Josefa Amar y Borbón

escritora aragonesa da ilustración

Josefa Amar y Borbón, nada en Zaragoza o 4 de febreiro de 1749[1] e finada en ibídem o 21 de febreiro de 1833, foi unha pedagoga e escritora española da Ilustración. Ingresou en 1782 na Real Sociedad Económica Aragonesa, sendo a primeira muller en pertencer á devandita asociación, e en 1787 ingresou na Junta de Damas de Honor y Mérito de Madrid. Entre outras moitas actividades, foi ensaísta e centrou a súa produción en defender a capacidade intelectual, política e de xestión das mulleres, o que xerou controversia na súa época. Morreu esquecida de todos en 1833.

Infotaula de personaJosefa Amar y Borbón
Biografía
Nacemento4 de febreiro de 1749 Editar o valor em Wikidata
Zaragoza, España Editar o valor em Wikidata
Morte21 de febreiro de 1833 Editar o valor em Wikidata (84 anos)
Zaragoza, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritora , pedagoga , Intelectual Editar o valor em Wikidata
MovementoQ2512021 Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá, lingua latina, lingua grega, lingua francesa, lingua italiana e lingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsAntonio José Amar y Borbón (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Antecedentes familiares editar

Segundo a partida de bautismo da igrexa de San Miguel de los Navarros, os seus pais foron José Amar y Arguedas, médico de cámara de Fernando VI, e Ignacia de Borbón y Vallejo, casados na capital aragonesa en decembro de 1740. Quinto fillo da parella, Josefa foi a primeira filla. Tivo seis irmáns e cinco irmás. Os homes dedicáronse á milicia, agás Francisco, o menor, que foi sacerdote en Zaragoza, beneficiado e, posteriormente, cóengo da parroquia de San Miguel, quen faleceu en 1826.[2] O seu irmán máis vello, Antonio José Amar y Borbón, chegou a ser vicerrei, capitán xeneral e presidente da Audiencia de Nova Granada en 1802. A tradición profesional e intelectual familiar, con todo e por ámbalas ramas, fora até entón a medicina.[1]

O seu bisavó materno, o zaragozano Felipe Borbón, autor de Medicina doméstica,[3] publicada en 1686,[4] foi un afamado facultativo e profesor universitario. Miguel Borbón y Berné, o seu avó, nado en Zaragoza en 1691 e cirurxián no Hospital da nosa Señora de Graza, catedrático e médico de Fernando VI, foi nomeado vicepresidente do Real Tribunal del Protomedicato de Castilla[5] en 1746 e pertenceu tamén ao protomedicato de Cataluña.[6] Afianzada a súa posición, non dubidou en exercer a súa influencia para favorecer ao seu xenro, o pai de Josefa, quen figura xa en 1749 como médico de cámara do rei.[7]

O seu pai, José Amar, nado en Borja o 28 de abril de 1715, obtivo o grao de doutor en medicina pola Universidade de Zaragoza aos 24 anos. Foi admitido no Colexio de San Cosme e San Damián[8][9] e desempeñou a cátedra de Anatomía dende 1743.[10] Tamén foi catedrático de Aforismos até 1754. Ese mesmo ano, trala chamada do seu sogro, viaxou a Madrid para prestar os seus servizos como médico real para Fernando VI, alcanzando a vicepresidencia da Real Academia Médica Matritense. Carlos III confirmouno no seu posto. Tamén se coñece que contou co apoio de Andrés Piquer.[11]

Traxectoria editar

Nada en Zaragoza en 1749, a súa familia trasladouse moi pronto a Madrid. Josefa recibiu unha sólida formación humanística, chegando a dominar o latín, o grego e varias linguas modernas que lle servirían posteriormente para o seu labor de tradutora. Casou aos 23 anos con Joaquín Fuertes Piquer, de 47 anos de idade, natural de Valbona (Teruel), -sobriño do famoso médico aragonés Andrés Piquer, colexial de San Ildefonso de Alcalá de Henares- que era avogado, exercía en Madrid e estaba ben relacionado co conde de Aranda, quen naquel momento era presidente do Consello de Castela. Pouco despois de terse celebrado o matrimonio, en 1772, o seu marido Joaquín obtivo unha praza como alcalde do crime na Audiencia de Aragón. Foi membro activo da Real Sociedad Económica Aragonesa de Amigos del País dende a súa fundación en 1776, onde chegou a ocupar o cargo de director segundo. En 1787, tras un severo ataque de apoplexía sufrido o ano anterior, solicitou a xubilación do seu posto no tribunal. Faleceu o 3 de setembro de 1798 aos 72 anos.[12] Josefa e Joaquín foron pais de Felipe, nado en 1775, quen en 1802, á vez que o seu tío Antonio era nomeado vicerrei de Nova Granada, obtivo o cargo de oidor na Real Audiencia de Quito. Os movementos secesionistas que se produciron nas colonias americanas trala invasión napoleónica da península en 1808 tiveron o seu reflexo en Nova Granada. O oidor Felipe Fuertes Amar, no seu intento de reprimir o movemento independentista, atopou a morte en 1810, aos 35 anos, ao enfrontarse contra a oligarquía quiteña que estaba destinada a facerse cargo do poder.[13]

Tras casar, Josefa Amar volveu a Zaragoza onde desenvolvería o seu traballo intelectual. Ingresou en 1782 na Real Sociedad Económica Aragonesa, sendo a primeira muller en pertencer á devandita asociación; ingresando tamén, en 1787, na Junta de Damas de Madrid. Permaneceu activa até a morte do seu esposo en 1798, trala cal deixou de ser un personaxe público. A súa actividade pública foi moi intensa dende que ingresou nas Sociedades colaborando tanto en proxectos de formación, asistenciais e de caridade como en actividades intelectuais, políticas e de xestión. A controversia sobre a capacidade das mulleres nestes últimos temas foi na que centrou a súa produción ensaística. Morreu esquecida de todos en 1833.[14]

Análise da súa obra editar

Indubidabelmente, o ambiente familiar no que se educou puido ter unha influencia significativa no desenvolvemento posterior das súas aptitudes intelectuais. Pero non menos pode afimarse do labor que desempeñaron os seus dous preceptores: Rafael Casalbón e Antonio Berdejo. Casalbón, eminente helenista, foi bibliotecario real tralo falecemento de Juan de Iriarte en 1772. Berdejo, presbítero, foi membro da Sociedad Económica Aragonesa e tamén un experto en linguas clásicas. Ningún destes dous mestres desatenderon o ensino dos idiomas modernos, razón pola cal a súa alumna chegou a dominar, ademais do latín e o grego, o francés, o italiano e o inglés.[15]

Josefa alcanzou unha erudición máis que notable, que exerceu con independencia de xuízo e dentro dos parámetros do europeísmo universalista da época. Coñecía toda a obra dos ilustrados e ideólogos franceses e a de John Locke, e o seu pensamento, e co tempo pasou dunha Ilustración avanzada a un liberalismo convencido. Aborreceu a extrema relixiosidade da cultura da época e mostrouse en tódalas súas posicións como unha laica convencida; nunca citou a escritoras relixiosas: para ela, coma se Santa Tareixa e Juana Inés de la Cruz non existisen. Nese sentido, o seu feminismo foi máis radical incluso que o da súa contemporánea Margarita Hickey. Desaproba que as nenas se eduquen en conventos de monxas e que mesmo existan os conventos de monxas.

Unha das súas ocupacións foi a tradución de obras estranxeiras, maioritariamente científicas. Entre 1782 e 1784 traduciu, anotados, os seis tomos do Ensayo histórico-apologético de la literatura española contra las opiniones preocupadas de algunos escritores modernos italianos do abade Francisco Javier Lampillas contra Girolamo Tiraboschi. A este engade ademais un Índice de autores y materias. Por esta tradución foi nomeada socia de mérito da Sociedade Económica, tendo polo tanto a mesma consideración que calquera socio.[16]

Dende 1787 pertenceu á Junta de Damas de Madrid, pero a creación desta xunta foi precedida dunha gran controversia. Nela participou Josefa Amar co seu Discurso en defensa del talento de las mujeres, y de su actitud para el gobierno, que apareceu publicado na revista Memorial Literario.[16]

“Ninguén que estea medianamente instruído negará que en tódolos tempos e en tódolos países houbo mulleres que fixeron progresos até nas ciencias máis abstractas. A súa historia literaria pode acompañar sempre á dos homes porque, cando estes floreceron nas letras, tiveron compañeiras e imitadoras no outro sexo”[17]

Deixaba claro, polo tanto, que se as mulleres tiñan capacidade non era razoable que non se lles admitise nas Sociedades. Aproveitou tamén para planear unha nova asignación dos roles de xénero; é dicir, expuxo unha nova orde social.[16]

A Sociedad de Amigos del País de Zaragoza encargoulle ademais a tradución do Discurso sobre el problema de si corresponde a los párrocos y curas de aldea instruir a los labradores en los elementos de la economía campestre, acompañado do plan de Francesco Griselini. Prologou a edición en 1783. En 1783 estaba a escribir unha Aritmética española e traduciu o Diario de Mequinez. Tamén se ten noticia dun libro co título de Importancia de la instrucción que conviene dar a las mujeres, impreso en Zaragoza en 1784, pero non se conserva ningún exemplar.

Defendeu na Real Sociedad Económica Aragonesa de Amigos del País a independencia e dignidade da muller, por medio da tradución dun dos libros europeos máis famosos sobre o tema, o de Vicesimus Knox, Essays Moral and Literary, de 1778, e de varios discursos que escribiu e pronunciou entre 1786 e 1790: Discurso en defensa del talento de las mujeres (1786), Oración gratulatoria . . . a la junta de Señoras (1787) e Discurso sobre la educación física y moral de las mujeres (1790). En todos eles defende o feminismo da igualdade: o cerebro non ten sexo e a aptitude das mulleres para o desempeño de calquera función política ou social é exactamente igual, por natureza, á dos homes. Se existe algunha diferenza débese á educación.[18]

O seu Discurso sobre la educación física y moral de las mujeres divídese en dúas partes: unha, a da educación física, e outra, a da moral. A da educación física está dedicada a asuntos médicos e hixiénicos. A da educación moral, ten como tema principal a aprendizaxe da gramática, xeografía, historia e aritmética, así como a de linguas, tanto modernas como clásicas. Non quere cambiar a sociedade, senón que expón unha educación para as mulleres que as faga máis útiles e eficaces, ademais de ser elas mesmas felices.[19] Publicado en 1790 consta dun extenso prólogo, precedido dunha cita de Xenofonte de Atenas:

"A boa educación ensina a facer bo uso das Leis, e a falar do xusto, e a escoitar"

A primeira parte consta de oito capítulos e é un discurso médico-hixienista sobre a educación do corpo. Ese mesmo ano foi aceptada como membro honorario da Sociedad Médica de Barcelona.Trata dos coidados relativos ao embarazo, o parto, a lactación, a crianza e alimentación dos nenos e nenas, así como "o réxime de vida que convén ensinar ás nenas". A segunda parte, máis extensa, son 17 capítulos. O último é unha bibliografía comentada de obras sobre a educación, dende Platón até os seus coetáneos. O resto de capítulos pódense agrupar nos seguintes temas: de índole moral; da educación específica ou propia das mulleres; da educación intelectual; do matrimonio ou de se é mais conveniente a educación na casa ou en institucións externas. A súa opción é a educación en casa por parte da nai, idea da Ilustración. Este discurso está dirixido aos homes e mulleres da súa clase, xa que, como di no prólogo,

"non se falará daquelas mulleres da clase común, que lles basta saber facer por si mesmas os oficios mecánicos da casa."

Aínda que despois vaia vendo que, por exemplo, para as fillas dos comerciantes pode serlles moi aproveitable aprender aritmética. Noutro lugar fala das amas de casa. Este Discurso é, pois, a expresión máis significativa do ideario da Ilustración sobre a educación das mulleres. Contén as ideas claves deste movemento: termos como felicidade e utilidade xunto co de educación. Destaca tamén o seu aspecto xansenista no que toca á relixiosidade. Para ela, "a virtude débese ensinar máis por exemplos que por preceptos" e hai que distinguir entre "superstición" e devoción íntima e sincera. Defende tamén a lectura da Biblia sen intermediarios, propón autores erasmistas, e insiste na austeridade e o control das paixóns, criticando as vocacións relixiosas "infundadas".[20]

Obras editar

Ensaios editar

  • Discurso en defensa del talento de las mujeres y de su aptitud para el gobierno y otros cargos en que se emplean los hombres, en Memorial literario, t. VIII, agosto 1786, pp. 399-430.
  • Oración gratulatoria dirigida a la Junta de Señoras de la Real Sociedad Económica de Madrid, en Memorial literario, t. XII, decembro 1787, pp. 588-592.
  • Discurso sobre la educación física y moral de las mujeres, por Josefa Amar y Borbón. Madrid, Benito Cano, 1790

Traducións editar

  • Ensayo histórico-apologético de la literatura española contra las opiniones preocupadas de algunos escritores modernos italianos. Disertacións do Abade Don Xavier Lampillas, traducido do italiano ó castelán por Josefa Amar y Borbón. Zaragoza, por Blas de Miedes, 6 vols., 1782-1784.
  • Respuesta del señor abate Lampillas a los cargos recopilados por el señor abate Tiraboschi en su carta al señor abate N. N. sobre el ensayo histórico apologético de la literatura española, traducido do italiano por Josefa Amara y Borbón. Zaragoza, Blas de Miedes, 1786.
  • Diario de Mequínez, residencia del emperador de Fez y Marruecos con motivo de la embajada del caballero Stewart en el año 1721 para tratar del rescate de los cautivos ingleses.
  • Ensayo histórico-apologético de la literatura española contra las opiniones preocupadas de algunos escritores modernos italianos. Disertacións do Señor Abade Don Xavier Lampillas, traducido do italiano ó castelán por Josefa Amar y Borbón. Segunda edición, corrixida, emendada e ilustrada con notas pola mesma tradutora. Madrid, Imprenta de D. Pedro Marín, 7 tomos, 1789.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 López-Cordón Cortezo 2005, p. 39.
  2. López-Cordón Cortezo 2014, p. 57.
  3. Borbón, Felipe (1686). Medicina domestica, necessaria a los pobres, y familiar a los ricos : transcrita del medico caritativo co[n] algunos remedios, de otros autores : con escolios en las materias y afectos que se tratan, assi chirurgicos, como medicos. Zaragoza: Domingo Gascón. OCLC 644738612. 
  4. López-Cordón Cortezo 2005, p. 41.
  5. Díez, María Soledad Campos (1999). El Real Tribunal del protomedicato castellano, siglos XIV-XIX (en castelán). Univ de Castilla La Mancha. ISBN 9788489958791. 
  6. SL, DiCom Medios. "Gran Enciclopedia Aragonesa Online". www.enciclopedia-aragonesa.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 31 de maio de 2020. Consultado o 2019-10-16. 
  7. López-Cordón Cortezo 2005, p. 42.
  8. López-Cordón Cortezo 2014, p. 51.
  9. Colegio Oficial de Médicos de Zaragoza. "Historia:El Colegio de Médicos de Zaragoza comenzó su andadura en 1455, y es uno de los más antiguos de España.". Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2012. Consultado o 29 de julio de 2015. 
  10. Jiménez Catalán, Manuel; Sinués y Urbiola, José (1922). Historia de la Real y Pontificia Universidad de Zaragoza (PDF). Patronato Villahermosa-Guaqui. 
  11. López-Cordón Cortezo 2014, p. 52.
  12. López-Cordón Cortezo 2005, pp. 51-52.
  13. López-Cordón Cortezo 2005, pp. 53-54.
  14. Pedraz, Miguel Vicente; Polo. "El "Discurso sobre la educación física y moral de las mugeres" (1790) de Josefa Amar y Borbón: feminidad y el arte de gobernar el cuerpo en la Ilustración española" 20 (2). ISSN 0104-754X. Consultado o 20 de abril de 2018. 
  15. López-Cordón Cortezo 2005, p. 47.
  16. 16,0 16,1 16,2 Villar Sánchez, Estefanía. "Defensa de la educación femenina en el siglo XVIII: Josefa Amar y Borbón" (PDF). Consultado o 20 de abril de 2018. 
  17. Memorial literario, instructivo y curioso de la Corte de Madrid ... (en castelán). Imprenta Real. 
  18. López-Cordón Cortezo 2005, p. 170.
  19. Beatriz, Aguilera Bermúdez,. "Trabas, educación y talento: Josefa Amar y Borbón". Consultado o 20 de abril de 2018. 
  20. Frago, Antonio Viñao. "La educación en la obra de Josefa Amar y Borbón" (7). ISSN 1138-5863. Consultado o 20 de abril de 2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar