Ixión (mitoloxía)

personaxe mitolóxico, rei dos Lapitas

Na mitoloxía grega, Ixión foi un lápita rei de Tesalia. Considérase, habitualmente, fillo de Flexias e Perimele (filla de Amitaón). Outros autores fano fillo de Leonteo [1], Aetón, Antión ou do deus Ares. A súa irmá foi Corónide, amada por Apolo e nai de Asclepio.

Ixión e Néfele (Rubens, 1615)

Un fillo de Ixión foi Pirítoo, amigo do heroe Teseo e na cuxa voda tivo lugar a guerra entre lápitas e centauros; outros autores din que Pirítoo era fillo de Zeus.

Sacrilexios de Ixión editar

Casou con Día, filla do rei Deioneo. Cando lle pediu a este a man de Día prometeulle grandes regalos, polo que Deioneo aceptou. Pero logo Ixión negouse a cumprir as súas promesas cando, xa casado, o sogro esixiulle os presentes prometidos. Ante esta negativa, Deioneo colleulle en prenda as súas eguas, o que encolerizou sobremaneira a Ixión. Este invitou ó sogro a unha festa en Larisa, prometendo entregarlle o pago acordado pero en lugar de facelo púxolle unha trampa á entrada no palacio e botouno nun foxo cheo de carbóns acesos.

Deste xeito, Ixión cometeu un pecado de perxurio e un asasinato agravado polo feito de ser a vítima un membro da súa familia. Isto provocou o rexeitamento dos outros reis, que se negaron a purificalo [2], o que obligou a Ixión a vivir agochado, abandonado e aborrecido por todos. Perseguido polas Erinias, volveuse tolo.

Nesta situación, implorou a Zeus o seu perdón e o deus apiadouse e perdonouno, purificándoo, porque sabía que ata os mesmos deuses cometían loucuras por amor. A maiores, Zeus invitouno ós banquetes dos deuses, onde lle deu a beber néctar e a comer ambrosía, o alimento dos deuses que concedía a inmortalidade.

Pero Ixión foi un ingrato e intentou seducir a Hera, a esposa de Zeus. Para uns, foi esta, indignada, a que lle contou a Zeus as intencións de Ixión; para outros, Hera estaba disposta a complacer a Ixión como vinganza contra as infidelidades de Zeus, pero este terminou sabendo o que tramaba Ixión. En calquera caso, Zeus quixo saber se era certo que Ixión buscaba seducir a Hera e creou unha nube coa forma de Hera, chamouna Néfele [3] e fíxoa aparecer diante de Ixión; outras fontes din que foi Hera quen, para zafarse del, interpuxo unha nube coa súa figura. En todo caso, Ixión uniuse á nube sen decatarse do engano e enxendrou un fillo, Centauro, o pai da raza dos centauros [4].

"Cóntase que Ixión se namorara de Hera e intentaba forzala. Á denuncia de Hera, Zeus, que quería saber se era certo, deu a unha nube a imaxe de Hera e acostouna xunto a el. E como facía alarde de haberse unido a Hera, amarrouno a unha roda e este é o seu castigo: ser levado por ela no aire a través dos ventos. A nube, fecundada por Ixión, deu a luz a Centauro".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica Epítome I, 20)

Castigo editar

 
Morte de Ixión (Cornelis van Haarlem, c. 1588)

Nesta ocasión, Zeus decidiu un castigo exemplar para Ixión. Atado por Hermes [5] (ou por Hefesto), con serpes, a unha roda que xiraba continuamente, Zeus lanzouno polos aires [6], ou ben botouno ó Tártaro [7]. O castigo durará eternamente porque, ó haber comido a ambrosía dos deuses, Ixión acadara a inmortalidade. Tan só puido descansar do seu tormento cando Orfeo baixou ós infernos para rescatar á súa esposa Eurídice, pois a roda deixou de xirar ante o seu marabilloso canto.

 
Sísifo, Ixión e Tántalo (C. Grignion, 1790)

Nunha versión do mito, Zeus limitaríase a desterrar a Ixión, pensando que probar o néctar e a ambrosía o volvera louco, pero logo comprobou que se vangloriaba de haber seducido a Hera. Foi entón cando o matou cos seus raios (a única forma de morrer que tiñan os inmortais) e botouno ó Tártaro.

"Ixión, fillo de Leonteo, intentou violar a Xuno. Por orde de Xúpiter, ela puxo no lugar dela unha nube e Ixión creu que era a imaxe de Xuno. Desa unión naceron os centauros. Á súa vez, Mercurio, por orde de Xúpiter, encadeou a Ixión nos infernos a unha roda que, segundo din, aínda segue dando voltas alí".
(Hixino: Fábulas 62)

Iconografía editar

O mito de Ixión aparece na literatura grega a partir do século VI a.C.. A tortura da roda en lapas reflíctese en vasos cara ao 500 a.C. Ata a época helenística dicíase que Zeus o lanzara polos aires, pero a partir de entón se localiza nos infernos, e así aparece en pinturas no século II d.C. e en sarcófagos romanos.

A publicación das Metamorfoses de Ovidio durante o Renacemento consolida esta segunda versión e así se representará na arte das idades Moderna e Contemporánea.

Notas editar

  1. Hixino:Fábulas 62.
  2. Na relixión grega cumpría un estado de pureza, tanto física como espiritual, para poder facer sacrificios ós deuses ou intervir en calquera cerimonia relixiosa, e aplicábase tanto a persoas individualmente como a pobos, como colectividade. Os ritos de purificación (ou Catarse) eran diversos: ablucións á entrada nos templos, sacrificios tras unha morte dentro da casa, ou escravitude temporal en casos graves como asasinato.
  3. Tras este episodio de Ixión, Néfele vagaba desconsoladamente polo Olimpo, ata que Hera a casou con Atamante (irmán de Sísifo), con quen tivo tres fillos (Graves, px. 249).
  4. Outros autores din que enxendrou ós propios centauros, pero parece haber acordo en que foi Centauro quen, cando chegou á idade adulta, uniuse ás eguas da rexión tesalia de Magnesia e enxendrou os diferentes centauros.
  5. Graves engade que, previamente, Hermes azotouno sen piedade obrigándoo a dicir que "Os benfeitores merecen ser honrados" (Graves, px. 230).
  6. "Ixión dá voltas perseguíndose e fuxindo de si mesmo" (Ovidio: Metamorfosis IV, 461).
  7. Xunto ós outros grandes condenados, como Sísifo, Ticio ou Tántalo.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar