na súa cátedra de Madrid.

Carreira editar

A finais de 1908 Víctor Mirecki presentouno na Corte á raíña María Cristina e á infanta Isabel, quen lle concederon unha bolsa para estudar en París con André Hekking (violonchelo) e Pierre Marsik (música de cámara). Alí residiu na casa do violonchelista Luis Amato e coincidiu habitualmente con Manuel de Falla e outros músicos españois que formaban un importante grupo no ambiente musical da capital francesa. Foi en Francia onde desenvolveu durante varios anos unha intensa carreira como solista, vinculado especialmente á Sociedad de Conciertos Scchiari. Posteriormente, marchou a Portugal, onde chegou recomendado polo mestre Mirecki ao musicólogo Moreira de Sá, con quen funda a Sociedade de Música de Cámara do Porto. Ata 1915 alternou a súa actividade como solista con concertos en Porto, Lisboa, París e Madrid. Ese ano Enrique Fernández Arbós ofreceulle a praza de violonchelo solista na Orquesta Sinfónica de Madrid. Con esta orquestra, e baixo a dirección de Arbós, estreou no Estado español Don Quixote de Richard Strauss, que volvería interpretar en 1925 dirixida, esta vez, polo compositor alemán.

En 1918 incorporouse ao cuarteto de Arbós, co pianista portugués José Viana da Motta, quen lle propuxo a cátedra lisboeta de virtuosismo por méritos propios, sen oposición. Ruiz Casaux rexeitou a oferta, entendendo que o seu futuro está ligado á difusión da música de cámara no seu propio país. Deste xeito, formou un novo trío Costa-Terán-Casaux que realizou xiras por todo o Estado español, incluíndo as illas Canarias. Tamén promoveu nesta época o trío Cubiles-Ortiz-Casaux, e o Trío Hispano-Húngaro.

Didáctica do violonchelo editar

En 1920 gañou a cátedra de violonchelo do Conservatorio de Madrid, na que sucedeu ao seu mestre Víctor Mirecki, e que ocupou ata a súa xubilación en 1962, continuando a formación de violonchelistas dentro da escola violonchelística madrileña. En 1945, para celebrar o 25º aniversario da súa cátedra, Joaquín Rodrigo compuxo para el Dos piezas caballerescas para orquestra de violonchelos, que sería estreada no Ateneo de Madrid o 27 de maio dese mesmo ano por un conxunto de violonchelos formado por discípulos seus. Ademais, como compositor, é autor, entre outras obras, de Seis Improptus para violonchelo solo. Do mesmo xeito, como profesor e estudoso escribiu varias obras, consagradas ao seu instrumento predilecto entre elas Nuevo ensayo sobre la técnica del violonchelo e El violonchelo, su historia, su construcción y su enseñanza.

A viola "Casaux" editar

Véxase tamén: Stradivarius Palatinos.

A súa relación coa familia Mirecki foi moi estreita: el casara anos antes con María Teresa, a filla máis vella do seu mestre, e a súa irmá Carmen casou ese ano con outro fillo de Mirecki, Alejandro, nese momento flamante violín solista da Orquestra Sinfónica de Madrid. En 1923 a raíña nai, María Cristina, o nomea profesor da Capela Real e lle encarga do papel que ocupara o seu sogro: a conservación e custodia da colección palatina de Stradivarius, desde ese momento, unha das súas maiores prioridades. O cuarteto orixinal non soaba ao completo dende principios do século XIX, xa que a viola saíra na equipaxe de Xosé Bonaparte e se perdera a súa pista. Casaux realizou unha ampla investigación e conseguiu localizar a viola na casa Hill de Londres, onde estaba en perfectas condicións baixo os coidados da familia de luthiers e coleccionistas de instrumentos. Visitou a capital británica acompañando ao rei Afonso XIII en 1925, mais non se logrou a súa devolución, xa que os seus donos se negaron a vendela. Lodo de numerosos intentos infrutuosos, en 1951, chegou a un acordo coa familia Hill, e mercou a viola con cartos do Patrimonio Nacional, chamada dende aquel momento, e no seu honor, "viola Casaux".

Reunida a colección, mantivo os protocolos de coidado establecidos por Víctor Mirecki e deseñou un sistema de conservación, para o que se acondicionou unha sala dentro da Biblioteca Real, dentro do Palacio. A dirección do Patrimonio Nacional daquela época puxo numerosas trabas a Casaux para realizar estes traballos, polo que en 1960 terminou por dimitir do seu cargo de conservador.

Casaux e a música de cámara editar

A súa principal actividade dende o final da Guerra Civil centrouse na promoción da música de cámara. Durante a contenda casara en segundas nupcias coa cantante Julia Bazo-Vivó, quen sería un apoio indispensable durante o resto da súa vida, e a nai da súa única filla. En 1940 fundou a Agrupación Nacional de Música de Cámara, e en 1951 a Asociación Española de Música de Cámara. A actividade desta última sociedade foi continua durante todos os anos 1960, ata que en 1969 unha enfermidade retira a Casaux obrigatoriamente do seu labor concertístico. Esta doenza o levou á morte o 16 de xaneiro de 1972, na súa casa de Madrid, e pasou o testemuño das súas paixóns musicais á súa filla Mary Ruiz Casaux, quen cedeu a maior parte da colección de instrumentos musicais que reunira seu pai ao Museu de la Música de Barcelona.

Recoñecementos editar

Entre os honores dos que foi acredor destacan:

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Arizcuren, Elías: El violonchelo : sus escuelas a través de los siglos, Barcelona, Labor, 1992.
  • Casares, Emilio (dir. y coord.): Diccionario de la música española e hispanoamericana, Sociedad General de Autores y Editores. Madrid, 1999-2002.
  • Diego, Gerardo: Diez años de música en España : Musicología, Intérpretes, Compositores, Madrid, Espasa-Calpe, 1949.
  • Höweler, Casper: Enciclopedia de la música, Barcelona, Noguer, 1977.
  • Ruiz Casaux, Juan: La música en la Corte de D. Carlos IV y su influencia en la vida musical española, Valencia, Tip. Moderna, 1959.
  • Sopeña Ibáñez, Federico: De Arbós a Argenta : la dirección de orquesta en España, Madrid, Música, 1954.
  • Historia crítica del Conservatorio de Madrid , Madrid Ministerio de Educación y Ciencia, Dirección General de Bellas Artes, 1967.

Ligazóns externas editar