Itinerario de Exeria

relato da peregrinación a Terra Santa de Exeria na Idade Antiga

O Itinerario de Exeria, tamén coñecido como Itinerarium Egeriae, Peregrinatio Aetheriae ou Peregrinatio ad Loca Sancta, é un conxunto de textos en latín escritos por Exeria relatando a súa peregrinación dende a Gallaecia ata Terra Santa entre os anos 381 e 384.[1][2]

Itinerario de Exeria
Biblioteca Comunale de Arezzo (Italia)
Códice exposto na mostra Galicia, un relato no mundo.

Unha copia incompleta do escrito orixinal forma parte desta compilación creada no scriptorum da Abadía de Montecassino.

Tamén coñecido comoItinerarium Egeriae, Peregrinatio Aetheriae e Peregrinatio ad Loca Sancta
TipoLiteratura de viaxes en forma epistolar
DataDo ano 381 ata o 384
Lugar de orixeA redacción orixinal fíxose durante unha viaxe dende a Gallaecia ata Terra Santa
Lingua(s)Lingua latina (Sermo cotidianus)
Autor(es)Exeria
MaterialPergamiño
Formato262 x 171 mm
LetraEscritura da escola longobarda casinense
ContidoNas primeiras 15 follas está o Tractatus de mysteriis e os Hymni de Hilario de Poitiers. As seguintes 22 follas conteñen fragmentos do Itinerarium de Exeria.
Ilustración(s)As probables ilustracións da autora non se conservan na copia do texto.
modificar datos en Wikidata ]

Como libro de viaxes, é unha fonte importante para coñecer a situación naquel momento das zonas percorridas. Nel detállanse costumes dos nativos, crenzas populares, rituais relixiosos e expresións da fala vernácula. Está redactado en primeira persoa no latín coloquial utilizado na vida diaria, cunha espontaneidade natural que difire do estilo solemne propio da lingua escrita. O seu valor é filolóxico, sociolóxico e literario.

Presentado de forma epistolar, o manuscrito documenta o longo itinerario a través dunha serie de cartas que ofrecen datos, anécdotas e detalles interesantes dos lugares visitados. É moito máis que unha simple guía informativa; é unha crónica humana na que a autora expresa os seus sentimentos ante cada situación e describe con empatía o trato que recibe das persoas coas que se cruza. O relato está dirixido a un grupo de mulleres mencionadas coa locución “dominae sorores”, unha fórmula habitual para referirse a amigas e compañeiras.[3]

Algúns expertos consideran que é o primeiro texto dunha escritora galega.[4]

Historia editar

Descubrimento do manuscrito editar

No ano 1884, Gian Francesco Gamurrini descubriu un códice na Biblioteca da Confraría de Santa María de Laicos (Biblioteca della Confraternità dei Laici) en Arezzo (Italia). Eran 37 pergamiños copiados no século XI no scriptorum da Abadía de Montecassino. Nas primeiras 15 láminas estaba o Tractatus de mysteriis e os Hymni de Hilario de Poitiers; as seguintes 22 contiñan fragmentos dunhas notas de viaxe escritas por unha muller descoñecida dirixíndose a outras mulleres en forma de misivas. No material conservado non aparecían datos que puidesen desvelar a autoría do escrito.

 
Detalle do manuscrito descuberto por Gian Francesco Gamurrini

Un ano despois, Gamurrini aventurou a hipótese de que a autora do texto era Silvia de Aquitania, de quen se sabía que a finais do século IV viaxara en peregrinación a Terra Santa.

Pero en 1903, Marius Férotin atopou a carta que Valerio do Bierzo dirixiu aos monxes de San Pedro onde falaba de Exeria como autora do itinerarium Egeriae que el mesmo se encargou de compilar e resumir. Con esa carta quedou disipada calquera dúbida acerca da verdadeira artífice do relato.[5] [6]

A partir daquel momento, a descoñecida Exeria entrou na Historia como a escritora que se anticipou varios séculos ó florecemento da literatura de viaxes e da narración epistolar.[7]

O manuscrito non está completo, faltan partes do inicio, do centro e do final da obra. Algúns catálogos de bibliotecas medievais suxiren que houbo outras copias. En 1909 apareceron varias follas soltas do itinerario nos Manuscritos de Toledo da Biblioteca Nacional de España e en 2005 houbo investigacións que identificaron outros dous fragmentos nunha colección privada.[8]

O texto do Itinerario de Exeria é obxecto de moitas edicións e traducións en todo o mundo, considérase unha das fontes máis valiosas para coñecer a espiritualidade da Antigüidade tardía e o papel da muller nese tempo.

O Codex Aretinus 405, do que forma parte o Itinerarium Egeriae, viaxou por primeira vez a Galicia no ano 2019 para sumarse á exposición temporal Galicia, un relato no mundo. Foi exhibido no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela co gallo da celebración do Ano Santo Xacobeo. No catálogo da exposición definen o texto como “transcendental para coñecer a nosa historia”, e a Exeria como “A primeira escritora de viaxes da Península Ibérica e un referente simbólico da reivindicación da muller en Galicia”.[9][10][11][12]

A parte final do Itinerario que chegou ata nós remata cunha petición:
Pola vosa parte, señoras, miña luz, dignádevos gardarme na memoria tanto se sigo no meu corpo ou xa fóra del”.

Constantinopla, ano 384

Exeria

Precedentes da viaxe editar

Unha muller percorrendo gran parte do mundo coñecido, no século IV, pode considerarse unha proeza digna de encomio; así o fixo Valerio do Bierzo con admiración: “totis nisibus intrepido corde inmensum totius orbis arripuit iter” (co seu esforzo e intrépido corazón fixo unha inmensa viaxe por todo o orbe).[6]

Mais non foi Exeria a primeira que se atreveu a explorar o extenso territorio romano. Dez anos antes xa o fixera a aristócrata hispana Melania a Vella, que viaxou ata Exipto con Rufino de Aquileia. Daquela había unha sorte de tendencia a desprazarse ata Terra Santa desde que se popularizou a suposta noticia do descubrimento da Vera Cruz.[7]

 
As peregrinacións a Terra Santa popularizáronse cando se difundiu a noticia de que Helena de Constantinopla descubrira os restos da Vera Cruz

Foi Helena de Constantinopla, nai de Constantino I, quen comunicou que achara a Santa Cruz de Xesucristo e convidou a venerala porque concedía grazas especiais. A partir dese momento, comezaron as peregrinacións a Xerusalén integrándose na tradición cristiá, e o feito da descuberta plasmouse en moitas obras de arte.[13]

A propia Exeria dá conta das aglomeracións que acudían a ver as reliquias. Relata que o día da cerimonia do Lignum Crucis no Gólgota, preto da muralla exterior de Xerusalén, viu a moitos peregrinos desfilando para honrar e bicar o madeiro sagrado; pero había tanta multitude que os diáconos máis fortes tiñan que estar todo o tempo vixiando. Non querían que volvese a suceder o que pasou nalgunha ocasión, que alguén cravou os dentes no madeiro e roubou unha lasca da reliquia.[14]

Ó longo do seu percorrido, Exeria fala dos encontros con outros peregrinos, como cando foi a Isauria para visitar o sepulcro de Santa Trega. Alí levou unha gran alegría ó atopar por sorpresa a súa amiga Marthana que igualmente estaba de paso. Ámbalas dúas xa coincidiran anteriormente en Xerusalén. Elas, como tantos camiñantes, compartían a paixón por viaxar coñecendo xente coa que se comunicaban e vivían experiencias, sempre co obxectivo principal de visitar con fervor relixioso os lugares mencionados nas Escrituras. Sentíanse partícipes dun movemento comunitario, seguindo as palabras do Señor: "Ambulate dum lucem habetis, ne tenebre uos conprehendant" (Anda mentres teñas luz, para que non te alcancen as tebras).[13][15]

Contexto histórico editar

Á parte dos nómades vadíos, dos monxes amparados na caridade incerta e dos comerciantes ambulantes, o feito de emprender estas longas viaxes soamente estaba ó alcance de persoas podentes con dispoñibilidade de tempo e diñeiro. Con toda probabilidade, este último era o caso de Exeria, que ía acompañada dun grupo de axudantes con cabalarías.[7]

 
As infraestruturas romanas ofrecían rutas seguras que facilitaban os desprazamentos.

Existía unha participación bastante activa no circuíto comercial que conectaba o Mediterráneo oriental co norte de Europa. Corrían tempos propicios e as elites aproveitaron para tecer unha rede de contactos por todo o Imperio. Tamén as peregrinacións comezaban a ser habituais.

Eran dous os factores principais que facilitaban os desprazamentos naqueles tempos: a seguridade e os servizos.

Por unha parte, a paz e prosperidade lograda polo Imperio ofrecía seguridade xeral dentro das fronteiras e protección especial con gornicións militares nas zonas que puidesen ser conflitivas. No texto de Exeria aparecen oficiais e soldados que exercían a autoridade en nome de Roma escoltando a comitiva durante algúns tramos; ó mesmo tempo, eses mesmos militares brindábanse para facer de guías culturais relatando crónicas dos lugares por onde pasaban.

Por outro lado, era posible percorrer o territorio de punta a punta grazas á existencia dun sistema de comunicacións moi avanzado. A infraestrutura viaria estaba composta por unha extensa rede de camiños e calzadas, rutas con paradas de postas por etapas (mansio), sinalización mediante marcos ou miliarios de pedra e documentos escritos para orientarse con indicacións informativas, como o itinerario de Antonino ou a Tabula Peutingeriana.[16]

 
Na Táboa Peutingeriana estaban representadas as principais redes viarias do Imperio

Exeria aproveitou as facilidades das vías públicas e tamén os privilexios reservados para familias importantes, como os salvocondutos para entrar en contacto coas autoridades civís dos lugares que atravesaba. Tamén os bispos e cargos eclesiásticos saían ó seu paso para recibila con respecto. Ademais, dedúcese polo seu escrito que debeu ter unha personalidade carismática porque atraía a eremitas, soldados e veciños coa súa empatía. No texto amósase agradecida polos continuos xestos de hospitalidade acolledora que recibía e expresa os seus sentimentos de identificación afectiva con todos eles.[7]

Para situar o manuscrito nun contexto real, hai que ter en conta que polo feito de ser cartas dirixidas ás amigas, destácanse nelas abundantes detalles positivos e anécdotas agradables, eludindo as probables penalidades e fatigas do camiño.[17]

 
Exeria entrou en contacto con moitos eremitas que vivían no deserto

No contexto relixioso da época é importante lembrar que no 380, un ano antes da partida de Exeria, decretouse o Edicto de Tesalónica. O cristianismo foi desde ese momento a única das relixións permitidas, aínda que o politeísmo mantíñase disfrazado de supersticións. Moitos mitos romanos e doutras relixións quedaron absorbidos polo cristianismo, ás veces convertidos en dogmas. A arte romana incorporou elementos do mundo cristián, así os pequenos deuses fóronse transformando en anxiños, os deuses do averno en demos e os grandes deuses en arcanxos.[18]

Na viaxe de Exeria hai uns personaxes recorrentes que se cruzan con ela continuamente no camiño, son os eremitas que vivían en lugares retirados, dedicados á oración e a facer penitencia. Unicamente o paso de viaxeiros importantes como Exeria facíalles deter algo a súa dedicación para ofrecerlles hospitalidade e atención cristiá.

O movemento eremítico naceu cando se permitiu o cristianismo no Imperio e desapareceron os motivos para ser martirizados pola fe. Os ascetas buscaron outro medio de purificarse e, imitando a Cristo que se retirou ó deserto, abandonaron as cidades para vivir en illamento, dedicándose á vida contemplativa e penitente en condicións extremas. Algúns fixaban a súa misión no coidado dunha ermida dedicada a algún santo, en lugares desérticos e pouco frecuentados. Por iso, cando aparecía algunha comitiva como a de Exeria, acollían os visitantes con fervor, entregábanlles o pouco que tiñan para cumprir coas normas de hospitalidade e, se non estaban moi enfermos e aínda tiñan forzas, ofrecíanse como guías para acompañalos nalgún tramo do camiño.[19]

Percorrido xeográfico editar

A pesar de estar incompleto o texto, púidose reconstruír a totalidade do periplo estudando a infraestrutura das vías existentes, comparando con outras viaxes documentadas da mesma época e cos datos da carta de Valerio do Bierzo.[7]

 
Infografía da viaxe realizada por Exeria a Terra Santa entre o 381 e o 384, segundo o libro "Itinerarium ad Loca Sancta".

Do comezo da viaxe ata Xerusalén editar

  • O inicio foi a principios do 381, comezando nalgún punto da Gallaecia, onde quedarían as súas amigas a quen van dirixidas as misivas. Valerio do Bierzo escribiu: “extremo occidui maris oceani litore exorta” (partiu da beira máis afastada do océano occidental).
  • Probablemente viaxaría ata os Pireneos para coller a Vía Domitia, a calzada máis importante da época para unir Hispania con Italia a través da Galia Narbonense atravesando os Alpes.
     
    A vía Domitia era a mellor ruta para ir de Hispania a Italia
  • Sabemos que cruzou o río Ródano porque lembra ese momento moito tempo despois, cando escribe xunto ó Éufrates.
  • Por terra e mar chegaría a Constantinopla e continuaría pola vía militar pasando por Bitinia, Galacia e Capadocia. No escrito fala deses mesmos lugares na ruta do regreso.
  • Despois debeu pasar por Tarso e Antioquía, dende alí por mar a Haifa e finalmente chegaría a Xerusalén.

Nesa cidade quedou ata o 384 e durante eses tres anos fixo expedicións,algunha delas de varios meses de duración.

1ª expedición editar

  • Dende Xerusalén por Tafnis e Menfis, chegaría ó deserto da Tebaida, unha rexión chea de eremitas vivindo en covas.

2ª expedición editar

Todos estes percorridos anteriores quedarían recollidos, supostamente, na parte inicial desaparecida do manuscrito. No texto que temos no códice, deixa constancia dos seguintes traxectos:

3ª expedición editar

 
A basílica do Santo Sepulcro foi un dos lugares visitados por Exeria. Dende Xerusalén fixo as distintas expedicións.por Terra Santa.

4ª expedición editar

En Xerusalén pasa a Pascua, que no ano 384 caeu no mes de marzo. Pouco despois inicia o regreso dando un rodeo por Mesopotamia, onde pasa un tempo en Edesa. A finais de abril diríxese a Haran intentando seguir os vestixios de Abraham, pero non pode porque os persas ocupaban a parte oriental de Siria.

Entón decide ir a Antioquía e coller a ruta coñecida que fixo á ida: Tarso, Capadocia, Galacia, Bitinia e Constantinopla. Nalgúns momentos do camiño desviouse para visitar os sepulcros de mártires venerados, como o de Santa Trega en Isauria, onde leva a gran alegría de coincidir coa súa amiga Marthana.

En Constantinopla non pensaba quedar moito tempo, tiña plans de facer outras expedicións por Asia Menor antes de iniciar o regreso á Gallaecia. A partir de aquí promete seguir mandando noticias e pide ás súas amigas que non a esquezan nunca, tanto se segue viva como se morre. Aquí remata o relato inconcluso. Non se sabe como volveu nin se o fixo.[20]

Repertorio toponímico editar

A riqueza das descricións xeográficas, cos seus nomes utilizados nun momento concreto nunha área determinada, permite facer un seguimento da súa conservación ó longo do tempo, con cambios por razóns históricas, políticas, lingüísticas ou culturais, pero sen perder a raíz etimolóxica na maioría dos casos. No manuscrito de Exeria hai identificados un total de 86 topónimos, dispostos a continuación tal e como se mencionan no texto latino:[21]

  • Agri specula
  • Alexandriam
  • Anthiocia
  • Arabia
  • Arabot, montem
  • Asia
  • Augustofratensis, prouinciae
  • Ausitidem, regionem
  • Basan
  • Batanis
  • Belsefon
  • Bithiniam
  • Calcedona
  • Cappadociam
  • Carneas
  • cepos tu agiu Iohanni
  • Chanaan, terram
  • Charris (Charra)
  • Choreb
  • Cilicia
  • Clesma
  • Constantinopolim
  • Corico
  • Corra
  • Dennaba
  • Edessam
  • Edom
  • Efesum
  • Egyptum
  • Enon
  • Epauleum
  • Esebon (Exebon)
  • Eufraten
  • Fadana
  • Faran
  • Feniciis, partes
  • Fogor
  • Galatiam
  • Gerapolim (Ierapolim)
  • Gesse, terra
  • Helia
  • Hero (Heroum ciuitas)
  • Hisauria
  • Hur
  • Idumeae
  • Iericho
  • Ierusolima
  • Iordanem
  • Israhel
  • Libiada
  • Magdalum
  • Mansocrenas
  • Memoriae concupiscentiae
  • Mesopotamiam
  • Mesopotamiam Syriae
  • Moab, terra
  • Mortuum, mare
  • Nabau, montem
  • Nili
  • Nisibin
  • Opu Melquisedech
  • Oton
  • Palestinam
  • Parthenicum, mare
  • Pelusio
  • Persida
  • Pithona
  • Ponpeiopolim
  • Ramessen
  • Rodanus
  • Rubrum, mare
  • Safdra
  • Salem
  • Salim
  • Sedima
  • Segor
  • Seleucia Hisauriae
  • Sirie Celen
  • Socchoth
  • Sodomis
  • Syna
  • Tatnis
  • Taurum, mons
  • Tharso
  • Thebaida
  • Thesbe

Importancia cultural editar

 
Documentos como o de Exeria e o estudo de restos arqueolóxicos axúdannos a coñecer a cultura do Imperio romano

A achega de Exeria considérase moi relevante para o estudo do pobo romano e os estilos de vida no século IV. Tamén ten moita importancia polo uso natural da lingua cotiá e a súa expresividade emotiva, tan pouco frecuente nos textos funcionais da época. O alcance cultural do manuscrito pódese analizar destacando tres valores fundamentais: o aspecto filolóxico, o sociolóxico e o literario.[22] No contexto da cultura galega, a magnitude desta obra conseguiu que a autora sexa considerada unha figura referencial na historia de Galicia.[23]

Filoloxía editar

Pola redacción coidada e precisa, feita con moito detalle e cun vocabulario pouco extenso mais efectivo, sabemos que Exeria era unha persoa culta que sabía latín e grego. Tamén demostra ter un gran nivel intelectual e unha actitude empática que lle permite adaptarse ás circunstancias dos interlocutores. Tendo en conta a súa formación, probablemente sería dalgún lugar cunha escola ou universidade importante. Naquela época, as cidades máis destacadas da Gallaecia eran Asturica Augusta, que é a actual Astorga e Lucus Augusti, a actual Lugo que naqueles anos estaba rematando a construción da muralla.[24]

O relato está escrito como se fala, no sermo quotidianus (conversa cotiá). Nese latín popular detéctanse xa o que hoxe son modismos galegos como “levar os nenos no colo”.[25] Por exemplo, na descrición do Domingo de Ramos en Xerusalén escribe: “Et quotquot sunt infantes in hisdem locis, usque etiam qui pedibus ambulare non possunt, quia teneri sunt, in collo illos parentes sui tenent, omnes ramos tenentes alii palmarum, alii oliuarum.” (E cantos nenos hai nestes lugares, mesmo os que aínda non poden andar que os pais levan no colo, todos suxeitan pólas, unhas de palmeiras, outras de oliveiras).

Polo seu estilo pouco refinado, xunto co uso dun rexistro lingüístico informal, podería dar a impresión de que quería fuxir do soberbio discurso das escolas mundanas. En calquera caso, parece que a súa intención non foi escribir unha obra literaria, senón unha peregrinatio animae (viaxe da alma) en forma epistolar, dirixíndose a un grupo de amigas moi concreto.[26]

Socioloxía editar

A importancia histórica do manuscrito é notable polo cúmulo de datos que aporta, pois ademais da descrición detallada dos actos litúrxicos e lugares sagrados, abunda en detalles históricos, xeográficos, paisaxísticos e culturais. Socioloxicamente, pódese analizar a súa achega ó coñecemento humano da época desde distintas perspectivas, en especial a través das súas facetas como muller, viaxeira e cristiá.

 
O texto de Exeria é un documento importante para comprender a sociedade romana do século IV

Feminismo editar

Na sociedade do Imperio romano, as mulleres vivían sometidas a unha lexislación feita a partir da visión masculina, cunhas normas morais e sociais que as constrinxían. Esta circunstancia fai máis admirable a obra escrita por Exeria en condicións tan complicadas.[27]

Eran moitas as críticas ás peregrinas que difundían homes ilustres, por exemplo a epístola segunda de San Gregorio de Nisa, na que falaba do perigo para as mulleres se acudían ás pousadas e cidades descoñecidas, porque incitaban ó pecado. Tamén San Xerome publicou a súa repulsa condenando o ignominioso exemplo que dan as peregrinas perdendo a elegancia en compañías pouco edificantes.[28]

 
Esta imaxe de Safo asóciase a Exeria porque contradí a idea de falta de cultura feminina na antigüidade

Os documentos oficiais, escritos por autores clásicos, destacan as xestas heroicas e os feitos importantes dos homes, relegando e marxinando a participación da muller na historia. Por estes motivos, o Itinerario de Exeria é apreciado como proclama feminista que pon en valor a importancia da cultura feminina na antigüidade.[29]

Hai dúas vertentes polas que se analizou a relevancia do Itinerario. Por unha parte, xa Valerio do Bierzo ponderaba a valentía física e o corazón intrépido para afrontar un reto tan descomunal que superaba a todos os varóns máis fortes do século.[5]

Pero outro mérito, o intelectual e creativo, fai destacar a obra escrita como referente cultural que expón o ánimo inquedo e desexoso de adquirir un maior coñecemento sobre as persoas e as cousas. Ela mesma confesa que é a curiosidade a que a fai viaxar cos ollos ben abertos e pedindo explicacións de todo o que ve. Non a cega nin a aceptación submisa das crenzas populares nin o fervor relixioso. Ó contrario, coas súas amigas mantén un talante ás veces irónico. Por exemplo, despois de contar que o bispo de Segor levounos ó lugar onde a muller de Lot quedou convertida en estatua de sal, comenta: “Pero crédeme, cando inspeccionamos o sitio non vimos sinais da estatua por ningures, para que imos enganarnos”.[30]

Algúns movementos emancipadores da muller salientaron a transcendencia do texto de Exeria como patrimonio literario dirixido a un universo feminino co que quixo compartir a súa experiencia ata convertirse en testemuña perenne. O concepto de sororidade xa estaba presente no seu escrito que non estaba dirixido a un público anónimo, maiormente homes, senón a un grupo de mulleres coas que sentía unha complicidade de introspección feminina. Porque eran esas destinatarias as que podían comprender mellor que ninguén as súas sensacións, apreciando a constante ilusión de cada momento vivido.[31]

 
As euloxias eran recordos materiais que os anfitrións entregaban ó despedirse

Turismo editar

Os antecedentes máis remotos do que hoxe coñecemos por turismo eran as viaxes para visitar templos, a asistencia a festividades e a concorrencia a baños termais.

Xa naquela época dispoñían de itinerarios escritos, especificando rutas, distancias e tempos requiridos para viaxar entre os distintos puntos do Imperio. Mais eran textos funcionais sen outro propósito que o informativo. En cambio, con Exeria aparece o relato humano en primeira persoa, cunha narrativa confidencial dos feitos e unha estrutura de crónicas transmisoras de sentimentos.[32]

O itinerarium egeriae anticipa o que hoxe son os tres piares básicos da promoción turística: a mensaxe adaptada a un público obxectivo (o seu grupo de amigas), o tratamento da narración como experiencias (a súa testemuña emocional) e a chamada a realizar unha acción concreta (a súa petición de que a garden na memoria).[33]

Moito tempo antes de poñerse de moda os “souvenirs” (recordos materiais para lembrar a estancia nalgún lugar) era costume que os anfitrións ofrecesen “euloxias” aos visitantes. No uso eclesiástico, ese termo aplícabase a obxectos benditos, ás veces referíndose á eucaristía.

Para Exeria os agasallos que recibía ó despedirse significaban moito e sentíase feliz, por pequeno que fose o detalle. Entendía que calquera cousa entregada no momento de partir era unha euloxia que selaba o vínculo da hospitalidade para permanecer na memoria. Ela conta que en ocasións consistía nun froito propio do lugar, un doce, unha vasilla de aceite para a lámpada ou simplemente unha pedriña fermosa da terra para lembrar os momentos vividos.

Semellando as futuras postais turísticas que aparecerían séculos despois para lembrar imaxes de viaxes, Exeria tamén engadiu ilustracións no seu escrito para describir algúns lugares especiais. Iso despréndese do propio texto cando fai alusión a debuxos nas cartas dirixidas ás súas amigas. Por exemplo, no sepulcro de Job escribe: “in eo loco facta est ista ecclesia quam videtis” (neste lugar fixeron esta igrexa que aquí vedes). Esas imaxes perdéronse porque a copia que hai no códice é soamente de texto.[7]

 
Exeria detallou moitos rituais e cerimonias relixiosas

Relixión editar

O Itinerario é unha fonte importante para o coñecemento do cristianismo na antigüidade tardía.[34] Contén información de primeira orde acerca de Terra Santa, especialmente dos lugares citados no Antigo Testamento como episodios bíblicos e tamén onde transcorreu a vida de Xesús e os apóstolos, segundo se relata nos Evanxeos. A descrición minuciosa de cada escenario, comprobado un a un por Exeria, fai que moitos a consideren unha fiel testemuña que corroborou a información das Escrituras verificando os feitos da historia sagrada.[35]

Algúns sectores relixiosos consideran tamén que as visitas a santuarios, tumbas de mártires e espazos onde se veneraban reliquias foi unha viaxe espiritual para comunicarse co transcendente e superior, purificar a súa alma e acceder ó encontro co divino. Entenden que toda a escritura do percorrido por eses lugares sagrados tiñan como obxectivo fundamental difundir e fortalecer a fe da cristiandade.[36]

Para os investigadores da historia, as crónicas descritivas das liturxias e oficios relixiosos teñen unha grande importancia no estudo antropolóxico porque permiten coñecer datos importantes dunha época na que o cristianismo aparece como relixión triunfante no mundo romano e o civitio grupal ofrece unha identidade comunitaria. Grazas ó texto de Exeria podemos saber con moita precisión como eran no século IV os rituais característicos das celebracións cristiás.[37]

Moitas das primeiras cerimonias relixiosas permaneceron practicamente invariables o longo dos séculos, Exeria incluso compara as similitudes que teñen coas da súa terra de orixe manifestando a unidade de costumes en lugares afastados, aínda que con detalles característicos de cada zona. O texto expón unha documentación salientable da liturxia nas festas da epifanía, do bautismo, das celebracións diarias e dominicais, incluíndo himnos, lecturas e oracións.[38]

 
Castelao nomeou a Exeria na lista de inmortais galegos no seu discurso Alba de Gloria

Galicia editar

A redacción do manuscrito coincidiu no tempo con Prisciliano, Paulo Orosio, Hidacio de Chaves e outros escritores galaicorromanos de prestixio, este feito levou a considerar a época como “o primeiro espertar cultural de Galicia”.[39] Xunto cos Tratados de Prisciliano, o libro de Exeria constitúe un dos primeiros xermolos literarios que forman parte da historia do pensamento galego.[40][41]

A Xeración Nós sitúa os inicios do feito diferencial galego nos séculos IV-VI. Para salientar a Exeria como figura emblemática, Castelao incluíuna nos primeiros lugares da procesión da Santa Compaña de inmortais galegos no seu discurso Alba de Gloria: “Alí distinguimos a Eteria, a escritora pelengrina, con túnica de branco liño e camiñando con arfado compás”.[42][43]

A Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, quixo destacar o Itinerario de Exeria como o primeiro libro de viaxes escrito por unha galega. No proxecto "Aprende coas mulleres galegas" achegou unha serie de actividades para coñecer e afondar na vida de diferentes referentes intelectuais de Galicia. Entre elas, a obra de Exeria tivo dedicada unha unidade didáctica para a utilización nas escolas como recurso pedagóxico.[44][45]

O Consello da Cultura Galega rexistrou a transcendencia da obra de Exeria incorporándoa ó seu Álbum de Mulleres pertencente ó Álbum de Galicia, unha colección de biografías de persoas destacadas que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ó longo da Historia.[46]  

Tamén outras institucións, como o concello de Santiago de Compostela, relacionan a Exeria e a súa obra co feito diferencial da cultura galega. En decembro do 2020, o Pleno acordou designar co nome de Exeria unha nova praza a través dunha moción conxunta aprobada por unanimidade. Ademais de engadirlle o nome á toponimia urbana, nun lugar moi utilizado por persoas peregrinas e veciñanza da cidade, acordouse crear alí unha exposición permanente para remarcar a figura da escritora e a importancia da súa creación literaria na cultura galega. O 10 de novembro de 2022 inaugurouse unha escultura en homenaxe a Exeria no tramo final do Camiño francés,[47] na entrada á zona histórica de Compostela. A autora da obra é Sole Pite Sanjurjo, artista plástica compostelá, e foi fundida no obradoiro Arte Bronce, de Cuqui Piñeiro. [48][49]

 
A obra de Exeria anticipouse a futuros desenvolvementos de xéneros literarios

Literatura editar

Na enciclopedia dirixida por Menéndez PidalHistoria de España”, afírmase que Exeria debe poñerse con todo dereito á fronte das escritoras españolas. Sen ela ser consciente, co seu escrito inicia unhas formas narrativas que máis adiante terían seguidores.[50] A importancia literaria do Itinerario de Exeria pode contemplarse dende o aspecto de dous xéneros que florecen na súa obra:

  • Literatura periexética. Este xénero nacido no período helenístico describe un tránsito xeográfico recollendo información dos lugares que se atravesan. É un antecesor dos libros de viaxes nos que, como fai Exeria no seu Itinerario, fala das persoas que atopa, describe as emocións sentidas e o que vai coñecendo. A expresión humana dos sentimentos é a característica principal que o diferencia do periplo, no que simplemente se documentan as observacións funcionais que servirán para que outros viaxeiros fagan o mesmo percorrido.[51]
  • Literatura epistolar. A comunicación a través de epístolas ou misivas implica desentrañar significados que non están na escritura, que dependen da relación previa co lector descifrando o que se insinúa, cala ou ignora. No caso de Exeria, o xogo interpretativo aumenta porque non soamente hai que imaxinar as condicións da remitente, senón tamén as das destinatarias que están moi lonxe agardando noticias.[52] 

Outra peculiaridade do escrito de Exeria está nalgúns detalles de incipiente manexo da intriga, anticipando contidos que resolve máis adiante mantendo o interese por seguir o relato en sucesivas entregas. Curiosa, como ela mesma se define, a súa exposición cultiva a curiosidade compartida.[53]

Estrutura editar

O contido da obra divídese en dúas partes. Na primeira (capítulos I-XXIII) relata a viaxe en orde cronolóxica. Na segunda (capítulos XXIV-XLIX) describe os rituais de culto en Xerusalén, onde estivo vivindo como lugar base dende onde partiu para as diversas expedicións pola zona.[2]

 
Mosaico co mapa da zona de Terra Santa
 
Recreación das actividades cotiás en Xerusalén

Primeira parte editar

  • Val do Sinaí (I-II)
  • Ascenso ó Sinaí (III)
  • Choreb (IV)
  • Incendium (V)
  • De Pharan a Clesma (VI)
  • Cidade Arabia (VII)
  • Ramesse (VIII)
  • Epifanía en Arabia e regreso a Xerusalén (IX)
  • Val do Xordán (X-XI)
  • Monte Nebo (XII)
  • Ausitis (XIII)
  • Melquisedec (XIV)
  • Enon (XV))
  • Val de Corra, Carneas e regreso a Xerusalén (XVI)
  • Mesopotamia (XVII)
  • Río Éufrates (XVIII)
  • Edesa (XIX)
  • Harán (XX)
  • Antioquía (XXI)
  • Tarso (XXII)
  • Isauria e regreso a Constantinopla (XXIII)

Segunda parte editar

  • Xerusalén: Culto diario (XXIV-XXV)
  • Xerusalén: Servizos Dominicais (XXV)
  • Xerusalén: Epifanía (XXV-XXVI)
  • Xerusalén: Coresma (XXVII-XXIX)
  • Xerusalén: Semana Santa e Pascua (XXIX-XLII)
  • Xerusalén: Pentecoste (XLIII–XLIV)
  • Xerusalén: Bautismo (XLV–XLVII)
  • Xerusalén: Aniversario da Fundación das Igrexas (XLVIII–XLIX)

Notas editar

  1. Monteverde, Juan (1955). Itinerario. Buenos Aires: Maxtor. ISBN 9788497617888. 
  2. 2,0 2,1 Arce, Agustín (1974). Itinerario de la Virgen Egeria (381-384). Biblioteca Autores Cristianos. ISBN 978-84-7914-219-3. 
  3. Campos, Julio (1967). "Sobre un documento hispano del bajo imperio". Helmantica: Revista de filología clásica y hebrea 18 (55): 273–289. ISSN 0018-0114. 
  4. López Pereira, Xosé Eduardo (1991). Exeria. Viaxe a Terra Santa. Vigo: Xerais. ISBN 9788475075440. 
  5. 5,0 5,1 do Bierzo, Valerio. José Carlos Santos Paz, ed. "Carta de Valerio do Bierzo aos monxes de San Pedro onde fala do itinerario de Exeria" (PDF). CulturaGalega.gal. Consultado o 15/08/22. 
  6. 6,0 6,1 "bibliotheca Augustana". www.hs-augsburg.de. Consultado o 2022-08-16. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Pascual, Carlos (2017). Viaje de Egeria. El primer relato de una viajera hispana. Madrid: La línea del horizonte. ISBN 978-84-15958-63-5. 
  8. Alturo, Jesús (2005-12-01). "Deux nouveaux fragments de l'« Itinerarium Egeriae » du IXe-Xe siècle". Revue Bénédictine 115 (2): 241–250. ISSN 0035-0893. doi:10.1484/J.RB.5.100596. 
  9. "Galicia, un relato no mundo - Catálogo da exposición na Cidade da Cultura". issuu.com. Consultado o 2022-08-20. 
  10. "Compostela cumple el último deseo de Egeria, la primera escritora de la península". abc (en castelán). 2019-11-08. Consultado o 2022-08-20. 
  11. Galicia, un relato no mundo : Museo Centro Gaiás, Fundación Cidade da Cultura, Santiago de Compostela. Santiago de Compostela. 2019. ISBN 978-84-453-5331-8. OCLC 1158023640. 
  12. Cultura, Secretaría Xeral de. "Nova: O 'itinerario de Exeria' únese á 'Galicia, un relato no mundo'". www.cultura.gal. Consultado o 2022-08-27. 
  13. 13,0 13,1 Janeras, Sebastiá (1986). Pelegrinatge. Barcelona: Fundació Bernat Metge. ISBN 84-7225-325-2. 
  14. "Egeria: Itinerarium Pars Secunda". www.thelatinlibrary.com. Consultado o 2022-08-17. 
  15. "Egeria: Itinerarium Pars Prima". www.thelatinlibrary.com. Consultado o 2022-08-17. 
  16. Lafon, Mary (2018). Roma antigua y moderna. Wentworth Press. ISBN 9780341571322. 
  17. Esteve, Rafael (2002). Turismo y religión. Aproximación a la historia del turismo religioso. Universidad de Málaga. Servicio de publicaciones e intercambio científico. ISBN 9788474969153. 
  18. Bayet, Jean (1969). La religión romana. Historia política y psicológica. Ediciones Cristiandad. ISBN 9788470573637. 
  19. Martorell, José (1997). La voz del desierto : el legado espiritual de los eremitas cristianos. Madrid: Edaf. ISBN 978-84-414-0189-1. OCLC 36981368. 
  20. Janeras, Sebastiá (1986). Pelegrinatge. Barcelona: Fundació Bernat Metge. ISBN 84-7225-325-2. 
  21. Mercedes, Tormo Ortiz, (2014). Hitos para un itinerario: los nombres de lugar en la Peregrinatio Egeriae. Universidad de Sevilla. OCLC 1286602659. 
  22. Bravo Bosch, María José (2021). Mujeres en la Hispania romana : una mirada al patrimonio. Madrid: Dykinson. ISBN 9788413770826. 
  23. Vidal Collazo, Marisa (2022). Eu son Exeria. Vigo: Galaxia. ISBN 9788491518013. 
  24. López Pereira, José Eduardo (2003). Exeria e os primeiros peregrinos cristiáns. Museo das Peregrinacións, Santiago de Compostela (2003). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-3582-0. 
  25. "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2022-08-23. 
  26. Santos, José Carlos (2019). Exeria no Album de Galicia. Consello da Cultura Galega. 
  27. Bravo Bosch, María José (2020). Un Itinerario en femenino: Egeria. Ediciones Universidad de Valladolid. OCLC 1228052393. 
  28. Borragán, Nieves (2020). La mujer en la sociedad romana del Alto Imperio (1a. ed.). Trabe. ISBN 9788480531382. 
  29. González Gutiérrez, Patricia de los Ángeles (2021). Soror: mujeres en Roma (1ª ed.). Madrid: Desperta Ferro. ISBN 9788412221336. 
  30. Pascual, Carlos (2005-04-30). "Egeria, la Dama Peregrina". Arbor (en castelán) 180 (711/712): 451–464. ISSN 1988-303X. doi:10.3989/arbor.2005.i711/712.452. 
  31. Bravo Bosch, María José (2021). Mujeres en la Hispania romana. Madrid: Dyckinson. ISBN 9788413770826. 
  32. Lavaur, Luis (1974). El turismo en su historia. Barcelona: Editur. ISBN 978-84-400-7690-8. 
  33. Acerenza, Miguel Ángel (2006). Conceptualización, origen y evolución del turismo. México D.F.: Trillas. ISBN 968-24-7644-5. 
  34. "Egeria - Real Academia de la Historia". dbe.rah.es. Consultado o 2022-08-25. 
  35. Cid López, Rosa María (Mayo 2010). "Egeria, peregrina y aventurera. Relato de un viaje a Tierra Santa en el siglo IV". Arenal (Universidad de Granada) 17: 5–31. ISSN 1134-6396. 
  36. Castro Hernández, Pablo (2016). "La peregrinación de Egeria. Una aproximación a la geografía sagrada y los sucesos milagrosos en Tierra Santa". Historias del Orbis Terrarum 11: 23–52. ISSN 0718-7246. 
  37. Gozalbes Cravioto, Enrique (2003). Viajes y viajeros en el mundo antiguo. Cuenca: Ediciones de la Universidad de Castilla-La Mancha. ISBN 978-84-8427-281-6. 
  38. Basevi, Claudio (1985). "Vocabulario litúrgico del Itinerarium Egeriae". Helmántica 36 (109): 9–38. doi:10.36576/summa.3150. 
  39. "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2022-08-26. 
  40. Perez Prieto, Victorino (2010). Prisciliano na cultura galega. Un simbolo necesario. Vigo: Galaxia. ISBN 9788498652215. 
  41. Loureiro, Alba (2022). Exeria, precursora da cultura galega. Torrazza Piemonte. ISBN 9798353346562. 
  42. Castelao, Alfonso Daniel Rodríguez (1948). "Galego: "Alba de groria", nunha edición de 1951, do Centro Gallego de Buenos Aires. Argentina." (PDF). Consultado o 2022-08-26. 
  43. "Unha recreación en vídeo do discurso "Alba de gloria" de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao". Consello da Cultura Galega. Consultado o 2022-08-26. 
  44. "Aprende coas mulleres galegas". igualdade.xunta.gal. Consultado o 2022-08-26. 
  45. "Aprende coas mulleres galegas. Exeria" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19/09/2020. Consultado o 26/08/2022. 
  46. " Exeria - Álbum de mulleres - Álbum de Galicia - Consello da Cultura Galega". culturagalega.gal. Consultado o 2022-08-28. 
  47. "Escultura homenaje a Exeria · 15707 Santiago de Compostela, A Coruña, España". Escultura homenaje a Exeria · 15707 Santiago de Compostela, A Coruña, España (en castelán). Consultado o 2022-11-11. 
  48. "Una escultura en el remodelado cruce de Concheiros, en Santiago, recuerda a la primera peregrina, Exeria". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-11-11. Consultado o 2022-11-11. 
  49. Santiago, Concello de. "Exeria volve a facer camiño cunha escultura homenaxe á que foi a primeira peregrina hispana - Noticias. Concello de Santiago de Compostela". santiagodecompostela.gal (en inglés). Consultado o 2022-11-11. 
  50. "Egeria, escritora y viajera - Biblioteca Nacional de España". www.bne.es (en castelán). Consultado o 2022-08-26. 
  51. Almarcegui, Patricia (2019). Los mitos del viaje. Estética y cultura viajeras. Madrid: Fórcola. ISBN 9788417425432. 
  52. Reyes, Alfonso (2016). Literatura epistolar (Primera edición ed.). Madrid: Océano. ISBN 9786077351702. 
  53. Alonso Requejo, Saturnino (2017). Los viajes de Egeria del Bierzo a Costantinopla, Tierra Santa, Egipto y Mesopotamia (Primera edición ed.). León: Ediciones El Forastero. ISBN 978-84-946559-6-8. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar