Coordenadas: 37°58′00″N 12°12′00″L / 37.966666666667, 12.2

As illas Égadi (en italiano isole Egadi) son un arquipélago formado por tres illas principais e dúas menores, dispostas a cerca de 7 km da costa occidental de Sicilia, entre Marsala e Trapani. Administrativamente costitúen o concello (comune) de Favignana, na provincia de Trapani.

Localización do arquipélago

Correspóndense coa Aegates insulae dos romanos.

Xeografía editar

Desde o punto de vista xeolóxico as illas Égadi están estreitamente vencelladas con Sicilia. O arquipélago, cunha área de 37,45 km², está formado polas illas de Favignana, Marettimo, Levanzo e outras dúas menores, apenas pouco máis que cons, denominadas Formica e Maraone.

Clima editar

O clima é moi suave nos meses invernais e hai longos veráns cálidos e soleados. A temperatura mínima invernal media, nos meses de xaneiro e febreiro, é de 5 graos, mentres a máxima de xullo-agosto é de 45 graos. As precipitacións son moi escasas.

 
Vista do Monte Erice en Favignana desde Trapani

Historia editar

Hai restos de antiquísimos asentamentos humanos, principalmente en Levanzo, e en menor medida en Favignana. Suponse que a causa débese á última glaciación, que creou un paso natural entre África e Sicilia.

No ano 241 a.C. os romanos conquistaron as illas despois da batalla naval final da Primeira Guerra Púnica, na cal Gaio Lutacio Catulo desbaratou a frota cartaxinesa. Logo do afundimento do imperio romano as illas caeron en mans dos vándalos e dos godos e, posteriormente, nas dos sarracenos.

En 1081 foron ocupadas e fortificadas polos Normandos. Seguiron despois o destino de Sicilia até o século XVI, cando se tornaron propiedade dos Pallavicini-Rusconi de Xénova e máis tarde, en 1874, dos Florio, que potenciaron Favignana.

Gastronomía editar

As comidas características das Égadi comprenden pratos a base de cuscús, e especialidades ligadas á pesca, como o atún marinado, o peixe espada á grella e o lattume de atún fritido. En conserva preséntanse o atún ao aceite de oliveira, tonno all'olio d'oliva, a bottarga (sorte de caviar) e o atún en salmoira.