En economía, unha importación é calquera ben ou servizo recibido desde outro país, provincia, pobo ou outra parte do mundo, xeralmente para o seu intercambio, venda ou incrementar os servizos locais. Os produtos ou servizos de importación son fornecidos a consumidores locais por produtores estranxeiros.

A importación é o transporte lexítimo de bens e servizos nacionais exportados por un país pretendidos para o seu uso ou consumo no interior doutro país. As importacións poden ser calquera produto ou servizo recibido dentro da fronteira dun Estado con propósitos comerciais. As importacións son xeralmente levadas a cabo baixo condicións específicas.

As importacións permiten aos cidadáns adquirir produtos que no seu país non se producen, ou máis baratos ou de maior calidade. Ao realizarse importacións de produtos máis económicos, automaticamente estase librando diñeiro para que os cidadáns aforren, invistan ou gasten en novos produtos, aumentando a riqueza da poboación.

Existen tres formas de financiar as importacións:

  1. Cun saldo comercial favorable; é dicir, exportando máis do que se importa.
  2. Con ingreso de capitais ao país (turismo, investimento estranxeiro etc.).
  3. Con endebedamento público.

Se un país importa sen recorrer ao endebedamento nin a un tipo de cambio fixo, a economía non se ve afectada, cousa que si ocorre cando o Estado intervén tomando débeda ou fixando tipos de cambio que non reflicten as preferencias dos cidadáns.

É un concepto reflexo do de exportación.