As Illas Carolinas (en inglés Caroline Islands) son un arquipélago da Micronesia, ao oeste do océano Pacífico. Teñen unha extensión de 1.194 km² e 126.000 habitantes. Está formado por case un milleiro de atois e illas, algunhas de orixe volcánica, ao norte do ecuador.

Posta de sol en Colonia, Yap

As principais illas son Pohnpei, a máis extensa e elevada, Truk, Kosrae, Yap e Palau. As catro primeiras, as máis orientais, formaron os Estados Federados de Micronesia, en tanto que Palau, a máis occidental, constituíse en república.

As illas gozan de clima ecuatorial e existen explotacións de cocoteiros, mandioca e cana de azucre. Tamén existen xacementos de bauxita ou fosfatos.

Historia editar

As illas Carolinas foron descubertas o 22 de agosto de 1526 polo explorador español Toribio Alonso de Salazar, avistando a illa de San Bartolomeu ou Taongui. O 1 de xaneiro de 1528 o descubridor Alonso de Saavedra tomou posesión en nome do rei de España das illas de Uluti, sendo visitado o arquipélago en 1542 (Illas Matelotes), 1543, 1545 e por Legazpi en 1565.

Co nome de Illas das Irmás, Homes Pintados e Os Xardíns eran coñecidas aínda que se perdeu as noticias delas ata que Francisco de Lezcano en 1686 chegou a Yap e chamoulles Carolinas en honra do rei de España Carlos II, facendo extensible o nome ás Palau, Marshall e Gilbert.

En 1787 cesaron as relacións coas Carolinas, aínda que despois renováronse adquirindo carácter comercial e con frecuentes altercados con ingleses e alemáns no século XIX. Un dos episodios máis graves produciuse en agosto de 1885, cando Alemaña provocou un conflito internacional ao esixir dereitos de soberanía nas Illas Carolinas, establecendo un posto na illa de Iac. A mediación do Papa León XIII resolveu o conflito, recoñecendo a soberanía española das illas.

Tras a derrota de España na guerra contra os Estados Unidos na que se perdeu a illa de Guam nas Marianas, o 12 de febreiro de 1899 o resto das Marianas, as Carolinas e Palau foron vendidas a Alemaña por 25 millóns de pesetas.

O Xapón ocupou as illas en 1914, recibindo en 1920 un mandato da Liga de Nacións sobre as illas. No transcurso da segunda guerra mundial, o arquipélago foi conquistado por tropas estadounidenses. Ao finalizar a guerra, quedou baixo o control das Nacións Unidas e, de 1947 a 1986, foi administrado polos Estsfos Unidos, data na que os Estados Federados de Micronesia se proclamaron independentes. A república de Palau decidiu non unirse á federación micronesia e independizarse, o que levou a cabo en 1994.

 
Mapa de Micronesia que reflicte as Illas Carolinas