A ira é a paixón anímica que conduce a un estado de indignación ou fastío do suxeito, ou ben un apetito ou desexo de vinganza, así como tamén unha arela de violencia contra os demais ou contra o propio individuo.

Anger or the Tussle ("Ira da pelexa"), de Dosso Dossi

Os efectos físicos derivados da ira son un aumento do ritmo cardíaco así como da presión sanguínea e mais dos niveis de adrenalina e noradrenalina. A psicoloxía moderna aconsella non gardar nin reprimir os enfados e desbotar a ira.

Psicoloxía e socioloxía editar

Os psicólogos recoñecen tres tipos diferentes de ira: O primeiro tipo, chamado "ira precipitada e repentina" (de Joseph Butler) está ligada ao impulso de auto-preservación. Está presente tanto en humanos coma en animais e ocorre cando se está atormentado ou preso. O segundo tipo chámase "ira resolta e intencionada" e é unha reacción ao dano premeditado ou ao tratamento inxusto. Estas dúas formas de ira son episódicas. O terceiro ten o nome de "disposicional" e está máis relacionado con trazos do carácter que con instintos ou coñecementos.[1]

A ira pode potenciar os recursos psicolóxicos, estimular a corrección de malas condutas, promover a inxustiza social e a comunicación de sentimentos negativos e aumentar a paciencia. Por outra parte, tamén pode ser destrutiva se non atopamos a forma apropiada de expresala, xa que unha persoa con ira probablemente perda a súa obxectividade, a súa empatía, a súa prudencia ou a súa consideración, podendo danar a outros.[2]

Perspectivas filosóficas editar

Antigüidade editar

Os antigos filósofos gregos describían e comentaban a ira descontrolada, pois na súa sociedade mostrábase unha actitude hostil cara a ela.

Galeno e Séneca consideraban a ira coma unha especie de loucura. Rexeitaban que os ataques de ira fosen espontáneos e incontrolables e estaban de acordo na posibilidade de controlala. Con todo, había discrepancias entre eles en canto ao valor da ira. Para Séneca, a ira era "inútil incluso para a guerra". El cría que o exército romano era capaz de vencer aos alemáns porque era moi disciplinado, a diferenza dos alemáns, que eran coñecidos pola súa furia. Sostiña que "nas competicións deportivas, é un erro enfadarse".[3]

Pola outra banda, Aristóteles asignáballe unha función á ira que xurdía dunha inxustiza, porque, segundo el, "axuda a previr inxustizas". Tamén afirmaba que "o contrario á ira é unha especie de insensibilidade".[3][4]

Os antigos filósofos raramente facían referencia á ira das mulleres. Segundo Simon Kemp e K.T. Strongman, isto ocorría porque as súas obras non eras destinadas ás mulleres. Aínda así, algúns destes filósofos si falaban deste tema, por exemplo Séneca, que dicía que as mulleres eran máis propensas a enfadarse que os homes.[3]

Métodos de control editar

Séneca explica como se pode controlar a ira. Segundo el, hai tres formas: como evitar enfadarse, como deixar de estar enfadado e como tratar con persoas que están enfadadas. Séneca suxeriu que para evitar enfadarse deberíase recordar as cousas que nos fan rabiar, intentar non estar moi ocupados e non tratar con persoas que provoquen enfado. Tamén dixo que a fame ou a sede pode causar ira e para evitala o mellor é escoitar música tranquilizadora. Para deixar de estar enfadado, cada un ten que comprobar a fala e os impulsos e ser consciente do que provoca irritación persoal. Tamén que ao tratar con outras persoas, non se debería ser demasiado curioso: ver e escoitar todo non sempre tranquiliza. Suxeriu ademais que cando parece que alguén intenta ofender, débese esperar e escoitar, pois non sempre é o que parece. Por último dixo que se debe intentar poñerse no lugar da outra persoa, entendendo os seus motivos e factores atenuantes, como, por exmplo, a idade. Aínda así, o que máis aconsella Séneca é a auto-crítica dun mal hábito. Para tratar con persoas que están enfadadas, recomenda manter a calma e utilizar un certo tipo de engano.[3]

Galeno repite algúns dos puntos ditos por Séneca, pero engade un novo: atopar unha boa guía ou un bo profesor pode axudar a controlar as paixóns, e tamén dá consellos para atopalos. Tanto Séneca coma Galeno (e outros filósofos anteriores) están de acordo en que o proceso do control da ira debe empezar na infancia, onde son máis moldeables. Séneca advirte que esta educación non debe ser tratada severamente, non debe desafiar o espírito dos nenos nin debe humillalos, pero ao mesmo tempo non poden ser mimados. Os nenos, segundo Séneca, deben aprender a non pegar aos seus compañeiros e a non enfadarse con eles. Tamén aconsella que non se deben satisfacer as peticións dos nenos cando están enfadados.[3]

Idade Media editar

 
Reichenthal Pfarrkirche - Kanzel 8

Os filósofos pertencentes ao período do Imperio Romano e da Idade Media elaboraron o actual concepto de ira, aínda que non engadiron demasiadas novidades. Por exemplo, moitos filósofos medievais, coma Avicena, Roger Bacon e Tomé de Aquino estaban de acordo cos filósofos antigos en que os animais non poden enfadarse. Por outra parte, Al-Ghazali argumentou que un dos tres poderes que albergan os animais no corazón é a ira, sendo os outros o apetito e o impulso. Tamén declarou que os animais están condicionados pola ira e polo apetito, a diferenza dos humanos, que están condicionados polo intelecto.[5]

Unha crenza medieval dicía que aquelas persoas propensas á ira tiñan un exceso de bile amarela ou cólera (de aí a palabra "colérico").[3] Esta crenza relacionouse cun dito de Séneca que aseguraba: "as persoas de cabelo e cara vermella teñen mal xenio por mor dun excesivo humor sarcástico".

Segundo o xénero editar

Na Idade Media a ira era considerada un pecado por mor dos problemas sociais que causaba, ás veces incluso o homicidio. Servía para ignorar aos que están presentes, contradicir aos que están ausentes e insultar e responder con dureza ás ofensas que se reciben[6]. Aristóteles cría que a ira ou a rabia era un estímulo natural da autodefensa en situacións nas que as persoas sentían que estaban equivocadas. Tomé de Aquino pensaba que a ira non era un pecado, que estaba xustificada, pois sen ira o ensino sería inútil, as sentenzas inestables e os crimes non se poderían comprobar. Polo tanto, estar enfadado non sempre é malo.[7]

O concepto de ira contribuíu á definición de xénero e poder. Moitos autores medievais do ano 1200 estaban de acordo nas diferenzas entre homes e mulleres en canto á constitución, forma e disposición. A constitución implica o equilibrio entre as catro calidades fundamentais: calor, frío, humidade e sequidade. Cando se combinaban varias destas calidades formábanse certos grupos de persoas, así coma os individuos. Hipócrates, Aristóteles e Galeno estaban a favor disto, e dicían que, en termos da bioloxía e da diferenciación sexual, a calor era a máis importante destas calidades porque determinaba a forma e a disposición. A disposición inclúe un equilibrio das catro calidades anteriores, os catro elementos e os catro humores. Por exemplo, o elemento "lume" coas calidades de calor e sequidade: o lume dominaba na bile amarela ou cólera, entón unha persoa colérica era máis quente e seca que outras. Os individuos quentes e secos son activos, dominantes e agresivos. Co elemento "auga" ocorría o contrario: a auga é fría e húmida e estaba estreitamente relacionada coa flegma. As persoas que adoitaban ter flegma eran máis pasivos e submisos. Aínda que había moitas combinacións diferentes, a maioría dos autores da Idade Media asociaban certas combinacións máis cos homes que coas mulleres, e viceversa.[8]

Nas mulleres editar

Os autores da Idade Media dicían que as mulleres eran máis propensas a ter flegma (ser frías e húmidas) que os homes, é dicir, que as mulleres eran máis sedentarias e pasivas que os homes. O carácter pasivo das mulleres parecía "natural" debido ao seu escaso poder comparado co que tiñan os homes. Aristóteles recompilou algúns trazos que, segundo el, todas as mulleres compartían: femias, femininas, pasivas, enfocadas na materia, inactivas e inferiores. Así, as mulleres da Idade Media debían actuar de forma submisa e cederlle o control aos seus maridos.[8] Con todo, Hildegard von Bingen cría que as mulleres estaban completamente capacitadas para sentir ira. Aínda que a maioría das mulleres eran pasivas e submisas, en determinadas circunstancias tamén podían ser coléricas.

Nos homes editar

Os estudosos medievais pensaban que a maioría dos homes eran coléricos, por iso eran dominantes e agresivos. Aristóteles tamén recompilou algúns trazos característicos dos homes: machos, masculinos, activos, enfocados na forma, potentes, excelentes e superiores. Os homes eran conscientes do poder que sostiñan. Dada a súa "natureza" colérica os homes tiñan un temperamento quente e enfadábanse con rapidez. Isto non quere dicir que os homes estiveran todo o día enfadados, simplemente que era fácil que se enfadaran.[8]

As ideas medievais sobre o xénero asumían que os homes eran máis racionais que as mulleres. A masculinidade implicaba unha alta gama de comportamentos posibles, aínda que cada home tiña un humor distinto: algúns eran fortes, outros febles, e algúns eran máis propensos á ira ca outros.[8]

Métodos de control editar

Maimónides consideraba que ser dado a paixóns incontrolables era unha especie de enfermidade. Ao igual que Galeno, suxeriu buscar un filósofo para curar esta "enfermidade", así coma quen busca un médico para curar doenzas do corpo.

Moitos escritores medievais discutían os males da ira e as virtudes do temperamento. Avicena, no seu libro "O Canon da Medicina", modificou a teoría do temperamento e argumentou que a ira anunciaba a transición da melancolía á manía, e explicou que a humidade dentro da cabeza pode contribuír a tales trastornos do humor.

Por outra banda, Abu-Zayd al-Balkhí clasificaba a ira (xunto coa agresión) como un tipo de neurose,[9] mentres que Al-Ghazali dicía que a ira tomaba forma de furia, indignación e vinganza, e que "os poderes da alma son equilibrados se se mantén á ira baixo control".[10]

Modernidade editar

A comprensión da ira na actualidade non é moi avanzada con respecto á de Aristóteles.[3] Inmanuel Kant rexeitaba que a vinganza fose un vicio, mentres que David Hume dicía que "a ira e o odio son paixóns inherentes á nosa estrutura e constitución, e que a falta delas, sería evidente a debilidade e a imbecilidade."[1]

En canto ao entendemento da ira, hai dúas diferenzas principais entre a Idade Media e a actualidade: unha é que os filósofos antigos non se preocupaban polos posibles efectos nocivos que podía ter a supresión da ira, a outra é que os estudos recentes levan a cuestionar a teoría de que se é máis propenso á ira dependendo do sexo que se sexa.

O psicólogo estadounidense Albert Ellis suxeriu que a ira, a rabia e a furia teñen raíces nos significados filosóficos e na suposta interpretación da transgresión que teñen os humanos.[11] Segundo Ellis, estas emocións están asociadas coa inclinación que teñen os humanos cara ao absolutismo ligado á depreciación e á condenación doutras persoas, cando as normas e os dominios desas persoas sexan transgredidos.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Paul M. Hughes, Anger, Encyclopedia of Ethics, Vol I, Second Edition, Rutledge Press
  2. Raymond W. Novaco, Anger, Encyclopedia of Psychology, Oxford University Press, 2000
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Simon Kemp, K.T. Strongman, Anger theory and management: A historical analysis, The American Journal of Psychology, Vol. 108, No. 3. (Autumn, 1995), pp. 397–417
  4. According to Aristotle: "The person who is angry at the right things and toward the right people, and also in the right way, at the right time and for the right length of time is morally praiseworthy." cf. Paul M. Hughes, Anger, Encyclopedia of Ethics, Vol I, Second Edition, Rutledge Press
  5. "Psychology from Islamic Perspective: Contributions of Early Muslim Scholars and Challenges to Contemporary Muslim Psychologists". Journal of Religion and Health 43 (4): 357–377 [367].
  6. In the Garden of Evil: Vices and Culture in the Middle Ages. Richard Newhauser. PIMS, 200
  7. St. Thomas Aquinas Blackfriars; McGraw-Hill, N. Y. K. 1963, Question 158
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 In the Garden of Evil: Vices and Culture in the Middle Ages. Richard Newhauser. PIMS, 2005
  9. Haque, Amber (2004). "Psychology from Islamic Perspective: Contributions of Early Muslim Scholars and Challenges to Contemporary Muslim Psychologists". Journal of Religion and Health 43 (4): 357–377 [362].
  10. Haque, Amber (2004). "Psychology from Islamic Perspective: Contributions of Early Muslim Scholars and Challenges to Contemporary Muslim Psychologists". Journal of Religion and Health 43 (4): 357–377 [366–8].
  11. Ellis, Albert (2001). Overcoming Destructive Beliefs, Feelings, and Behaviors: New Directions for Rational Emotive Behavior Therapy. Prometheus Books.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar