Iudaea Capta

serie de moedas imperiais romanas

Serie Iudaea Capta. Lenda: IUDEA CAPTA
A/ IMP CAES VESPASIAN AVG P M TR P P P COS III; busto laureado cara á dereita. R/ IVDEA CAPTA; xudía de loito sentada baixo palmeira e xudeu en pé coas mans atadas; armas capturadas atrás. SC (Senatus Consulto) no exergo.
Sestercio. Æ. Vespasiano. 71 a. de C. 26,30 g. Ceca: Roma. RIC II 426.[1]

Iudaea Capta (ou Iudea Capta) é a denominación dunha serie de moedas do Imperio Romano emitidas orixinariamente polo emperador Vespasiano (69-79) con carácter conmemorativo, para celebrar a captura de Xudea e a destrución do Segundo Templo dos xudeus polo seu fillo, Tito (79-81) no ano 70 d. de C., durante a primeira guerra xudeu-romana.

Lendas e iconografía editar

A tipoloxía máis xeral dos reversos destas moedas é unha figura feminina (que podería representar a Xerusalén) ollando cara á dereita e con actitude lutuosa, sentada na base dunha palmeira. Á súa esquerda é frecuente a figura dun home barbado cativo en pé (quizais representando a Xudea), coas súas mans atadas nas costas, aínda que tamén pode aparecer o emperador vitorioso en pé ou a deusa Vitoria, cun trofeo de armas, escudos e cascos.[2]

Serie Iudaea Capta (anepigráfica).
 
A/ T CAES IMP VESP PO-N TR POT; busto laureado cara á dereita. R/ Anepigráfica; xudía de loito sentada baixo palmeira e Vespasiano en pé con vestimenta militar, co pé sobre un casco e sostendo lanza e espada.
Denario. AG. Tito (como César). 72 a. de C. 3,34 g. Ceca: Antioquía. RIC II 367.[3]

A lenda pode aparecer en diferentes versións: IUDAEA CAPTA ("Xudea [foi] conquistada"), nalgúns casos a máis explícita IUDAEA DEVICTA ou DEVICTA IUDAEA ("Xudea [foi] derrotada"), ou mesmo DE IUDAEIS ("[o botín] dos xudeus") e unicamente IUDAEA ("Xudea").[4] Nalgunhas ocasións a lenda aparece en grego, IOYΔAIAΣ EAΛΩKYIAΣ,[5] a tradución do latín IUDAEA CAPTA, e tamén pode estar ausente, en cuxo caso a atribución a esta serie se basea soamente na iconografía da moeda.[2]

A palmeira pódese amosar en combinación coa muller lutuosa ou sen esta última. En opinión de Andrea Moresino-Zipper, no primeiro caso é a muller a que representa a Xudea derrotada, en tanto que a palmeira impoñente e dominante simboliza a Roma vitoriosa, en tanto que no segundo caso a palmeira representaría a Xudea.[2]

Historia editar

A cuñaxe das moedas da serie Iudaea Capta estendeuse durante 25 anos baixo o imperio de Vespasiano e dos seus dous fillos que o sucederon no cargo: Tito e Domiciano (81-96). Estas moedas conmemorativas foron cuñadas en bronce, en prata e en ouro na ceca de Roma, noutras cecas imperiais romanas e tamén na propia Xudea.[6] Emitíronse con valores moi diversos e coñécense arredor de 48 tipos diferentes.[7][8]

 
Moeda de bronce da serie IUDAEA CAPTA emitida por Agripa II, coa deusa Niké no reverso.

De todas elas, só as de bronce foron cuñadas en Cesarea, na provincia romana de Xudea. Estas moedas teñen un aspecto menos refinado que as da capital do imperio e as súas lendas son en grego, no canto do latín. O motivos máis habituais dos seus deseños son a deusa Niké escribindo sobre un escudo, ou Minerva cunha lanza, un escudo, un trofeo e unha palmeira, etc. A maioría destas moedas foron cuñadas durante o período do emperador Domiciano (81-96 d. de C.).[6]

Mesmo o monarca xudeu Agripa II, bisneto de Herodes o Grande, cuñou moedas da serie Iudaea Capta. Criado en Roma, na corte de Claudio (41-54 d. de C.), Agrippa estaba totalmente romanizado e tiña grande amizade con Tito, a quen apoiou durante a primeira revolta xudía. A súa moeda de bronce desta serie foi cuñada en Tiberíades e amosa un retrato de Tito no anverso xunto coa inscrición en grego ΚΑΙΣΑΡ ΣΕΒΑΣ ΑΥΤΟΚΡ ΤΙΤΟΣ ("César Augusto Emperador Tito"), en tanto que no reverso se representa a deusa Niké andando e sostendo unha coroa e unha póla de palma no seu ombreiro, cunha estrela no campo dereito e a inscrición ETO - KS BA AGRI-PPA.[9]

Notas editar

  1. "Lot: 1914. Vespasian. 69-79 AD. Æ Sestertius". Classical Numismatic Group, LLC.
  2. 2,0 2,1 2,2 Moresino-Zipper, A. (2009). Páxinas 61, 64-67.
  3. "Titus, as Caesar. 72 AD Denarius". Classical Numismatic Group, LLC.
  4. Hoenig, D. B. (1981).
  5. Nili Ahipaz (2015). "The Coins from Herodium. The Tomb Area". En Herodium: Final Reports of the 1972-2010 Excavations Directed by Ehud Netzer. Vol. I: "Herod's Tomb Precinct. Israel Exploration Society, Xerusalén. Páxina 423. ISBN 978-965-221-099-9
  6. 6,0 6,1 Wacks, M. (2020). "Judaea Capta". En The Handbook of Biblical Numismatics (Ancient Jewish Coins).
  7. Brin, H. B. (1986).
  8. Barag, D. (1978).
  9. "Lot 520: Judaea, Herodians. Agrippa II, with Titus. Circa 50-100 CE". Classical Numismatic Group, LLC.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar