José Gómez Gayoso

político español

José Gómez Gayoso, coñecido como López,[1] nado en Maceda o 28 de abril de 1909 e finado na Coruña o 6 de novembro de 1948, foi un político e guerrilleiro antifranquista galego.[2]

José Gómez Gayoso
AlcumeLópez
Nacemento28 de abril de 1909
Lugar de nacementoMaceda
Falecemento6 de novembro de 1948
Causagarrote
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico e membro da resistencia
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

 
Monumento a José Gómez Gayoso e outros loitadores contra o fascismo no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

Primeiro anos e formación editar

De noi novo, xunto coa súa familia, marcharon a Vigo, onde entrou a traballar na Singer e estudou Maxisterio e, aos poucos, converteuse en sindicalista[3] e, como seu pai non estaba de acordo, aos 18 anos abandonou a casa. Mestre e afiliado ao PCE, a súa primeira detención, produciuse por mor dun artigo no xornal Tribuna, de Tui, unha información sobre a detención de dous compañeiros por distribuír “follas clandestinas”, pola que foi condenado a dous meses e un día de arresto maior “por injuriar, menospreciar y escarnecer” ao xuíz de instrución pública Cándido Conde Pumpido.[3] En 1935 converteuse en secretario de organización do partido.

Guerra civil editar

O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid, onde asistía a uns cursiños de marxismo. Durante a guerra foi secretario de Francisco Antón, comisario político do Exército do Centro, e traballou con Luis Delage, comisario do Exército do Ebro. Colaborou co Enrique Líster e Santiago Álvarez nas emisións radiofónicas que o Partido Galeguista realizaba desde a capital. Tamén colaborou na organización das Milicias Galegas e dirixiu o periódico Nueva Galicia, o xornal dos antifascistas galegos e onde tamén colaboraron galeguistas como Blanco Amor, Castelao, Ramón de Valenzuela e Delgado Gurriarán.[3] Tamén dirixiu La Voz del Combatiente. Viaxou á Unión Soviética para recibir instrución militar, coincidindo con Castelao na celebración do Primeiro de Maio.

Exilio en Francia editar

Tralo triunfo dos sublevados, coa súa compañeira Concha Abad, cruzou polos Pireneos camiño do exilio. En Francia foron recluídos no campo de praia de Saint-Cyprien. Daló foi rescatado polo Servizo de Evacuación de Refuxiados Españois (SERE), co que empezou a traballar.[3]

Exilio en Cuba editar

De Francia pasou á República Dominicana e, finalmente, a Cuba en 1940, onde retomou o traballo político clandestino ao se achegar ao Partido Socialista Popular, o partido dos comunistas cubanos.[3] Alí coñeceu a Julián Grimau. Na Habana naceu seu fillo, José Gómez Abad, e aló quedaron nai e fillo cando o partido o reclamou para España.[3] En setembro de 1941, marchou a Nova York; en decembro de 1942, pasou a México.[3] Chegou a Galicia en abril de 1946.

Retorno a España editar

En xuño de 1944, desembarcou en Bilbao con identificación falsa e volveu aparecer clandestinamente en Madrid para traballar na delegación do Comité Central do PCE; e a comezos de 1946 apareceu en Galicia como Secretario Xeral do PCE en Galicia e no Exército Guerrilleiro de Galicia-León.[3] A súa misión foi impulsar a organización da guerrilla e afianzar e fortalecer o partido.

Caída e morte editar

En 1948 Antonio Seoane foi delatado por un infiltrado na guerrilla, e o 10 de xullo agardábao o Xefe do Servizo de Información da Garda Civil no bar “Barlovento” da cidade da Coruña, onde foi detido por axentes da benemérita, xunto coa súa compañeira Josefina González Cudeiro. O traidor que delatou a Seoane tamén lle facilitou información á policía sobre unha reunión que ía ter lugar a mañá seguinte entre Seoane e Gayoso no domicilio do primeiro, situado no número 23 da rúa Real no centro da Coruña. Cando Gayoso chegou ao domicilio de Seoane -coa súa compañeira entón, María Blázquez- foi recibido por axentes que o feriron gravemente cun disparo que lle entrou pola sen e lle saíu por un ollo, conseguiu fuxir pero logo dunha persecución foi detido completamente ensanguentado. Igualmente, María Blázquez del Pozo fora ferida no estómago.[3] A súa caída provocou tamén a doutros militantes: Juan José Romero Ramos, José Bartrina Villanueva, José Rodríguez Campos, Juan Martínez Montero, Luís García Jiménez, Clementina Gallego Abeledo, Carmen Orozco Muñoz e Josefina González Cudeiro.[4]

Torturado durante dous meses, foi xulgado en consello de guerra o 18 de outubro con Antonio Seoane Sánchez, José Bartrina Villanueva, Juan José Romero Ramos, Carmen Orozco Muñoz e outros,[5] e condenado a pena de morte. Foi executado no garrote vil con Antonio Seoane o 6 de novembro de 1948;[6] aínda que outros autores afirma que fora fusilado no Campo da Rata, a poucos metros do cuartel das Atochas.[3][7]

Houbo unha intensa campaña de solidariedade internacional lanzada desde Cuba para salvarlle a vida, tamén Rafael Alberti lle adicou uns poemas,[3] pero foi inútil.

Vida persoal editar

Casou con Concha Abad coa que tivo a José Gómez Abad, que traballou na Dirección Xeral de Intelixencia do Ministerio do Interior de Cuba, e formou parte do pequeno grupo que preparou a misión do Che Guevara en Bolivia.[8] Ao retornar a Galicia, tivo como compañeira a María Blázquez, coa que foi detido.

Notas editar

  1. "Pseudónimos galegos en ogalego.eu: l". www.ogalego.eu. Consultado o 2023-01-10. 
  2. Portomeñe Pérez, Carlos A. (2022). Vivir e morrer pola causa. Galaxia. ISBN 978-84-9151-961-4. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 Salgado, Daniel (24 de febreiro de 2023). "Gómez Gayoso, el comunista gallego fusilado en el 48 cuyo hijo preparó la operación del Che en Bolivia". eldiario.es (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2024. 
  4. F., X. (6 de novembro de 2021). "73 anos do asasinato dos antifascistas galegos Gayoso e Seoane". nosdiario.gal. Consultado o 8 de outubro de 2023. 
  5. La Voz de Galicia, 19-10-1948, p. 2.
  6. "Sentencia cumplida", La Voz de Galicia, 7-11-1948, p. 2.
  7. "José Gómez Gayoso y Antonio Seoane, in memoriam". loquesomos.org (en castelán). 8 de novembro de 2015. Consultado o 8 de outubro de 2023. 
  8. Silveira, E. (24 de marzo de 2006). "Un revolucionario busca sus raíces". lavozdegalicia.es. Consultado o 8 de outubro de 2023. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar